21.12.07

Feliz 2008 (dende o monte Gaiás)

O noso ínclito presidente comparou en certa ocasión á Cidade da Cultura coa Tate Gallery londinense. Xa me teño eu referido ao asunto. Desafortunada comparación, pois unha sabia decisión levou a aproveitar unha central eléctrica, abandonada en 1982, para acubillar unha das galerías de arte máis afamadas do mundo, co conseguinte aforro, mentres que aquí a) faise ex novo un edificio xigantesco e carísimo para b) non se sabe ben. En fin. A cousa xa está feita e de nada vale seguirmos dando voltas, coma burros de nora, ao asunto. Como non se vai tirar abaixo o xa construído, eu creo, e por iso aplaudo a iniciativa do Concello compostelán, que cómpre pecharmos filas co proxecto e sermos construtivos e un pouco, por que non, entusiastas.
Fago miña, por tanto, a fermosa felicitación da corporación, e envío os meus parabéns ao propietario da idea. Dúas son as torres da catedral. Dúas son as torres do polémico edificio. Mudar o tópico skyline dunha cidade como a nosa, repetido ata a saciedade, non é tarefa doada. Menos aínda, transmutalo nunha idea gráfica que o respecta pero bota por medio case catrocentos anos, os que median entre as torres de Casas y Novoa e as de Hedjuk.
Polo demais, sirva a imaxe, universal e compostelá, clásica e revolucionaria, moderna e inverniza, para acompañar a expresión dos meus mellores desexos a todos os amigos que me fan a honra de compartir este recanto de pensamento.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Feliz ano tamén para vostede, amigo Juan Luis.

juan l. blanco valdés dijo...

Grazas, amigo Api, polos seus bos desexos, que reenvío con toda sinceridade.