Mostrando entradas con la etiqueta sociedade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta sociedade. Mostrar todas las entradas

14.11.08

Animalitos

O que segue é o texto da convocatoria que dende o Consello da Xuventude de Galicia se fai para o I Certame de relatos curtos «Amigos para sempre». Ad pedem litterae:
Con este concurso desexamos contribuír á transmisión entre a mocidade de valores de respecto ao medio ambiente e aos animais. Coñecedores da falta de concienciación que existe neste eido en moitos ámbitos da nosa sociedade, e da importancia que ten a educación na configuración dos valores e no cambio de actitudes, formulamos como un dos nosos obxectivos crear espazos nos que teña lugar o pensamento e o debate sobre a nosa relación cos animais non humanos.
Esta última especificación ingresa directamente, con posto sobranceiro e nomeado, nos anais da estulticia patria. É urxente recuperarmos a sensatez na vida pública.
Polo demais, a cousa dá para un interesante xogo de extrapolacións, especialmente sobre o trato que, de costume, se lles depara aos animais domésticos non produtivos no noso medio rural (sen dúbida, unha razón máis para exacerbar o orgullo polo país e facerme aínda máis nacionalista). Con todo, tampouco hai que esaxerar. Sei de xente que garda unha extraordinaria relación cos animais non humanos e é magoa que non participe no certame "Amigos para sempre" contando a súa particular experiencia.
Por exemplo, a daquel que vai cun amigo paseando polo monte e, atopando un enorme carballo, detense e comenta:
-Home, que lembranzas tan acojonantes me trae este carballo. No pé deste carballo tiven eu a miña primeira relación sexual. E coa nai dela presente!
O outro, asombrado, exclama:
-A nai dela presente! E non dicía nada?
-Si, dicía: Beeeeeeee! Beeeeeee!

7.11.08

Primum vivere, deinde... amare

El hombre por dos cosas se mueve; la primera
por el sustentamiento, que la segunda era
por haber juntamiento con hembra placentera

deixou escrito o mundano e desconcertante alcipreste medieval que cantou o buen amor. En efecto, como a la fuerza ahorcan, e malia que tiran máis dúas… —hoxe vai a cousa de paremioloxía—, o primeiro é o primeiro: primum vivere, que dicía o outro. Soben as hipotecas, soben os trabucos, sobre Fenosa, sobe o combustible, o carro da compra; non hai carto que chegue e a incerteza máis agoniante apodérase dos empresarios, industriais e comerciantes. Como nas máis apocalípticas crises de tempos pasados —nihil novum, na fin de contas—, videntes, ocultistas, adiviñadores e zahorís de toda laia aprovéitanse e fan o agosto.
O título daquel disco de El último de la fila vén que nin "pintiparado" para os duros tempos que vivimos: Cuando la pobreza entra por la puerta, el amor salta por la ventana. Resistan, resistan que xa virán tempos mellores (vamos, digo eu).
Lembran o final de La colmena de CJC?: ¡Dios nos coja confesados!

4.11.08

Unha mani


O lema baixo o que a CIGA convoca unha mani para o día 13 A crise que a pague o capital— ten un sabor estrañamente anacrónico, de instigación clandestina e subterránea, coma un anarquista fardado de negro paseando a fumigante bomba polos sumidoiros da cidade. En tempos en que todos vivimos tan reconciliados cun consumismo compracente e, ata agora cando menos, de capital saneado, revestir a este de novo coas roupas do acérrimo inimigo a bater semella, como digo, un tanto anacrónico e mesmo fóra de lugar. Non negarei, porén, que aprecio, mesmo con saudade, o regusto a gauche divine que o lema deixa. Retrotráeme, polo demais, a tempos —o tempora!— nos que criamos xurdiamente podermos cambiar o mundo en interminables conversas baixo a luz dun flexo cutre e entre mestas nubes de fume de Ducados, ou decorando a golpe de spray as paredes nocturnais con consignas incendiarias. En certa ocasión, unha persoa moi querida e próxima, daquela adscrita a unha atrabiliaria -e máis ben minoritaria- asociación de extrema esquerda denominada Información Obreira, fixo unha pintada na que, sen dúbida a causa das présas e a tensión do momento, as liñas aparecían caprichosamente aliñadas de xeito que, contra a vontade do pintador, o que se lía era: O CINTURÓN QUE O APRETE INFORMACIÓN OBREIRA. O PATRÓN. A visión de futuro que, involuntariamente, a consigna acadou rematou por convertela nun clásico.
Trinta anos despois, nestas seguimos.

31.10.08

Naufrajamos con a lengüa jalleja

Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras.
En uso da palabra: Sr. Touriño, presidente da Xunta. Á esquerda (máis ou menos debaixo do c de embarcámonos): Sra. López, secretaria xeral de política lingüística.
Que argumentos verbais acerca da realidade sociopolítica do galego en Galicia poderían substituír esta fastuosa vista?
Rir? Chorar? Todo isto é unha tráxica pallasada (valla o paradoxo).

