24.1.07

Lovecraft

Howard Phillips Lovecraft é unha anomalía, da cabeza aos pés. Non me estraña que dun tipo tan raro saíra un universo literario de anormalidade indescritible, por usar do seu léxico característico. A posteriori, non resulta difícil establecer unha inquietante ósmose entre a súa propia biografía e a sufocante aura de terrores innominables que rodea as súas obras.
Con Lovecraft pásame algo que hoxe quero compartir con quen me lea, na esperanza de atopar que acaso non sexa eu o único a quen lle ocorra. Non encontro moitos motivos conscientes para que me guste demasiado e sen embargo os seus relatos resúltanme apaixonantes e practicamente non teño lido nada del que me desguste. A ver se me explico. O seu estilo é calculadamente correcto e está dotado ―mesmo diría alentado― da sobriedade británica dos seus ilustres ancestros, instalados como colonos de prestixio dende tempos inmemoriais no seu Massachussets natal (con casos coma o de Lovecraft comprobo con magoante certeza ata qué punto a tradución é un mal menor, e lamento fondamente non poder disfrutalo no inglés orixinal). Gusto especialmente dalgúns dos seus relatos acaso menos coñecidos: O legado Peabody, O sepulcro, A sombra sobre Innsmouth… e da noveliña (que é algo máis ca un conto grande) Nas montañas da loucura, o primeiro texto do autor que chegou ás miñas mans, hai unha morea de anos.
Pero en calquera caso, como dicía, Lovecraft é un narrador de prosa tan gris e uniforme coma a súa propia, rutinaria, solitaria e triste existencia. O seu terror é elaborado ―ata o punto de semellar por veces insincero―, intelectual en exceso e está, ao meu ver, desprovisto da cercanía e o xenio de Poe, da loucura brillante e indisimulada de Maupassant, do goticismo exquisito de Le Fanu, Mary Wollstonecraft ou Montague R. James, da negrura etnográfica de Stoker, aínda que a influencia de todos estes autores pode probablemente rastrexarse na torturada cosmogonía lovecraftiana. A súa fauna híbrida e viscosa de «primordiales», reptiles e peixes case humanos, a súa mitoloxía presidida por seres de indefinido horror ―e prosodia imposible― como Cthulhu, Nyarlathotep, Tsathougghua ou R’yleh, o inefable árabe loco Abdul Al-Hazred e o seu espantoso (e apócrifo) Necronomicón, a onírica meseta de Leng... son produto, si, dunha mente atrabiliaria e especialmente afectada por un medo esencial pero tamén dun espírito selecto, de vastos coñecementos e amplas lecturas e ligado ao ambiente intelectual da elegante e culta cidade de Arkham ―un trasunto literario evidente da súa Providence natal― e a súa Universidade Miskatonic, nomes estes por certo, Arkham, Miskatonic, cheos de eufonía e afalagos misteriosos.
Creo que é precisamente esta frialdade calculada, característica da súa narrativa e reflexo fiel dunha existencia sen afectos, o que explica que Lovecraft sexa hoxe un autor de culto ―criticado con frecuencia pola súas limitacións como narrador―, un autor para esas inmensas minorías capaces de alimentar milleiros de páxinas web e fundar clubs de afeccións extravagantes. Lovecraft reúne hoxe en Google preto de 6.000.000 de entradas pero ningún dos seus relatos foi quen nunca de inspirar o guión dunha película de éxito. Non resulta chamativo?
Para min, sexa como for, a obra do escuro señor de Providence sempre fará parte dos imprescindibles. Iso é o que quería dicir. Non será que tamén eu son un pouco rarote?

7 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Brillante análise literaria, sen dúbida. Aínda que me parece difícil que non haxa ningún produto fílmico inspirado en Lovecraft: tería que consultalo, pero a priori paréceme incrible. Saúdos.

Anónimo dijo...

Aqui www.alohacriticon.com/viajeliterario/article689.html tedes unha lista con pelis inspiradas en Lovecraft, algunhas adaptacións de relatos e outras cousas. É cine algo friki. Eu lembro con agarimo "Re-animator", e se tedes estómago e ganas de rir, é altamente recomendable. Se tedes fillos adolescentes vano a agradecer.

Anónimo dijo...

E unha cousiña máis, esta en relación co pos anterior. H. P. Lovecraft en "tradución automática" ao galego sería algo así como F. P. Traballoamoroso (a connotación sexual xa a poredes vós), ou algo así (sería unha FP II, supoño).
Tamén se podería traducir ao latín como H. P. Arsamandi.

juan l. blanco valdés dijo...

Marcos:

Agradecerei calquera nova ao respecto. Teño noticia (porque cometín a extravagancia de "intentar" vela) dunha "españolada" titulada DAGÓN, homónima do relato, que para máis inri ten lugar nunha vila da costa galega. Abominable (pero nun sentido xenérico, non lovecraftiano). O dito. Agracedecerei calquera nova ao respecto.Saúdos.

Zimmerman: tomo nota de re-animator (con ese título, promete), anque non estou moi seguro das miñas capacidades gástricas.
Moi enxeñosas as equivalencias pseudoautomáticas do apelido (temo que, en calquera caso, pouco acaídas á vida sexual que lle supoño a don Howard Pillips...).

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Non teño ningunha querencia polo xénero nin por Lovecraft, pero esa película de Dagon vina. Non está mal: é peli Z en Combarro, con Paco Rabal patético e unhas esceas semieróticas que desarmarían ao propio Roque Sinfreno. Creo recordar que traballaba de extra un amigo meu e cando falei con el da película botouse a rir sen parar. Aínda me estou rindo agora da peli. Qué cousa.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Non sei se a vin doblada ao galego? E non sei se o propio Rabal falaba en galego? Agora estou dubidando. Pero venme á memoria polo pésima que era, pero tiña un aquel morboso.

O Breogán de Gáidil dijo...

Existen moitas películas baseadas na obra de Lovecraft. Ademáis está a adaptación dun dos seus mellores relatos: The Call of Cthulhu. Trátase, en contraposición con outras películas (que son adaptacións libres), da adaptación fiel do texto orixinal, feita no 2005 en branco e negro e muda. Aí vai o enlace:
http://www.cthulhulives.org/cocmovie/index.html