Mostrando entradas con la etiqueta música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta música. Mostrar todas las entradas

24.10.08

Mundos á parte

Chaman os tedescos moscas das orellas a esas músicas coas que, sen sabermos moito por que, amencemos e nos acompañan durante todo un día, ou máis, rondándonos a cabeza e repetíndoas, xa mental, xa sonoramente, mesmo sen gañas de facelo e bastante aborrecidos da musiquilla. En efecto: moscas que se che meten nas orellas. Dalgún xeito, outras melodías e cancións, estas máis queridas ―por evocadoras de momentos especiais das nosas vidas― nos acompañan todo ao longo da vida aparecéndosenos e desaparecéndosenos, coma ollos do Guadiana que nos retrotraen, estimulan, aledan ou entristurran, segundo o día que teñamos. Eu, hoxe, vaia vostede a saber por que, teño o día un algo así, aqueloutrado, que é un xeito de non saber como teño o día (galego ata a cerna que é un, supoño). En fin. Róndame hai para varios días unha moi querida mosca das orellas que hoxe, e para a toda a fin de semana, ofrezo aos visitantes deste local. Para min, é unha icona (fea, fea palabra!) musical, un tema profundo, desgarrado e doce, estremecedor e íntimo.
Tachán, tachán. Con vostedes, por vez primeira nesta sala, Cock Robin e o seu grandioso tema Mundos á parte.

14.5.08

Mistificación. Fusión

Nunca fun amigo de mistificacións. Unha cousa é a convivencia natural e intelixente de elementos dispares e outra a mestura artificial e interesada de magnitudes que nada teñen que ver, por moito que ao márquetin se lle poña nos miolos. Tras aquela hai síntese, lecturas claras, constatacións insospeitadas e complexidades harmónicas; tras esta patetismo e tontería. Freddie Mercury cantando con Monsterrat Caballé, por poñer un ejemplo que explicite o que quero decir, representa un estúpido paradigma de mistificación encamiñada a épater mentes obtusas. O selo ECM é un prodixio do contrario.
Supoño que o mundo de hoxe está xa en condicións de avaliar seriamente a impagable achega de ECM á música contemporánea. Dende o seu marchamo orixinariamente escandinavo, dende a ortodoxia ata as formas máis experimentais e innovadoras do jazz, ECM leva décadas promovendo non só os valores que xeograficamente lle son propios (algunhas pérolas, entre moitas: Keith Jarrett, Jan Garbarek, Palle Danielson, Jon Christensen) senón xenialidades de latitudes varias e paraxes musicais complexas na súa variedade pero de notable homoxeneidade funcional, como resultado. De Chick Corea, Gary Burton, Ralph Towner e Stanley Clarke a John Scofield, Bill Frisell, Peter Erskine e ―noutra latitude, esta quente, sabrosona e afastada de friaxes boreais― Flora Purim, Naná Vasconcelos e o gran, grandísimo guitarrista (e cantante, e pianista e moitas cousas máis) Egberto Gismonti.
De entre a ducia de moi venerados vinilos de ECM, gardo con especial devoción O sol do meio día (pronúnciese, de ser posible, á brasilera, co /d/ de día case como un ch, para percibir o que digo), que Gismonti gravou co saxo taumatúrxico de Garbarek, o diálogo coma un torrente coa outra guitarra de Towner e o berimbau, a botelha e outras percusións e ruídos de Vasconcelos e Collin Walcott. Tras unha convivencia militante cos indios Sapain e Xingu, no Amazonas, Gismonti volcou no LP the sound of the jungle; its colour and mysteries; the sun, the moon, the rain and the winds; the river and the fish; the sky and the birds; but most o all the integration of musician, music and instrument into an undivided whole.
Haberá que lembrar de novo a Borges?: a característica do clásico é a súa infinita plasticidade. Todo o disco é un prodixio musical tras outro pero en especial os números que abren cada unha das caras do disco, Palácio de Pinturas e Café, son unha mostra especial, e para min única, da máis exquisita convivencia de medidas diferentes e percepcións plurais (un sueco+dous norteamericanos+dous brasileros) acerca dun mesmo obxecto, neste caso a pulsión primitiva e fondamente étnica dunha tribo incorporada á alma, culta e sensible, dun músico urbano. Levo moitos anos (a obra é de 1977) sentindo a selva, o pó dos camiños, a calor acumulada nos ollos e o sol do medio día neste orgasmo sonoro ―perdón polo transporte de entusiasmo― e algún día tiña que falar del. Era, como tantas cousas na vida, simplemente inevitable; cuestión de tempo.

