6.2.07

Os Beatles de Cádiz e a Cidade da Cultura

O complexo de inferioridade é algo rampante na vida española. No caso concreto de Galicia, entre o substrato pailán e o triunfalismo desmedido (xa saben: Galicia, país de ensoño; Presume de país e demais consignas de carimbo semellante) ármase un cóctel terrible, que conduce ao extravío de personas e personaxes de pouco fundamento. Ao meu ver, a mellor receita contra o pailanismo é sacar peito, adquirir conciencia dos nosos valores ―e temos moitos― e ponderar en positivo, pero sempre con sentido crítico e relativizante, as nosas capacidades sen necesidade de buscar puntos de referencia ou comparación no que fan ou teñen franceses, británicos ou americanos. Contra o triunfalismo desmedido, base de todo nacionalismo, eu recomendo aplicar aquela constatación que Jaume Perich dedicaba na súa Perichmicina aos fanáticos da España cañí do Réxime: o Amazonas é o río máis caudaloso do mundo; en cambio, o Ebro non.
As declaracións dos mandatarios de San Caetano e adaíles da nosa vida cultural sobre a dimensión internacional que lle prevén a ese monumento á megalomanía intitulado Cidade da Cultura, que en opinión, por exemplo, do presidente da Xunta, señor Pérez Touriño, estaría na liña do Guggenheim bilbaíno, ou, aínda, da Tate Modern londinense, o Centre Pompidou luteciano ou a Biblioteca de Alexandría, fanme lembrar a tendencia tan hispana a ennobrecer o noso non polos seus valores senón polo parangón con valores alleos xa universalmente recoñecidos. Lembran, por exemplo, aquilo de que o pazo de Oca é o Versalles gallego? (Ocorrencia dalguén que, obviamente, nunca estivo en Versalles). Na miña opinión, iso de situar a Santiago, como factor de cultura e arte internacional, ao nivel de Bilbao, ou aínda de Londres ou París é unha pretensión tan innecesaria como descabelada e recórdame, na súa desproporción, aquela banda dos anos sesenta que respondía ao nome de Los Beatles de Cádiz, pero cunha diferenza: a que vai do humor ao patetismo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Hoxe o amigo Zapatero fai da cidade da cultura cuestión de estado: sostenella e non enmendalla. O tempo ha dir que vai haber nesa empanada cultural.

juan l. blanco valdés dijo...

En efecto, en efecto. "Todo por la foto", parafraseando o benemérito lema. Nada coma o tempo para poñer as cousas no seu sitio. O malo é o monstruoso dispendio (que abonamos todos).