21.10.08

Cousas que perdimos no lume

O malo de todas estas estériles liortas lingüísticas do país ―e coa que está caendo!― é o que deixamos no camiño, as ―por dicilo ao xeito dunha extraordinaria película que vin hai pouco― things we lost in the fire, na queima. E así, moitos esquecemos, ou agochamos, canto lle queremos ao castelán, ou español ou como queiran, aínda que supoño, claro, que tal vez as razóns que inspiran os meus afectos inspiran noutros xenreiras e rancores.
En español pedía eu os chicles bubble-gum na confitaría La Palma da miña vila e os pasteis os domingos. En español lía as historias de don Pésimo e don Óptimo, de Raf; de Anacleto, do gran Vázquez; de Pepe el Hincha e don Pío, de Peñarroya e as trasnadas dos míticos xemelgos perante as que don Pantuflo Zapatilla, dignísimo Catedrático de Colombofilia, reaxía con enorme dignidade. En español enfrontaba as leccións de literatura española do libro de Ramiro de Sas Murías e Gonzalo Torrente Ballester (que, por certo, agora, con Fundación e todo, parece o adaíl do progresismo). Aínda agora ―dita sea, esta tendencia á morriña― teño que disimular un estremecemento de lembranza cando miro a miña vella enciclopedia Álvarez con aquelas deliciosas caligrafias e definicións, algunha das cales pasou xa á categoría dos clásicos: Oración es la expresión de un pensamiento completo. En español viñan os libros con «santos» nos que malpintabamos un cigarro macarrónico a don Félix Lope de Vega y Carpio, gafas de sol a William Shakespeare ou un ollo morado a Hartzenbusch. En español pedinlle para saír a miña primeira moza e redactei logo apaixonadas cartas de adolescente.
En español veño de ler hai pouco El jardín de los frailes, de don Manuel Azaña, adicado, por certo, ao seu cuñado Cipriano de Rivas Cheriff. Un libro denso, difícil, cheo de arestas e recantos que, por veces, non é doado dobrar. Pero, alén da anécdota literaria concreta ―á que outro día dedicaremos máis afán― a obra é un deses monumentos de lingüística pureza, estilo e maxestade, que lle fan a un tirar o chapeu e exclamar: ¡coño, qué idioma!
Hai algún tempo unha representante desta patulea de fanáticos, tan sectarios coma pouco intelixentes, que menudea polo país, díxome que a nivel lingüístico (como odio esta expresión!) eu estaba colonizado. Repliqueille que, sen dúbida, colonizoume a miña nai, que é natural de Plasencia, provincia de Cáceres.

16.10.08

Intelectuais? Lagarto, lagarto!

Abundando no post anterior sobre o riscos intrínsecos de exercitar en exceso a musculatura intelectual, o outro día, mentres folleaba un xornal gratuíto, a vista, en combinación coas rutinas mecánicas da lectura, xogoume unha mala pasada. Leo:
Creado un centro de internamiento y atención permanente para intelectuales.
Sapristi!, exclamei alarmado; a isto chegamos? Claro, tarde ou cedo tiña que pasar. É a vixilia excesiva da razón, e non o seu sono coma quería don Francisco aragonés, a que produce monstros, ata o punto de precisaren xa internamento e atención permanente os infelices cultivadores do intelecto, enfrontados a un labor tan ingrato coma socialmente estéril. Finalmente convencidos os poderes públicos da súa absoluta inutilidade, deciden recluír a tan perigoso grupo para o someter á máis estrita vixilancia, impedindo así unha influencia social moi nociva.
Alelado, perdido neste torrente de escuras reflexións, unha segunda lectura máis atenta tranquilizoume: Creado un centro de internamiento y atención permanente para discapacitados intelectuales. Carallo, isto é outra cousa. Pero, non se fíen: o día menos pensado…

14.10.08

A nova: doce artistas homenaxean a vaca galega como símbolo cultural nunha exposición celebrada baixo o título «Mú».
O financiamento
: Xunta de Galicia e Concello de Santiago.
O comentario
: vá por dios.
A miña suxestión para homenaxes futuras a outros símbolos culturais
: o can de palleiro; o porco; a galiña e o galo; a carne ao caldeiro; os pavóns do millo; as preas rebentadas nas carreteiras; os palafitos; a pataca; o escarabello da pataca; Jayoso; o Luar; os somieres pechando as leiras; as lavadoras tiradas nas cunetas; o neto da tía Balbina; a pucha; o alcolito; as silvas; a licencia para jalpón; o zaragozano; o jerés quina; as bolsas azuis de plástico; os tonechos.

13.10.08

What crisis?

Hai uns días un visitante anónimo deste local atemperaba cos seus incisivos e intelixentes comentarios o meu espírito apocalíptico -un mal día teno calquera- a respecto da actual crise. Alén de permitirme comprobar o nivelaso dalgúns transeúntes por este fragmentario ciberespazo, os argumentos do comentarista servíronme de reflexión para convir que en efecto, tal e como tan poeticamente vaticinou don Antonio e cantou don Joan Manuel, todo pasa y todo queda, pero lo nuestro es pasar, etc. Sairemos desta e, con seguridade, doutras aínda peores. Ademais, non hai crise que poida connnosco mentres todo, ata os máis negros agoiros, se atenúen coa nosa irrefrenable tendencia á carallada, enxebrísimo especime léxico absolutamente intraducible nas súas finas capas de semántica patria. Comentábame unha boa amiga que nunca, nunca en moitos anos de visitas anuais regulares, recordaba o San Froilán de Lugo coma este ano, o ano da crise: bares, restaurantes, carpas, hoteis, turismo rural, fondas e pousadas de varia pelaxe petados; marés humanas dispostas a esquecer ou afogar a crise naquilo que, iso si, ata nos máis tráxicos momentos, é irrenunciable: a carallada.
Será que pode ir o mundo abaixo pero o pulpo no San Froilán non hai quen mo quite? Será hedonismo ou inconsciencia? Será que, no fondo, seguimos sendo un país de novos ricos afeitos aos máis grandes derroches cando toca apretar o cinturón e nos abafa o pundonor do aforro? Unha anécdota, case perdida na artesa sen fondo da lembranza, fíxome recuperar ese senso noso da vergoña ante a contención do gasto (algo que os anglosaxóns descoñecen, por certo).
Cando nos anos da primeira transición eu militaba na Xuventú Comunista de Galicia puxemos un día de feira na vila unha mesa informativa con moito alarde de fouce e martelo, bandeiras vermellas e unha porción da quincallada de agitpro de entón, entre a que sobranceaba unha morea de pegatinas, todas iguais, co símbolo do partido. Alí se achegou un fulano do pueblo que eu coñecía ben, que conducía unha camioneta dun negocio de patacas dedicado á carga e descarga en sacos de tan alimenticio xénero. O bo do tipo, prístino representante da máis crasa ignorancia en habelencias socio-políticas que entón era norma no país, dirixiuse a min e preguntou polo prezo das pegatinas. Cando eu lle respostei que eran a peso, e persuadido o home de que sería botado a tanazas por facer pouco gasto, espetoume:
-Bueno, pois dame vinte pesos delas.
O gicho, levou, xúroo, vinte pegatinas iguais. Tería con quen repartilas.

