2.1.07

Unha imaxe

Volvendo dunha excursión á praia de Soesto (Laxe), unha das praias máis fermosas dunha costa inzada de praias fermosas, fixen esta foto. Sen baixar sequera do coche. No lusco fusco. Son casas e un hórreo da aldea de Soesto. A pobre, pero dignísima, iluminación de nadal produce un estraño efecto, entre a melancolía e unha indefinible serenidade. Poucas veces neste blog as imaxes son protagonistas, ficando normalmente relegadas a complementos das palabras. Hoxe -tómese coma un último resplandor deste nadal que se vai- prefiro que sexa unha imaxe, tan poética, a inspiración das palabras. Esta imaxe cheira a aldea (bosta, herba, fume, bosque, madeira...); sabe a inverno; invita a recollerse no amor do lume fuxindo da friaxe; oio cans ladrando, a voz dun cativo ou dunha muller. E a luz declina: nalgures, certa, late a sístole da noite.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Impresionante foto. Non sei se técnicamente. Foto impresionante. Galicia. A de verdade, inda que se empeñen e nos empeñen no Gaias. Non todo é feismo. Fermosismo. Así vivimos é así somos.
(Se me permites, eu presentaría esa foto a un concurso)

juan l. blanco valdés dijo...

Alégrame que che gustase. Si, supoño que tecnicamente a foto non é ningunha marabilla, pero, como burro, ás veces toca un a frauta por casualidade. En efecto, o feísmo cruel e salvaxe non é quen, por veces, de destruír tanta beleza. Hai poesía en todo. O caso é dar con ela.
Un saúdo cordial.