Mostrando entradas con la etiqueta universidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta universidade. Mostrar todas las entradas

21.5.08

Cousas de hoxe

Querido diario:
Onte, tras unha reunión con certa autoridade académica dunha institución de ensino superior con sede na vila e corte na que se evidenciaron irreconciliables puntos de vista acerca dun mesmo conflito, concluín que unha condición envexable para a práctica da política é ser parvo. Se, nunha estancia na que a luz está acesa, alguén é capaz de manter que a luz está apagada diante de seis persoas que aseguran que, como é obvio, a luz está acesa, e ademais o fai poñendo cara de póquer e arrodeado dunha auréola de empaque e seguridade sobre a física e estados da iluminación, ten moito gañado no terreo da política. Esta autoridade é unha persoa nova, está enfundado nun traxe que a el lle parece impecable, leva gafas de deseño cunhas letras que se len claramente: Givenchy, viaxa en bussiness, ten secretaria, e derrocha azos, enerxías e modos da capital. As seis persoas que o instabamos a ver que a luz estaba (e segue estando) acesa imos un chisco máis valetudinarios e, no percurso desta congostra revirada e fodida que é a vida, fomos trocando azos e ambicións por (perdón) unha certa sabedoría e coñecemento das cousas que, en xeral, vai para alén dos catro tópicos e a cháchara propia cos que se manexan estes neo-tiburóns.
Hoxe, querido diario, a risco de que non esteas de acordo, quero compartir contigo unha inquietante sospeita, que, a estas alturas,para min é case unha constatación: está emerxendo unha nova xeira ou clase ou caste de políticos novos, que, incapaces de xeraren nada propio, suben ao carro do que outros crearon ao longo dos anos e, con entusiasmo e adicación, levan facendo funcionar con eficacia e xeral contento. Molestos polo protagonismo dos lexítimos pais do invento, orientan un esforzo que debera ter mellor destino a parasitar o que eles nin en cen anos serán quen de crear nin xestionar, centrando o seu obxectivo a curto prazo en asumir unha responsabilidade que non lles corresponde e matándose a cobadazos para colgarse medallas e saír na foto. No fondo da paisaxe —sempre— a pasta, procedente, claro, de diñeiros públicos, porque a vida estalles moi achuchadiña. É unha calamidade. Un mal endémico máis desta sufrida empresa pública na que, contra a percepción maioritaria, tantos traballamos como se fose privada.
Calquera día bótome ao monte (e non é a primeira vez que o advirto).

4.4.08

Recados e polinomios

Que a intelixencia é selectiva é unha verdade histórica, con magnífico e fiel reflexo nunha sentenza que hoxe —en ás do bo humor primaveral que estimula a bonanza climatolóxica— regalo a todos os curiosos visitantes destas páxinas: Un pode ser moi listo para os polinomios e moi tonto para os recados (e á inversa, claro).
A estas alturas da existencia, teño para min —laboralmente arrodeado, como estou, de xentes ben listas para os polinomios— que, por regra xeral, proporciona mellores resultados na vida ser máis listo para os recados, aínda que, como resulta evidente, o ideal está en equilibrar a listeza nos dous eidos.
Arrimando el ascua a mi sardina, a experiencia editorial diaria nunha universidade invoca de xeito permanente a pregunta de cómo auténticos virgueros dos polinomios poden facer tan mal os recados. E non falo de deformación profesional nin altos coñecementos técnicos. Imaxinen a un autor a quen se lle pide unha semblanza bio-bibliográfica, destas típicas para as lapelas dun libro con publicacións, liñas de investigación e tal, e envía un folio e medio, contando onde fixo o bacharelato e dando a relación completas das teses que leva dirixidas. Ou outro que envía para a súa maquetación nunha revista o artigo ¡¡en .pdf!! Non saben que mal trago que se pasa ao intentar disimular unha evidencia abochornante cando se lle comunica ao autor en cuestión a imposibilidade de manipular un formato de só lectura, e o autor retruca Ah, claro! Nunha ocasión pedín unha foto a unha autora para a primeira lapela do seu libro. Colleu unha foto de carnet, pegouna a un folio A4 e ¡escaneou todo o folio! Imaxinen a resolución da imaxe.
As cousas que un autor pode enviar cando se lle fai a suxerencia de que propoña unha imaxe para a cuberta do seu libro resultan, en ocasións, absolutamente inverosímiles, e un a duras penas mantén o tipo para disfrazar con elegantes razoamentos técnicos o que son propostas absolutamente disparatadas. A este respecto, por certo, é algo significativo do traballo en edición universitaria que, en aras non só da cortesía senón por estarmos afeitos a un rexistro lingüístico capaz para a expresión de conceptos especialmente elevados e sutís, usamos de elegantes e sofisticados circunloquios para cousas que se poden dicir de xeito, digamos, máis contundente. Un bo amigo, profesor desta casa, home directo máis avezado a probetas, bichos e microscopios ca a sutilezas de humanista, deume a medida nunha ocasión en que, nunha reunión, me refería eu ás escasas calidades de certo orixinal:
-Eu opino que, con outra redacción, o texto podería ser de lectura máis fluída, tendendo tal vez a evitar sufrimentos innecesarios ao lector. A bibliografía podería completarse con achegas recentes que non aparecen, o epigrafado, no seu estado actual, resulta confuso e, por outra parte,…
O meu home cortoume en seco:
-Ti o que queres dicir é que o orixinal é unha merda, non?
Non puiden máis ca asentir.

17.12.07

Dez ideas alleas sobre a actitude dos políticos de hoxe

O amigo Apicultor, asiduo destas páxinas —duro crítico por veces, pero sempre cortés e construtivo— deixaba hai uns días un comentario sobre un post no que eu salientaba certas declaracións da señora Conselleira de Educación deste noso paisiño. O comentario do cultivador de abellas ao fío, que adoptaba a forma dun decálogo sobre o atrezzo actitudinal dos máximos responsables públicos en materia de educación pareceume tan atinado e completo, que pensei sería mágoa non relevalo a un post que o fixese máis público e notorio. Fícame a sospeita de ata que punto este breve ideario é extensible a todo político à la mode, sexa cal sexa o seu ramo. En fin.
Co permiso de Api, e o meu agradecemento, aí vai.
a) Non tomar o touro polos cornos, senón acariciarlle o rabo.
b) Buscar a aprobación do electorado con promesas ou anuncios demagóxicos e puerís (a última de IU é de nota!).
c) Botar balóns fóra e escaquearse ante os problemas graves.
d) Ir tirando até a próxima lexislatura e a ver se sigo no cargo.
e) Presentar unha realidade maquillada e marabillosa, aínda que se vaia pudrindo pouco a pouco.
f) Cargar todas as responsabilidades no profesorado e ningunha no alumnado nin nos pais.
g) Buscar a axuda cómplice dos equipos directivos oportunistas e de profesores aduladores.
h) Non tomarse en serio a preparación do profesorado ante os retos presentes e futuros.
i) Non reciclar nin mellorar os servizos de inspección educativa, adoito cheo de incompetentes e vagos.
etc., etc.

11.12.07

...non ten cancelas

Hai unha característica anexada ao exercicio da política nos tempos que corren, que non sei se relacionar coa incontinencia verbal, coa incapacidade de discernir claramente a realidade, ou cunha combinación destes dous factores. Ben sei que os medios de comunicación son mestres en descontextualizar e/ou terxiversar o que se di. De maneira que, ao que segue, quero concederlle o beneficio deste escrúpulo, que se non… En fin, xulgue por vostede mesmo. A entrevista coa Sra. Conselleira de Educación da Xunta publícaa o xornal El País o pasado día 9. Reproduzo un par de pérolas cultivadas.
Pregunta: ¿Pero se estudia siempre en la universidad para trabajar en algo relacionado con esa carrera? ¿Lograrán las titulaciones de Filosofía o las Filologías cumplir ese requisito?
Resposta: En EE.UU las empresas de bioinformática contratan a filósofos o a humanistas.
[…]
P.: Otro requisito [do EEES] será un número máximo de años para que los estudiantes terminen la carrera. ¿No puede llevar a los centros a bajar el nivel para aprobar a más gente?
R.: No porque va a haber una evaluación y se verá que resultados alcanzan esos titulados en el ámbito profesional. Se les preguntará: “¿Dónde están sus titulados? ¿Están al frente de una gran empresa? ¿Tiene usted algún Premio Nobel?”

"Con dos narices" (por non ser procaz).

