26.1.09

Ar gelted kozh

No primeiro Festival da Música Celta de Ortigueira, unha celebración aínda pequeneira, case familiar, -debeu ser isto contra o ano 80-, lembro un perdulario da Coruña, ben coñecido por min da efervescente movida compostelá, que se adicaba a vender paquetes de Celtas a todo canto estranxeiro vía, asegurando que eran os cigarrillos nacionais de Galicia.
As tonterías e esaxeracións que se teñen escrito sobre o celtismo de Galicia son perfectamente comparables ao disparate do timador herculino e a súa apócrifa mercadoría. Con todo, debo recoñecer que durante algúns anos da mocidade, secundado por amigos que compartían a miña teima, sucumbín ao engado brumoso e septentrional dunha cultura indefinida e máis debedora de concomitancias atlánticas -físicas e ata certo punto folclóricas e de elaboración popular- ca de constatacións arqueohistóricas evidentes. Deste xeito, a celtización de Galicia parecíame perfectamente establecida nos estudos sobre o Neolítico de Bouza Brey ou Cuevillas, malia a prudencia destes autores fronte a esaxeracións precedentes, e alí onde eles dicían Oestrymnios eu lía celtas, onde Saefes eu vía celtas, onde Zoelae ou Supertamarici eu interpretaba celtas. Estrabón, Polibio, Avieno ou Plinio falaban, ao meu modo de ver, de gentillitates célticas, e, nunha sorte de leito de Procusto, acomodaba eu toda canta literatura ao respecto caía nas miñas mans á miña querencia céltica. Algúns factores máis acudían, aínda, en abono do meu celtismo militante: a pegada contemporánea de todo o celta no país era signo indiscutible da asunción popular dun sentimento de pertenza moi fondo; contábamos con editorial Celta, Empresa de Transportes Celta, e, en moitas vilas do país, Zapataría Celta, Drogaría Celta, Libraría, Creacións Celta, Novidades Celta... E se Glasgow fachendeaba do seu Celtic, que dicir do noso prezado team olívico? Por outra banda, eu mesmo, véndome roxo-loiro e nórdico, e membro dunha familia onde esta marca física resultaba preeminente, coqueteaba coa idea dunha ascendencia claramente gaélica. Así, sentíame partícipe dunha cultura atlántica, espiral e bretemosa que nada tiña que ver co elemento mediterráneo, cuadriculado e achicharrado de sol do mundo latino. Botaba o día escoitando a Alan Stivell, os Chieftains, The Pentangle e por aí. En consoancia con tal cosmovisión, fixen moitas parvadas. Subía, acompañado dalgúns elementos afectos á miña prédica, a certo castro próximo á vila e alí, especialmente en noites de lúa chea, tocabamos a gaita (literalmente, non me entendan mal), ofrecendo o noso rito musical a difusos deuses celtas dos que non tiñamos dúbida pois, entre outras machadas, deran nome á cidade de Lugo. Debo dicir que tales transportes eran precedidos, claro, pola inhalación de fumes psicotrópicos indispensables para unha mise en scéne tan abigarrada. Como para que nos pillara a Benemérita! Co paso dos anos, fun abandonando as miñas vaidades célticas e abrazando, en ás do mesmo fume psicotrópico, outros fanatismos.
Con todo, cando escoito unha gaita de noite aínda me ronda o demo meridiano. Esas cousas que quedan para sempre...

25.1.09

AEMILIUS P. TAURUCULUS IMP. GALLAECIAE

Estará pensando liquidar o duunvirato para restaurar as vellas glorias imperiais? Fíxense que o duunviro Anxo aparece na parte inferior claramente subxugado ao Divus Maximus.
Uuuuuy! Algo cheira a podre neste reino! E máis que cheirará!

23.1.09

Sending out an S.O.S!

En Astérix en Bretaña —un clásico do humor gráfico do século XX—, o bretón Buentórax utiliza unha expresión que sublima a súa natureza máis pristinamente británica: buscar unha agulla nun palleiro cheo de agullas. Alguén acaba de agregarme a Facebook. Entro na aplicación e, de momento, estou coma un polbo nun garaxe, exactamente como Buentórax, buscando unha agulla nun palleiro cheo de agullas: eventos, fotos, videos, buscar un amigo, muro, muro a muro, publicar, denunciar… ¿¡?¡!??? Todavía nin sei para que serve a aplicación, aínda que, grosso modo, entendo que a súa orientación é a dunha mega-rede social, non? Teño a mesma sensación de quen vai buscando un bolso e entra nunha tenda na que hai cincocentos bolsos. Pero, ollo, a tenda de bolsos é sospeitosamente semellante a outra calquera, de xeito que, máis ou menos, sabe un por onde debe andar o bolso que, en relación á calidade-prezo, máis lle acomoda. Quero dicir que a hipertecnoloxía informática que nos arrodea, multifacética, si, nas súas posibilidades, aplicacións, públicos e funcionalidades, acadou, sen embargo, un nivel de estandarización na interfaz externa que é, en boa lóxica, unha das claves da súa imparable e crecente expansión: sign up-registro, inicio, perfil-profile, edit, publicar, configuración, diseño, guardar, cerrar sesión… cantas veces o teremos feito, sempre o mesmo!: gmail, technorati, creative commons, terra, blogger, ares, e-mule, youtube, bookcrossing…
De por parte, sinto ás veces que non dou para máis: entre o lío de nomes de usuario e contrasinais, cinco contas de correo, un blog, docencia virtual, UNED, másters, webs e foros profesionais, estoume convertendo nunha cabeza orientada sistematicamente a un monitor con dous dedos permanentemente pegados a un teclado (suspiro). Un apuntamento emocional: síntome como pouca manteiga untada sobre demasiado pan.
En fin, de mollados ao río: que puñetas é isto de Facebook? Paga a pena meterse noutra verbena informática? Non me chega co blog? S.O.S.!!! Help!!! Aiuto!!!

21.1.09

Humilitatis laus

Hai libros que impactan e outros que deixan indeferente. De entre os primeiros, os hai que impresionan pola súa grandeza e proxección universal. Cantas veces, en ocasión de revisar as traducións destinadas á nosa colección de Clásicos do Pensamento Universal, non terei admirado a monumentalidade intelectual da obra de Platón, Maquiavelo, Newton ou Darwin, xurdios alicerces do saber e a ciencia actuais! Pero, como nada humano me resulta alleo, admiro tamén aqueles libros que emocionan pola súa tépeda insignificancia, pola súa honestidade fogareña, libros inspirados nos máis nobres pulos que poden alentar a obra humana: o desexo de coñecer e de dar a coñecer, pero non agardando compensar os esforzos da súa redacción con honras e ouropeis senón coa conciencia clara dunha existencia anónima e case catacumbática.
En 1923, un paisano meu, ­exalcalde agrarista­, adoecido de amor polo terruño que o viu nacer, deu ás prensas compostelás da nunca ben ponderada "Tipografía de El Eco Franciscano" o orixinal dunha dignísima obra, pioneira no seu xénero, se por tal imos entender un traballo monograficamente consagrado non a unha gran urbe senón a unha vila modesta, cabeza dun concello por completo rural: La Estrada, por Pedro Varela Castro. No limiar o autor recoñece: sin pretensiones ridículas y sólo con el afán de aportar un grano de arena a la obra histórica, geográfica y estadística que en los tiempos modernos es de necesidad en todo pueblo, por modesto que éste sea, recogí cuantos datos pude, hasta obtener un conjunto tan heterogéneo que resulta difícil bautizarlo acertadamente. "La Estrada" le llamaremos aunque no sea con la propiedad deseable.
Unha requintada prosa de pendolista, non exenta de veleidades literarias, a inxenua modestia do autor e o seu honrado e simpático diletantismo incorporan este libro aos meus favoritos. Metido a filólogo etimoloxista, as hipoteses que ofrece dalgúns topónimos menores do país téñennos proporcionado a min e mais a un prezado coleguilla que talvez me estea lendo moitas horas de lecer e agrado, pero non un lecer malévolo nin moito menos cruel, senón entrañable e respectuoso co seu desinteresado labor. Algunhas pérolas.
De Amarelle, aldeíña da fermosa freguesía de Arca, ribeireña do Umia , aventura:
Cuéntase que el fundador de Amarelle procedía, como es natural, de otro punto y que después de la fundación tuvo pérdidas sensibles de familiares y ganados; desesperado, retornó al lugar de su procedencia, en donde empezaron a a consolarle, convenciéndole de que debía volver a Amarelle y lo acompañaron; al llegar, viendo que tenía las cosechas lozanas, le dijeron: hai que amalo por bonito e productivo; y el fundador contestó: Amareino si no me ocurren máis desgracias en el. De Amareino vino Amareille y de Amareille Amarelle.
De Nodar, na mesma parroquia de Arca, di: llegaron al lugar unos extranjeros pidiendo posada; los habitantes no los entendían ni aquéllos a éstos y por consiguiente la petición no era entendida; por fin uno de los forasteros dijo: aquí no dar, y de ahí el nombre que lleva el lugar.
Do lugar de Adoufe, en San Miguel de Castro, supón que allí hubo un escribano que "dou fe".
Os imaxinativos excesos toponímicos de don Pedro á parte, gústame crer que a revista de historia e cultura local que coordino na Estrada recolle, na era da perfección e a aséptica hiperteconoloxía, o testemuño dunha semente -­humilde pero sublime-­ botada á terra cando o mundo era en branco e negro e cheiraba a roupa vella e tinta china.

