28.12.15

Nós, os do réxime do 78



Disque a mocidade é unha patoloxía que cura coa idade. Extremadamente enfermo de mocidade, en efecto, naquela década prodixiosa dos oitenta, e tras extenuar o vaso de extravagancias, travesuras e paraísos artificiais (ao punto de merecer sen paliativo a vitola familiar de crápula ou ovella negra), dou fe agora de que o pouso dos anos, o eterno retorno de situacións coñecidas e un certo cansazo das frivolidades do século, téñenme reducido a un estado, diriamos en termos castrenses, de reserva activa,  un a xeito de laboratorio no que destilo o mundo que me arrodea coas probetas e matraces da miña propia experiencia. Supoño que foi un filósofo adoecido dun sentimento parello quen pronunciou aquela grandísima verdade en famoso latinajo: Ninhil novum sub sole.
Nunca hai nada, é certo, totalmente novo baixo o sol, constatación da cal á mellor proba é, paradoxalmente, a obsesión social de que todo o novo é, por definición, mellor ca o vello ou de que a innovación é a nai de todo ben: hai secretarías de innovación, vicerreitorías de innovación, ministerios de innovación e premios de innovación. Este, claro, é un panorama que, combinado cunha espectacular prolongación da esperanza de vida e, consecuentemente, do avellentamento poboacional, pois vostede me dirá: unha innúmera lexión de vellos procurando non molestar demasiado a toda unha xeración de mozos que fai da súa mocidade (perecedoira, ao cabo, malia eles non o saberen) bandeira da súa valía. Foi isto sempre así? Home, non, non sempre foi así e non acepto aquí que esa puxanza dos poucos anos fose sempre traducida en insolente desprezo da senectude, que algunha virtude terá, digo eu. Eu creo que a miña quinta, criados e educados nun mundo no que ata o universo era escaso, fomos xente tocada dunha sublime rebeldía, que vehiculamos contra unha ditadura que fedía a incenso e mexo seco pero tamén da humildade de sabermos que o mundo non se gaña no primeiro asalto. Hoxe, hai que levar con paciencia que un mozo case imberbe nacido en liberdade, educado en democracia e alimentado coa opulencia teña, non sei se a chulería, se a ignorancia, se a impudicia, de tildar de ‘réxime do 78’ a Transición e a Consitución que, non sen enorme sufrimento e efusión de sangue, fixeron posible que o seu país sexa un país moderno e libre, onde mesmo se lle permite dicir necidades como esa. Ben saberá tanto revolucionario de gardarroupa o que é un réxime! Pero xa se sabe, cousas así serven para distinguirmos con nidieza a vella da nova política.
En fin, falando de novidades, por certo, e dadas as datas nas que andamos, permítame desexarlle o máis feliz aninovo.