2.10.08

Zonas intermedias

Percíbome cada vez máis blindado nunha sorte de elitismo sociocultural, blindaxe que, por certo, non me gusta moito pero á que irremediablemente me empurra a terca realidade circundante. É deplorable comprobar como a peña funciona maioritariamente a base de lugares comúns —cocidos polo xeral na TV, na radio ou nos xornais—, etiqueta sectariamente ás persoas e desenvolve unha actividade —moito peor se tal actividade é pública— co único estímulo do politicamente correcto, ponderando con todo o coidado o que fan ou din na resposta que o que fan ou din produce nos medios de comunicación, preocupación esta última hoxe pandemicamente obsesiva. Fronte a tan tremendo panorama, o meu elitismo, supoño —e o digo co ánimo menos elitista do mundo— baséase na independencia das ideas, no radical rexeitamento do sectarismo, no convencemento de que todo ten zonas intermedias e de que, por baixo do discurso politicamente correcto, non hai moitas veces máis ca tópicos e frases feitas, no mellor dos casos, e, no peor, a máis crasa indocumentación. Aquí equivócase todo, mestúranse churras e meiriñas, vívese a lombos dun progresismo de guardarropía e o pensamento e a reflexión son de tan baixa calidade que —como lóxica inferencia— o que se di e o que se escribe dá medo. Para mostra un botón (acaso un chisco extremo).
Vou dar un exemplo do que digo. Atopándome en ocasión de desfacerme de varias bolsas de roupa usada, pero en bo estado, póñome en contacto telefónico cos servicios sociais do concello no que vivo. Unha voz feminina indícame que preto do centro social hai un contáiner ao efecto. Como bo cidadán, cargo as bolsas no coche e diríxome ao punto indicado. O espectáculo de bolsas rompidas, de roupa reseca e podrida ateigando a teórica pero invisible entrada do contáiner é desolador, lamentable, repulsivo. No pé e arredor do enorme contedor máis bolsas de roupa aínda máis podrida e reseca. A sociedade civil.
Ao día seguinte diríxome coas bolsas ao cottolengo do Pai Alegre en Compostela. No gran hall do cottolengo recíbeme unha monxa de manual: contra os sesenta e tantos anos, gafas de cu de botella, pulcra, de pel finísima e arrugada. Dende un recanto da instalación, sentadas nun banco e ataviadas coas clásicas batas de guatiné, tres ou catro mulleres de idade provecta e un retraso mental obvio debuxado nas súas faccións, observan a operación. Cheira a legumes fervidas e produtos de desinfección. Para o descargo das bolsas, as monxas teñen disposta ata unha pequena cuña que atranca a porta. A sor explícame, con esa fonética monxil tan característica, que lavan, desinfectan e empaquetan coidadosamente a roupa. A que lles serve para as súas internas queda alí e a que non se va para las misiones. Cando remato tomo cordialmente a man da irmá e lle dou as grazas polo gran labor que desenvolven. Ela indícame que non llas dea a ela, senón a Xesús Noso Señor. A punto estou de lle indicar que, por favor, llas dea ela da miña parte porque eu non o trato, pero calo. A boa monxa indícame que elas son felices así, e engade que cre que hoxe debe ser moi difícil ser feliz ahí afuera [sic].
Cando marcho, penso que o interior do cottolengo é outro mundo, descoñecido, socialmente case marxinal, sen o máis mínimo recoñecemento colectivo. Polo que sei, a institución —adicada a acoller mulleres con deficiencias mentais e sen recursos— non ten a máis mínima subvención pública.
Hoxe o que funciona, o que viste politica e mediaticamente, é que a cousa remate en sen fronteiras. Imaxinan a Pérez Touriño visitando o cottolengo ou a cociña económica? Inimaxinable. Non vaia ser…
O máis acojonante do caso é que, moitas veces, os máis duros críticos contra a institución católica están casados pola Igrexa, bautizan os seus nenos e fanlles a primeira comuñón. Ningunha destas circunstancias é, por certo, o meu caso. E digo isto último para que se me entenda.

30.9.08

Isto rebenta!