Hope

Alguén con moita graza contoume que, cando chegou ao Celta o primeiro xogador negro —non son quen de dar o nome—, os hinchas máis castizos do equipo, de domingo, puro e grada de Río, facían sistematicamente o mesmo comentario ao comezo do match:
-Bueno, a ver que fai hoxe o nejro.
Xa saben, ese racismo de aldea… Vendo a tele onte, lembrei a anécdota. Guantánamo, franxa de Gaza, Iraq, crac financeiro… A ver que fai. É o amo do cortijo.

20.1.09

Attached .jpg? Mmmmmm...

Por veces teño a sensación de que o meu portátil -dende onde, como os heresiarcas medievais, envío cartas aos meus acólitos- é unha illa pequena, moi pequena, e perdida, moi perdida nun insondable océano de auga mesta e turbulenta a onde chegan mensaxes que alguén mete nunha botella dende outro mundo, dende unha dimensión descoñecida. Cada vez que o encendo, o pequeno monitor convértese nunha fiestra máxica pola que pode entrar calquera cousa: citas ou incitacións, estímulos ou provocacións, ledicia ou carraxe, auga ou pedra, negro ou branco, líquidos, sólidos e aerosois.
A última hora do día reviso o mail. Nunha das contas, a piques de botar ao lixo todo o spam, reparo nun adxunto: ludmila.jpg. Ben sei que será difícil xustificar por que sinto o desexo de abrir o arquivo sen que o lector pense o que parece evidente. Aló vostede. O caso é que o abro. Unha real moza de amplo sorriso, sentada nunha cama cun peluche ao lado, mírame dende o monitor. E penso nunha illa pequena, moi pequena, e perdida moi perdida nun insondable océano de auga mesta e turbulenta. O mail que acompaña a foto di:
Hola. A mi queria conocera mucho. Utilizaba nunca el Internet para la comunicacion. Pero he decidido probar este modo. Mucho me incomodo fuerte, pero le he escrito con todo. Me llamo Ludmila. Pienso que debo enviarle la fotografia que podriais verme. Bien? Espero que le gustara mi fotografia, y recibire su respuesta. Quiero conocerle. Probablemente seremos amigos? Espero. Espero realmente en aquello que seremos amigos, conoceremos uno a otro, y cambiar las fotografias. Ahora utilizo estimare los trabajos, y por eso le pido escribir a mi direccion personal: xxxxx. Esperare su respuesta con la impaciencia. Bien?
Con la esperanza Ludmila.

La ostia. Non se estrañen se, dentro duns meses, aparece neste caderno un post titulado Ludmila (con foto, claro) redactado en Praga.

18.1.09

Sentidiño

Como reacción ao pensamento único e a presión abafante do politicamente correcto, teño a sospeita de que, nun país onde os opinadores menudean coma as noces nunha nogueira (e para mostra este botón), os de maior éxito e influencia son os que se limitan a falar por boca do sentido común, concepto que na nosa lingua galega acariñamos co especial amor que merecen os diminutivos afectivos: sentidiño. Ben coñezo que, contra este argumento, pode argüírse que a propia noción de sentido común é relativa, subxectiva e por demais afiliada á propia imago mundi de segundo quen. Eu manteño, porén, que ao sentido común pásalle como á sílaba en Lingüística: é moi difícil de definir pero todo o mundo a recoñece, e mesmo un cativiño silabea unha palabra con toda facilidade. Detrás de cada un dos grandes, nobres e perennes logros da humanidade, todo ao longo da historia, andivo sempre o sentido común, revestido as máis das veces de apelativo á elemental necesidade: a roda, o libro, a democracia ou o teléfono son o resultado final de evolucións rexidas polo sentido común. Precisamente por iso, o sentido común resíntese, vive acurralado, é vítima diaria dos maiores atropelos cando, como ocorre nos tempos que andamos, as cousas non se formulan en termos de por que senón en termos de por que non. O día chegará en que un gicho vaia ao xulgado solicitando matrimonio civil cunha galiña e o xuíz, ante o risco de saír nos papeis por ter conculcado ignotos e imprevisibles dereitos, conceda no casorio.
Fronte ao aluvión dun discurso inspirado no que asesores de toda laia cren que toca dicir, pasa por veces que o especialista, inspirado polo rigor dos datos e os coñecementos técnicos, non pode seguir sufrindo que se digan tantas memeces e, movido polo resorte do sentido común, salta á palestra pública. Bo é. Un amigo fíxoo recentemente en dúas ocasións (unha e dúas), respecto do consumo de auga, e agasalloume coas súas reflexións que eu quero hoxe compartir cos asiduos desta bitácora. Este amigo incítame a fundar o PSC (Partido do Sentido Común). Haberá que pensalo.

16.1.09

Verbodiarrea oro-mental

Cóntame un bo amigo da universidade que, peinando a rede en busca de información para unha conferencia que vai impartir, deu cun artigo pretendidamente científico, sobre a identidade do cal e o seu autor correremos un piadoso veo de silencio. O tal especime formula na introdución preguntas como as que seguen: ¿Acaso desde el sentido del intercambio orgánico de energía entre manifestaciones conscientes del ser sea posible la propuesta de un enfoque regional para la alternatividad al desarrollo desde teorías de complejidad? ¿Por qué repensar fractal, hologramática y omnijetivamente los conceptos de lo social entendido como campo relacional entre manifestaciones conscientes del ser en proceso de totalización en torno a la formulación de un nuevo interrogante?
O meu perspicaz informante, coñecedor do meu indisimulado aprezo por este xénero de majaderías, opina, na súa afectuosa mensaxe, que el escrito en cuestión dará para que puedas incluir algún parrafito en tu blog para decir que las ideas complejas no tienen porqué ser ininteligibles. Non resisto a tentación de copiar aquí o meu mail de resposta, dando, ademais, satisfacción á agarimosa suxestión do meu amigo de dar noticia do asunto nestas páxinas.

Querido J.:
He repensado fractal, hologramática y omnijetivamente el artículo que me haces llegar -totalizador y submoderno en sus planteamientos minimalísticamente subjetivos- y he hallado que la relación entre el campo relacional de la metrópoli subyacente, comprendida entre los extremos heurísticos de una hermenéutica necesaria, y la universidad, a su vez repensada como propuesta derivada de una valoración regional del ser en proceso, resulta fundamentalmente permeable a los criterios de un sujeccionismo teórico, que, si se manifiesta evidente en sus rasgos telúricos esenciales, no lo es tanto cuando observado desde la formulacionabilidad imprecisa de los enfoques tántricos. Pero, ojo, la evaluación actitudinal y la jerarquibilización de los mecanismos actuantes en la reformabilidad urbanística, que resultan accesibles desde presupuestos de un marginalizacionismo expectante, pueden tener imprevisibles consecuencias en una nocionalidad aproximativa y retroalimentada por una alternatividad dirigida desde el desarrollo de teorías de la complejidad.

Manteño que a diferenza entre unha universidade e un zoolóxico é que, neste, as feras están enxauladas. A conclusión, benévolo lector, vén acompañada dun consello (ao que acompaño os meus mellores desexos para a finde): pense Vde. de forma complexa e fale de forma simple, pois é signo inequívoco do idiota facer exactamente o contrario.

Condenación da errata

Di Manuel Pimentel que non hai nada que anoxe máis ao editor de raza que a errata que pasou inadvertida. Cantiña razón ten! Alí estivo a cabrona, semanas, diante das narices do autor do libro, do maquetista, do coordinador editorial, do director da colección e do impresor, paseando a súa fealdade e presumindo da súa perfecta camuflaxe sen que ninguén reparase nela. E velaí que o día en que a tiraxe chega ás dependencias do editor, este abre o primeiro dos 1000 volumes que abeiran as caixas e pousa a vista antes que en calquera outra cousa na pifia, tremenda, rampante, ostentosa­, que, ademais, foi a parar ao titular do primeiro capítulo. O editor dáse ao demo e á puta de Babilonia, convoca as potencias infernais, xura en arameo, maldí de todo, cágase en todo o cagable, bota tacos, venablos e ristras sen pausa nin consolo…E, para remate, a lei de Murphy: o erro non está na liña de cabeceira da páxina, nin no índice, ­lugares onde podería pasar máis desapercibida­, non: está no titular, a corpo doce e en grosa. Non está tampouco no capítulo 4 ou 6, onde, talvez, puidera disimularse mellor, non: está no primeiro capítulo, alí onde é inevitable mirar, para maior oprobio do editor que a consentiu, estimulando a xeral dúbida e escrúpulo sobre a súa atención e esmero.
As erratas: eternas compañeiras do editor, como os carrachos dos cans. A miña deformación profesional e odio africano ás erratas chegou a punto tal que se, por un acaso, estou deitado lendo e detecto unha nun libro, ademais de mascullar en baixa voz unhas palabras de conforto en memoria do pobre editor vítima da patada, teño que erguerme a buscar un boli vermello e marcala, consignando na marxe -coa delectación enferma do Destripador- a emenda correspondente. Ben sei que o recurso é por demais improdutivo. Pero, tal que en tantísimas cousas superfluas, se atopa un negro alivio, o regusto, amargo e masoquista, da venganza inútil...

