Mostrando entradas con la etiqueta imaxes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta imaxes. Mostrar todas las entradas

9.3.09

Caprichos

Nesta sociedade nosa, e especialmente nalgúns entornos como o universitario, menudean os xenios incomprendidos. Aínda que se afirma que ao xenio verdadeiro se lle pode recoñecer claramente en que todos os necios se conxuran na súa contra, teimando incomprensiblemente en afirmar que en realidade o tal xenio é un vaidoso cheo de fachenda e impostura, non é doado identificalo indiscutiblemente. Como en tantas outras esferas do humano trajín, as nubes impídennos ver o ceo e só co paso do tempo chegamos a clasificar os xenios sen dúbida algunha. Bach, Beethoven, Vermeer, Leonardo, Cervantes, Shakespeare, Buñuel, Tolkien, Picasso, Kubrick son, a vuelapluma, nomes de xenios que se me ocorren. Non foron só creativos cunha capacidade desmesurada senón que imprimiron a todo o que fixeron o selo do excepcional, do que, sen a máis mínima reserva, se sae da norma e nivel convencional onde, por moi bo que sexa o que fagamos, nos movemos o común dos mortais: Salieri e Mozart, lembran?
Don Francisco de Goya aragonés, afrancesado, rebelde, ilustrado e un pouco tolo foi, sen dúbida, un xenio. Toda a súa obra e xenial. E os Caprichos non son só xeniais. Para os Caprichos de Goya habería que troquelar un novo adxectivo, que fose quen de expresar a súa enorme tensión e intensidade. Nunca, creo, na historia española se ten penetrado a punto tal na dura madre da nosa antropoloxía. Se alguén retratou o lado máis tétrico da alma española (e a nómina decimonónica dende Potocki a Borrow é extensa), ese foi Goya nos seus estremecedores caprichos. A superstición que acogota un pobo, os alentos da morte e as babas dos vellos verdes, os alaridos do tormento e a coroza dos reconciliados, as mentiras, calotes e insidias dos frades e curas, os castigos da lascivia e as insondables simas da vaidade e a estupidez, a lameira mesta do medo e a rutina, a horrenda moca da bruxa e o fétido bafo da alcahueta, o alimento infinito da ignorancia e a xenreira visceral á luz do saber, os monstros repulsivos da necedade, os regüeldos, gulas e hipocresía dos inquisidores, xerarquías e dignidades, os espantos e destrozos da guerra, os vómitos e burlas truculentas da máis fonda miseria, o balbordo do aquelarre... compoñen un desfile visual ao que o laconismo e incisión dos brevísimos lemas que titulan cada gravura engaden penetrante crítica: El sueño de la razón produce monstruos, Lo que puede un sastre!, No hubo remedio, Y aún no se van!, Buen viaje, Murió la verdad... son algunhas lendas das máis patéticas e emotivas imaxes.
Os Caprichos viron a luz na súa forma definitiva en 1799. O Diario de Madrid, en 6 de febreiro dese ano, adelantábaos en fermoso anuncio, moi probablemente de man de Moratín:
Colección de estampas de asuntos caprichosos, inventadas y grabadas al aguafuerte por don Francisco Goya. Persua­dido el autor de que la censura de los errores y vicios hu­manos (aunque parece peculiar de la eloqüencia y la poe­sía) puede también ser objeto de la pintura: ha escogido como asuntos para su obra, entre la multitud de extrava­gancias y desaciertos que son comunes en toda sociedad civil, y entre las preocupaciones y embustes vulgares, autorizados por la costumbre, la ignorancia o el interés, aque­llos que ha creído más aptos a suministrar materia para el ridículo, y exercitar al mismo tiempo la fantasía del artí­fice.
Quen fará os Caprichos da nosa España contemporánea?

6.3.09

25.1.09

AEMILIUS P. TAURUCULUS IMP. GALLAECIAE

Estará pensando liquidar o duunvirato para restaurar as vellas glorias imperiais? Fíxense que o duunviro Anxo aparece na parte inferior claramente subxugado ao Divus Maximus.
Uuuuuy! Algo cheira a podre neste reino! E máis que cheirará!