28.2.08

Steely Dan

De entre todo o que un le ao cabo do día, poucos argumentos ou ideas chegan a producir un impacto máis ca mediocre, ou, polo menos, iso é o que me pasa a min (certo é que os anos fan a un cada vez máis esixente). Pero, de cando en vez, a brillantez dunha imaxe, a instantánea decodificación dunha metáfora produce unha chispa luminosa na nosa maltreita mente, salferida de tanta parvada como se le (e, non digamos, se escoita). Teño unha Historia del Rock, que El País publicou en fascículos en 1986, magnífica obra de recopilación e crítica das orixes, expoñentes e evolución do pop e o rock internacional, debida á, entón aínda incipiente, factoría polanquista, e asinada por nomes como os de Diego Manrique, Jesús Ordovás, Moncho Alpuente, Álvaro Feito, Maruja Torres, Rosa Montero… Un produto editorial moi á altura de case todo o que, como operacións especiais, pon en marcha El País, e unha obra moi entretida que me estimula a evocacións e recordos moi gratos dos vellos tempos. Unha cousa, por certo, que me jode un güevo do meu exemplar é que o índice de nomes está incompleto e interrómpese no G (o que falta é o último fascículo, a saber onde andaría eu en 1986, en vez de comprándoo... ).
Característico da enciclopedia, que dá a medida da grande intelixencia e perspectiva crítica dende a que a obra está feita, é que cada artigo (referido xa a un grupo, xa a un autor, xa a un concerto, acontecemento especial, etc.) leva un título creativo, literario, metafórico…, unha sorte de expresión paradgimática do artista, grupo...: U2, el cántico espiritual; The Smiths, cegadoras luces del norte; King Crimson, las visiones del rey Fripp; Simple Minds, el gusto por las alturas; Motown, sublime cadena de montaje; Weather Report, música de la aldea global; Nacha Pop, fuertes sensaciones (tan fortes que así rematou o grandísimo Antonio Vega…).
A páxina referida a un dos meus grupos favoritos de toda a vida titúlase: Steely Dan, engimática brillantez. Asínaa David S, Mordoh e comeza co texto, ao impacto do cal me refería arriba: Se puede llegar a pensar que para escuchar a Steely Dan antes hace falta ponerse el esmoquin, tal es la elegancia de su música. Fascinante expresión do que exactamente penso. A afortunada combinación Donald Fagen, teclista e vocalista, e Walter Becker, baixista (que asinan todos os temas) está na base dunha produción coidada, urbana e de resabios neoiorquinos ata a médula, con potentes bases rítimicas, liñas melódicas de extraordinaria limpeza e orixinalidade e unha dosificación habilísima de recursos vocais, ventos... O concurso de músicos, como o guitarrista mercenario Dennis Dias poñen o resto. O solo de guitarra co que comeza "Don’t take me alive" (The Royal Scam, 1976) -déalle caña ao equipo e non o perda!!- segue emocionándome como o primeiro día que o escoitei.
Creo que outro dos meus grupos favoritos, Level 42 ―militantes igualmente da elegancia― débelle moito ao dúo Fagen-Becker, quen, polo demais, e como tantos, hoxe peinan canas.
Nota curiosa: Steely Dan (algo así como 'dani de aceiro') é o nome de certo instrumento erótico ―de uso doadamente intuíble― en Naked Lunch do irreverente e undergound W. Burroughs.

10.1.08

Catarse

Escribín unha vez un poema chamado O espírito do alpinista —fermoso título alusivo ao sublime espírito de superación que caracteriza ao ser humano e que tomei dun artigo homónimo publicado nos anos 30 polo meu parente xornalista Blanco Torres. Ese poema, editado de xeito manuscrito nun libro irrepetible (e o digo literalmente), remata de xeito indiscutiblemente pesimista pero sen dúbida sincero:

De cando en vez a vida
é un fardo gris que ninguén quere.