13.1.09

Reivindicación do kitsch

A evolución tecnolóxica, que, dende o vaso campaniforme ata o blu-ray, non coñece solución de continuidade, tivo por veces efectos devastadores sobre a humanidade coetánea. A invención da imprenta de tipos móbiles, se supuxo no seu momento un avance tecnolóxico definitivo, non foi máis ca o resultado da evolución de tecnoloxías anteriores e, ademais -e o que é máis importante- era de seu unha tecnoloxía, nada máis ca unha aséptica e neutra técnica. Pero, claro, unha cousa é a tecnoloxía e outras as súas consecuencias, unha cousa é a fisión atómica e outra Little Boy. O invento de Gutenberg socavou os alicerces de Occidente e nada foi dende entón igual na historia do mundo. Despois de Hiroshima tampouco.
Con todo, na historia das repercusións sociais das tecnoloxías hai, coma no fútbol, moitas categorías: da primeira á liga de modestos (hoxe chámase, creo, terceira autonómica). Eu, que sinto un agarimo especial polas cousas ínfimas e das que ninguén semella percatarse, quixera referirme hoxe a unha destas repercusións, que milita na liga de modestos. Trátase das consecuencias inevitables que sobre certos iconos visuais moi habituais e mesmo familiares tivo a definitiva imposición dos estreitísimos monitores TFT para as televisións.
Durante moito tempo, o protagonismo que a televisión tiña no mobiliario doméstico conducía á colocación de diversos ornatos na súa parte superior, que non facían senón sancionar o recoñecemento colectivo da absoluta preeminencia do electrodoméstico sobre todos os seus conxéneres da casa: de andaluzas en faralaes cunha ventosa adhesiva por baixo a tapetes sintéticos ou de ganchillo, a imaxinación popular desenvolveu un amplo abano de posibilidades ornamentais que, dende a súa xénese abertamente hortera, chegaron a refinar o senso máis prístino do adxectivo kitsch. Persoalmente, boto en falta con infinita melancolía as opcións cinexético-taxidérmicas, tan nosas: ginetas e raposos disecados, principalmente, pero tamén águias, lagarteiros, curuxas… que, nos variopintos establecementos rururbanos do país, recibían ao visitante, cos seus ollos cristalinos, dende o seu maxestuoso cómaro enriba da tele, onde, coas botellas de jerés quina, Soberano e Calisay das estanterías, ían acumulando nobreza e roña co paso dos anos.
O ornato familiar da tele chegou a callar moi fondo na imaxinaría patria. A un punto que había no meu pueblo, borrachón de mal viño e gallito de pelexa, o porteiro da discoteca, única que entón había, negoulle unha noite a entrada á boîte, porque o tipo levaba moita borrasca encima (sic). Podía ser que o elemento reaccionara, como era nel habitual, con violencia, ostias e improperios de toda caste. Pero, cousa curiosa, daquela reaxiu coa maior serenidade e retranca, e dirixíndose ao porteiro, que era de talla en extremo exigua, espetoulle:
-Ti se non cajaras nin mexaras eras bo para poñer encima do televisor.

12.1.09

Suzanne


Por que me gustará tanto? Será a infinita plasticidade dos clásicos? Serán os anos?

9.1.09

De gálica nación

Un disco que teño da premiére dame Carla Bruni non concita excesiva unanimidade. Para uns, a señora de Sarkozy é unha cursi rematada que non sabe cantar e disimula con ridículos susurros e gorgoritos unha obvia incapacidade vocal. Pola miña parte, aprezo nela a mesma sensualidade explícita e consciente que transmitían as súas compatriotas devanceiras na arte feminina da chanson, nomeadamente Françoise Hardy —de quen de rapaz estiven platónica pero perdidamente enamorado (miren a foto e comprenderán por que)— e Catherine Ribeiro, e seguen transmitindo as actuais, como Pauline Croze (mesmo, con hijuelas españolas como Christina Rosenvinge). Penso, en efecto, que as cantautoras francesas delimitan un xénero característico, que xogou, como un dos seus elementos fundamentais de transacción comercial, coa sensualidade cando non cun velado erotismo, un erotismo obviamente relacionado co atractivo das artistas e a tépeda caricia da súa voz, pero nomeadamente incrementado polo especial efecto sonoro que produce o idioma francés, con tanto trémolo, redondeo labial das vogais e o característico efecto gutural dos seus erres. Esta natureza prosódica contribúe de xeito moi notable, creo, á configuración que no imaxinario popular hispánico adquiren os franceses (e sabido é que non hai veciños que se leven ben): unha delicadeza e estiramento social que rozan a ridícula finura (e que teñen o seu correlato fonético na parodia de rematar todo en e agudo: le libré, la botellé, le vasé, perfecté…); unha frivolidade mundana e superficial, pero, sobre e ante todo, unha tendencia universal á sensualidade e o erotismo. Non é, ao meu xuízo casual, que o maior monumento da perversión xamais concibido e escrito o fora en gabacha lingua. Francés é, como todo adxectivo substantivable, lexicamente xenérico. Ah! Pero se o acompañamos de certos adxacentes a cousa cambia: mal francés e francés profundo, por exemplo, son nocións que non é preciso explicar aquí. Alguén dixo que o francés é a lingua do amor.
Lembro, ao respecto, un delicioso equíovoco que un amigo me contou. A un emigrante en Francia morreulle a nai. O home quere mercar un chapeu negro para o sepelio, pero, non manexándose ben coa lingua, trabúcase de palabra (capote, ‘condón’, por chapeau, `sombreiro`) e pregunta a un gendarme:
-Où est-ce que je peux acheter une capote?
Monsieur l’agent, amoscado, respóstalle:
-Une capote? À la pharmacie, naturellement!
O tipo estrañado vai alá, pensando no rariños que son os franceses, que mira ti onde van vender os sombreiros. Chega á farmacia e pídelle ao dependente une capote noire. Este, máis estrañado aínda, solicita unha aclaración:
-Noire? Mais, pourquoi noire?
E o emigrante dille:
-Parce que ma mère est morte.
E, comprensivo, o dependente recoñece:
-Oh, oui, je comprends!
E, xuntando as puntas dos dedos das súas mans con expresión beatífica, exclama:
-Quelle délicatesse!

8.1.09

En misa e repicando

Isto onde vivimos é unha monarquía, cun rei, príncipes, infantas, duques, corte, privados, palacios e demais, tal que nun conto de Andersen. E unha monarquía é, de seu, algo que en moitos dos seus aspectos se concilia mal coa modernidade e a evolución dos tempos. De feito, o seu propio alicerce representa unha noción de poder político fronte á que reaccionaron violentamente os revolucionarios de 1789: o seu carácter hereditario, na marxe de calquera decisión consensuada pola vontade popular. Logo virán todas as consideracións, matices, puntualizacións, extrapolacións e milongas que vostedes queiran. Pero o que veño de dicir é así, pe por pe: gústenos ou non don Felipe VI, teremos que apouchar con el os anos que dure.
Así as cousas, a monarquía é unha institución que, ou se acepta ou non, pero o que non cabe son medias tintas; tal e como admirablemente consigna a paremia, non se pode estar en misa e repicando: Si, acepto a monarquía pero vou adaptala ao meu gusto, a ver se a modernizamos un pouco, que boa falta lle fai. Coa monarquía pasa como con outras institucións esencialmente reaccionarias: ou se toma o pack completo ou non, pero non se pode ir polo camiño do medio. É como se eu quero bautizar un fillo pero negocio co crego as condicións: que non lle se bote auga ao cativo pola cabeza; que non haxa mencións á Virxe María…
Non serei eu quen discuta—varón a fin de contas— que a señora ministra de Defensa asistira monísima á Pascua Militar que convoca a Casa Real. Pero, coa que está caendo en Oriente Medio ou Afganistán, que todo o que, durante semanas, se substancie nos medios da responsable civil das nosas Forzas Armadas sexa un trapito, di moito, e na miña opinión moi pobre, non só da intelixencia, discreción e sentido institucional da dama en si senón da nosa intelixencia colectiva como país. Por seguir tirando da sentenza popular, coller o rábano polas follas. Calcao. Así nos vai.