21.4.08

O mundo en escala de grises














Un dos problemas máis debatidos na semántica e a lexicoloxía, con consecuencias obvias na lexicografía ―a elaboración dos dicionarios―, é o das complexas relacións entre as dúas caras do signo lingüístico. Para non aburrir ao paciente lector con argumentos de retórico, vaiamos a unha das máis espiñentas cuestións neste eido ―o da polisemia―, e resumamos formulando unha pregunta de corte divulgativo: granada ‘froita’ e granada ‘bomba de man’, son unha palabra con dous significados ou dúas palabras homófonas (é dicir que soan igual)? A cousa non é baladí pois (ademais de facultar a moitos profesores a gañaren a vida respostando cuestións de tan vital importancia…) se convimos coa primeira proposta, concedemos toda a preponderancia do signo á forma, concluíndo que unha palabra é fundamentalmente o seu significante, mentres que se optamos pola segunda vía, actuamos exactamente en contrario, cargando as tintas no valor do contido e deducindo que unha palabra e fundamentalmente o seu significado. Un camiño do medio, neste, como se ve, complexo problema é o daquelas unidades que si parecen perfectamente polisémicas, é dicir, unidades de significado moi semellante por moito que difiran os contextos nos que se usan: o que, andando por casa, chamamos acepcións. Moitas destas acepcións ―especialmente nos adxectivos― xéranse en sinestesias, un tipo de metáfora moi usual na que se atribúe a un sentido a percepción propia doutro. É o que ocorre cando dicimos un carácter agrio, unha voz tibia, unha disciplina férrea, unha chuvia doce, unha aceleración suave, unha verdade amarga, un ambiente cálido, un libro escuro.
Un libro escuro? Que cousa pode ser un libro escuro? De certo que o lector curioso ten in mente xa varios candidatos. O castelo de Kafka, O livro do desasossego de Pessoa, O gran caderno de Kristoff ―do que dabamos conta hai ben pouco―, O mestre Eckhart de Bédard… son libros inquietantes, pouco amables, escritos non para evocar a luz nin a primavera, nin a calor, nin o riso, nin a esperanza, senón a noite, o inverno, o frío, o salouco e a angustia, zonas indesexadas pero inevitables da existencia. Eu escribín un libro de poemas, intitulado Ruínas, no que, supoño, saíu o máis profundo magma, as rochas plutónicas do volcán que eu, coma todos, levo dentro (Dito sexa entre parénteses, nunca a felicidade foi motor eficiente da auténtica poesía).
24 10 06, libro de prosa poética de Anxos Sumai e fotos de Manuel Martínez (Candeia Editora: 2007) é un inventario de escuridades, pulsións de dor, medos, xermolos do pesadelo, a cara b da vida onde aniñan as angueiras e o mundo amósase en escala de grises:
sitúa no universo unha dor descoñecida. O cruzamento co meu corpo desa dor absoluta nunca antes sentida deitou tamén un pranto novo, unha das múltiples variedades do chorar que conforman o meu persoal reconto de bágoas. Sempre serei aprendiz da dor, porque se presenta de cada vez cunha liguaxe anovada
Manuel e Anxos quixeron facer un libro escuro e conseguírono con creces. É ―non obstante ou xa que logo, como se queira― é un libro poético, fondamente poético, raro mérito daqueles libros de fotografías nos que cada imaxe é un poema, pero mérito aínda exquisitamente acrecentado na elegante simbiose entre texto e imaxe, entre fondo e forma. Porque, tratándose de quen se trata, a fasquía externa do volume ―quintaesencia do minimalismo e gusto tipográfico que tanto aprecio en Manolo como deseñador (e el sábeo)― conságrase a ser digno envoltorio do contido: o uso do negro como cor que o domina todo (ata as gardas), apenas rompido pola mínima tipografía do texto en branco a unha soa liña apaisada que, a xeito dunha fírgoa, atravesa o libro e o fende; a elección dun papel semimate de extraordinario tacto e calidade de soporte para o tratamento das fotos; o concepto e formato do libro-obxecto, a xeito de e inquietante caderno persoal de notas ou libro de horas...
Poeta é quen conmove. Parabéns, Anxos, Manuel. Comigo o conseguistes.