Calculo que nin o optimista máis militante do planeta terá deixado de sentir algo así algunha vez. Outra cousa é que tal sentimento se cronifique, siniestra eventualidade contra a que o meu antídoto secreto é queixarse en positivo. Se lle gusta, regálollo. Pénseo.
No extraordinario xornal pop da Radio Galega, dende hai máis de dez anos conducido por Ricardo Alonso —e que escoito, de costume no coche, sempre que poido pois hai que estar ao día— oín onte un tema de liña rematadamente punk dos ex Def con Dos, Strawberry Hardcore, de título aínda máis revelador ca o meu pobre verso, un tema sincero e puro na súa desinhibición punkie, gamberra, inconformista e frontalmente inimiga de toda convención e urbanidade: La vida no me contrata. Por certo, o título do CD é aínda máis tranquilizador e optimista: Todos vamos a morir.
É pouco intelixente renunciar á esporádica catarse da naúsea e a dúbida fundamental. Moi recomendable para despois da orxía consumista do Nadal e as rebaixas.

18.11.07

De musica germanica

Un día que me deleitaba cunha obertura de Wagner (Lohengrin?) a considerable volume (en realidade, o único que salvo da miña profunda aversión á opera son as oberturas de Wagner), meu pai espetoume:
-Ti estás moi xermanizado.
Hai que dicir que meu pai se deleitaba, a igual ou máis volume, con Verdi, e, horror!, co género chico, que me inspira unha alerxia aínda maior ca a ópera.
Debo recoñecer, de calquera xeito, que meu pai estaba no certo. Un de entre moitos herdos que aposou para sempre das miñas relacións de mocidade con Alemaña foi a admiración profunda da súa música. Autores e grupos contemporáneos, como Udo Lindenberg ou os Rodgau Monotones, moi pouco coñecidos por estes pagos, son para min obxectos de culto. As realizacións da música electrónico-atmosférica xermana (especialmente Kraftwerk e Tangerine Dream) resultan auténticos puntos de inflexión para o melómano que subscribe. En certa ocasión que escoitaba eu Timewind, do ex-Tangerine Klaus Schulze (sen dúbida, un vinilo de cabeceira), meu pai volveu opinar:
-Agora entendo perfectamente o que quere dicir o adxectivo monótono, porque isto que estás escoitando é un puro mono tono.
Sosteño que algunas páxinas de Bach e Beethoven están sen dúbida na altura do máis estremecedor e sublime que a pulsión melódica humana ten producido. Máis modernamente, é doado apreciar como o xenio aliado cunha posición estética teórica pode revolucionar o paradigma musical contemporáneo; refírome a Verklärte Nacht de Schönberg, a dodecafonía e os seus epónimos, de calidade par á do mestre.
Un xénero do que me confeso devoto é o Lied. De Mozart a Strauss e Wolf, dende pezas leviás e festivas a introspeccións musicais fondas e tinguidas de brétema xermánica, existe un repertorio de rexistros que ningún melómano pode ignorar. Dentro do xénero, Schubert salienta, claro está, dun xeito especial. No ciclo da bela muiñeira (ah! que resabios galegos), Die schöne Müllerin, descubrín outro pico de xenialidade irrepetible. Se se ten escrito algunha vez unha música capaz de transmitir a ledicia de vivir, de amar, de oír o fresco canto dun regato nunha mañá de primavera ou de sentir o ánimo de andar o camiño sen máis pretensión, esa música son as melodías de Schubert, en simbiose excelsa cos textos de Heine, Goethe ou Müller.
An dich hab ich gedacht. Hannes Wader singt Schubert é o título dunha reinterpretación moderna e que funde a súa raigame no propio cerne popular e folklórico do Lied de autoría do cantautor Hannes Wader, que toca a guitarra, e o impagable apoio do contrabaixista Eberhard Weber, polifacético e voluble, nome asociado ao selo de jazz ECM, de prístina impronta boreal, e recrutado para a súa banda polo saxofonista noruegués Jan Garbarek.
Un disco marabilloso, que recomendo vivamente, no que o idioma alemán, tan impopular e baqueteado por razones de historia recente e a inxusta lenda negra sobre a súa escasa eufonía, soa doce, musical e cómplice, convidando á ledicia, o amor ou o recollimento na voz barítona de Wader.
N.B. Sobre as dificultades de acceso a este CD no mercado hispano, e, tras o acendido panexírico do mesmo, é posible que algún lector pense de min que hai que ser un pouco cabrón. Non se preocupen. Estou disposto a alugalo a partir de módicas cantidades a determinar. Agardo solicitudes.