6.1.09

Godot

Pasou o Nadal e o aninovo, marcharon os Reis, comezou a conta atrás doutros trescentos sesenta e cinco días ata a vindeira orxía anual do consumismo. Retomaremos os nosos labores, voltaremos ás angueiras acostumadas, a pelexarnos con algo ou alguén... Disque un estudo demostrou que sete de cada dez persoas que se propoñen algo para o ano que entra non o conseguen. Os clásicos do xénero son deixar de fumar, aprender inglés e comezar dunha puta vez no ximnasio en serio, a ver se baixamos o bandullo ou as cartucheiras, segundo toque.
Don Jorgito el Inglés, personaxe moi querido por min do que xa falei algunha vez, describía aquel seu coñecido Benedicto Mol, suízo pescudador de tesouros, dicindo que miraba aos demais coa expresión ansiosa de quen agarda permanentemente noticias. Algo así, creo, pásanos en liñas xerais a todos. Igual ca o helvético non atopou tesouro algún despois de adicar toda a vida a tal afán, está na nosa natureza pretendermos enganar unha insatisfacción crónica a base de pequenas metas, que, por regra común, van postergándose sine die... Esperamos por Godot, esperamos por Godot, e, fartos de esperar por Godot, convencémonos finalmente de que Godot non vai vir, de que, máis seguro, Godot nin existe.
Polo visto, conforme o apuntado en días pasados nos comentarios ao post sobre o blogomillo galego, isto de escribir para as paredes -ou no mellor dos casos catro gatos (con perdón da metáfora para quen me lea)- no monitor dun ordenador é un rollo de cuarentóns e pasado de moda. Cumprindo eu con creces, e aínda superando con xenerosidade, tal condición cronolóxica, podería contarse, polo tanto, entre os meus designios do ano novo deixar de perder o tempo e de dispendiar neuronas en tan inútil exercicio e, para colmo, demodé. Pero como non son amigo de modas, nin se me da un ardite que veña ou non Godot (hai tempo xa que deixei de agardar por el), creo que en 2009 seguirei dando de comer a esta escuálida criatura, que vaga náufraga, ignota e pálida coma un espectro polo proceloso océano dos bits. Do ximnasio, os petillos e o inglés, xa falaremos.

5.1.09

Unha de Reis

Unha pilingui, con acento moi cheli , que lle pregunta a outra:
-Oye, tía, y tú ¿qué les pides a los Reyes?
E a outra di:
-Uy, yo lo que a todos. 100 euros el servicio normal y 150 el especial.

Antracita vanme traer a min! Por malo!

4.1.09

Anderson+Barre

Ninguén discute hoxe o liderado que o rock británico ten exercido internacionalmente. Nos corenta anos que median entre os Beatles e Coldplay houbo de todo: desenvolvementos e propostas para todos os gustos, unhas máis convencionais outras máis rompedoras e outras que a duras penas encaixan nos intentos clasificatorios: pop, mod, rock duro, metálico, heavy, folkrock, jazzrock, rock progresivo, new wave, gothic... A miña melomanía -en calquera caso voraz, indiscriminada e que non sabe de límites- talvez por xeración pero supoño que tamén por inclinación persoal, ten unha débeda especial co rock sinfónico.
Non son poeta de abondo para gabar a excelsitude de producións como o Hamburger Concerto, de Focus, sen dúbida un dos cumios máis sublimes do xénero, Trilogy de EL&P ou Fragile de Yes. Coa perspectiva do tempo, teño para min que, con diferenzas claro entre elas, a maior parte das propostas xurdidas daqueles músicos, virtuosos e clasicistas, cultos e extravagantes, sabiamente rompedores, teñen resistido admirablemente o paso do tempo. The Great Deceiver de King Crimson, The Endless Enigma de EL&P ou algún dos números do álbum dobre de Camel, por poñer un par de tres exemplos, seguen mantendo intacto o fascinante engado que exerceron na miña sensibilidade de adolescente cando os escoitei por vez primeira. Pero a poucas formacións británicas da época atribúo con todo merecemento un adxectivo que, cando aplicado ás obras da arte, resulta moi arriscado, pois pode destilar a máis exquisita sublimidade ou ser explicación do fiasco: desconcertante. Esa formación desconcertante é Jethro Tull, o grupo, liderado polo inclasificable Ian Anderson, que ía nos seus inicios (This Was, 1968, xoia que posúo en vinilo orixinal) para banda de blues. Ningún grupo do que eu teña noticia efectuou un labor de síntese musical comparable (folk, blues, jazz, rock experimental...) destilándoo nun novo produto orixinalísimo e elaborado ata o puntillismo. Na flauta e voz do hiperactivo xoglar Anderson e nas máxicas guitarras de Martin Barre están entrelazadas as melodías das campiñas e bosques, o rechouchío dos paxaros no amencer do cazador, os berros de riña das tabernas medievais, a resoancia das catedrais, os alaridos ingratos do vagamundo e o tépedo veludo da voz do amante.
Cando, con doce ou trece anos, escoitei por vez primeira Aqualung, mentres me deixaba engaiolar polo soprendente deseño externo do álbum e escudriñaba a insondable expresión de maldade do clochard da cuberta, tiven a sensación de que, como dixeron a Bogart, aquilo ía ser o comezo dunha gran amizade. Estaba no certo.

2.1.09

Sección inclasificables

O ollo sempre atento e incisivo de Arume dos Piñeiros recolle un artigo publicado orixinalmente no suplemento de cultura do Xornal de Galicia baixo o título de "A forza do blogomillo", suxestivo título que permite intuír a liña de opinión do articulista: o mesto tecido blogueiro en lingua galega constitúe hoxe unha forza. En efecto, sobre o número de blogs que hoxe existen no país -5548 (¡!!) rexistrados en Blogaliza- non cabe dúbida de que se trata dunha forza comunicativa, de desenvolvemento paralelo aos medios de comunicación convencionais, malia de existencia maiormente catacumbática para o gran público, consumidor de xornais impresos. E ese é, non sei se dicir un risco ou simplemente un factor característico da blogosfera: conformar un tipo de lector especializado en blogs que, á súa vez, é propietario dun; un fenómeno que un fiel tertuliano destes Fragmentos definía escatolóxica pero acertadisima e parasinteticamente como (perdón) chupapollismo blogueiro (algo, por certo, do que escapo, pois apenas leo blogs, xa que considero a maior parte deles absolutamente soporíferos).
Os datos de que fornece o artigo inspíranme un par de reflexións. Cre o autor que no alento primixenio dos blogs, considerados xenericamente, hai unha pulsión expresiva, que algúns tildan de hipertrofia do eu e os máis de onanismo verbal, pero tamén a dun certo recoñecemento social e, por qué negalo, o ambicioso prurito de crear opinión ou de apurar debates de alcance social. Sobre o impresionante censo devandito (case cincomil seiscentas bitácoras) semellan indiscutibles tales hipertrofia expresiva e onanismo verbal. Outra cousa é ter algo que dicir. Pero, en calquera caso, opino que a propia facilidade tecnolóxica na construción e comodidade na alimentación dos blogs son claves no seu éxito. Como ocorre sempre que a tecnoloxía se pon ao servizo das ideas, pode darse o caso de que aquela suplante estas, e, claro está, tarde ou cedo, onde hai moita virguería técnica e pouco miolo ao cabo descúbrese o calote. De momento, inmersos como estamos na eclosión do fenómeno, as propias nubes non nos deixan ver o ceo. Intúo que, co tempo e consonte vaia arrefriando o entusiasmo que toda novidade inspira, vai ir producíndose unha estilización piramidal deste inxente número de bitácoras, debuxándose pola base unha enorme cantidade de bitácoras abandonadas ou semiabandonadas, e no cumio unhas poucas que se configurarán coma referencias en cada campo (política, cultura, crítica literaria, tecnoloxía, música, etc.), algo que, creo, de feito xa está acontecendo pouco e pouco.
De por parte, Fragmentos da Galaxia, este indefenso receptáculo de paparruchas, aparece catalogado entre os blogs de índole cultural, de par de Capítulo 0, de Manuel Gago, e Lándoa, do meu benquerido amigo Arturo Casas, que hoxe conforman lugares de visita obrigada, valoración esta última que agradezo, cómo non, pero que estimo -de verdade que non por falsa modestia- desproporcionada aos pobres méritos destas páxinas. Considerar que este blog é de visita obrigada éncheme dun pundonor que se concilia ben coa miña propia percepción: obrigada para quen? Para alguén tan rariño como o propio maître do local? Co gallo dun libro de poemas que publiquei hai uns anos –xa ven que un lle dá a todo- un crítico benevolente me consideraba un poeta inclasificable. Ningún xuízo podía contentarme máis pois creo que me define que nin pintado. E a esta casa tamén. Inclasificable.

1.1.09

O primeiro do ano cun sorriso

Disque o léxico evolúe en función das necesidades expresivas. Para isto aínda non existe adxectivo. Kitsch? Surrealista? Delirante? Bizarro? Será o herdo hispánico da pachanga cutre? Agardo suxestións para a sempre necesaria ampliación do léxico patrio.

31.12.08

Feliz 2009

Quero aproveitar os últimos momentos do ano lembrando a Voltaire: à force de s'occuper des choses urgentes, on oublie les choses essentielles. Cando as cousas urxentes me abafan, procuro lembrarme das esenciais. É unha boa terapia.
Deséxolle, querida amiga, querido amigo, que, tocante ás cousas esenciais, teña vostede o mellor en 2009. O demais son ganas de tocar a paletilla. Feliz ano.

30.12.08

Para bellum

Na miña opinión, unha das mutacións máis cruciais que se produciron na difícil e lenta progresión histórica da civilización occidental ata o presente é o papel da violencia e a guerra. Un monográfico recentemente publicado por nós trata moi oportuna e incisivamente, entre outros temas, o da necesaria función da social que ao longo da historia xogou a violencia individual, de intensidade menor, como compensadora de inestabilidades que, de se conteren, terían consecuencias colectivas de intensidade moito maior. A mutación da que falo podería resumirse, talvez de xeito excesivamente panorámico, neste aserto: ata a invención do Estado de Dereito e a democracia, en 1789, os pobos de Europa vivían para a guerra, a violencia e o sufrimento, e estes eran os alicerces da súa existencia. Non quero dicir, claro, que dende entón non se produciran en Europa acontecementos bélicos espantosos e, por razóns tecnolóxicas, de consecuencias moito máis devastadoras dos que tiñan acaecido ata entón. Falo, como dixen, dun lento progresar da filosofía social imperante cara ao recoñecemento do carácter esencialmente anómalo da guerra. Para nós, a guerra é, ou debe ser, a excepción, un estado de anormalidad colectiva do que é preciso saír canto antes. Así, unha guerra contemporánea ten -máis ou menos- unha duración: 1914-1918, 1936-1939, 1939-1945. Na Idade Media e boa parte da Moderna, a guerra era unha situación permanente, unha maneira de vivir: os nobres, xerarquías da Igrexa e militares as provocaban e os servos e simples as aceptaban como o estado natural do mundo; os enfrontamentos bélicos sucedíanse entre as nacións sen solución de continuidade de xeito tal que o intento de acoutación cronolóxica dalgúns destes enfrontamentos produce exemplos autenticamente espeluznantes: a guerra dos Trinta Anos, a guerra dos Cen Anos. Nós, ademais, habitamos unha sociedade analxésica que, como lóxica consecuencia do estado do benestar, ten desterrado a dor e instituído o hedonismo, a comodidade e a absoluta ausencia de sufrimento como pautas de vida; en contraste, a vida dos nosos devanceiros estaba marcada a nefasto lume pola enfermidade e o sufrimento, no mellor dos casos, e pola enfermidade, o sufrimento, a fame, o sometemento e as privacións, no peor.
De entre a permanente e nutridísima oferta editorial de evocacións épicas da Idade Media -dalgunha especialmente memorable xa se deu conta nestas páxinas-, quero destacar hoxe un romanzo storico moi notable, El sordo rumor de la batalla (Il sordo rumore della battaglia, Bompiani, 2002), publicado en 2008 por Alianza, o seu autor Antonio Scurati. Situada cando o século XV agoniza, e no contexto do belicismo de Carlos VIII de Francia contra os estados de Italia, a novela de Scurati non se queda na epiderme dos acontementos, algo, mutatis mutandis, repetido ata a saciedade en best-sellers de infame recordación. O autor, con habilidade obvia e documentación abrumadora, desenvolve un mundo real, subxacente á linealidade e ausencia de arestas da épica, un mundo feroz onde as persoas sofren, senten medo, dor e angustia como resposta absolutamente humana á unha brutalidade elevada a norma de conduta. A irrupción das primeiras armas de fogo por parte do exército francés serve a Scurati para evocar dende a atmosfera da soldadesca cambios que, como o propio Renacemento -telón de fondo da obra- aos poucos van definir a guerra moderna, o mundo moderno: el viejo sol de los caballeros errantes, que brilla en una tierra sumida en las tinieblas de la brutalidad, se aproxima al ocaso, pero el mundo renace en el esplendor de una humanidad renovada por las obras de su intelecto (p. 307).
Xa que o tempo é un abismo insondable, ben podía ser que eu e máis vostede naceramos no século XV. Oíndo ecoar ao lonxe o xordo rumor da batalla, sáeme da alma exclamar; que sorte tivemos!

29.12.08

Cousas do corazón

Unha vez propuxéronme afiliarme a unha Asociación de Estradenses en Compostela. A verdade é que a existencia de tal asociación pareceume sorprendente e un chisco esaxerada, pois é o certo que este tipo de corporacións atopan o seu alento na lonxanía física da patria chica dos asociados en relación co seu lugar de residencia. Velaí como naceron todas as asociacións e centros galegos do exterior, nomeadamente en América e, en menor medida, en Europa. Pero convocar en liga fraterna a cidadáns que residen a escasos vintecinco quilómetros de onde naceron tiña no seu propio xermolo a semente do fracaso, creo eu. Cando menos, non teño noticia da vida actual da tal asociación.
Ora, dixen lonxanía física e dixen ben. Porque hai outro tipo de lonxanías. A vida, que é unha congostra revirada de cojones, vainos levando sen pausa por novos vieiros e privando aos poucos dos nosos referentes primeiros, daqueles factores que nos moldearon en idade temperá, cando callan os afectos e as impresións: os nosos proxenitores, os nosos amigos da nenez e mocidade, os lugares, casas, rúas, carballeiras e paisaxes onde se desenvolveron os anos que, agora estrañamente, nos parecen tinguidos pola luz dourada da felicidade. Naquela campa onde a herba caía suavemente ata o río e pasabamos tantas tardes do verán hai agora unha urbanización. A casa da señora Secundina é un pub. O banco da alameda onde sentimos a densidade do primeiro bico na boca foi substituído por unha construción de cemento, onde menudean botellóns, mexadas e pintadas de grafiteiros e rapers. A vida.
Por iso, para combater esta outre sorte de lonxanía, menos física pero máis emocional, é bo non perdermos as anclaxes coas nosas raíces.
Hoxe presentamos o volume 11 da revista A Estrada, Miscelánea Histórica e Cultural, que me honra coordinar do punto de vista editorial. Non obteño nada a cambio, non cobro por iso, pero o fago co entusiasmo do mercenario, con maior entusiasmo, mesmo, ca outras cousas das que podo obter un beneficio máis material. Xa saben, estas cousas que tocan o corazón...

27.12.08

O Padre Brown e as metáforas

De todo amante das boas producións audiovisuais son coñecidas as extraordinarias adaptacións que a BBC realizou de obras literarias memorables. A contención e unha cauta e intelixente administración das posibilidades expresivas do medio televisivo fronte ás do canal narrativo fixeron dalgunhas destas adaptacións inesquecibles fitos da historia da caixa tonta.
Seica a Robert Graves lle molestaba sobremaneira que, nas entrevistas, se lle inquirise sobre o éxito sen precedentes da versión televisiva da súa, ata aquel momento minoritaria, novela Eu, Claudio. Pero, con cabreo o sen el de don Roberto inglés, o certo é que a serie na que Derek Jacobi "niquelaba" o rol do pobre Cla, Cla, Claudio, humillado, feo, humilde, coxo pero máis listo ca todos os que o arrodeaban, é un icono cultural dos anos setenta e un fito indiscutible da historia da televisión. Neste país noso, onde facemos coña de todo, dá indice de ata qué punto a serie foi popular, un jeu d'esprit daqueles anos que consistía en preguntar, facéndose o olvidadizo, o seu título. Cando o interpelado respostaba:
-Yo, Claudio,
o coñero correspondía:
-Yo Juan, encantado.
Outra serie daqueles anos, a anos luz da popularidade da adaptación das novelas de Graves, foi O Padre Brown, producida pola BBC en 1974 e protagonizada por Kenneth More.
Gusto moito do miúdo sacerdote británico de Societate Jesu metido a detective creado polo maxín burlón, crítico e fondamente humano de Gilbert K. Chesterton, a miña admiración polo cal foi xa manifestada nestas páxinas en ocasións diversas. O mesmo feito da condición católica do presbítero é un retranqueiro guiño á purista ortodoxia anglicana de que o católico "converso" Chesterton se ría para os seus adentros.
Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras. Alto aí! Dou fe de que en ocasións non é así. Un dos relatos que máis aprecio do digno presbíterio chestertoniano é A honra de Israel Gow ("The Honour of Israel Gow", The Innocence of Father Brown, 1911), que ten lugar nas Highlands escocesas.
Nas primeiras liñas do relato hai unha extraordinadaia metáfora sobre o medio físico da trama, que ficou gravada no meu imaxinario particular no mesmo momento en que a lin (calculo que por volta dos trece ou catorce anos), unha metáfora que revivo tantas veces contemplado esta atlántica terra verdegrís na que habitamos:
-A stormy evening of olive and silver was closing in... ("Caía a tarde, unha tormentosa tarde cor de aceituna e prata...")
Vale máis unha imaxe ca mil palabras? Aceituna e prata, dúas palabras que valen máis ca mil imaxes.

24.12.08

Holmes e Watson de cámping

Sherlock Holmes e o Dr. Watson foron unha vez de cámping. Contra a tardiña cearon e, despois de trasegar unha boa botella de viño, foron deitarse á tenda de campaña. De aí a unhas horas, no medio da noite, espertaron e Holmes interrogou a Watson.
-Prezado Watson, que deduciría Vde. do que estamos vendo?
O interpelado, decidido a impresionar ao detective coas súas dotes deductivas, contestoulle:
-Astronomicamente, deduzo deste impresionante espectáculo que existen millóns de galaxias e, xa que logo, billóns de planetas. Astroloxicamente, vexo que Saturno está en conxunción con Leo. No cronolóxico, infiro que deben ser aproximadamente as 4:20 da madrugada. En termos teolóxicos, creo que a magnificencia e poder do noso Creador son abrumadores comparados coa nosa insignificancia. Meteoroloxicamente, en fin, deduzo que mañá será un día limpo de nubes e caloroso.
E vostede, amigo, que pensa do que vemos?
-Penso que cada día es máis gilipollas, Watson. Roubáronnos a tenda de campaña.
:) :) :)
Cun sorriso, envío a quen visite este local os meus mellores desexos de ventura, esperanza e paz neste Nadal.

