5.3.08

Lecturas... e lecturas

Un dos principios nos que alicerza a lexibilidade tipográfica é que na lectura, como proceso automático, lemos non palabras senón grupos de palabras e o facemos, fundamentalmente, pola parte (ou ollo en termos técnicos) superior das mesmas. Ademais, como seres tipográficos que somos dende que, na máis tenra nenez aprendemos a ler, percibimos máis a imaxe da palabra que a suma analítica das letras que a forman; por iso, entre outros efectos e consecuencias, é tan díficil dar coas erratas nas que non faltan nin sobran caracteres senón que estes andan trabucados no interior da palabra, sendo correctos os límites esquerdo e dereito da mesma: carcáter, Santaigo, tiporgáfico, lexilibidade
Esta mañá houben de actualizar nun tris todos estes coñecementos teóricos e aplicalos ao texto no que, de casualidade, foron dar estes ollos que comerán os vermes, na lectura -frivolona e escéptica, pois tal anda o país- da prensa diaria: o titular, baixo unha foto do Sr. Conselleiro de Economía, D. José R. Fernández Antonio, rezaba:
Destinan 40 millóns ao financiamento de pemes
Tras un primeiro rapto de incredulidade, seguro de ler o que a miña mente me obrigou a ler e ignorante de que o asunto precisase de financiamento tan importante, descubrín, nunha lectura máis consciente e con evidente alivio, o meu erro.
Tire vostede a conclusión que queira.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Máis dun levaría un chasco ao volver ler e obrigarse a enmendar o seu propio erro de interpretación.
Vive dios que non vai por vostede, pois malia -digo para tranquilidade tamén da súa Señora- non telo constatado persoalmente, estou segura de que ha gozar dunha saúde espléndida, tamén nese aspecto.
Saúdos e novamente, felicitacións polo blog!

Anónimo dijo...

É que ás veces o cerebro corre máis ca os ollos. Como dicían os vellos, o que garda sempre ten, e eu gardei hai tempo un texto co que teño sorprendido máis dunha vez aos meus alumnos e que reproduzo aquí:

Mirad qué cuiorso!!!
Sgeun un etsduio de una uivenrsdiad ignlsea, no ipmotra el odren en el que las ltears etsan ersciats, la uicna csoa ipormtnate es que la pmrirea y la utlima ltera etsen ecsritas en la psiocion cocrrtea. El rsteo peude etsar ttaolmntee mal y aun pordas lerelo sin pobrleams. Etos es pquore no lemeos cada ltera por si msima, preo la paalbra es un tdoo.
Pesoramelnte me preace icnreilbe...
A sbaer que cosas harbe liedo en mi vida.


Agora ben, é peor cando en vez de letras se nos mesturan palabras. Unha amiga e compañeira, profesora de literatura española, contoume hoxe mesmo unha desas alfaias que os exames nos regalan de cando en vez: os seus alumnos de segundo de bacharelato rendían contas do modernismo e dos poetas do 27. Entre unha morea de obras cuxos títulos teñen que memorizar atopánse dúas obras de Gerardo Diego: "Manual de espumas" e "Romancero de la novia" e unha moi coñecida de J.Ramón: "Diario de un poeta recién casado". Da borracheira de títulos que debeu coller a cabeciña dun alumno saiu un cruce cheo de significacións: "Manual de la novia recién casada".
Pois, Xoán, ti que lle pegas a isto dos versos, xa tes un bo título para empezar a traballar.

Un saúdo a toda a concorrencia.

juan l. blanco valdés dijo...

Grazas, anónima, polo comentario, as felicitacións e a confianza na miña saúde tamén neste aspecto, que, de contado, transmito á miña señora, para que logo diga... En fin.
Manolo: o treito que sinalas vén confirmar que a lectura diríxese fundamentalmente aos extremos das palabras e á imaxe visual preconcibida destas, o que fai especialmente difícil atopar as erratas no interior das mesmas.
Grazas polo texto,utilísimo para exemplificar cuestións de lexibilidade e interpretación tipográficas, e que incorporo ao meu acervo particular de curiosidades. Saúdos.