5.11.07

Memento

A reedición do extraordinario elepé Senderos de Traición de Héroes del Silencio (1990, con produción do Roxy Music Phil Manzanera) por parte de El País, e o poder evocador da música, que é coma un alud, retrotráeme a días nos que este menda era o batería dun grupo e tiña un mapa do mundo moi diferente ao que ten hoxe. Días en que era doado venderse pois cualquier oferta era buena. Angueiras, fillos, hipoteca, centos de compromisos, enrugas, canas… rematan por vencer os espíritos máis fortes. Conste que non me queixo: de todo, ata dos pasos máis arriscados, quitei unha lección. Non nacín poeta, profesor, blogger, editor nin intelectual. Desconfío sistematicamente da xente que dá a impresión de ter sido sempre o que agora é. Fuxide, especialmente, de quen non permite adiviñar que un día foi neno. No meu caso, de feito, o camiño cara ás condicións que hoxe me definen foi ben revirado, cheo de ocos, riscos, sombras, … pero, como o tempo é un escultor que sempre traballa pro domo nostra, o pouso que fica na lembranza é o dun superviviente. O dun heroe do silencio. Perde tres minutos e acaso pilles o que quero dicir.

31.10.07

Chinda, chinda...

Seica hai un concurso público para fixarlle unha letra, democrática, zetapeana, enrollada, guai e consonte os tempos, á vella marcha de granaderos . Iso de ver aos xogadores das seleccións de fútbol de medio mundo movendo os beizos mentres escoitan os seus respectivos himnos e os de aquí calados coma estatuas non está nada ben.
Na España de Franco había unha oposición de baixa intensidade e raizame popular, baseada en chistes malos sobre su Excelencia. Aquilo de que cando visitaba Marín lle berraban Marín con Franco! Marín con Franco! ou aquiloutro de que se a filla casara con Tom Jones o neto había chamarse Paco Jones Franco, e moitos máis que o respetable lembrará. Nesta liña, de certo que moitos lectores recordarán o texto galego, escatolóxico, irreverente, absurdo e inofensivo- e que se perpetúa, polo visto, xeración tras xeración (os meus fillos sábeno á perfección e lles causa a mesma risa ca a min cando tiña a súa idade)-, aplicado á música do himno nacional:

Chinda, chinda,
as cachas de Dorinda
postas a ferver
e pronto Lucifer
comeulle nas merdas
que tiña na cu
parabará, bará
parabará, barú.

Non o enviarei o envío ao concurso, ou? Case seguro que non lles gusta.

10.8.07

Sonata de estío

Curiosa e un pouco surrealista esa homenaxe a Andrés Dobarro, con manifesto e todo. Xa vin nos xornais o troquel dun curioso neoloxismo: dobarrismo. Aquí o que importa é a lingua, valor absoluto en si propio. O demais é puro lastre. Calquera día empaquetan a don Andrés como ferviente militante antifranquista e descubriremos en que muller tan xeitosa a que eu atopei ou en o tren que me leva pola beira do Miño subliminais mensaxes doadamente interpretables en clave de resistencia política. No seu valor social, Dobarro é algo así como Jaime Morey en reducto galiciano. Pero, claro, a ollos de 2007 representa un sublime illote de pertinaz defensa da lingua nun océano de antigaleguismo. De aí o seu valor simbólico que o fai tan trascendente. Quen non o vexa é que non ten ollos na cara. En fin, así andamos.
Polo demais, aluvións de mortos nas estradas, colas interminables nos accesos ás praias, a espeleóloga belga rescatada, a desaparición de Maddy cada vez máis escura, o espectáculo navarro, a paciencia dos bareceloneses ao límite e a ministra de Fomento con casco facendo o ridi, e o país rebentando en festas nunha semana na que por pura rutina estacional repunta a imprescindible ventura veraniega, que prepara xa o síndrome posvacacional. Un estío máis.
No que a min fai, por mor do importunísimo proceso infeccioso intestinal dun meu pequeno, levo case unha semana no hospital, vivindo o verán desde a barreira, cunha sensación de alleamento e lonxanía que pouco se concilia coa euforia que se lle supón a estes sweet summer days.
Saúdos cordiais para quen teña a feliz ocurrencia de se asomar a estas páxinas.

