4.2.07

PSC (Partido do Sentido Común)

Referíase hai pouco nun artigo publicado en El País, que subscribo da cabeza aos pés, e a lectura do cal recomendo vivamente, Antonio Muñoz Molina ao estado de delirio no que está sumida a vida sociopolítica deste país noso; ah! refírome a España, o meu país, por suposto. Creo que alicerza no delirio crer que España é unha especie de invento dos Reis Católicos, refrendado logo polo Requeté e Francisco Franco. É, polo mesmo, un delirio a obsesión por desmembrar algo tan sólido que, por iso precisamente, resulta tan difícil de desmembrar.
Engordar o catálogo actual do delirio hispano é tarefa nada ardua. É un delirio, por exemplo, que cando un mosso d’esquadra detén a un ciclista por ir enriba da bici en pelota picada na vía pública o peso da lei recaia no axente da lei. É puro delirio que unha central sindical convoque ao diálogo, a enquisa e o debate cando se recibe o anuncio de que a xerencia de certa empresa pública, en atribución das súas competencias e en exercicio da súa obriga, vai someter ao seu persoal a un control horario (sistematicamente incumprido, como non, pola maior parte do sector máis soliviantado perante a nova). Aquí debátese todo, todo é opinable pois o principio de autoridade vai en contra do talante e é politicamente incorrecto. É de auténtico delirio perder seis escanos nunhas eleccións e gobernar un país. A política, a vida pública está chea de frikis. É a hora dos acomplexados, dos tipos raros, dos indocumentados, dos incultos, dos ambiciosos, da ausencia de reflexión serena, da emerxencia dos mediocres que matarían antes de perderen a sinecura que lles proporciona a erótica do mando, a secretaria, o coche oficial, axendas de infarto que os inducen a crer na súa mesiánica importancia, que os catapulta diariamente aos xornais, que os releva sobre a masa de pobres mortais que vivimos no intolerable tormento do anonimato. É delirante ver que unha opinión é de seguido adscrita á militancia ou bandería dun determinado partido, sen ter en consideración que, aínda que pareza incrible, a independencia é tamén unha opción. Non hai máis ca delirio en empeñar toneladas de tempo, enerxías e diñeiro en proxectos culturais faraónicos nun paisiño de quinta fila cun patrimonio arquitectónico esnaquizado, en lamentable estado de permanente descoido e esquecemento. Un delirio é o que sustenta que individuos con follas de servizo de escandalosa mediocridade e serias dificultades para a expresión oral coherente sexan os mandatarios dos partidos, os responsables da vida pública e cultural de institucións, corporacións e sociedades. É delirante ver a fachenda e a chulería que exhiben donnadies que antronte eran o mesmo que voltarán a ser cando lles pase a hora e o electorado ¡ai, o electorado, sempre tan veleta! mude. Daí o apego ao machito, a inquebrantable lealdade ao xefe (versión posmoderna dunha sorte de Führerprinzip), a adulación por norma, a ausencia de crítica co que está arriba, non vaia a ser que se caia en desgraza e se perda a prebenda que dá acceso a un mundo vedado en calquera outra circunstancia. É un delirio comprobar como o traballo serio, rigoroso e honesto é parasitado por oportunistas sen escrúpulos, vagos e incompetentes incapaces de faceren nada por si sos pola sinxela razón de que o traballo serio, rigoroso e honesto é un labor difícil, árido, produto da dedicación e das horas, e, as máis das veces, case anónimo. Ver aos servidores públicos, algúns ben feos e desprovistos de todo atractivo persoal, responsables en calquera caso de cometidos tan glamurosos como facer estradas, a educación ou a xestión da sanidade, pululando polos medios de comunicación cal estrelas do show business é delirante. É de delirio ver que todo se formula non en termos de por que (alicerce secular da racionalidade nos argumentos e decisións) senón en termos de por que non. Que é se non delirio retirar honras aos mortos? Obrigar a un neno de Palencia de pai madrileño e nai segoviana, que reside conxunturalmente en Pontevedra, a estudar ciencias naturais en galego? Chamar castelán ao español? Valorar, por lei, como profesor excelente ao que elabora guías docentes de moitas páxinas e non ao que é excelentemente valorado polos seus alumnos? Non é delirante que se lle pidan contas aos profesionais de todas as esferas e nunca aos políticos, malia todas a súas eventuais desfeitas?
E, coma no conto de Andersen, mentres o delirio medra e invade todo, o sentido común, a independencia de criterio e a intelixencia, vítimas dun letargo de cansazo, indiferenza ou inutilizante estupor, seguen decindo que o vestido do rei é unha fermosura.

3 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Escribín onte un comentario, pero non sei que puido pasar. En fin, o que decía: boto en falta nomes e feitos concretos (pola miña insaciable curiosidade malsana, máis que por outra cousa), pero abofé que son ben recoñecibles. É o que ten o delirio: que é tremendo.

juan l. blanco valdés dijo...

Arume: Malia que, persoalmente, penso e feitos e nomes concretos, creo que calquera pode engadir os seus (nomes e feitos). O delirio é global. Saúdos cordiais.

QBH dijo...

Ainda coincidindo na sustancia, teño que facer algunhas reflexións: Sosteño que o sentido común lo é por vulgar e pouco elaborado. O que en apariencia pode presentarse como evidente e meridiano cando se analiza de vagar muda en complexo e cheo de matices. Semella evidente que, no que respecta os políticos e as relacións de xerarquía eses comportamentos que describes son resultado dunha evolución e proporcionan ventaxas adaptativas no sistema a quenes os practican. Quero decir que si eu fora un marciano que ven a Terra a estudiar os sistemas de relacións sociais dos humanos vería coma un logro este tipo de comportamentos. Desgraciadamente son humano e non me queda outra que unirme a denuncia, aún a risco de exclusión.