Contan que un multimillonario norteamericano dos anos vinte, sentíndose o home altruísta e con gana de desenvolver un desinteresado mecenado cultural, preguntou a certa autoridade académica de Oxford cal era a receita para ter unha universidade así. O bo do reitor británico lle respostou que, para un home de posibles, era sinxelo: dotar de edificios un campus; enchelo de dependencias, laboratorios, residencias, aulas; deseñar un plano de estudos; contratar profesores e… agardar mil anos.
Non hai nada, en efecto, que poña as cousas no seu sitio coma o tempo, ese mestre sabio, invisible, que, contra vento e marea, moldéao todo e acomoda xentes e cousas, pedras e herbas, mares e montañas ao seu destino inevitable. A historia, que é unha porción de acontecementos variados cos que, para explicar a súa inmensa vastedade, as persoas vestimos o tempo, amósanos, neste sentido, unha eterna lección de circularidade. Nihil novum sub sole quixo o latino. Canta razón tiña! Colla vostede unha moeda de 20 cts. Vale, pois, iso, vale o que custa: 20 cts. Agora agóchea baixo terra, e como coa Oxford University, deixe que lle pase o tempo por riba. Dentro de cinco mil anos, se alguén a atopa, xa non é unha moeda, é historia e o seu valor incalculable.
Na perspectiva histórica nada hai, en efecto, de novo baixo o sol e todo xira e evolúe sen solución de continuidade. Resúltanos imposible porque é agora cando o estamos vivindo, pero, quen sabe se dentro de mil anos, o crack de Wall Street e o buraco sen fondo de Lehman Bros. serán interpretados como os signos da vindeira e insoslaiable apocalipse. De por parte, teño a sospeita (e o medo, máis polos meus fillos ca por min mesmo) de que isto, amigos, non dá para máis. A voracidade deste enlouquecido capitalismo de todo vale, a prédica neoliberal de sálvese quen poida e o que non que se joda están, tal vez, escribindo os compases para que cisne lle cante á «civilización occidental» (e máis altas torres teñen caído, como ben nos ensina Dª Historia).
Tense ao emperador Tiberio, cáncamo e bujarrón, illado na voráxine de vicio que Capri lle proporcionou, como o símbolo preclaro de descomposición dun imperio centenario, que, na súa decadencia espesa e case sólida, anunciaba a oportuna e balsámica profilaxe do cristianismo. Historia.
Acaso que unha bufanda de Prada custe 400 euros ou que a clienta da petshop estea seriamente preocupada pola halitose do seu gato, nun planeta no que tres cuartas partes da poboación se revolven na miseria e sobreviven á enfermidade e a fame, sexan o síntoma co que a historia xulgará dentro de mil anos a decadencia irremediable na que habitamos.

24.9.08

Fallos fallidos

Na desavinza xerada pola impugnación do Premio de poesía González Garcés a D. Eduardo Estévez por parte de D. Xavier Lama, distingo dous aspectos diferentes: o persoal e o estritamente normativo-xurídico.
No persoal, estimo que, nas nosas relacións sociais en xeral, é inevitable ponderarmos a estatura ética dos demais en comparación coa nosa propia e xulgarmos polo tanto os seus actos contrastándoos co que nós teriamos feito en idéntica circunstancia. De xeito que, con todos os respectos para as persoas, me parece simplemente mesquiño, bastante indigno e —no que ten de inevitable «picota» social— pouco intelixente suxeitarse a unha esculca detallística nas bases para impugnar un premio concedido, entendo, en boa lide, un premio que xulga, polo demais, calidades líricas e estético-lingüísticas e non coñecementos prosaicos e obxectivos sobre o Estatuto de Autonomía ou a Lei de Procedemento Administrativo, tipo de concurso onde unha impugnación ten de certo máis sentido. Haberá, quizais, que reformar para o caso que comentamos o oportunísimo proverbio gabacho: chercher l’argent no canto de la femme?
Pero é que, a maior abundamento, a conclusión da amentada esculca detallística á que chegan tanto o impugnador, canto o tribunal xulgador e os asesores xurídicos (lagarto, lagarto!) é errada. Vexamos: a nosa Lei de Propiedade Intelectual distingue con toda claridade, e como conceptos diferentes, entre comunicación pública, reprodución e distribución: Corresponde al autor el ejercicio exclusivo de los derechos de explotación de su obra en cualquier forma y, en especial, los derechos de reproducción, distribución, comunicación pública y transformación, que no podrán ser realizadas sin su autorización, salvo en los casos previstos en la presente Ley (art. 17).
Por reprodución, a lei entende la fijación de la obra en un medio que permita su comunicación y la obtención de copias de toda o parte de ella (art. 18).
Por distribución la puesta a disposición del público del original o de las copias de la obra, en un soporte tangible, mediante su venta, alquiler, préstamo o de cualquier otra forma (art. 19, aptdo. 1). Isto é editar: reproducir e distribuír, para o cal a lei e outras disposicións articulan un conxunto de accións e pronunciamentos, entre eles nomeadamente: a asinatura dun contrato de edición (cap. II, arts. 58-73 da Lei), a indispensable solicitude do Depósito Legal —que vén a ser o DNI persoal, intransferible e característico de toda obra editada—, o ISBN —caso de se destinar á edición á venda— e, facultativamente a xuízo do autor, a inscrición no Rexistro da Propiedade Intelectual. Unha blog por tanto, non é, baixo ningún punto de vista unha edición. Unha blog é unha forma de comunicación pública, que é todo acto por el cual una pluralidad de personas pueda tener acceso a la obra sin previa distribución de ejemplares a cada una de ellas (art. 20), acto que, entre outras, pode revestir a forma de la puesta a disposición del público de obras, por procedimientos alámbricos o inalámbricos, de tal forma que cualquier persona pueda acceder a ellas desde el lugar y en el momento que elija (art. 20, aptdo. j). Ditaminar que unha blog é unha edición -e que polo tanto os seus materiais non son inéditos- é tanto como crer que unha obra de arte exposta nun museo está editada.
Con dificultades, pero podo chegar a entender o grao de indocumentación do tribunal xulgador. O que me resulta inconcibible é o ditame dos asesores xurídicos da institución convocante. Nestas mans andamos.

