Agradezo fondamente que o prezado amigo Marcos Valcárcel —propietario dun dos blogs máis dinámicos do blogomillo— considere este local entre os seus imprescindibles, a pé de Fíos Invisibles, Brétemas, Ana Bande, De Paso, Dias Estranhos, Arume dos Piñeiros e A vella da manta. No que a min toca, penso que a Marcos, como ao poeta de La colmena, famento, pobre e picarón, que loando ao vello e pesadísimo xurista discurseador agardaba gorroneralle o café con leite, su bondad le hace exagerar. Non disimularei, no entanto, que o recoñecemento —sobretodo vindo de quen vén e sen mediar a chantaxe dun café de gorra— supón un estímulo que contrapesa un chisco a soidade relativa e a, digamos, insoportable levedade do ser cando un se pregunta qué carallo fai dende hai máis de dous anos lanzando mensaxes nunha botella dende a illa Fragmentos da Galaxia (que non figura en mapas nin cartas náuticas) sen visos de ser finalmente rescatado por ninguén. Moitas veces — cansado Crusoe, vítima do desánimo e a piques de tirar a toalla— téñome interrogado sobre a desproporción entre o investimento en horas e enerxías que dedico a estas páxinas e a repercusión mediática das mesmas. Vaidade? E quen non a ten?
Eu non son xornalista (vaites!) nin opinador profesional. Son, por outra parte, pouco amigo de loureiros e galardóns, pois, por propia decisión, vivo alonxado do século e os seus traizoieros ouropeles. Ben pouco, xa que logo, se me vai en saber se este local é ou non dos máis populares, se está en listas e en que posto, e nada agardo del máis ca poder seguir escribindo do que me peta. Aínda así —dito sexa coa máxima modestia—, relendo moitos destes fragmentos, fillos das lembranzas, das angueiras, das reflexións e vivencias de quen subscribe, non podo desfacerme da idea de que poderían ser destino de maior eco e mellor fortuna. Pero, por outra banda —e aí reside o xurdio alicerce do alento— que mellor fortuna que poder compartir o meu mundo feito palabras cos meus selectos, cultos e, de costume, amables contertulios? Non será eco de moitas voces pero si un eco potente e claro. Velaí o maior dos recoñecementos.
Con motivo do grato encomio que me dirixe Marcos, pois, vaia a miña máis profunda gratitude a todos os visitantes desta casa, pasados, presentes e futuros. Cada unha das vosas opinións, apuntamentos, recordos, saudades, pareceres, parabéns e críticas é unha razón para seguir adiante. Non sei a onde, pero adiante.
9 comentarios:
Prezado Juan, suscrito absolutamente todo o que dis. Eu tamén me pregunto a cotío por qué lle adico tanto tempo a escribir do que me da a gana e que sentido ten. Pois eso, facer o que queres, dicir o que pensas, falar aínda que sexa para tí só, cun grande altofalante que semella non chegar a ningures non é pouca cousa nestes tempos en que ninguén escoita, e por iso hai que falalo todo outra vez (como di a cita que ten Rubén Ruibal na cabeceira do seu bló). Ti segue a maquinar e a darlle á cabeza e escribindo porque os que te lemos atopamos moito alivio nestas verbas tan ben emparelladas. Unha aperta!
Para quen cada día visita esta galaxia,atopalo "en activo", agasallándonos con un pé para a reflexión, con unha historia, que podemos relacionar ou non con algunha vivida en carne máis ou menos propia -hai quen di que moitos lectores de ficción van buscando iso: historias e personaxes cos que identificarse-, con unha sempre interesante suxerencia cultural, é un motivo de ledicia.
Enténdese o cansazo e o balanzo da proporción entre o sementado e o recollido.
Se lle serve de algo, a miña colleita persoal creo que é máis rica despois de ler os seus post.
Moitas gracias e feliz futura sementeira.
Ana, Donagalaica: fondamente obrigado ao estímulo e fermosas -e inmerecidas- gabanzas.
Aí lle andamos. Saúdos cordiais.
Non se desanimen, teñen xente que , como mín, tratan de sacar proveito do seu esforzo, ollando os seus Blogs.
Pois no mundo mundial dos medios de comunicación pouco se pode sacar de proveito.
Gracias polo tempo que dedican Vds.
Don Juan: non se desanime que entón caemos todos. Un por os outros esto vai. Ou non?
Unha aperta e a ver se un día destes coincidimos nalgures fóra deste marabilloso espazo seu.
Prezado Arume: pois non estaría mal, despois de contar con tal cantidade de referencias -entre elas terlle publicado aquí un libro ao seu propio irmán- e amigas/os comúns, que tan boa opinión teñen de Vde. Cando queira!
Xa che dixen noutra ocasión, creo, que as mensaxes nunha botella sempre chegan a algures. Non importa canta xente está ó outro lado (canta máis, mellor, por suposto), pero o que é certo é que están aí facendo uso da súa insobornable liberdade: ninguén os chantexou, nin sequera emocionalmente, para participar neste diálogo e encontro cotián. E esa mesma liberdade é a que gozamos nós ó escribir, que non sempre se dá nos medios de comunicación oficiais (non só por censuras económicas ou políticas, senón tamén porque os medios oficiais están máis atados ás inercias e a unha certa rutina). Só por todo isto paga a pena seguir aí, en comunicación.
"Chantaxeou", quixen dicir. Excusas.
Tes moita, moita, razón e outra vez che agradezo, Marcos, que me lembres o auténtico, irrepetible exercicio de liberdade que é un blog, ao que todos (autores e visitantes) acudimos sen chantaxe nin obriga ningunha, alén de reflexionar e opinar como nos peta, con respecto, pero como nos peta.
Unha forte aperta (e a ver se coincidimos "presencialmente", que de contacto virtual vainos boa!).
Publicar un comentario