21.12.08

Conto de Nadal

Cóntase que, nos escuros séculos altomedievais, cando o latín vulgar non se distinguía xa das variedades protorrománicas das nacións neolatinas, os párrocos consagraban In nomine patris et filiae, e non por se abandeiraren cunha nova herexía que promulgaba ser Xesús Cristo muller, senón por esqueceren o latín. Mutatis mutandis, un cristián de hoxe, desexoso de resultar politicamente correcto, debería actualizar consonte os tempos algúns principios dogmáticos da súa fe, malia o risco máis ca notable de caer en herexía. Deste xeito, a sentenza que sanciona a imprevisibilidade dos designios divinos, convenientemente actualizada, sería Os camiños do/a Señor/a son inescrutables, ou aínda Os camiños d@ Señor@ son inescrutables.
Pero, cristián ou non cristián, e sen ánimo de meterme eu a gobernar casas alleas, si que resulta ben certa a sentenza cando aplicada á natureza impredicible, para o ben e para o mal, das nosas actividades e as súas consecuencias. Este post quere ser un tributo de esperanza para un querido amigo, á grave enfermidade da cal débolle a idea para a cuberta dun libro que se me viña resistindo nos últimos días. Xa ven qué cousas.
É o caso que, insomne a outra noite pola desazón que me produce a lastimosa situación do meu amigo, farto de dar voltas no leito e desexando poñer a cabeza en sitio distinto á causa da miña angueira, din no libro dichoso e na última proposta de deseño para a cuberta, que non me convencía en absoluto despois de varios cambios; era a idea a que non funcionaba. Como cando o día está de pulgas non vale mudar de camisa, vin claro, con esa clarividencia do pensamento puro que só se consegue en conversa coa almofada, que tiña que cambiar radicalmente o chip. Meu dito, meu feito. Unha vez instalado nunha idea totalmente nova, á que cheguei tras a aplicación de diferentes criterios teóricos, o resto era doado: ir encaixando as pezas (título, subtítulo, nome do autor, ilustración...). O conceto, que dicía Manquiña, en expresión canónica, no film clásico. Modestamente, creo que a cuberta quedou ben pintadiña.
Sempre que a vexa pensarei no meu caro amigo. A el, e á súa pronta recuperación, irá sempre adicada no meu corazón e no meu pensamento.
Bo Nadal.

18.12.08

Volver a Maupassant

Signo inequívoco da rareza do seu propietario, ocupan lugar de preferencia neste local aqueles autores que fixeron da heterodoxia profesión (Borrow), personaxes nos que campa a extravagancia (Ignatius Reilly, custodio), obras vertebradas pola anomalía (Lovecraft) e o insondable misterio da noite e o que se nos oculta (Le Fanu & Co.) ou, en fin, editores do bizarro (Valdemar). Un pouco de todo isto ―heterodoxia, extravagancia, anomalía, noite, o que se nos oculta e bizarría― ten Guy de Maupassant, contista de gálica nación e adoecido de mal gálico, sometido á tiranía atroz da migraña, depresivo crónico e probablemente un dos autores que con máis transparencia e sinceridade teñan nunca dedicado a pluma a glosar, non a ledicia de vivir senón o sufrimento insoportable da existencia. O seu conto Suicides (1880), escrito doce anos antes do seu intento de suicidio, é un alegato terrible contra a inanidade da rutina, a insubstancia do máis extremo aborrecemento, o baldeiro da soidade.
Maupassant abandonou para sempre o maldafado valdebágoas no que viviu aos corenta e tres anos da súa idade. Nacera en 1850, un ano despois de falecer Edgar A. Poe, o xenio, con quen tantas concomitancias ten. Cultivou unha grande amizade con Flaubert, bastante maior ca el; en Seul! afirma:
Gustave Flaubert, un dos homes máis desgrazados deste mundo, razón mesma pola que foi un dos máis lúcidos, escribía esta frase desesperante a unha amiga súa: «Todos vivimos nun deserto. Ninguén comprende a ninguén».
Non coñezo a obra novelística de Maupassant, pero entendo que, cando a posteridade deu absoluta preferencia á súa faceta como contista, por algo será. Aprecio especialmente a concentrada intensión dos seus relatos curtos. Unha estratexia narrativa de insólita elasticidade e unha intelixente administración da primeira persoa e a corrente de conciencia permiten aos seus contos pactaren co lector a oferta de compartir a intensidade das súas emocións, nunha siniestra gradación que vai da inquietude ao temor, da angustia ao medo, do terror ao paroxismo do suicida.

A perennidade de Maupassant reside na universalidade das súas teimas patolóxicas e destrutivas obsesións. Porque, quen non leva en si un Horla?

16.12.08

Retranca

Unha das cousas que converte un blog nunha experiencia comunicativa engaiolante é a absoluta impredicibilidade (perdón polo palabro) dos comentarios, pareceres e puntos de vista que os posts nel publicados poden suscitar. Dixen un blog e dixen mal; debera dicir este blog, ou mesmo, algúns posts deste blog, pois entendo que os blogs de liña máis exclusivamente profesional, de actualidade social, política ou cultural, crítica literaria, etc., pola súa propia natureza acoutan ou perfilan moito a natureza das reaccións lectoras. No meu caso, entendo que como derivación talvez dunha tendencia innata á dispersión e o barroquismo, non sei, de verdade, cómo fago para comezar un post falando da batalla das Navas de Tolosa e rematar dando coa fórmula I. Unha lectora benévola dicía que esta bitácora é coma unha sorte de fío que se vai desfacendo para un lado e para outro, ao estilo daquel borgiano xardín de sendeiros que se bifurcan.
De xeito impredicible, pois, o artigo derradeiro estimulou, por razón máis de verba ca de re, algúns comentarios interesantes sobre a ironía, especialmente na escrita, pero tamén no seu directo vencello coa «alma galega», iso tan caro a nós que adoitamos chamar retranca, verbo da cal se ten reflectido moito e moi fondamente, e ata escrito auténticos tratados.
Di o meu fiel amigo anónimo que a administración da ironía pode fracasar debido á ausencia de compenetración entre emisor e receptor, o cal se fai moi evidente cando un galego retranqueiro fala cun tipo de fóra. A respecto de tan fina apreciación, teño eu reflexionado tamén, chegando á conclusión ­provisional­ de que a retranca vertebra o noso sentido colectivo do humor, ao punto de establecer, en efecto, fronteiras infranqueables para os non nativos, moi especialmente, falando da casa común española, para os íncolas da ruda estepa castellana. Hai un conto que, ao meu modo de ver, destila a máis pura retranca, non no chiste de seu, senón na reacción que busca provocar no receptor, unha reacción que sería difícil de definir. Sosteño, polo demais e en consecuencia do devandito, que é pouco probable que un non galego lle atope graza á cousa.
Trátase dun cuatrero no Far-West que é natural de Mondoñedo e anda por alí polo Oeste roubando nas vacas pero sin puta idea de inglés. A cousa é que o pillan e aplícanlle por vía directa a lei de Lynch. Arrodeado o pescozo coa corda fatal, o executor dá o golpe ao tallo que o apoiaba no chan e alí queda o tipo dependurado. Nisto, o xuíz lembra que non se lle permitiu declarar a última vontade e automaticamente agarran ao meu home e sácanlle a gargantilla de esparto. O tipo, que non entende nada, aliviado bota man do pescozo e exclama:
-Cajondiós, pensei que afojaba.
Ben certo é que se Deus non ri, non é home de humor.

14.12.08

Construtivamente radical

Nun país onde se badúa tanto coma neste, cheo de "presenteiros" e figuróns que non teñen tempo de sentarse a traballar de tanto traballo que teñen -se vostedes me entenden- e de tipos mancornados e sinuosos que din si cando pensan non e agora cando pensan nunca, aprecio dun xeito moi especial a xente directa, executiva, que vai ao caso e non ten pelos na lingua e, sobre todo, que traballa no canto de andar todo o día en saraos, comisións, consellos, presentacións, academias, feiras, feiróns e verbenas varias.
En certo órgano colexiado ao que eu pertencín, no que se dirimían delicadas cuestións que por veces esixían botar man dunha linguaxe eufemística ata o requintamento, había un membro desta bendita natureza. Se alguén argumentaba:
-Tal como está, o orixinal adoece dunha certa falta de estrutura interna e habería que sometelo a unha notable revisión estilística e, tamén, dalgúns aspectos de fondo mellorables,
este fenómeno replicaba:
-O que ti queres dicir é que o orixinal é unha merda, ou non?
En efecto, o que o argumentador quería dicir era que o orixinal era unha merda.
Boto moito en falta este tipo de persoas construtivamente radicais e penso sinceramente que outro galo nos cantaría se abondasen máis. En troques, e por desgraza, na nosa clase política -caracterizada pola única obsesión de permanecer no machito e non meterse en problemas- curiosamente, a executividade vai reducíndose na mesma medida en que se incrementa a xerarquía e capacidade de decisión.
Contábame o outro día un excelente maquetista, e mellor amigo, que unha vez se lle revelou por boca dun seu colega o xeito de rematar co 70% dos problemas técnicos en edición. Dicía:
-O que había que facer é non permitir aos autores que revisen as probas, que logo chegan cheas de correccións.
Construtivamente radical.