22.9.08

Re-lector

«Porque vivimos a golpes, porque apenas sí nos dejan decir que somos quien somos…», dicía o poeta e cantaba o cantor hai bastantes anos, aplicando os seus estro e música ás condicións sociopolíticas dun país ben distintas das de hoxe. Pero, porque a poesía é un arma cargada de futuro, velaí que unha voz poética sincera, clarividente e dura coma o pedernal segue recollendo, con esa rara inmanencia dos textos eternos e universais, a realidade dos nosos días. Ou alguén discutiría que, hoxe, a setembro de 2008, vivimos a golpes, e apenas nos deixan dicir que somos quen somos? Eu aínda diría máis (xa o teño dito antes): vivimos, xa non a golpes coa vida senón a ostias con ela. Maldicimos do traballo; do tráfico; da chuvia; da calor (raro); dos horarios; de non termos tempo para nada; de que, cando o temos, estamos tan cansos que o que nos faltan son azos; maldicimos do luns; do remate do verán; desexamos que pase o tempo pero hai mil potingues para lle botar á cara e disimular que o tempo pasa; temos síndromes do máis variado e, mentres todo xénero de cultivadores de filosofías orientais, milagrosas curas antiestrés e cuentistas semellantes fan o seu agosto, somos vítimas dunha sociedade enlouquecida onde apenas hai lugar para nada auténtico nin que fuxa da uniformidade que impón un pensamento único; en resumo: traballa cinco días e consume dous.
Neste caldo de cultivo, eu non sei se ten vostede reparado no desmesurado valor que se lle concede ao novo. Pásmame o incremento de valor que, de seu, se lle supón a todo o novo fonte ao xa existente. A sacralización social da mocidade —hoxe ser novo [cast. joven, para entendérmonos] é sagrado, debendo ser os pais e profesores os que nos acomodemos no leito de Procusto que impón a escala de valores dos dezasete anos, e alá nolas compoñamos— corre parella da canonización de todo o que é novo. Na publicidade, novo é un adxectivo repetido ata cansar, como garantía de máis calidade, mellor confección ou maiores rendementos e resultados en relación ao produto anterior. Porque, non nos enganemos, vivir ao quite de todo o novo significa, en defnitiva, consumir máis.
Eu coñezo a verdadeiras vítimas da novidade. Individuos necesitados de colgarse case perennemente da Internet para atopar o último GPS; a última tecnoloxía mp4; o ordenador máis pequeno e potente; a punta en tecnoloxía blu-ray… considerando que así son cidadáns máis modernos, informados e, por tanto, con máis caché. A síndrome dalgúns amigos e coñecidos, que os leva a devorar cinco ou seis xornais ao día e meter entre peito e espalda todo canto artigo de opinión publican, tenme conducido en ocasións a poñer cara de póquer e facer o típico comentario de carácter máis ben propedéutico —do estilo de manda carallo tamén! ou si, home, si, éche o que hai— como resposta non comprometida a alusións á actualidade de tales eruditos, que supoñen en min idéntico coñecemento, sen saberen que, no fondo e como medida profiláctica elemental, vivo alonxado do nefasto efecto de toda sorte de xornal ou revista de actualidade.
No terreo da edición, esta querencia vesánica pola novidade xa sabemos a onde conduce: 70 000 títulos e 45 000 000 de exemplares non vendidos por ano. Entra un nunha libraría e fica abafado da primeira ollada polo torrente de títulos, autores, coleccións e editoriais.
De por parte, opino que un libro, cando é bo, é coma un vello amigo, tamén cando é bo. Canto máis o coñecemos e tratamos, máis aprendemos a apreciar as súas virtudes e tolerar os seus defectos. Contra o rodillo da novidade, son máis re-lector ca lector e decostume atopo na lectura coñecida un soaz repousado e exento de expectativas, as cales, ao cabo, entre tanta novidade fican frustradas en oito de cada dez casos.

Serán os anos que me fan máis conservador? Serán. Tamén lles digo unha cousa, vendo o que se ve na bipartita feira patria: de progresistas líbreme dios que de conservadores me libro yo.

8.9.08

Os mundos de Yupi

Dun meu pequeno, con natureza de seu imaxinativa e marcadamente proclive á ensoñación e un certo alleamento da realidade —máxime cando lle cómpre...—, a súa nai e máis meu dicimos con ironía que vive nos mundos de Yupi, evocando co símil unha serie infantil da televisión de hai anos, hoxe felizmente esquecida. A tal punto chega a capacidade do cativo de marxinarse do entorno cando lle peta, que a súa nai estaba convencida de que non oía ben; eu —e a oportuna visita ao otorrino veu a sancionar o meu ditame— sempre mantiven que, ben pola contra, oía perfectamente; o problema é que non escoitaba, que é ben diferente.
Vendo o cotián julepe patrio, non só no que atinxe á gran política estatal e á mediana política autonómica, senón aínda a pequena, e mesmo mínima, política municipal, universitaria, veciñal, e do entorno laboral de cada quen, creo que unha condición sine qua non para encaixar canto máis mellor no exercicio usual da política do momento é vivir, coma o meu pitisú, nos mundos de Yupi. Canto maior sexa a lonxanía que se estableza entre a molesta, vulgar, ruín, túzara, importuna e ingrata realidade —que todos os cidadáns, nos guste ou non, recoñecemos como tal— e a turris eburnea do despacho e o coche oficial, máis posibilidades de manterse incólume no machito. Iso de ser honesto, coherente e veraz, e moito menos—arrenégote!!— iso de adoptar medidas impopulares no curto prazo pero beneficiosas no longo, é algo de antes, como dicir?, demodé. Penso eu —ignorante desta, malia coñecedor doutras, máis de andar por casa— que a erótica do poder debe ser como a carne humana para o tigre. Unha vez que a proba…