10.10.07

Inmanencia

Por dúas vías diferentes -a docencia e a edición- chego a un pensamento reconfortante: hai en todo proceso de cambio, por moi revolucionario que este sexa, un elemento troncal, transversal, inmanente. A primeira destas vías foi unha conversa estimulante e rica de matices cun profesor compostelán de Dereito e compañeiro de angueiras titoriais na UNED en Pontevedra. O outro camiño foi a lectura do artigo, documentado e contundente, «Edición 2.0» de autoría de Joaquín Rodríguez ―director do Máster en Edición Universidad de Salamanca-Grupo Santillana― publicado en Trama y Texturas (vol. 2 , maio de 2007, pp. 41-47).
Na conversa convíñamos o meu colega e eu en que por moitas novas tecnoloxías (por certo algunha vez haberá que pensar en deixar de chamarse novas, pois de novas teñen xa ben pouco), por moitas novas tecnoloxías, digo, aulas virtuais e pizarras dixitais interactivas, que estean sinalando, modelando, ou aínda determinando o rumbo do ensino e a actividade docente (aínda non hai moito falábase nestas páxinas destas tecnoloxías), a interfaz profesor-alumno (id est, ser humano-ser humano), que interactúan (id est, falan-escoitan-reflexionan-respostan) ten un estatuto de vixencia asegurado, quero crer que por moitos anos. Non hai internet, pizarra dixital nin videoconferencia que substitúan a calidez e cercanía das palabras dun profesor. E o digo tras 22 cursos como profesor-titor da maior universidade española (a UNED).
No artigo, Joaquín Fernández alude a un argumento ao que eu mesmo me teño referido. Di: No sé quién fue el genio capaz de transformar las señales analógicas en digitales pero sí que Tim Berners-Lee realizó una labor equiparable a la que Gutenberg realizara cinco siglos antes: poner al alcance de una comunidad los medios para acceder de manera sencilla a la información. A artillería tecnolóxica constituída por ciclópeos repositorios de contidos textuais, a bulimia digital (di Rodríguez) de mastodónticas bibliotecas on-line, corporacións internacionais de protección de dereitos de edición dixital, directorios abertos de acceso científico… (todo o que Rodríguez denomina Edición 2.0, en analoxía con Web 2.0), pode sumirnos a editores e lectores, sobre todo aos que vimos da pizarra, o pizarrín e a Encicliopedia Álvarez nun marasmo de dúbidas e confusión. E, sen embargo, todo se reduce, de novo, a unha interfaz inmanente: alguén que crea texto-alguén que edita texto-alguén que le texto.
Non desconfío das novas tecnoloxías nin son pesimista respecto delas. Ben en troques: cada día intensifico máis o seu uso e admiro, en consecuencia, as súas ilimitadas capacidades. Pero creo, polo mesmo, que cada vez vai ser máis conveniente e aínda necesario apelar a todo aquilo do que é capaz a natureza humana e nunca farán os bits. Entre Gutenberg y Berners-Lee haberá un espazo no que acharse cómodo, digo eu.

24.9.07

Presencialidade virtual

Asistín recentemente a unhas xornadas técnicas sobre a nova arquitectura tecnolóxica para a tutorización virtual síncrona que o organismo correspondente está implementando, pouco e pouco e con sólidos alicerces, na UNED, en cuxo Centro de Pontevedra son profesor titor dende 1985. Sen que tal cousa poida atribuírse a unha intelixencia superior senón a unha mera especialización profesional, non me considero ningún profano no eido das novas tecnoloxías e, polo tanto, poucas cousas xa poden neste terreo sorprenderme. E, nembargante, a plataforma que nas devanditas xornadas se nos amosou é simplemente acojonante. Non vou entrar en excesivos detalles da ferramenta docente audio visual sobre tecnoloxía I[nternet] P[trocool], AVIP, nin nas inmensas potencialidades da Pantalla Dixital Interactiva (PDI). Abonde dicir que a filosofía da presencialidade virtual –aparente paradoxo ou contradictio in terminis– xorde da ilimitada capacidade de integración de dispositivos locais e remotos para unha interacción persoal na docencia, que, sen dúbida, está prefigurando un novo escenario, que, doutra banda, acae de xeito moi elegante á filosofía do EEES, que renuncia á clase maxistral a prol do seminario interactivo. Un bo amigo e colega contoume ao respecto que o seu fillo, Erasmus na Universidade de Boloña –onde se ubica unha das máis prestixiosas Facultades de Dereito de Italia e de Europa– tiña en certas asignaturas por profesor un monitor TFT de gran tamaño ubicado na tarima profesoral da aula.
Teño reflexionado sobre a (r)evolución tecnolóxica da que vimos sendo testemuñas –e tamén protagonistas– nun artigo, de título creo suficientemente suxestivo: Do pizarrillo a Google. Comparando o outro día as abrumadoras capacidades da pizarra dixital interactiva co encerado clásico, coa súa tiza e borrador, e esa sensación tan cara a todo docente (fóra alérxicos) do po de xeso nas mans cando remata a clase, matino na bondade e maldade das mudanzas nas relacións interpersoais clásicas debidas ao rodillo tecnolóxico no que vivimos. En si propia, a tecnoloxía non é boa nin mala, pero, claro, unha cousa é a fisión atómica e outra Little Boy. Do que non cabe dúbida é de que estamos xa, no que fai á súa implantación e uso, nun camiño de non retorno. Agardemos que este conduza a bo termo e non sucumbirmos aos moitos espellismos que nos agardan.