12.12.08

Homes e novas tecnoloxías

Onte pola noite, estabamos a miña muller e máis eu falando das cousas da vida e máis da morte. Díxenlle:
-Querida, pase o que pase, nunca se che ocorra deixarme en estado vexetativo, dependendo de máquinas, líquidos e botellas; se me ves nese estado, desenchufa todos os artefactos e déixame morrer.
Ela miroume con expresión de asombro e… desenchufou o televisor, o ordenador, o iPod, o móvil, a playstation, e quitoume a cervexa.
Case morro!

10.12.08

Divina imperfección

Unha boa amiga sostén unha tese digna de toda consideración. Cre que o aséptico automatismo e a implacable perfección dos ordenadores inflúen de xeito definitivo nas nosas vidas ao punto inevitable de agardarmos, cando non esixirmos, idéntico automatismo e perfección en todo o que nos arrodea e, o que é máis grave, en todos os que nos arrodean. Dío a miña amiga dun xeito moi gráfico:­
-Queremos que os nenos sexan coma os ordenadores. Daslle a intro e, ala, a comer, ou á ducha, ou á deitarse.
O malo, claro, é que os seres humanos non temos, de momento, tecla intro. Aínda que, como ben sabemos dende Verne, Huxley e Orwell, todo se andará, de momento non temos tecla intro, e as cousas son bastante máis complicadas para os nosos discos duros e ram's ca para as dos nosos portátiles, moito máis dóciles e guiados. Sexa como for, é claro que, tendo confiado aburridas e onerosas rutinas pero tamén especializadísimos traballos técnicos ás máquinas informáticas, vivimos afeitos a un nivel moi elevado de competencia , efectividade e, mesmo, unha sorte de robótica pureza.
Non sei se vostede o percibe coma min, pero sinto que a nosa é unha sociedade que odia o defectuoso. Nun movemento de dirección paradoxal (no senso da plasticidade da que falaba hai uns días), ao tempo que se refina a sensibilidade colectiva a respecto dos discapacitados, marxinados, anciáns…, a sociedade sataniza a enfermidade, o olor corporal, a fealdade, a gordura… no entanto sacraliza, dun xeito por veces intolerable, a beleza, a delgadez, a mocidade, e esa perfección física que se quintaesencia nos modelos de pasarela, que, cando desfilan, semellan que se van escarranchar.
Creo que as cousas antes non eran así. Viviamos reconciliados cos defectos e, trocando o comido polo servido, dabamos por bos indesexables efectos colaterais. O defecto era, ademais, consubstancial ao afecto. A neve dos vinilos­, por exemplo­, ese ruído chasqueante e característico dos elepés de toda a vida, derivado da electricidade estática, ía acrecentándose canto máis nos gustaba o disco. O deterioro ennobrecíase ao adquirir algo así como a marca do amor. O afecto polo disco medraba, ademais, coa espera. Lembro con canta ilusión recibía os paquetes de Discoplay semanas despois de ter cursado por correo postal o pedido. Hoxe a música, coma tantas cousas, non se fai esperar ­-eMule, Ares, MySpace, YouTube…­ -e, no seu soporte dixital, é perfecta, sen o máis mínimo ruído de interferencia; se escoitas un piano, dá a sensación de que tes o pianista e o Steinway alí ao ladiño.
O outro día o maior meu, 14 anos, interesouse, sorprendentemente, pola miña colección de vinilos. Faleille con afecto dos meus inicios musicais e do desenvolvemento progresivo dunha melomanía indisolublemente unida a esa colección de elepés. Seleccionei algún, especialmente amado por min, e, expectante polo resultado, puxen no phono Marions les roses do grupo Malicorne, un «maio» a capella autenticamente escalofriante, que talvez vostede recorde. Ben supoñía eu que a diferenza xeneracional había ser barreira infranqueable para que lle chegara ao rapaz sequera unha parte mínima do meu fetichismo, pero o resultado foi peor do que agardaba. Díxome, simplemente:
-Pffff, se oye fatal.

8.12.08

Plasticidade

Poucas cousas sopréndenme tanto como a infinita e contraditoria plasticidade do ser humano. Un moralista chamaría a esta plasticidade ausencia de ética; un radical, moi satisfeito coa solidez dos seus principios, incoherencia; un fundamentalista, traizón. Eu, que me teño por persoa razoablemente intelixente ― é dicir, non son moralista, radical nin fundamentalista― vou deixalo en plasticidade.
Coñecín un tipo, de idade provecta, que, en certa conversa en que mediaban con largueza as xerras de pilsen, defendía con insólito e un algo extravagante ardimento a democracia de Adenauer como a idade de ouro da Alemaña contemporánea. Pois ben, este tipo fora membro efectivo da Escala de Protección nacionalsocialista (Schutz Staffeln, organización máis coñecida polas súas tétricas siglas). Pásmame que a capacidade e entusiasmo coa que en Occidente organizamos foros internacionais pola integración e contra o racismo teña o seu paralelo no empeño e a cantidade de diñeiro que podemos adicar a mercar un can de raza, parecéndonos de mindundis pasear un pobre chucho descastado e carente de pedrigrí, que na súa miseria racial semella parangonar a económica do seu amo. É así que, no camiño inescrutable do eufemismo ―que non é máis ca pura prevaricación lingüística―, cando se nos pregunta pola raza do cadelo, coma quen avergoñados, botamos man de expresións mitigadoras da abochornante impureza do noso can, mesmo remitíndonos á dubidosa nobreza de escuros devanceiros:
-Bueno, é mestizo, ou sexa, híbrido, pero ten algo de grifón pola familia da nai. Nótaselle ben no fociño, ho, que o ten peludo coma os dos grifóns.
(O fociño do can, con catro pelos, é o dun palleiro de puta madre e para verlle o grifonismo hai que lle botar unha imaxinación de carallo).
En fin, o caso é que, por moito que nos consideremos incólumes e verticais, está na nosa natureza mudarmos di acento e di pensier, e o mesmo a dona ca o varón. É curioso, ademais, cómo o só poder da convención, dunha sorte de acordo tácito é quen de outorgar carta de natureza a tan grandes incoherencias. Así é que a pomba―en realidade unha especie de endémica e parasita rata voadora― é símbolo da paz, no canto, non sei, dunha curuxa, bastante máis pacífica, ou dunha pega rabelá. Hai pouco falábase neste local dun concurso para promover entre os escolares valores positivos na relación cos animais non humanos, expresión, polo demais, que quintaesencia a máis exquisita estupidez,esta si, humana. Claro é que por animais non humanos entendemos fundamentalmente cans, gatos, monitos, paxaros de gaiola, cabalos… Pero e os porcos? Tamén se promoven tales valores cun futuro lacón? E os ratos? E as ratas? Ah, as ratas! Sabemos moi ben, polo tanto, qué hai que etiquetar baixo a vitola animais non humanos cando se fala de promovermos valores de respecto cara a eles.
Hai un spot da G(alega) que me parece absolutamente plástico, irreverente e irrespectuoso, pero, sobre todo, fonda, fondisimamente galego, con ese primitivismo clásico do país, que sublima moitas tonterías modernas e ecoloxías de gardarroupa na bastada máis rampante. Un tipo cunha pinta de lacazán de cojones está nunha palleira arrodeado de ratas que, felicísimas, papan traizoeiro xamón dun prato. Mentres colle unha e a tira patrás coa maior falta de respecto cara a este animal non humano tan querido de todos, exclama:
-Ratibróm mata o rato cabrón.
We are the champions. Os putos champions,

5.12.08

500 fragmentos

Este post fai o número 500 dos publicados nesta bitácora. Alá vai unha morea de historias, lembranzas, narracións, noticias, curiosidades, cabreos, dúbidas, nostalxias, rexoubas, intuicións, pensamentos, opinións, contos e pareceres. O que comezou vai para tres anos coma un experimento de non se sabía qué (supoño que como a maior parte dos blogs), foi consolidándose -consolidándose cando menos para min- coma un espazo de creación e reflexión que, como o fillo que é, dá unha guerra de cojones pero se lle quere moito; un espazo de creación e reflexión que, nesta altura, levaría morto moito tempo de non ser polo afecto e alento de cada visita, de cada comentario, de cada achega de todos os benévolos visitantes deste local.
A miña palabra de hoxe é, simplemente, grazas. E adiante.