28.1.08

De paisaxes e sinestesias

Lembro, hai ben anos disto, que durante unha breve estada nas inmensas chairas onde Alemaña toca con Holanda, preto de Groningen, por onde eu andaba moceando daquela, e con ocasión dun romántico paseo en bicicleta entre enormes muíños, granxas e tulipáns, tiven un atisbo do fero sentimento co que a paisaxe debeu danar a mente maltreita de Van Gogh e a estraña conexión que a realidade establecía, imaxino, coa súa ollada deforme, patolóxica e xenial.
Poucas cousas, en efecto, asinan connosco un contrato tan evanescente e pouco rigoroso coma a paisaxe. E isto porque toda percepción estética alicerza naquelas porcións de nós mesmos que non somos quen de controlar. Unha música gústanos e outra non. O cadro dun pintor antóllasenos sublime e outro do mesmo autor anóxanos. Por qué a mar infinda nun solpor de outono pode parecernos un paradigma de melancolía ten, que dúbida cabe, algo de sinestesia. Sinestesia, por certo, que pode conducirse alén do marco estrito da paisaxe. Nunca puiden imaxinar, por exemplo, a Guerra Civil española nun mundo de cor. Foi, como as fotos e filmacións que nola teñen transmitido, en branco e negro. E a Europa da última guerra? Cando vin por vez primeira a porta de Brandenburgo no remate da avenida Unter den Linden, sufrín unha conmoción pola súa cor. Levaba anos imaxinándoa nun Berlín esnaquizado, negro, fumeante de bombas.
Voltando á paisaxe, abofé que de non levar xa varios anos —afortunados anos, por certo— vivindo nesta marabillosa e maternal terra da Amaía, e o libro de fotografías Brétemas luzadas do fotógrafo Luís Alonso Ocaña (Concello de Brión: 2007) ter chegado ás miñas mans sen a coñecer, ocorreríame como coa Guerra Civil ou a berlinesa Brandenbrger Tor: a Amaía sería de seu, indefectiblemente unha terra en branco e negro, tal e como as fotos de Alonso Ocaña —unha obra de arte cada unha— a amosan.
Nalgunha outra ocasión, téñome referido a que hai libros de fotos que, como o que comento, non son libros de fotos: son poemarios, poisque cada imaxe, en simbiose supoño que case perfecta, trasloce parte da alma do poeta, que no canto de se expresar con palabras faino con imaxes, e parte da alma da terra retratada, que no canto de ser herba, madeira, terra, pedra e auga, adquire a dimensión dun mundo inmaterial e etéreo onde de certo deben habitar as lendas e xerarse os soños.
Nota curiosa: o libro, editado non sen gusto e habelencia, chegoume, a min coma a todos os veciños do Concello, a través de buzoneo, semanas antes das últimas eleccións municipais. Vaites, ho! Que todo o que che meten na caixa do correo con tal motivo fora coma este libro!

