8.12.08

Plasticidade

Poucas cousas sopréndenme tanto como a infinita e contraditoria plasticidade do ser humano. Un moralista chamaría a esta plasticidade ausencia de ética; un radical, moi satisfeito coa solidez dos seus principios, incoherencia; un fundamentalista, traizón. Eu, que me teño por persoa razoablemente intelixente ― é dicir, non son moralista, radical nin fundamentalista― vou deixalo en plasticidade.
Coñecín un tipo, de idade provecta, que, en certa conversa en que mediaban con largueza as xerras de pilsen, defendía con insólito e un algo extravagante ardimento a democracia de Adenauer como a idade de ouro da Alemaña contemporánea. Pois ben, este tipo fora membro efectivo da Escala de Protección nacionalsocialista (Schutz Staffeln, organización máis coñecida polas súas tétricas siglas). Pásmame que a capacidade e entusiasmo coa que en Occidente organizamos foros internacionais pola integración e contra o racismo teña o seu paralelo no empeño e a cantidade de diñeiro que podemos adicar a mercar un can de raza, parecéndonos de mindundis pasear un pobre chucho descastado e carente de pedrigrí, que na súa miseria racial semella parangonar a económica do seu amo. É así que, no camiño inescrutable do eufemismo ―que non é máis ca pura prevaricación lingüística―, cando se nos pregunta pola raza do cadelo, coma quen avergoñados, botamos man de expresións mitigadoras da abochornante impureza do noso can, mesmo remitíndonos á dubidosa nobreza de escuros devanceiros:
-Bueno, é mestizo, ou sexa, híbrido, pero ten algo de grifón pola familia da nai. Nótaselle ben no fociño, ho, que o ten peludo coma os dos grifóns.
(O fociño do can, con catro pelos, é o dun palleiro de puta madre e para verlle o grifonismo hai que lle botar unha imaxinación de carallo).
En fin, o caso é que, por moito que nos consideremos incólumes e verticais, está na nosa natureza mudarmos di acento e di pensier, e o mesmo a dona ca o varón. É curioso, ademais, cómo o só poder da convención, dunha sorte de acordo tácito é quen de outorgar carta de natureza a tan grandes incoherencias. Así é que a pomba―en realidade unha especie de endémica e parasita rata voadora― é símbolo da paz, no canto, non sei, dunha curuxa, bastante máis pacífica, ou dunha pega rabelá. Hai pouco falábase neste local dun concurso para promover entre os escolares valores positivos na relación cos animais non humanos, expresión, polo demais, que quintaesencia a máis exquisita estupidez,esta si, humana. Claro é que por animais non humanos entendemos fundamentalmente cans, gatos, monitos, paxaros de gaiola, cabalos… Pero e os porcos? Tamén se promoven tales valores cun futuro lacón? E os ratos? E as ratas? Ah, as ratas! Sabemos moi ben, polo tanto, qué hai que etiquetar baixo a vitola animais non humanos cando se fala de promovermos valores de respecto cara a eles.
Hai un spot da G(alega) que me parece absolutamente plástico, irreverente e irrespectuoso, pero, sobre todo, fonda, fondisimamente galego, con ese primitivismo clásico do país, que sublima moitas tonterías modernas e ecoloxías de gardarroupa na bastada máis rampante. Un tipo cunha pinta de lacazán de cojones está nunha palleira arrodeado de ratas que, felicísimas, papan traizoeiro xamón dun prato. Mentres colle unha e a tira patrás coa maior falta de respecto cara a este animal non humano tan querido de todos, exclama:
-Ratibróm mata o rato cabrón.
We are the champions. Os putos champions,

4 comentarios:

lándoas dijo...

Carafio co 501. Insuperábel, che! E canta razón ten no asunto dos cans. Non sei se nel haberá tamén un algo de marca ou de estilo que conduce aos donos á interpretación de que a raza do can é como unha carta de presentación, un anticipo visual e plástico do carácter que un querería ter e que con certeza non ten. Algo como dime que can tes e direiche o que non es. Naturalmente, falo só dos cans e cadelas urbanos. Non dos cans do rural nin dos afincados lá. En fin, falo dos cans que se sacan a pasear.

Anónimo dijo...

O dos cans de raza dá para unha tese. Vostede sinala o asunto da contraposición can de raza/integración, que é realmente algo curioso. Tan curioso que cando llo comentas a un alternativo (dos de fuciño anillado e palestina) que leva da correa a un cocker con máis pedigrí que Juan Carlos I, comeza tatexar e mírate como se lle falaras do de Roswell.
Lándoas vai polo lado da presunción, e tamén. A xente cambiamos as tazas e Casa Lola polo Gran Reserva e a estrella michelín, así que non imos andar por aí con calquera cruce que sabe deus de onde saíu.
E por último. Di vostede can de palleiro: coidado! Xa está en marcha por aí unha asociación que pretende facer do can de palleiro unha raza pura con pedigrí e todo. En breve iremos nós, auténticos palleiros, polas nosas vilas e cidades acompañados por palleiros auténticos. Bonito mundo.

cãosemdono dijo...

Moi bon o de que o eufemismo non é máis que prevaricación lingüística. En canto ó tema das razas caninas, non está de máis lembrar que todas elas, sen excepcións (e aparte azarosas cuestións fisionómicas, máis ou menos forzadas ou aleatorias) teñen orixe no fenómeno do comensalismo entre os antepasados dos cans e os nosos propios, hai centos de miles de anos, como paso previo á domesticación neolítica. Comensalismo de carroña caseque en pe de igualdade e, en todo caso, en amor e compaña.

juan l. blanco valdés dijo...

Moitas grazas polos comentarios e puntos de vista. Acerca do asunto dos cans, creo que unha anécdota real resume moitos motivos para a reflexión.
Un meu amigo, con casa en Seceda do Courel, paseaba unha boa mañá co seu can de raza pola aldea. Parouse a botar un párrafo cun peisano que coñecía. Cando lle dixo que nada, que saíra a pasear ao can, o cabrón do fulano lle espetou:
-Bueno... Aquí os cans pasean solos.
Sen comentarios.