4.9.08

Viaje a los girasoles ciegos

Xa teño eu comentado nalgunha ocasión algo sobre os meus hábitos de lectura. Unha destas manías, probablemente a de raigame máis fonda, é a de simultanear a lectura de dúas ou tres cousas. Son un caso patolóxico e declarado de infidelidade lectora e preciso dun serrallo de libros onde, coma o sultán en práctica máis carnal, ir picando aquí e alí segundo o día, o gusto ou a inclinación do momento. Sendo, ademais, como xa declarei nestas páxinas, nictilector e somnívago, na mesilla de noite as moreas de libros compiten por veces en altura coa lámpada coa que conviven en cordial entente.
En ocasións, non moitas, esta condición de picalibros (por analoxía co máis común vocábulo picaflores), conduce ao simultaneo de textos sutil, case sibilinamente relacionados. Vexamos.
Como, supoño, a moita xente, a figura de Cela, CJC, inspírame un pensamento dobre: por unha banda, unha certa antipatía persoal ―escuras manchas no seu pasado, a súa actitude tépeda e equívoca coa ditadura, unha vaidade e prepotencia inatinguibles, o rollo un pouco cáncamo e verderolo da súa vellez…― combinada coa convicción de estar perante un narrador simplemente excepcional. Só por La colmena, La familia de Pascual Duarte e Viaje a la Alcarria, polas tres xuntas ou por calquera delas, merecería sobradamente o Nobel. Calquera das tres constitúe un imprescindible, un deses vinte ou vintecinco libros que decididamente salvaría eu da queima. O Viaje "clava" a cotidianeidade dunha España de posguerra que comezaba a aprender a dura, durísima lección do esquecemento e a desenvolver as habelencias da desmemoria necesarias para seguir adiante. A peripecia viaxeira do protagonista, desenvolta en xuño de 1946, coincide, máis ou menos no tempo, coas historias que narra Alberto Méndez en Los girasoles ciegos, colección de catro relatos que eu lin hai xa tempo, de recente novidade por mor dunha película de estrea, e á que volvín hai días, en curiosa, aínda que involuntaria coincidencia co relato celiano. Este, Viaje a la Alcarria, é un libro amable, destilado no cómodo conformismo dun vencedor. Aquel, Los girasoles, é un libro triste, magnificamente escrito por man dun extraordinario, e malogrado, narrador pero tristísimo, unha antoloxía de medos e escuras certidumes, un testemuño violentamente humano e definitivo sobre a derrota, a fin de toda esperanza e a crueldade vesánica dos vencedores.
Teño agora unha sensación estrañamente dual, algo como observar a mesma casa no verán luminoso e no ingrato inverno ou o pouso un chisco acedo que fica no padal cando rematamos de beber algo que supoñiamos máis doce. É o que ten andar picando.

15.7.08

De arte tipográfica e frustracións

Eu, que non son historiador pero lle dou moito ao caletre, vivín durante algún tempo coa vaga intuición—probablemente alicerzada no descoñecemento de certas claves que só co tempo se me foron revelando— de que para o atraso socio-económico e cultural da vella pel de toro, e consecuente e nomeadamente deste recanto verde e periférico da mesma onde habitamos, foron determinantes dous acontecementos cataclísmicos: a Contrarreforma e o franquismo, acontecementos ambos que, en épocas moi distintas si, pero viñeron significativamente ao mesmo: reforzar con fortísimos vencellos as relacións do poder cunha xerarquía católica farisaica, implacable e reaccionaria implicada ata a médula en controlar teocraticamente un pobo por tal vía amolecido e dócil. Nas dúas conxunturas —comezos do século XVI e 1936— a Igrexa xogou unha delicada baza e puido perder; de ambas saíu non só vitoriosa senón aínda refrendada. O poder do tirano viuse así admirablemente sancionado polo mandamento divino representado polo papa e os seus bispos. Caudillo de España por la Gracia de Dios, dicían as pesetas.
Con todo, admitindo a directa consecuencia destes retromovementos no secular e ibérico aillamento de tebras e cegueira, hai significativas mostras de que a cousa vén de atrás e antes. Supoño que o carácter periférico da península en sí, a linde natural dunha fronteira coma os Pireneos, condicións climáticas e orográficas, a idiosincrasia dos nativos… foron decidindo aos poucos sobre a natureza das nosas comunicacións e a ausencia dun tecido socioeconómico abondo para soster desenvolvementos que no resto de Europa, máis intercomunicada e, por tanto, constituínte dunha comunidade de intereses, comezan a agromar en épocas ben temperás. Resúltame, neste sentido, altamente reveladora a lectura dun magnífico texto, que a piques estivemos de publicar na Universidade pero que, ao cabo, deron ás prensas o Consorcio de Santiago e a editorial Calambur. Refírome a Producción y comercio del libro impreso en Santiago (1501-1553), editado en 2007, o seu autor Benito Rial Costas. Dos liminares históricos do libro, necesariamente referidos aos primeiros anos da imprenta en Europa, España, Galicia e Compostela, extraio os seguintes treitos, o xuízo dos cales deixo sen máis comentario ao lector:

