14.10.15

Épater le bourgeois

Tanto para os seus complexos comportamentos colectivos e ritos amorosos como para manifestar as xerarquías dentro do grupo, os animais (non racionais, refírome…) usan, xa do seu aspecto externo, xa dunha linguaxe xestual específica, xa dun inventario concreto de sons, xa dunha combinación de todos estes recursos. Virando para o terreo humano, deduzo que os convencionalismos en virtude dos cales, no proceder social de todos os días, moita información necesaria para as interrelacións cos demais pode extraerse directamente do noso indumento, deben ter unha base natural.
Digo eu que non se trata de pavonearse coa fachenda dun galo señorito senón do convencemento de que unha parte do atractivo que teimamos en outorgarnos a nós mesmos véndonos ben compostos e cumpridos diante do espello, debe irradiarse cara ao exterior. Nun país de pobretóns e pailáns onde ata hai nada o desaliño era norma, en canto un poñía unha gravata a estúpida pregunta era: E ló, vas de boda? Eu confeso que se poño gravata é porque me vexo ben e santas pascuas, coquetón que un é. Polo demais, postos a buscar simbolismos sobre esta inocente tira de tea, tan deostada de mareas, candidaturas populares e outras catacumbas, propoño a Vde. que vaia á ventá única de google, escriba  ‘Lenin’ e logo clique sobre imaxes.
A ideoloxía (e aló cada quen coa súa mentres respecte a dos demais) non está reñida con iso tan humano de gustarnos entre nós e resultarnos mutuamente agradables. Por outra parte, aquilo de épater le bourgeois estaba ben para poetas esfameados e anarquistas de gardarroupa nunha época de visillos de cretona, casinos municipais, pítimas de absenta e sofás infestados de cascudas. Hoxe, nunha sociedade moderna e artificiosa, que ten elevado a categorías celestiais a moda, o deseño ou a gastronomía, pretender que unha camisa a cadros arremangada, unha barba de tres días ou unhas playeras gastadas destilen rebeldía ou transgresión é, simplemente, facer o ridi, pois, por moito que un se empeñe en traducir a súa ideoloxía na súa roupa, o que os demais ven é un fulano que máis lle valera gastar cincuenta euros en Zara e ter un chisco máis de respecto. Poñamos agora que o tal fulano ou fulana representan, en virtude de universal sufraxio, ao pobo que lles deu o voto (e viste mellor ca eles) e entón a falta de respecto acada xa o nivel do puro insulto. Porque hai algo consubstancial a todo mesías que viste unha túnica para distinguirse dos demais: nun momento dado, as nubes lle estorban ver o ceo. E así lles vai. 

4.10.15

Sangue que foi semente

No expediente número de orden 187, legajo 8 do arquivo do goberno militar do Ferrol consta o alzamento de varios cadáveres, verificado polo médico forense D. Ildefonso Santalices Pérez, atopados preto da raia de Portugal, termo municipal de Entrimo. A descrición dun dos corpos di: «Hábito externo: Se trata del cadáver de un hombre cuya edad oscila entre los 40 y los 44 años, de complexión robusta y talla regular. Presenta en la parte media del arco superciliar del lado iziquierdo una herida de arma de fuego corta, con orificio de salida en parte media del occipital; y otras dos del mismo carácter y forma en la zona subauricular del lado derecho».
O cadáver do político, poeta e xornalista Roberto Blanco Torres, irmán de meu avó, foi atopado canda dous corpos máis (Rizal Villamarín Iglesias, de 28 anos, escribiente, e o de Eulogio Vázquez, de 43, ebanista) no punto coñecido como Corga da Videira, no km. 67 da estrada Ourense-Portugal. Polo informe forense dedúcese que foron tiroteados contra as 4 da madrugada do día 2 de outubro. De 1936, por suposto.
A comezos de outubro de 2010, algúns familiares de Roberto acudimos, convocados polo equipo de Santi Macías, daquela vicepresidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, ao cemiterio de San Fiz de Galez, fermosa freguesía do Enrtrimo, onde supostamente foron soterrados os corpos dos tres infelices. Tras unha calorosa tarde de intensas emocións, as escavacións do grupo de Santi foron infrutuosas. Con certeza, na seguridade de que ninguén os ia reclamar nunca, os restos foron retirados para aloxar cadáveres moito máis recentes, que si apareceron. 
Contra a noitiña do pasado sábado día 3 de outubro, na denominada Horta do Cura, fronteira da reitoral de Santa María dos Baños de Cuntis, de onde Roberto (como toda a miña familia paterna) era natural, e organizada polo Concello da vila, houbo unha ofrenda floral no busto de Roberto, que ocupa no fermoso xardín lugar senlleiro. Setenta e nove anos despois de que o escritor dera o derradeiro alento, ao conxuro dos poemas declamados por Baia Fernández de la Torre na serenidade dunha noite de outono, o espírito do poeta voltou para encher os corazóns de ledicia e, unha vez máis, evidenciar que o seu sangue foi semente. Un mozo gaiteiro interpretou primeiro o Himno do Antigo Reino de Galicia para rematar co Fogar de Breogán, que todos entoamos con emoción. Un acto breve, elegante, sinxelo, no que me acompañaban dous Robertos máis: o meu irmán e o meu fillo. O chamado da tribo, xa sabedes, que é moi fondo.