29.1.07

Informática


Se hoxe vivise, Ramón Gómez de la Serna ―a quen, do meu punto de vista, a posteridade ten concedido unha maior trascendencia ca a que o suxeito e a súa obra merecían― facendo gala daquela imaxinación oronda e aceitosa das súas greguerías, chamaría aos acrónimos os frankensteins do léxico, pois como o monstro do prometeico doutor, os acrónimos están feitos de anacos doutras verbas. Coa acronimia a linguaxe manifesta con claridade a tendencia invasiva de toda creación humana, a inclinación das cousas á ocupación do territorio doutras cousas. Deste xeito, un cantante que invade o eido do autor é un cantautor; un documental con elementos tomados do drama un docudrama; un sitio onde os xogos póñense ao ordenado dispor dos usuarios ―nada máis alleo á natureza dos xoguetes― unha ludoteca (a creación ―máis recente― vinoteca só podía xestarse nun país de curdas coma este); un boneco, en fin, que ten a televisión como terreo de traballo un teleñeco.
Un dos acrónimos de maior fortuna da época contemporánea e informática, usado por vez primeira en Francia en 1962 e creado de INFORmation autoMATIQUE, que axiña foi incorporado polas linguas de cultura agás o inglés, lingua na que nunca callou fronte a computer science ou computing. Eu diría que hoxe seguir chamándolle informática ao que facemos cos ordenadores pensando en termos de "información automática" sería una inxenuidade, de non ser porque, unha vez incorporados ao caudal léxico das linguas, os vocablos erosiónanse nas súas significacións orixinais ata chegaren mesmo a baleirarse destas e redenominar conceptos ben moito máis amplos, ben máis específicos. Comparar o pequeno ordenador portátil no que escribo estas reflexións co primeiro ordenador perante o que me sentei hai agora vinteún anos é poñer en branco sobre negro un proceso de aceleración tecnolóxica que non ten parangón na historia da humanidade. Acaso a invención daquel ars artificialiter scribendi de maese Gensfleisch de Maguncia nos mediados do século XV poida achegar un pálido atisbo. Mercé ao cachivache que permitía a recuperación dos tipos de imprenta, apenas dúas semanas despois de que Lutero cravara na porta do castelo de Wittemberg as súas teses contra as investiduras, as ideas do diabólico frade eras discutidas en todos os confíns de Europa. Iso si é información automática. Globalización da información. Crítica simultánea. Capacidade masiva de reacción. Rutura de toda fronteira. Mutatis mutandis, hoxe o elegante e minimalista monitor do ordenador no que escribo agocha unha babilonia de información de mastodónticas proporcións, absolutamente inimaxinables cando en outubro de 1985 mirei a pantalla de fósforo verde daquel Data General Dasher One dotado dun procesador 8086 e un disco duro de 20 Mb, artefacto de lentitude sobrenatural a quen a indexación dunha base de datos de 200 rexistros podíalle levar os seus bos cinco minutos. Non sei cáles serán as perspectivas da tecnorevolución permanente na que vivimos dende vaia para dúas décadas, pero percibo unha desproporción no desenvolvemento cronolóxico da mesma . Hai unha evolución ordenada e progresiva entre as orixes cercanas da computación (as experiencias JONIAC e ENIAC de mediados dos corenta e a publicación de The Computer and the Brain de John von Neumann, a remates dos cincuenta) e os remates da década dos oitenta. A partir deste momento coa irrupción do protocolo html e o estándar www (é dicir, Internet, por certo outro semiacrónimo), rómpese o selo e dá comezo unha etapa de hipertecnoloxía acelerada, como antes dicía, e de intercomunicación entre dispositivos sen precedente na historia da humanidade.
Hoxe dou conta dos meus días nunha plataforma grazas á cal dentro de breves minutos estas reflexións serán accesibles dende calquera punto do planeta. No peto da gabardina levamos un pequeno trebello que ademais de permitirnos falar con quen nos pete dende onde nos pete facúltanos gravar as imaxes da nosa existencia cotiá nunha sorte de diario gráfico cheo da calor dos amigos, das paisaxes queridas, dos rostros máis apreciados.
A pregunta non é ao modo de ver se poderiamos vivir sen toda esta cacharrería tecnolóxica. Resistamos a sedución de que calquera tempo pasado foi mellor. A pregunta é en que medida nos está afectando, en termos globais, como humanidade que somos. Fainos mellores, máis solidarios, máis xenerosos, menos violentos? Teño a sospeita de que mentres, por baixo de toda a tonelaxe tecnolóxica que nos abafa diariamente, atopemos tempos para descubrir que o mundo segue estando cheo de defectos, de que nós mesmos somos humanos, e como tales, estamos cheos de defectos, non debera haber problema. Ao cabo, movémonos por casualidades históricas (a Deus grazas). Imaxinan a combinación Hitler-Internet?

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Penso que a tecnoloxía non ten a capacidade de facernos mellores ou peores: non é máis ca unha ferramenta. Ás veces deixámonos levar polo brillo dos avances (qué non daríamos por ver o careto que puxeron os homes de hai miles e miles de anos cando o Bill Gates da época lles amosou como prender lume chiscando dúas pedras?) pero ao final todo se reduce a iso, novos xeitos de ser máis rápidos, eficientes e produtivos. Sobre todo iso, produtivos.

juan l. blanco valdés dijo...

Tes moita razón, Highway, pero tal vez a diferenza estea en que a chiscar pedra contra pedra era unha ensinanza democrática, non reservada a unha tribo de privilexiados, e así, descuberta sobre descuberta, foi avanzando a humanidade. Temo que hoxe chisca pedras apenas a metade dun terzo da poboación. Nos temos celulares, dvd's, home cinema e internet. Eles unhas playeras vellas e un chandal no fondo dunha patera, xogando a vida por un futuro en calquera caso incerto. A tecnoloxía non é un ben (nin un mal) en si mesma, pero nunca é neutra. Unha cousa e o tubo catódico e outra a televisión. Unha cousa é a fisión atómica e outra Little Boy e o Enola Gay.
Saúdos cordiais.

QBH dijo...

Totalmente dacordo. Pois claro que a tecnoloxía non é neutra, nen sequera a ciencia básica -xa non digamos a experimental-. Tanto é así que o poder tenta sempre de facer, con diferente acerto, política científica e tecnolóxica cas ideas científicas e o desenvolvemento tecnolóxico de cada momento histórico.
Ollamos alarmados precisamente neste tempos como concepcións teolóxicas do mundo coma o "Deseño intelixente" acadan maior prelación nas escolas e nos media que a "simbioxénese" da recen ingresada ó clautro da UVigo Margulis.
Por iso que non sei se a tecnoloxía ou a ciencia teñen de seu a solución ós problemas da humanidade

juan l. blanco valdés dijo...

Pastrana:
Obrigado pola visita e interesante e enriquecedor comentario. Un saúdo cordial.