El libro en Castilla durante el siglo XVI, tanto en número de talleres como en la capacidad de producción de éstos, está lejos de los niveles de otros reinos europeos. El escaso desarrollo industrial, tanto técnico como inversor, y las deficientes comunicaciones hacen que el mercado impresor castellano esté disperso geográficamente, que sus talleres sean escasos y sus medios escasos. Mientras que ciudades como París y Lyon concentran el mayor número de imprentas francesas, en España están desperdigadas por toda la geografía. Frente a los 150 talleres de Venecia o los 60 de Lyon, ciudades como Sevilla o Salamanca cuentan con tan sólo dos. Y ante las 24 prensas que al inicio del siglo forman la imprenta de Anton Koberger en Nuremberg, el taller de los Cromberger o el de los Junta en Salamanca, a pesar de estar entre las imprentas más grandes de la península, cuentan con tan sólo cuatro […] Galicia, periferia del periférico reino de Castilla, poco puede ofrecer a la industria del libro. La escasa entidad de sus núcleos de población, una economía eminentemente rural y la lejanía de los principales centros del libro en la península impiden la impresión en nuestras tierrras de cualquier obra con pretensiones de distribución nacional. Sólo la Iglesia con sus Manuales, Misales y Brevarios pretridentinos, pueden encargar trabajo, aunque sea escaso, a los nuevos artesanos del libro impreso […] Santiago de Compostela, a pesar de haber sabido del arte de hacer libros en fecha tan temprana como es la de 1483 […] reduce su relación con la imprenta durante la primera mitad del siglo XVI casi exclusivamente al paso ocasional de algunos impresores que ofrecen sin éxito sus servicios en la ciudad […] entre 1530 y 1553 son sólo cuatro los impresores de los que tenemos noticia.

É a nosa, toquemos onde toquemos, a historia dunha permanente frustración?
Bueno. Sempre nos quedarán Casillas e Fernando Torres (oriúndo de Boqueixón, eh!, que todo hai que dicilo).
[Nota final: seguirei dando novas da excelente investigación e apaixoante libro de Rial Costas].

7.7.08

Volksgeist

Os nazis, propietarios do copyright de moitos disparates, crían que o Volksgeist, a alma dun pobo, manifestábase nas máis sublimes obras, nas máis elevadas producións do espírito. Así é que, cando Himmler escoitaba a obertura de Tannhäuser, miraba as pinturas de Friedrich ou visitaba a estatua de Gauss en Braunschweig chegaba a éxtases probablemente inacadables por outros procedementos, alimentando con ricos nutrientes a parvada de que os arios estaban, en efecto, chamados a ser os amos do mundo por dereito.
Eu sosteño exactamente o contrario. Son os feitos máis cotiáns, con seguridade os máis prosaicos, vulgares e aínda pedestres e toscos os que con maior elocuencia falan da alma dun pobo. Qué maior expresión de españolidade ca a deliciosa resposta No le está. Salió al café cando se demandan os servizos dun funcionario público? Qué máis deliciosa declaración de galeguidade que ese le representante sintáctico do noso queridísimo" dativo ético o de interés"?
Hai, creo, certas expresións ligadas indisolublemente ao Volksgeist dunha nación, dun país, dun pobo, dunha vila. Por seguir con exemplos especialmente senlleiros, reputo que non existe manifestación máis prístina de compostelanidade que certo argumento propio do comercio, que terá vostede escoitado máis dunha vez. Poñamos que, nunha mercería da zona vella de Santiago (desas que, nas rúas ou na Algalia, seguen chamándose, paradoxalmente, «Novedades»: «Novedades Carmiña», ou así), pedimos un botón co que repoñer unha maltreita "blazier", por meses esquecida na recámara da roupa estival. Cando me espetan:
-Ay, no -e, tras chascar a lingua-: Yo es que este tipo de botón no lo trabajo.
teño que resistir a duras penas a tentación de botarme ao pescozo da mercera e non lle propinar dous besos, por facerme partícipe de tan fastuoso sentimento de pertenza a unha colectividade. Se engade, como colofón:
...no lo trabajo, mi rey.
entón o goce elévase a niveis de bomba de palenque. Iso é Volksgeist e non Wagner.
N.B
.: Hoxe teño apuro e non me dá para máis o caletre. Outro día seguimos coas manifestacións da alma popular. Para isto, a miña vila natal, A Estrada, é unha especialidade. Abur (de présa)!!!