15.4.07

Zeca

Neste voluntario retiro do século no que vivo, entérome pola prensa da homenaxe que Galicia rendeu en Pontevedra a José Zeca Afonso no vinte aniversario da súa morte, que levou ás televisións galega e a primeira canle portuguesa (RTP) a asinaren un convenio para a emisión conxunta do programa, o día 25 claro está, do acto, no que participaron artistas de aquén e alén Miño. Ben sei, por testemuños directos de persoas moi próximas e queridas, da querencia que o Zeca e Célia tiñan pela Galiza e a súa lingua, a cal, polo que me contaron, lles lembraba unha sorte de primitivo portugués medieval.
Para min, José Afonso, a quen nunca vin en directo, sempre será unha figura de referencia, non só no compromiso social e político senón tamén no eido estritamente musical. O disco que me segue parecendo máis fascinante da súa obra é Venham mais cinco, e, dentro deste, un tema que creo marcou para min unha forma de entender o pefecto vencello de dúas linguaxes como a poesía e a harmonía musical é Era um redondo vocábulo (pelos degraus de Laura a tinta caia num móvel vazio...), un poema surrealista, onírico e evocador ―escrito, por certo, na cadea, que o Zeca visitaba con frecuencia― complementado por un universo harmónico surrealista, onírico e evocador, pero de sólida, e belísima, arquitectura.
O disco, do 73, corresponde a un autor fundamentalmente desenfadado, irónico, nihilista ou iconoclasta (Rio largo de profundis; A formiga no carreiro; Nefertite não tinha papeira; Gastão era perfeito), anque haxa tamén espazo para o máis exquisitamente tradicional (Adeus ó Serra da Lapa, un tema a capella que sigo lembrando como cantar asociado a diversas actividades menores: ducha, traballos lixeiros, camiñatas…). Unha das cousas máis chamativas e características do LP era aquel comezo inexplicable, xenial e engaiolante no que tras oírse a voz ronca do Zeca preguntar Está tudo?, unha mestura de instrumento popular de corda e a propia voz do autor interpretaban, a xeito do que parecía un ensaio, unha salmodia monostrófica: a garrafa vazia de Manuel Maria.
Outro elemento fascinante do disco era a foto do Zeca, rompedora, antiheroica, familiar, con gorra pristinamente lusa, camisa de por fóra, as sempiternas gafas de pasta grosa, zapatillas de casa, sentado nunha hamaca e coa expresión indefinible e intelixente de quen botou a sonda na perversidade e na estupidez humana e non deu fondo.
Era frecuente na miña mocidade (por volta de remates dos setenta e os oitenta) saber tocar coa guitarra cancións do Zeca (e de moitos máis: Llach, Fausto, Paco Ibáñez…) e estimular ao canto colectivo e compartido en xuntanzas de noctívagos, troulas e veladas subversivas e outras reunións etílicas. Eu me sabía moi ben, e aínda as recordo, Era um redondo vocábulo, Traz outro amigo também, Moda do entrudo e algunhas máis que hoxe non lembro. Imposible imitar a voz inimitable e irrepetible do Zeca ―de masculinidade case sensual, agria e doce, profunda e próxima, que tanto podía ser a voz do máis excelso poeta coma o canto atávico dun labrador alentexano.
Logo, cando tanto en España como en terra lusa se foi vendo que a democracia ía asentando, veu na miña existencia ―e na de moitos― o abandono da militancia política e o ingreso en paraísos artificiais e sicodelias diversas amenizadas no musical por inspiracións maioritariamente anglosaxonas. Pero nunca renunciei, nin entón nin agora, ao recoñecemento do xenio que latexaba baixo a pel humana, tan humana, daquel cronista do seu tempo con cara de sacerdote e alma de trobador.

14.10.06

Nota no pé


Algún día se recoñecerá 1979 dos Smashing Pumpkins como un dos mellores temas do pop dos 90. Na miña opinión, neste tema Billy Corgan descobre todo o terrible poder de fascinación que agocha a expresión aqueles marabillosos anos: loucura, inconsciencia, o mundo ao nosos pés.

12.7.06

barrett


Direino de xeito rápido: Wish you Were Here é un dos mellores discos do pop de todos os tempos. Empezando polo deseño da funda: a imaxe do tipo ardendo chocando a man a outro é simplemente escalofriante. Cando se penetra no significado do título do disco e no sentido do tema que o abre, "Shine on you Crazy Diamonds" -un exercicio de saudade e amor polo amigo perdido- resulta aínda máis estremecedor.

