24.3.08

"Less-sellers" e tres suxestións

Hai uns días falábase nesta bitácora das luces e sombras dos best-sellers e o tipo de cultura que impoñen, baseada na inmediatez, superficialidade e efemeridade como condicións de consumo do produto en cuestión, condicións estas que, polo demais, se fan manifestas noutros moitos eidos da oferta cultural contemporánea, ademais de no editorial. Se vostede, por poñer un caso, elixe no seu videoclube a magnífica película húngaro-xermano-británica Sin destino (2005) do director húngaro Lájos Koltai —o destino que o inferno vivido en Auschwitz e Buchenwald lle furtan a un neno de 14 anos— verá que na carátula do DVD o máximo destaque, ao xeito do que lle se dedica ao protagonista, é para Daniel Craig (guaperas
protagonista, creo, do último James Bond), quen no filme (de 140 minutos e interpretado por un elenco de actores excepcionais, por suposto descoñecidos por estes pagos) sae, revestido de salvador soldado americano, exactamente en catro escenas e di cinco frases, total: seis minutos. Ou sexa que esta tendencia obsesiva a premer no nervio máis sensacionalista do eventual consumidor, como garantía de consumo, é, por riba, inxusta.
Nos antípodas do best-seller estaría o que poderiamos, como dicir?, o less-seller, é dicir, aquel título absolutamente descoñecido, a existencia anónima do cal pode deberse á máis estrita xustiza (xa saben, aquilo do poeta hoxe afortunadamente esquecido). Noutros moitos casos, porén, produtos de altísima calidade coñecen polas máis diversas razóns apenas unha vida catacumbática ou, no mellor dos casos, reservada a un coñecemento minoritario ou aínda erudito. Nunca me explicarei, por exemplo, que unha extraordinaria novela de aventuras e piratas como Amargas han sido las horas de Alberto Fortes (a primeira edición de 1992 na editorial do meu amigo —profesor de estética na minerva compostelá— Nel Rodríguez Rial, Novo Século; a segunda en Península, 1998) tivera tan escasa trascendencia nun país onde tanto bodrio se coroa cos loureiros dalgún premio. Acaso a novela de Fortes é incursa no nefando pecado de non estar en galego?
Volvendo aos campos de concentración e historias da segunda guerra mundial (de onde partía a miña reflexión sobre O neno co pixama de raias), a miña suxestión explícita de hoxe (digo explícita porque implícitas van cando menos dúas: unha peli e outro libro) é unha historia moi pouco coñecida do gran público, inquietante, pouco amable, escura, estruturalmente orixinal e arriscada, e metida nun libro pequeno: O gran caderno, da autora húngara nacionalizada suíza Agota Kristoff (Le gran cahier, 1986). Como resulta practicamente imposible escribir sobre as atrocidades da guerra sen paixón (máxime para unha húngara que cruzou a fronteira a Austria con vinteún anos fuxindo do milagro socialista), a fórmula de Kristoff é ben doada: prescindir de toda percepción subxectiva dos feitos a través da visión de dous meniños xemelgos, que, lonxe de faceren gala da súa inocencia como sinónimo de bondade, sitúan ese estado na fase previa a toda consideración moral. No seu gran caderno, os xemelgos escriben:
Para decidir se está «Ben» ou «Mal», temos unha regra moi simple: a redacción debe ser verdadeira. Debe­mos describir o que é, o que vemos, o que entendemos, o que facemos.
Por exemplo, está prohibido escribir: «Avoa semella unha bruxa»; pero está permitido escribir: «A xente cha­ma A Bruxa a Avoa».
Está prohibido escribir: «a Pequena Vila é bonita», posto que a Pequena Vila pode ser bonita para nós pero fea para outros.
Así mesmo, se escribimos: «o ordenanza é amable», isto non é unha verdade, porque o ordenanza é quizáis capaz de maldades que nós ignoramos. Escribimos, pois simplemente: «o ordenanza danos mantas».

O lector galego pode disfrutar da magnífica tradución de Marga Rodríguez Marcuño (Xerais, 2000).
A suxestión débolla á miña prezada amiga e colega María Jesús Fariña e xurdiu falando precisamente dos best-sellers e do ditoso neno co pixama a raias. E é que os camiños do señor e os da literatura son inescrutables.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Cando xurdiu o nome de Kristoff, pensei en María Jesús Fariña, entusiasta recomendadora dese libro sen adxectivos e ao tempo tan doloroso.

Anónimo dijo...

Tomamos de novo nota das recomendacións varias.
Agardamos tivese unha vacacións proveitosas e, por que non, ben gozadas.

Ana Bande dijo...

O libro da Kristoff...é unha dose moi forte de desacougo, eu tamén recomendo esta lectura. Magnífico post. E saúdos tamén a MJ Fariña, os rueiros dos blogs non son inescrutables, outro bucle.

juan l. blanco valdés dijo...

Novamente obrigado aos comentarios e pareceres. Transmito, con absoluto gusto, as vosas saudades a MJ Fariña (a quen, por certo, notifiquei a publicación deste post, qué menos).
As ferias, amigo/a anónimo/a, curtas (como teñen que ser), pero, en efecto, ben gozadas.
Ana: enchanté de verte por estes pagos. Agardo te prodigues. Esta é a túa casa.
Unha dose moi forte de desacougo, contundente definición do libro de Kristoff: faría un excelente titular para unha crítica do libro.
Saúdos.