24.6.08

24 de xuño

Malia o laicismo galopante do século, o día da onomástica é para cada quen un día especial. O noso nome, sexa literal e simple (Isabel), composto (Isabel María), acrónimo (Isma), truncado (Isa), afectivo (Isabelita), mixto truncado-afectivo (Beli) ou hipocorístico (Chavela), é ―malia unha propiedade en ocasións (Pepe, Quico, Paco, Moncho, Manolo, Carmen…) tan universalmente compartida ― parte integrante de nós, e o levamos xa con orgullo (eu son Ramón coma meu pai), xa con certa tendencia explicable ao disimulo (no meu pueblo coñecín eu de neno unha rapaza que atendía por Yeni: resulta que tan exótico hipocorístico respondía ao Generosa orixinal). Algo debe haber de importante no asunto, cando os pais, como parte moi notable dos rituais da longa e ilusionante espera da xestación, botan tantas horas en decidir o rótulo baixo o que o seu vástago será coñecido no periplo da súa existencia. Acerca do particular, nunca deixa de chamarme a atención ―signo dos tempos e dun pobo con pes de barro― a curiosa diferenza entre as columnas de defuncións e natalicios que adoitan publicar certos xornais. Naquelas, os nomes dos infortunados chamados pola inexorable Parca acostuman ser do estilo de Manuel, Nicanor, Perfecto, Gumersindo, Maximino, Purificación, Ludivina, Asunción ou Felicitas; nestas, son Borja, Vanessa, Íñigo, Tania, Jessica, Yeneli (e cousas aínda peores: Sue Ellen, Demelza e Poldark son exemplos dos que, pola miña honra, dou fe).
No meu caso (Juan pola miña avoa materna Juana e Luis polo correspondente masculino), en poucos sitios me chaman Juan Luis (miña nai cando se enfadaba e moitos dos meus colegas da UNED). A maior parte da peña recorre ao neutro Juan ou ―cousa curiosa que algún día me pararei a analizar― a diminutivos afectivos como Juanito, Juancito/Juansito, Juanillo, Juanín, Juani, Juanillas, Juanola/Juanolas… O certo é que a vitola onomástica que me identifica é un deses nomes que, por razóns diversas, ten pasado ao imaxinario popular de todos os países (Jean, Jan, Hans, Hänschen, Ivan, Johann, Jon, Ian, John, Johnny…; cfr. ser un xan en galego) baixo as formas máis variopintas, curiosas e, supoño, social e etnográficamente significativas. A tal punto chega a variedade e riqueza juaneril que en 2000 a Universidade de Salamanca publicou un delicioso onomastikón, o seus autores José Luis Alonso Hernández y Javier Huerta Calvo, intitulado Historia de mil y un Juanes (onomástica, literatura y folklore), que antoloxiza, con rigor e erudición non exentos de fino humor, a inmensa riqueza de Juanes nos eidos referidos, con espécimes populares merecentes de nota: Juan Pedorreras, Juan Boñiga, Juan Berrinches, Juan Tonto…, ao lado de dignos e aínda dignísimos Juanes como Juan de Mena ou Juan de Austria. Un engado especial debe ter o nome cando o maior e máis depravado sedutor da literatura é un Juan.
Por certo que Juan Blanco, consonte o onomasticón citado, é en xermanía ‘inocente o ingenuo’, por atribución irónica aos negros no sentido de que «los negros son todo lo contrario de los ladinos y, en consecuencia, alguien a quien se puede engañar con facilidad». Xa ven que cousas. Polo demais, en ocasión de chamar hai xa uns anos a certa editorial da cidade olívica, a señora ou señorita que me atendeu ao teléfono fixo, á miña presentación (Son Juan Blanco. Podería falar con…?), o seguinte comentario:
-Vostede é moi coñecido en Vigo.
Ala vai, carallo -pensei- saiba Dios que escura débeda do pasado se me vai cobrar de contado!
A boa da muller tranquilizoume:
-É que hai unha cadea de tendas de roupa que se chama como Vde.
Cando, en fin, a combinación do meu nome é co segundo apelido, axiña xorde a lembranza daquel venerable Juan Valdez que foi paradigma do Café de Colombia.
Ou sexa, que non hai quen fuxa. Miserias e grandezas de portar un nome tan ¿vulgar?

13.6.08

Un goberno de avestruces













Desaceleración? Non lles digo que non, pero eu ao persoal véxoo acelerado de carallo...
(Foto: Mani en Vigo. El Correo Gallego)

31.5.08

Parad el mundo que yo me apeo

Nun intervalo de apenas dez páxinas dun xornal gratuíto dos que tanto menudean, leo tres titulares:

-Barcelona. Xulgado por gravar a súa sogra no lavabo mentres realizaba as necesidades fisiolóxicas.

-Unha muller alemá mete o bebé no conxelador ao crer que estaba morto.

-Navratilova dedícase a pintar cadros abstractos lanzando pelotas de tenis nos lenzos.

Doulle todo o seu sentido a unha pintada que hai a carón dun caixeiro no que acostumo quitar cartos (cando os hai, claro): Reset the world.

21.5.08

Cousas de hoxe

Querido diario:
Onte, tras unha reunión con certa autoridade académica dunha institución de ensino superior con sede na vila e corte na que se evidenciaron irreconciliables puntos de vista acerca dun mesmo conflito, concluín que unha condición envexable para a práctica da política é ser parvo. Se, nunha estancia na que a luz está acesa, alguén é capaz de manter que a luz está apagada diante de seis persoas que aseguran que, como é obvio, a luz está acesa, e ademais o fai poñendo cara de póquer e arrodeado dunha auréola de empaque e seguridade sobre a física e estados da iluminación, ten moito gañado no terreo da política. Esta autoridade é unha persoa nova, está enfundado nun traxe que a el lle parece impecable, leva gafas de deseño cunhas letras que se len claramente: Givenchy, viaxa en bussiness, ten secretaria, e derrocha azos, enerxías e modos da capital. As seis persoas que o instabamos a ver que a luz estaba (e segue estando) acesa imos un chisco máis valetudinarios e, no percurso desta congostra revirada e fodida que é a vida, fomos trocando azos e ambicións por (perdón) unha certa sabedoría e coñecemento das cousas que, en xeral, vai para alén dos catro tópicos e a cháchara propia cos que se manexan estes neo-tiburóns.
Hoxe, querido diario, a risco de que non esteas de acordo, quero compartir contigo unha inquietante sospeita, que, a estas alturas,para min é case unha constatación: está emerxendo unha nova xeira ou clase ou caste de políticos novos, que, incapaces de xeraren nada propio, suben ao carro do que outros crearon ao longo dos anos e, con entusiasmo e adicación, levan facendo funcionar con eficacia e xeral contento. Molestos polo protagonismo dos lexítimos pais do invento, orientan un esforzo que debera ter mellor destino a parasitar o que eles nin en cen anos serán quen de crear nin xestionar, centrando o seu obxectivo a curto prazo en asumir unha responsabilidade que non lles corresponde e matándose a cobadazos para colgarse medallas e saír na foto. No fondo da paisaxe —sempre— a pasta, procedente, claro, de diñeiros públicos, porque a vida estalles moi achuchadiña. É unha calamidade. Un mal endémico máis desta sufrida empresa pública na que, contra a percepción maioritaria, tantos traballamos como se fose privada.
Calquera día bótome ao monte (e non é a primeira vez que o advirto).