4.1.08

Das ideas ás imaxes. Das imaxes ás ideas

Repasando, e ata certo punto reorganizando, os materiais da miña docencia no III Máster en Edición, que comezarei o vindeiro día 10, detívenme de xeito especial, e só polo gusto de poder facelo con espazo e un chisco de delectación, no ítem relativo á cuberta, dentro do tema rotulado xenericamente Estrutura e nomenclatura do libro. Unha sistematización terminolóxica previa, que acaso alguén agradeza: cuberta non é portada. A cuberta é a parte externa do libro e a portada a páxina previa máis importante da tripa, o, digamos, DNI do libro, onde figura todo o que catalografica e biblioloxicamente interesa deste: autor/es, título e subtítulo, editorial, ano… Por cuberta pode entenderse —de feito así se fai adoito— a totalidade da envoltura externa do libro, e así, cando un deseñador nos anuncia envíoche un .pdf coa cuberta, entendemos que nos envía todo: a cuberta propiamente dita, as lapelas —caso de as levar o libro— e a parte traseira. A este respecto, e para evitar incómodas ambigüidades, malos entendidos e explicacións cansativas (cuberta-portada-contracuberta-contraportada-volta da cuberta…), eu recomendo usar unha terminoloxía unívoca, ben coñecida de editores, pero pouco sistematizada. A cuberta en conxunto ten catro páxinas:
-a primeira [páxina] de cuberta: a cuberta dianteira (que os franceses chaman plat recto ou plat dessus).
-a segunda de cuberta: a volta ou interior da primeira de cuberta (que en libros en rústica vai sempre baldeira e en libros en tapa dura leva pegada a páxina de garda esquerda).
-a terceira de cuberta: a volta ou interior da cuarta de cuberta (que en libros en rústica vai sempre baldeira e en libros en tapa dura leva pegada a páxina de garda dereita).
-a cuarta de cuberta, moitas veces mal chamada contracuberta (en realidade, e usando de boa lóxica, a contracuberta sería o que vimos de chamar segunda de cuberta), e que os franceses chaman plat verso ou plat dessous.
Seguindo esta terminoloxía, usamos tapa cando a cuberta é de libros encadernados en cartoné (ou tapa dura) e capa para nos referir á sobrecuberta —camisa no argot técnico— que poden levar os libros así encadernados.
Ata aquí o libro gordo de Petete (que te enseña y te entretiene, iso espero). A reflexión persoal deriva de ata que punto é importante un deseño estético de cuberta, logrado e acaído ao carácter do libro, algo que —técnicas á parte— percíbese en aspectos por veces demasiado sutís: unha relación excesivamente explícita entre motivo gráfico e contido da obra, por exemplo, pode arruinar de xeito irremediable unha idea aceptable, ou mesmo brillante do punto de vista estritamente técnico. Por iso, o momento que precede ao primeiro visionado dunha proposta de cuberta, eses segundos que tarda o Reader de Acrobat en abrirse e mostrar a todo o longo do monitor a proposta, teñen algo de emocionante: conexión elegante coa idea do libro, conxunto estético, proporcionada distribución de espazos, cores e volumes, atinada selección de tipografías, corpos e a súa combinación, determinación de texturas… Unha cuberta é, ou debe ser, unha sorte de trasunto sinestésico (toma!) do libro: da esfera das imaxes á esfera das ideas e viceversa.
O exemplo que tomo para esta ocasión quere ser unha homenaxe a non sei se o mellor —pois estes arrebatos de absolutismo son sempre moi esaxerados— pero si a un grandísimo deseñador editorial do noso país, Daniel Gil, falecido en 2004. Teño para min que esta cuberta de El castillo (de 1971) -unha cuberta chamada a pasar con lugar de honra á historia do deseño editorial español- é no seu conxunto un paradigma intemporal de todo o que de bo pode dicirse acerca do deseño de cuberta dun libro. Van alá trinta e seis anos e podía ter sido deseñada onte.

27.12.07

Unha reflexión arrautada

A piques de saír zumbando para A Estrada á presentación do volume 10 da revista A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural —que teño a honra de coordinar editorialmente—, e ollando de esguello para a cuberta, reparo na foto que serve de ilustración para este número, o que me convida a unha reflexión ao fío.
Sendo como é A Estrada puxante vila e enorme concello, mundo urbano e rural, núcleo urbano reitor da vida de cincuenta e dúas freguesías, o director da publicación Juan Andrés Fernández Castro e máis eu convimos en ir alternando en cada anuario fotos de tema urbano —a vila e o seu desenvolvemento— e rural —e hai onde elixir—. Para este volume tan senlleiro —alá van dez anos de esforzos e desinteresada ilusión— Juan Andrés elixiu a fermosa instantánea destes cinco pícaros, tirada do fondo fotográfico Celestino Fuentes, hai pouco doado ao Museo Estradense, e do que esta bitácora daba conta días atrás.
Ben pouco podían sospeitar estes nenos da Ulla—mediando os anos cincuenta, íncolas dun universo no que o propio universo era escaso— que a súa vera effigies ía ficar perpetuada na cuberta dunha revista de estudos locais publicada en plena era da hipertecnoloxía e a opulencia, cando eles, de viviren, serán case anciáns. Que mundos tan diferentes o que esta foto reflicte e o de hoxe! Inescrutables, por certo, son os camiños da vida.