Remember when you were young,
You shone like the sun.
Shine on you crazy diamond.
Now there's a look in your eyes,
Like black holes in the sky.

Dende 1971 —Wish you Were Here publícase no 75— Syd Barrett, cofundador xunto con Rick Wright, David Gilmour e Nick Mason de Pink Floyd (o nome do grupo foi de feito invención súa), vivía recluído na casa dos pais. Fora expulsado do grupo en 1968 pola súa desmedida afeccción ao lisérxico, a penas un ano despois do primeiro disco de Pink Floyd The Piper at the Gates of Down —que leva o selo da xenialidade de Barrett, — por Gilmour, que toma o liderado do grupo. Roger Keith “Syd” Barrett morreu o pasado día 6 en Cambridge con sesenta anos. Nacera en 1946. Tras a súa marcha do grupo, que el nunca aceptou, Barrett é unha lenda: pecha con taboleiros as fiestras da casa dos pais, vive da esmola en Londres durmindo nas pontes, escribe interminables diarios que ninguén le… ata a morte, nunha crónica bastante anunciada, nun guión ben pouco orixinal. Disque na última entrevista concedida a un medio británico afirmou non lembrar nada de Pink Floyd nin dos seus antigos amigos.
Syd Barrett é, do meu punto de vista, un produto diso que se chama psicodelia e que eu, e moita máis xente da miña quinta, vivimos, como todo en España, dez anos despois de ter eclosionado en Europa. A psicodelia —moi ben caracterizada tamén, polo Sarxento Pimienta dos Beatles e o seu paradgimático «Lucy in the Sky with Diamonds» (LSD), sempre diamantes, brillantes, rutilantes, cegadores...—, levouse a moita xente por diante, xente incapaz de recompoñer a súa vida prescindindo dos paraísos artificiais. A visión hippie da vida en España recompúxose anos despois coa primeira xeración de pasotas, á que eu pertencín: anos setenta, cara aos finais, chocolate ou maría, kul magrebí nos ollos, foulard ao pescozo, Camel, Tangerine Dream, King Crimson, Pink Floyd, Lou Reed… como fondos musicais… e logo veu o ácido. Lembras? Vulcano, Estrella Roja, Secante, Dragón… Fuxir de ti, ollarte dende fóra, ver o mar vermello, ou azul, voar convertido nunha águia… Cantos sucumbiron aos monstros do ácido? Daquela xeración, daquel xeito frívolo e, no fondo, superficial de ver a vida ficaron vítimas polo camiño, amigos meus, e teus tamén, seguramente.
A vida de Barrett, salvando as distancias, lémbrame a de xente que coñezo, xente co hemisferio dereito hipertrofiado, con dotes especiais para a música, a arte, a pintura pero cunha tendencia intrínseca tamén a ascender sen pausa niso tan tremendo que os psicólogos chaman a escala de busca de sensacións. Nesta altura da vida, cada vez creo máis naquilo que Shanti Andía chamaba os dous camiños do mariño: o dereito e o torcido. Non che hai máis.

26.6.06

A columna Durutti. Reivindación do insólito


The basic idea behind Durutti Column’s music is to break with whatever structure supports the foundations of musical formalism, in order to try and create a kind of music which really can belong to everyone.
Esta é a declaración de intencións que se atopa un no site de The Durutti Column, o grupo de Vincent ‘Vini’ Reilly (1953), un dos músicos, para min, máis estraños e fascinantes do panorama europeo de remates do século xx.
Deixando de lado o aspecto físico de Reilly, delicado, enfermizo, delgado ata o extremo, o propio nome do grupo (no que, para habilitalo á prosodia do inglesa, o rr dobre do nome orixinal cambia por un tt dobre) resultaba evocador, insólito e engaiolante. Como relacionar un renegado da vaga punk do Manchester dos ’80 co anarquista leonés que morreu defendendo Madrid en novembro do 36? Esta é a historia que o explica.
Apenas hoxe unha reivindicación da figura de Reilly e da súa música. Escoito Red Shoes, escrito e interpretado en solitario por Reilly e, malia gravado en Manchester, producido en Italia. Unha recomendación imprescindible para chegar ao espírito do músico: o número 8, Song for Les Preger. Escalofriante. O booklet do CD di en italiano: Vini continua il suo viaggio sonoro utilizzando gli stessi afascinanti acquarelli per chitarra. Nuove energie e sollecitazioni ritmiche sorregono a tratti il suo malinconico e liquido mundo sonoro. La musica diventa delicata e morbida poesia. Non se pode dicir mellor.