30.10.06

Nas marxes do quiosco


Un coñecido universitario e intelectual dixo hai anos que a edición universitaria -entendendo por tal a que se fai nas universidades- vivía unha existencia catacumbática. Eu teño reflexionado sobre este particular e concluído, en liñas xerais, que, malia todos os esforzos de modernización, profesionalización, racionalidade e mellora na distribución das editoriais universitarias españolas nos últimos anos, hai un espazo natural para a edición universitaria que non ten, nin pode ter, intersección coa actividade da edición comercial, que persegue, ao cabo -e con independencia do fin cultural que indubidablemente ten- un ánimo de lucro. Ora, ese espazo natural non ten por que ser unha turris eburnea sen comunicación algunha co exterior nin moito menos unha catacumba, como máis radicalmente quería o meu devandito pensador. Combinar, polo tanto, a prestación dun servizo de alto contido científico, asegurando a súa transmisión entre emisores e receptores moi especializados, cunha produción e comunicación cultural de índole máis divulgativa, e para destinatarios non tan restrinxidos debe ser- de feito vén sendo- a dirección correcta para a edición universitaria. Así é que na Universidade de Santiago, a carón de coleccións de alto nivel científico, edítanse outras como a Biblioteca de Divulgación, Serie Galicia, revistas de creación poética como Dorna, ou series de traducións a galego de grandes Clásicos do Pensamento Universal, que procuran -e cumpren- un labor de difusión e animación cultural moi recoñecido e varias veces, mesmo, galardonado.
Esta breve reflexión quere servir de introito á reportaxe que o portal da cultura galega publica sobre as revistas académicas e científico-técnicas que se editan no país baixo o significativo, e moi atinado, título de Nas marxes do quiosco. É moi de agradecer a intención de divulgar un labor, anónimo, complexo, moitas veces ingrato, pero que non obstante representa un contributo socio-cultural imprescindible.

19.10.06

Mal debe andar a cousa...


Pero, tan mal coma para celebrar un congreso?

11.9.06

Máster en Edición


O prazo para a inscrición no III Máster en Edición-III Curso de Especialización en Edición da USC-Xunta de Galicia remata o vindeiro 30 de setembro.
O Xornal electrónico da USC e La Voz de Galicia recollen a nova.

17.7.06

Senín


Alégrame moito atopar en Brétemas un post en homenaxe de lembranza e gratitude a Xavier Senín, ata hai uns días Subdirector do Libro e Bibliotecas da Xunta, e tamén de inquedanza pola súa remuda.
Non adicar tamén neste local unhas liñas de recoñecemento ao labor e dimensión humana e profesional de Xavier sería inxustificable. Coñecín persoalmente a Senín cando me encargou para a colección da Xunta “A nosa memoria” unha pequena biografía de Blanco Torres. Dende entón, nunca perdimos contacto, aínda nos últimos anos acrecentado coa estreita colaboración na organización do Máster en Edición, do que eu son secretario e el co-director xunto con Mercedes Brea. Sigo regularmente a súa columna semanal en El Correo Gallego, da que gusto moito pola frescura e proximidade no tratamento dos temas, case sempre relacionados non con grandes e trascendentes asuntos senón coa vida cotiá e as pequenas cousas que, ao cabo, definen a nosa existencia.
Do seu labor durante 18 anos (dende a etapa de conselleiro de Alfredo Conde, se non erro) á fronte da máxima responsabilidade do libro en Galicia, fica unha executoria de entrega e compromiso que ninguén discute.
Mudando cara ao positivo aquel comentario tan malévolo de Churchill sobre un deputado laborista, eu creo que Xavier Senín é un home humilde sen ningunha razón para ser humilde.
Obrigado, Xavier, por honrarme coa túa amizade.
P.S. A foto é de Brétemas.

14.6.06

III Máster en Edición


A Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia convocan o III Máster en Edición 2006-08 - III Curso de Especialización en Edición 2006-07. O prazo de preinscrición ábrese o 5 de xullo. A matrícula: 2000 euros (Máster); 900 euros (Curso). A web do Máster aínda non está totalmente actualizada (axiña o estará).
Contacto: Secretaría Técnica do Máster. master.edicion@usc.es; 981 563 100, ext. 11909 (Antonio Guiadanes, mércores de 10:30 a 12: 30 h.).
A nova en El Correo Gallego.