21.12.07

Feliz 2008 (dende o monte Gaiás)

O noso ínclito presidente comparou en certa ocasión á Cidade da Cultura coa Tate Gallery londinense. Xa me teño eu referido ao asunto. Desafortunada comparación, pois unha sabia decisión levou a aproveitar unha central eléctrica, abandonada en 1982, para acubillar unha das galerías de arte máis afamadas do mundo, co conseguinte aforro, mentres que aquí a) faise ex novo un edificio xigantesco e carísimo para b) non se sabe ben. En fin. A cousa xa está feita e de nada vale seguirmos dando voltas, coma burros de nora, ao asunto. Como non se vai tirar abaixo o xa construído, eu creo, e por iso aplaudo a iniciativa do Concello compostelán, que cómpre pecharmos filas co proxecto e sermos construtivos e un pouco, por que non, entusiastas.
Fago miña, por tanto, a fermosa felicitación da corporación, e envío os meus parabéns ao propietario da idea. Dúas son as torres da catedral. Dúas son as torres do polémico edificio. Mudar o tópico skyline dunha cidade como a nosa, repetido ata a saciedade, non é tarefa doada. Menos aínda, transmutalo nunha idea gráfica que o respecta pero bota por medio case catrocentos anos, os que median entre as torres de Casas y Novoa e as de Hedjuk.
Polo demais, sirva a imaxe, universal e compostelá, clásica e revolucionaria, moderna e inverniza, para acompañar a expresión dos meus mellores desexos a todos os amigos que me fan a honra de compartir este recanto de pensamento.

11.11.07

Momentos dunha exposición. I.
















A exposición de carteis (que atopo nunha escapada de fin de semana) chámase Planeta sano e foi convocada, baixo o leitmotiv da ecoloxía e a alimentación sa, pola Fundación Caja Madrid entre alumnos de Belas Artes. O cartel que ilustra este post evócame o subtítulo dun famoso libro: The Making of Typographic Man. Ata que punto somos, en efecto, homes (vale: e mulleres) xa non tipográficos, senón aínda logográficos, fica perfectamente claro na evidente fortuna desta proposta. Transmite de xeito obviamente perverso a relación entre o consumo desenfrenado e a (im)posibilidade dun desenvolvemento sostible, e xa que logo, da conservación do planeta. Pero, do meu punto de vista, o éxito desa transmisión reside no convite implícito a que o espectador aille e identifique a imaxe logotípica de cada unha das marcas comerciais que compoñen o texto. A pregunta parece de concurso gilipollas:
-É vostede un home (ou muller) tipográfico? A ver se as adiviña!

Momentos dunha exposición.II.


















Deste prodixioso alarde de pertinencia e imaxinación fiquei cun regusto amargo: Co que me gustan as hamburguesas!

9.10.07

Márquetin oculto?















Cartel colgado profusamente nas paredes da Facultat de ¡¡Filologia!! da Universitat de Barcelona. Será o redactor do texto de Baños de Molgas? de Escairón? da Estrada?
By the way, lembro con tristura, cando en segundo de carreira me chantaron o primeiro (e creo que único) suspenso da carreira (en Latín). O día que fun recoller o veredicto de setembro, á vella Facultade de Filoloxía en Mazarelos, o conserxe cubrira as papeletas cun folio no que podía lerse con fermosa letra de pendolista: Ensamenes de septiembre.
Imaxe tomada vía Invasió subtil.


23.9.07

Nota al pie











Jugosa imaginación; gratificante idea. Vía Erratas inminentes, otro magnífico blog de libros y edición.

29.6.07

Lucifer beetwen us

Magnífica a foto que publica engalego e magnífico o comentario: Dende este blog xa fai tempo que vimos avisando: o maligno está entre nos.