9.6.06

Preston


O apocalíptico número 666 -maldito onde os haxa- non lle sentou ben a Billy Preston. O 6 do 6 do 6 falecía o “quinto beatle” á idade de 59 anos, despois dun coma de varios meses. Do quinteto sobreviven Richard Starkey (alias Ringo Starr) e McCartney. Sic transit gloria mundi.
Por un curmán meu, responsable de ter contraído eu o virus beatlemaníaco a idade temperá (o meu primeiro disco foi o single de “Belter” con Let it Be e You Know My Name), souben que Preston tocaba os teclados nalgunhas composicións da última etapa dos Beatles. Hei de confesar que sentín un algo de decepción. Na mentalidade mitómana dun preadolescente, que botaba horas oíndo o devandito disco unha e outra vez ao tempo de ollar coma un parvo aqueles catro tipos melenudos ataviados á usanza dos militares nordistas americanos, este quinto beatle rompía, ou aínda mancillaba, unha sorte de equilibro, simetría ou perfección.
Na miña opinión, máis madurada, Preston aportou moito aos Beatles, especialmente no LP Let it Be e nalgúns treitos especialmente xenais de Abbey Road (para min, o mellor taballo do cuarteto de Liverpool). O aliño rythm and blues de Get Back, por exemplo, con ese chisco de Motown característico dos músicos negros da xeración de Preston, fai do tema un dos xustamente máis celebrados do grupo. Outro favorito, onde as teclas de Preston manteñen un fondo harmónico cheo de caña, é Old Brown Shoe, escrito e cantado por Harrison.
Con todo, é magoa que un músico da traxectoria persoal de Preston, con dezaoito discos publicados en trinta anos, sexa lembrado na altura do seu pasamento, simplemente, coma o “quinto beatle”. Xa saben. Esa manía das etiquetas comparativo-reductivas, tan caras aos medios de prensa. Os Beatles de Cádiz, a Madonna española, o Escorial galego...
Repouse en paz.

