4.11.17

O tema catalán



Difícil é subtraerse nos últimos meses á tendencia monopolística da atención social e informativa en España (e media Europa). Refírome, claro, ao tema catalán. Non hai reunión, café matinal, xantar familiar, té vespertino, cea de traballo, festa sorpresa,  encontro casual ou conversa laboral que, dun xeito ou doutro, non remate no tema catalán. E, como o tema catalán está absolutamente capilarizado por todo o ancho e longo da vella pel de touro, resulta que hai tomar partido (o cal, dito sexa de paso, a min prodúceme unha preguiza infinita).
Porque o tema catalán xa non é, malia o que quixeran moitos cataláns proclives á autarquía patolóxica, só catalán: o tema catalán é profundamente español e, nas súas orixes, conformación e evolución posterior, remite a claves netamente hispánicas, no fundamental relativas á desproporcionada importancia que, en toda España, concedemos á nosa propia identidade, persoal e colectiva. Un amigo americano mencionoume o estupor que lle produce que en Galicia todo o mundo lle fale de Galicia, sobrevalorando dun xeito, ao seu xuízo, sorprendente a súa historia, as súas lendas, as súas tradicións, que, na verdade, non son nin máis interesantes ca a historia, as lendas e as tradicións de Wisconsin ou Minnesota, coa diferenza de que nos Estados Unidos (dez veces máis grande ca España e con seis veces máis habitantes) a ninguén de California se lle ocorre crerse máis listo nin máis guapo que alguén de Nova Inglaterra, sobre todo porque son cousas que resultan moi pouco prácticas e que, como se adoita dicir, retrasan innecesariamente a hora da cea. 
Eu creo, sinceramente, que Rajoy e Puigdemont son o produto de última xeración dunha retesía histórica que, vaia vostede a saber, ao mellor non ten solución e punto, e hai que roela e non queda outra. Nas súas moi divertidas memorias, José María de Areílza, conde de Motrico, que foi ministro de Exteriores do primeiro goberno da Transición, afirma (en 1976): «A incompatibilidade do español para negociar con outro español é algo visceral que arranca da nosa entraña nacional». Algo disto anda detrás do tema catalán, e, como os ollos do Guadiana que aparecen e desaparecen, a desconfianza do outro, a afirmación obsesiva da identidade propia e o desprezo da condición colectiva, a cal, para xeral beneficio da cousa pública, se nos podería supoñer, van e veñen ciclicamente na historia da pobre España. Cando, tras tantos anos de sangue e sufrimento en Euskadi, pensabamos que o país fluía finalmente cara á concordia e o mutuo entendemento, o lume do desencontro e a carraxe acendeuse de novo.
Hai douscentos anos que Goya pintou a alegoría de dous fulanos que, mentres se afunden na lama, se atizan ben ao seu sabor con senllas trancas. Todo xenio é un profeta.