3.6.07

Olhares

Hai libros que semellan dotados dunha existencia autónoma, independente da vontade do seu posuidor. Aparecen, nun repente, e un pregúntase de onde é que puideron saír; non se lembra a súa orixe, o misterioso proceso que, dende o día do seu nacemento, no pé dunha xigantesca encadernadora, nalgunha imprenta remota, os levaron a nós. Logo, un bo día desaparecen e xusto cando os buscamos non somos quen de dar con eles, para reaparecer cando menos se pensa.
Como puido chegar a min o libro do que vou falar a seguir, o ignoro, ou, de momento, non fago lembranza, malia levar véndoo aquí e alí durante varios meses. Pero agradezo ao proceloso fado o térmolo proporcionado. Lembraba no post de hai uns días a Hölderlin e a súa famosa solicitude de habitarmos poeticamente a terra. Pois ben, o libro en cuestión é unha impagable mostra do senso máis fondamente poético que, involuntariamente, poden ter as cousas. Só hai que saber mirar. Porque Olhares, que tal é o título da colección de arredor de 60 instantáneas saídas do obxectivo de Augusto Pereira Gomes Rocha Soares, publicado en 2004 sob os auspicios da Cámara Municipal de Santiago do Cacém, non é un libro de fotografías máis, como tantos que se publican sen pena nin gloria. Olhares é un poemario, un fato de imaxes en branco e negro que trascenden a súa propia arquitectura visual para penetrar no cerne máis lírico e íntimo, no senso, si, máis poético dos personaxes ou das paisaxes que retrata. Sei ben pouco do seu autor, alén da información que fornece a cuarta de cuberta do libro: enxeñeiro químico nado en 1927 no Cacém e de sempre afeccionado á fotografía, comeza a expoñer en salóns e exposicións a partir de 1973. As fotos que trae o libro, moi ben editado por certo, son de entre 1971 e 1974 (abril, por suposto!), un Portugal, aínda, atávico e subdesenvolvido, con aqueles coches de placas, con toda seguridade as matrículas máis fúnebres do planeta, de letras e números brancos en altorrelevo sobre fondo negro.
Custoume moito decidirme por unha imaxe para ilustrar este post. Pero, ao cabo, o rosto desta nena cativoume. Retador, suspicaz, salvaxe, fero, defensivo, soprendido, escrutador, agresivo, belísimo… poético. A foto chámase Varredelas e foi tomada en Musgueira, Lisboa,en 1972.

18.1.07

Un alto no camiño

Hoxe, neste feo e ingrato día de chuvia, no que semella que se vai botar a noite sen ter amencido, non teño gana de falar de libros nin do rego da cultura nin de comentar a actualidade, que, polo demais, amosa por regra xeral un panorama aínda máis mouro ca co climático. Contra a maré de hiperactividade cotiá, hoxe quero convidar a quen me lea a un intre de relax e acougo. Se ten ocasión (mellor, claro, fóra de horas de traballo...) poña Vde. unha música de fondo consonte o efecto pretendido (propostas: chill-out se non é demasiado hortera, calquera cousa da colección «Dancing Cat» do selo Windham Hill, jazz non moi estridente, algún concerto grosso do XVII, Tangerine Dream?) e disfrute dunha visita ao fotoblog imatges.net, unha elegantísima (e case sinestésica) mestura de beleza, técnica, delicadeza e enxeño. Os meus parabéns para o dono de tan exclusivo local.
E para mostra un botón. A imaxe xunta a este post chámase «Windows XP».

2.1.07

Unha imaxe

Volvendo dunha excursión á praia de Soesto (Laxe), unha das praias máis fermosas dunha costa inzada de praias fermosas, fixen esta foto. Sen baixar sequera do coche. No lusco fusco. Son casas e un hórreo da aldea de Soesto. A pobre, pero dignísima, iluminación de nadal produce un estraño efecto, entre a melancolía e unha indefinible serenidade. Poucas veces neste blog as imaxes son protagonistas, ficando normalmente relegadas a complementos das palabras. Hoxe -tómese coma un último resplandor deste nadal que se vai- prefiro que sexa unha imaxe, tan poética, a inspiración das palabras. Esta imaxe cheira a aldea (bosta, herba, fume, bosque, madeira...); sabe a inverno; invita a recollerse no amor do lume fuxindo da friaxe; oio cans ladrando, a voz dun cativo ou dunha muller. E a luz declina: nalgures, certa, late a sístole da noite.

2.12.06

Postal de inverno















Madre herba
recolle silandeira as tebras.
Chora padre vento
nas cancelas.
Prata e aceituna, a tarde.

A penumbra fecha portas,
trae avisos da neve,
prepara a casa para o sono.
Hai no fume monocorde dos carozos
segredos que só o fogar coñece.

Neva,
e nalgures, certa,
late a sístole da noite.

Nota: sírvase frío. Pode acompañarse de Rainsong (Fortune's Lullaby) de George Winston.

1.11.06

Ecosistema


Chapapote? Non. Cinza e restos de bosque queimado.
Foto: Praia da Aguieira, Porto Dosón, 29 de outubro de 2006.