4.12.08

Non sen mamá

É moi humano etiquetarmos as cousas para entendelas mellor. Pasa, por veces, que o etiquetado constitúe unha realidade bastante heteroxénea que, curiosamente, gaña en homoxeneidade consonte pasa o tempo e a visión a posteriori vai limando as arestas e mitigando as disonancias que, en orixe, o fenómeno tiña. Esta constatación paréceme especialmente oportuna cando a etiqueta que usamos é a de xeración. Así, hoxe damos por sentados unha cronoloxía, uns principios ideolóxicos e un elenco de nomes máis ou menos sistemáticos para o que empaquetamos baixo o rótulo Xeración do 98, Xeración do 27 ou Xeración Nós. Coa vitola así cohesionada, e facendo pois tabula rasa de grandes diferenzas e distancias, relacionamos, aínda, lugares, textos, libros e revistas especialmente significativos, influencias, intertextualidades, momentos e mesmo institucións e incluso edificios (nalgún caso, como o da Residencia de Estudiantes e os poetas do 27, nunha sorte de indivisa res entre a institución e a casa física en canto tal). Este é un problema moi estudado pola teoría da literatura e ben pouco podería achegar este leigo, para quen a fondura do asunto graecus est, non legitur. Pero sérveme de introito a unha reflexión acerca dun tema que, como pai, me afecta por modo directo. Xa temos, polo visto, etiqueta para rotular aos fillos da opulencia: a xeración tupper, en metonímica pero gráfica, e obvia, referencia á natureza dos recursos dos se valen os seus membros para sufragar o mantemento, a saber, prolongar sine die a dependencia co fogar familiar en idade á que deberan ser por demais independentes. Dependencia co fogar e co financiamento familiar, claro. Un sociólogo (qué medo!), analiza esta situación de stand-by nun libro que, co significativo título de La voz de los adolescentes, vén a concluír que a pubertade comeza antes e remata despois nunha evidente prolongación da adolescencia.
Penso, en liñas xerais, que o asunto é moi simple e non hai tampouco que lle buscar tres patas ao micho. Por que quería eu arrancar canto antes da casa familiar? Bueno, viviamos seis persoas nun piso de 70 m2, sen apenas espazo para a intimidade e compartindo os irmáns, por suposto, alcoba; aquel piso, como a maior parte dos da época, non tiña calefacción; por outra banda, os meus queridos pais —marabillosos proxenitores ao punto de crer imposible a existencia doutros mellores— eran, iso, pais, e de tal exercían cunha auctoritas en todo momento indubitada e sinalando nas relacións cos seus fillos unha clara liña fronteiriza que, en ningún momento, podía ser sobardada. En contraste, os meus fillos viven nun chalé adosado de 300 m2, con xardín, enorme terraza, piscina e canchas de deporte fronte da casa ; teñen cadansúa alcoba, ordenador e telemóbil, PS2, dvd’s, dúas televisións e os seus pais son, máis ca pais —que tamén, eh, e a duras penas— os seus colegas. Onde van vivir mellor?
A cousa, polo demais, non é completamente orixinal destes tempos. Cando o fenómeno abrollaba, a xenialidade de Chumi Chúmez intuíu en canónica viñeta unha evolución que agora se confirma:
-Papá, he decidido independizarme económicamente. Vete de casa.

3.12.08

Hasta los...

Hoxe, un opinador de moita máis proxección pública ca este modesto blogger —opinador a quen, alén de respectar etica e intelectualmente, quero moitísimo—, contrapón a política con maiúsculas, esa que no vasto mundo decide o futuro da humanidade, á política doméstica, xa non direi con minúsculas, senón aínda de pésima caligrafía, que día a día desenvolven na escena patria os nosos representantes e gobernantes provocando xeral bochorno e un rexeitamento colindante coa náusea. A enerxía que se lle pode adicar a este lío estúpido e extenuante dos crucificos, a retirada dos honores ferroláns a Franco Bahamonde e a ministra de Educación que endosa ao franquismo o xermolo da violencia machistamáis da metade dos maltratadores son estranxeiros— son pérolas da intelixencia e dedicación absoluta dos nosos políticos aos problemas candentes e reais da peña, secundados por un xénero de cidadán hispánico nidiamente caracterizado por non ter nada mellor que facer.
Vanme disculpar a inmodestia, necesaria, en calquera caso, para o meu argumento. O meu argumento —ao que por mala ventura apelo cada vez máis— é simplemente que eu, e moita máis xente coma min, non nos merecemos un país así. E non nolo merecemos porque somos xente rigorosa, cumpridora, traballadora, seria, comprometida co que facemos, desinteresada cos resultados de algo se sabemos que ese algo hai que facelo e a el nos vencella unha razón ética, alén de réditos espúrios e do glamur da galería. Eu non me merezo que os cincocentos metros de estrada de acceso á autovía pola que circulo día a día estean, xa non en absoluta escuridade, senón sen pintar. Eu non me merezo o deplorable e escandaloso estado de abandono no que se atopa o campus sur da universidade, párquin público de toda a zona sur de Compostela. Cando cambiar as bombillas das farolas de iluminación pública devén un proceso de complexidade similar a enviar o Voyager a Marte é que isto non funciona. Eu non me merezo non ter outra vía ca a resignación de crer que a ínfima calidade dos nosos políticos é algo así coma unha maldición sen remedio posible.
Descúlpenme o arrauto pero, cuando ya nada personalmente se espera, só nos queda o dereito ao pataleo, exercicio que, se en orixe os escolares destinaban por dereito a combater o frío nas aulas, hoxe dedicamos a sublimar o noxo.

1.12.08

As uvas na galaxia

Cicerón, un vello romano, sabio e renarte, de quen todos botamos man na procura dalgunha frase lapidaria que nos veña ao caso, escribiu un tratado que, no canto das parvadas que hoxe len, debía ser texto obrigatorio para os nosos escolares. Lembro ter traballado con el, como exercicio académico de tradución no latín da carreira, coa delectación e o entusiasmo que nos inspiran certas aquitecturas textuais especialmente demoradas, doces e precisas. Este tratado é De amicitia, unha reflexión intemporal sobre o valor e características da amizade. Síntoma inequívoco da súa sabedoría, o vello tribuno non proporciona unha definición exacta do que debemos entender por amizade, pois, tal que o amor e as pulsións que atinxen ao corazón, non existe afecto máis subxectivo e difícil de graduar. Ao elixir a forma do diálogo —prístino produto da idade de ouro do pensamento humano—, o tratado non quere, conscientemente, chegar a ningunha conclusión irrefutable senón máis ben discutir, poñéndoa "en branco sobre negro", a natureza de tan nobre sentimento.
En efecto, a amizade pode ir do delirio á indeferenza, do arrebato ao esquecemento, da paixón á ingratitude. Non hai, ao meu xuízo, cousa tan contraditoria. Cantas veces recoñecemos con amargura podermos contar os nosos verdadeiros amigos cos dedos dunha man? En contraste, nas relacións sociais e laborais, tomámonos a protocolaria liberdade de dirixirnos por escrito como estimado amigo ou estimada amiga a perfectos descoñecidos (ou, vale, vale, perfectas descoñecidas). A elevación categórica do adxectivo a querido/a depende, á súa vez, de finísimos fíos cos que, en cada ocasión e dependendo de moi delicados factores, tecemos a relación concreta que nos une, ou que cremos nos une, ao destinatario.
Secomasí, coñecedores do fodida e revirada que é a congostra da vida e tendendo invariablemente ao reducionismo o inventario dos que, pola experiencia, consideramos verdadeiros, chamamos amigos a persoas que non o son. Pero ben está que así sexa, pois, alén de atizar o lume da ilusión -que é sempre mellor non poñer a proba...-, o só uso do calificativo obríganos dun ou outro xeito co interpelado, adquirindo con este un compromiso que, como todo compromiso cando se cumpre e por insignificante que pareza, nos fai mellores.
Direino dunha vez. Eu non son amigo de Marcos Valcárcel, a quen o sábado pasado a créme da cultura galega rendeu homenaxe. Non son amigo de Marcos Valcárcel de graduarmos a nosa amizade polo trato directo e persoal con el, reducido un par de encontros hai anos en actos relacionados, creo lembrar, co meu parente Roberto Blanco Torres, o periplo ourensán do cal Marcos coñece ben. Así é que, fose só por esta razón estritamente mecánica, Marcos non está nese selecto inventario dos amigos que eu conto cos dedos dunha man, do mesmo xeito que, de certo, eu non estarei no seu. En revanche, se Cicerón estaba no certo ao reputar que nisi in bonis esse amicitia non posse, eu son un grande amigo de Marcos, pois, nas devanditas ocasións e aínda dende que esta bitácora existe, non recibín del máis que mostras de bondade, alento e desinteresado afecto. El é, sen dúbida, o campión da miña liga persoal de blogs e xenerosos.
Non son amigo dos circuítos culturais que se alimentan a si propios nin milito na cultura galega. De feito, non milito en nada e fuxo das vanity fairs do país, onde, na verdade, e dito cos maiores respectos, parecen repetirse ata a saciedade as mesmas caras. Pero non podía corresponder co silenzo ao convite de tal homenaxe. Este post é o meu tributo de amizade -escaso como todo o que é sincero- a Marcos Valcárcel.