5.3.06

Humanidades


Estes últimos días cambiei impresións con varias persoas de criterio rigoroso acerca da tan actual crise das humanidades (a cursiva indica o que hoxe é un clixé conceptual). O meu amigo, profesor de Lóxica na Facultade de Filosofía compostelá (e compañeiro de fatigas titoriais no Centro da UNED de Pontevedra) Alejandro Sobrino, intelectual repousado e de opinión sempre reflexiva, é pesimista: a obrigada converxencia universitaria europea, o deseño dos planos de estudo, a ausencia practicamente total de transversalidade dalgunhas materias de humanidades (lóxica, filosofía… tan necesarias como alicerce de tantas cousas), a escasísima importancia concedida ás humanidades polos propios gobernos universitarios e autoridades en materia de educación secundaria e superior (lémbrese, por exemplo, a aniquilación do latín: para que demo serve o latín?) son síntomas evidentemente preocupantes. Dicía que Alejandro Sobrino é pesimista e lembro aquilo de que todo optimista é un pesimista mal informado. É obvio que os tempos non son bos a pouco que se mire arredor: a plutocracia social imperante (a obsesión polo diñeiro en España, con todo, é algo anormal, obviamente relacionado co feito de que hai corenta anos eramos uns miserables) converte en inútil todo empeño, todo estudo que non teña unha tradución rápida como fonte de diñeiro (isto é, de acceso ao consumo). Eu quero crer, aínda así, que terá que seguir habendo quen ensine a Platón (foto), o aoristo ou os adxectivos de tres terminacións (bonus, bona, bonum).
Nesta conversa con Alejandro participou tamén Marisa Melón, directora do Servizo de Publicacións da USC -onde traballo-, amiga da alma e colega queridísima, quen introducía un punto de reflexión moi suxestivo: a irrupción de Asia, como protagonista de primeira orde, no actual escenario social, económico e financeiro internacional deseña unhas perspectivas de futuro para Occidente, non sei se boas ou malas, pero de certo que de gran calado. Apuntaba Marisa precisamente o tremendo papel que no weltanschauung destas civilizacións e culturas teñen as humanidades e o pensamento (a filosofía, a lingua, a arte...).
Interesoume moito o punto de vista do profesor da Universidade de Roma Tor Vergata, especialista en escritura e edición dixital e en web, Domenico Fiormonte -autor do excelente tratado Filologia e scrittura nell'era digitale-, que, xa por segunda vez, pariticipou como docente no noso Máster en Edición. Domenico está convencido de que a web e a edición dixital, lonxe de representaren un perigo para a tradición humanística, supoñen proporcionar a esta novas bases e novas canles de desenvolvemento. Se en época tardolatina e medieval foi o pergamiño o soporte amanuense da transmisión humanística (grazas á cal, por certo, hoxe sabemos quen foi Platón), hoxe é o blog no que escribo: caracteres carolinxios por bitios; a rugosa pel do carneiro trocouse no papel impreso do humanismo (Lutero sempre lembraba, agradecido, nos brindis a maese Gutenberg), e o papel na globalidade planetaria destas liñas, que poderán ser lidas en calquera punto da Terra en canto as publique.
Mercedes Brea, amiga e paisana da Estrada, catedrática de Filoloxía Románica e eximia filóloga, co-directora do noso Máster e tantas cousas máis, coincide con Domenico no seu punto de vista. Non hai que negar o avance dos tempos; antes ben, debemos poñer todo da nosa parte para axeitar a riquísima tradición humanística e filolóxica de Occidente ás inmensas potencialidades do mundo dixital. Eu argumentei que, en calquera caso, na evolución do pensamento non existe solución de continuidade: cómpre, polo tanto, seguirmos cultivando o fondo, e deixar que as formas evolúan segundo os tempos. Os modi dos tomistas, a separación entre trivium e quadrivium (Mercedes Brea comentou, con ironía, cánto se gañaría de volvermos a eles)... deron paso a novas formas de concibir, tratar e transmitir o coñecemento. O Humanismo preconfigurou o Racionalismo e a Ilustración, e na Revolución Francesa se sentaron as bases do pensamento moderno. Ao cabo, da man da revolución dixital, estamos asistindo a outra mudanza, que, de todos depende, pode ser altamente suxestiva e enriquecedora. Sobre a crise, por tanto, das humanidades, pensemos que o propio vocablo crise provén do grego, onde siginfica 'cambio'. Nin máis nin menos.

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.