14.3.06

Dios que te crew


Ceibarse da sedutora idea de que a nuestro parecer cualquiera tiempo pasado fue mejor –é dicir, evoluír- é un dos exercicios máis complexos, e individualmente menos frecuentes, da existencia. É enorme o apego que lle atribuímos ás ideas, actitudes, xeitos de xulgar... só polo feito de térmolos por válidos, xa experimentados, comprobados, antigos, tradicionais ou mesmo rutinarios. Vén isto a conto porque hai un par de semanas, unha amiga da Universidade, a profesora de Filoloxía Inglesa Cristina Mourón, tivo a xentileza de me convidar a xantar, a fin de presentarme a un seu irmán, Javier, ilustrador, con estudos superiores de deseño gráfico e de son, por se na miña man estivera botarlle un cable do punto de vista profesional.
Folleando o seu currículo reparei na data do seu nacemento: 1981, cando eu tiña 21 anos. Ou sexa que, malia non ser moi frecuente esta continxencia, ben podería ser o meu fillo. Atopeime cun mozo de avantaxada estatura, longa melena e indumentaria informal. Resulta que, ademais de magníficos traballos editoriais (ilustración, deseño gráfico, confección de maquetas en libros, folletos, carteis, flyers, etc.) Javier, ten, no seu Ordes natal, un grupo de hip-hop, Dios que te crew, do que el é parte básica (ocupándose, ademais doutros mesteres, dos soportes musicais dos temas). Javier -Mou no mundo musical- agasalloume co seu último (e non sei se, de momento, único) CD Ghamberros, feito todo por eles: deseño, gravación, replicación…
Confeso que eu –formado, como paciente pero tamén como axente (tiven dous grupos de música, onde tocaba a batería), no pop máis ortodoxo: dos Beatles a Coldplay- era a primeira vez que escoitaba, voluntaria e conscientemente, un disco de hip-hop. Nunha viaxe longa en coche puxen o CD e, simplemente, fiquei estupefacto, porque, ademais dun grupo de obvio talento, descubrín un xeito de cultura e unhas mensaxes que me eran descoñecidos. Si, cultura, digo e o repito: cultura. Mozos que non dan nada por sentado, que se rin dos pringados que traballamos coma autómatas cinco días para consumir dous (o esquema: semana-fin de semana), que non aturan máis o rollo malo e hipócrita de políticos progres obsesionados por mantérense no machito...
Hoxe sabemos que o rock, o movemento beat, o pop foron xeitos de cultura que determinaron no seu momento rupturas mesmo violentas coas formas establecidas. A prensa española de mediados dos sesenta, a prensa dun país que fedía a pis e naftalina, recibiu os Beatles coma a monos chegados dunha illa lonxana que pouco ou nada tiñan que ver coa rectitude moral de Julito Iglesias ou Jaime Morey.
Hai unha mocidade que emerxe, con problemas substancialmente distintos aos nosos cando eramos mozos, con xeitos de enfrontarse aos retos do futuro renovados, e o distinto non é necesariamente malo. Estou persoalmente farto de acatar por sistema a consigna de que os mozos de hoxe son violentos, están instalados na cultura do hedonismo, rexeitan o esforzo, só pensan en follar e drogarse (por certo, obxectivos prioritarios da miña propia mocidade, ¡e da de tantos benpsantes actuais, algúns con altas resposabilidades políticas: qué axiña esquecemos que fomos nenos, que fomos mozos!). Non digo que non haxa algo, bastante diso; pero tamén descubro, como en Mou, moita sinceridade, moito compromiso, moita solidariedade (véxase, no disco, o número 3. Estranxeiros?), unha acomodación sen fanatismos nin nacionalismos absurdos nin complexos na lingua do seu país, moita gana de traballar e tirar para adiante…
Sei que a suciedade e o ruído derivados do botellón son absolutamente criticables, pero que un país coma España, onde cada 10 casas 3 son bares, cafetarías, baretos, tascas, mesóns, tabernas, parrilladas, clubes, cafés, pubs, discos, disco-pubs, vinotecas e demais do catálogo ludo-etílico, rache as vestiduras perante o botellón non deixa de ser rechamante. Ou é que toda a xente que vai aos bares se emborracha e queima containers? O outro día a miña muller contábanme dunha moza compañeira de traballo que non falta a ningún botellón cando pode e que,
a) non bebe.
b) asegura que as conversas máis interesantes da súa vida as tivo en botellóns.
Evoluír, cambiar, rachar fronteiras e non poñelas, abrirse ao mundo e non pecharse, crer que o outro é o paraíso e non o inferno: eis o reto.
Nota musical: do disco recomendo especialmente os números 2, e 6 e a excelente e relaxante despedida musical final. Obrigado, Mou. Adiante.

20.2.06

Menú do día: un pensamento; un fondo musical; o inicio dunha crítica


O pensamento: A vida é coma os libros: non podemos arrincarlle páxinas pero si tirar o libro enteiro.
Nota: o pensamento non é meu. Escoiteino nunha peli o outro día.
O fondo musical: hai ¡¡31 anos!! (aínda Franco andaba jodendo por aquí) que Keith Jarrett gravou en directo o concerto de Colonia (The Köln Concert, ECM). Jarrett -discípulo de Bill Evans e que formou trío co batería Jack deJohnette e o contrabaixista Gary Peacock (casi ná)- é a oídos de hoxe un clásico. E agora a pregunta do millón de dolares. ¿Que é para min un clásico? É clásica unha obra realizada con vontade claramente estética que é susceptible de ser redescuberta/reclasificada/redenominada... cada vez que se disfruta (ve, escoita, toca...). Polo tanto, unha característica asociada a todo clásico é a súa intemporalidade. A xenialidade de Jarrett (como a de todos os clásicos) reside no seu poder de sobrecoller, de premer no nervi que empuxa as bágoas aos ollos. Probade e falamos.
Ah! E outro día falamos de Mozart. É o que toca; o ano pasado era Cervantes e o Quixote. Cando vin nun iogur a mención patrocinador oficial IV centenario don Quijote, pensei "touché: crin que nunca chegaría este momento pero chegou". Así funciona isto. A golpes. Aquí te pillo, aquí te mato. Persoas a quen hai cinco anos lles preguntabas por Frida Kahlo e aventuraban un tímido "¿non era a amante de Hitler?", hoxe botan tres horas baixo a choiva por ver unha exposición súa, e así nos vai. Convén, en momentos de crise, tomar a medicina:

Porque vivimos a golpes
porque apenas si nos dejan decir que somos quien somos
etc.

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.