2.3.23

Híper

 

Malia que, como adoita ocorrer cos pensamentos da xente extraordinariamente intelixente, existen interpretacións para todos os gustos, eu creo que o terceiro principio de Clarke, a saber, «a partir de certo nivel de desenvolvemento, toda tecnoloxía é indistinguible da maxia», inspirou unha escena desa obra de arte que é 2001. Unha odisea do espazo. De certo que lembrará vostede a imaxe do homínido, ao comezo do filme, que olla con curiosidade a enorme tibia bovina da que terma nas mans ata que, con ela, comeza a bater, cada vez con máis forza, nos restos óseos esparexidos polo chan, ebrio de violencia. En segundos, o primate descobre que un simple óso pode ser un instrumento de poder e dominación, ao estilo do chamán que controla a tribo con conxuros, arcanos, apócemas e taumaturxias. 
Hai un século, un pobre labrador sen futuro emigraba a Arxentina con dúas mudas e un queixo nunha maleta de madeira e non se sabía del en anos, se estaba vivo ou palmara ou, mesmo, se casara outra vez, mantendo unha dobre vida grazas á máis crasa incomunicación. Hai uns días, o meu fillo Juanpe, que viaxa por Europa en bicicleta, púxome un guasap dende a fronteira de Bulgaria. No mesmo momento, lembrei que eu tivera unha alumna búlgara, coa que, grazas  a Facebook sigo tendo contacto. Púxenlle a Nikoleta unha mensaxe co messenger de FB e ao minuto respostoume pedíndome o móbil de Juanpe, ao que chamou de contado. Menos de dez minutos despois do primeiro contacto, a miles de quilómetros, Juanpe e Nikoleta falaban polo móbil para combinar unha cita. E eu, que comecei o meu sufrido periplo escolar cunha pizarra e un pizarrillo no Grupo Escolar José Antonio da Estrada, lembrei, de novo, o pensamento de Clarke, pero agora baixo claves ben distintas. 
Híper é un prefixo que define ben o noso tempo. Hipermercado, hiperconsumo, hiperactividade, hiperenlace, hiperespazo, hiperabundancia... Hipercomunicados: así vivimos, sometidos permanentemente a armas de distración masiva. Pero aposto a que calquera día saberemos dunha estatística americana segundo a cal máis do 60% dos habitantes de Occidente se sente só nalgún momento da vida. Hai que joderse.   

No hay comentarios: