Os best-sellers, a min que son un lector raro e difícil de contentar, subxectivamente esixente, elitista e indiscutiblemente repelente, evócanme a prevención do clásico: ante certos feitos, non é tan perigosa a reprobación do sabio canto o aplauso do necio. Que milleiros de cidadáns, de costume habitantes dun secarral literario, se sumen con fruición e entusiasmo á rápida deglución das catrocentas páxinas do éxito en cuestión é a indubidable manifestación do aplauso do necio. Porque este é, deixémonos de milongas, o mérito comercial —o mérito editorial é outra cousa— do best-seller: mobilizar á lectura a segmentos normalmente impermeables a tal exercicio, o que, en termos numéricos, pode incrementar sustantivamente os índices de lectura dun país semi-bibliófobo (máis ou menos a metade da poboación española non le nunca ou case nunca libros).
Este razoamento radical non debe, con todo, conducir á súa interpretación máis perversa: a condición de best-seller non implica necesariamente unha calidade literaria dubidosa, podendo un apabullante éxito de vendas conseguir o aplauso do sabio. Aí están, por citar dous exemplos a vuelapluma que sen moito esforzo me veñen ás mientes, O señor dos aneis de Tolkien ou O perfume de Süsskind (ambas as dúas obras, por certo, levadas recentemente ao cine con gran mestría e respecto do orixinal).
Polo que sei, Miramax e a factoría Disney traballan na actualidade por adaptar outro recente best-seller, O neno co pixama de raias, do irlandés John Boyne, de quen souben por primeira vez, hai uns días —confésoo— na libraría, como no, de El Corte Inglés. Tras seleccionar un exemplar da primeira das cinco columnas en que se apilaba a monumental oferta, paguei o libro cunha mestura de curiosidade e escepticismo e trasegueino en dous días. Ben. A receita é a habitual do xénero: o diálogo permanente como garantía de amenidade e dinamismo; redución ao máximo posible de toda complexidade estrutural; liñalidade e pouca profundización nos personaxes, que se amosan apenas polas súas palabras; e, en fin, unha certa facilidade da voz narrativa agochada tras a escusa de ser un neno de nove anos o transmisor da acción e de tratarse, segundo a vitola comercial coa que a novela circula, dunha obra "para nenos".
Pero, ollo, se o necio pode aplaudila, o sabio non pode reprobala, por teimar no proverbio. Porque O neno co pixama de raias é algo máis ca un best-seller, que tamén; é algo que non está na novela mesma, algo que transcende a súa peripecia narrativa e se relaciona coa propia obviedade da trama, do guión: como é posible que a idea de Boyne non se lle ocorrera a alguén antes? E, aínda máis, non puido pasar de verdade? Non é a historia de Bruno e Shmuel a demostración máis absolutamente simple, e tamén máis absolutamente monstruosa, do irraciocinio fundamental da política racial nazi? Os xudíos son, a fin de contas, seres humanos e eles, os nazis, equivocáronse. Como ten recentemente declarado un supervivente da shoah, en aparente contradición chea de tremendo significado: nunca nos poderían perdoar o que nos fixeron.
Por dúas condicións, a novela tocoume na freba máis sensible: a) visitei nunha ocasión un campo de concentración (o de Bergen-Belsen, onde faleceu Ana Frank), visita que me afectou de xeito inesquecible; b) teño un neno de nove anos. A coincidencia das dúas circusntancias foi, debo recoñecelo, determinante na especial percepción da novela. Trátase, en calquera caso, dunha obra intelixente, dunha historia fermosa e terrible na súa propia simplicidade, dun doce e inxenuo descenso aos infernos ―valla o paradoxo― que non pode deixar indiferente a ninguén.
12 comentarios:
Pois eu non conseguín que a aparición desta novela nas listaxes comerciais de libros máis vendidos esperatase a miña curisidade.
Rexeito por sistema a lectura dos betselles, e ás veces éntrame a dúbida de se nese rexeitamento por principio, algunha vez pedín a oportunidade de ler algo interesante.
Non lin o [i]Código Da Vinci[/i], nin [i]La sombra del viento[/i], nin [i]O neno do pixama a raias`/i], nin os Planeta dos últimos anos.
Igual é un principio estúpido, pero é unha cuestión de preservar a capacidade de elixir, e a elección das "masas" non adoita coincidir coa miña -non se me achaque petulancia, porque é unha constatación científica-. Pasa tamén co cine, abonda con que unha persoa determinada che recomende unha película para non ir vela. Acontéceme con alguén moi próximo, a quen, por non ofendela, non llo digo, pero cando me recomenda unha lectura ou un filme, sei que non van ser do meu interese.
Poida que a alguén lle ocorra o mesmo comigo.
Houbo un tempo no que unha se dedicou con fuición á lectura e análise da narrativa escrita por mulleres españolas; entón amizades e familia atoparon nese interese un pozo sen fondo para agasallarme por reis, aniversarios, etc., pero claro non todo era gran, porque a alguén se lle ocorreu regalarme un libro, do que non vou dar o título por non ofender, pero que se anunciaba da seguinte forma:
"cuenta las peripecias de tres treintañeras durante un corto pero intenso viaje a La Habana, después de que una de ellas decida poner fin al genocidio sentimental al que se acercan irremediablemente sus amigas. Se trata de una historia de rápida lectura no apta para hombres sin sentido del humor y tremendamente terapéutica para todas aquellas mujeres que hayan pensado alguna vez en liarse la manta a la cabeza y dejar atrás sus cotidianas vidas y a algún que otro... imbécil". Nun fun quen de de meter o dente.
Con esa sinopse, non me estraña que non lle entrara, non...
En efecto, a min pásame o mesmo, e, nun estrato de reflexión máis xeral, era o que intentaba reflectir no "post": deixando de lado que semella sentirmos unha sorte de aversión ao gusto da "masa", a recomendación de certas persoas -o aplauso do necio- é a peor garantía para o que nos recomendan. E, coma Vde., teño persoas concretas "in mente".
Unha recomendación (despois do dito, parece unha ironía, pero non o é): La sombra del viento de Ruiz Zafón, é, como o neno co pixama e outras moitas, a excepción á ecuación best-seller=baixa calidade. Pode gustar ou non gustar (a min gustoume, por certo), pero aí hai un escritor con oficio, valores literarios indiscutibles -e perdurables- e a recreación dun universo humano construida con habelencia e mestría evidentes. Parece, polo tanto, que, coma Vde. mesma, intúe, neste caso perdeu algo interesante no rexeitamento xeral aos best-sellers. O caso de Dan Brown é un exemplo de todo o contrario e a máis prístina manifestación da devandita ecuación.
Saúdos.
Non lin O pixama de raias. O meu fillo maior leuno en castelán - unha lectura obrigatoria de instituto - e non lle agradou. Fíome bastante do seu criterio e non pensaba lela. Eu tampouco fago concesións cos libros que aparecen no hit dos xornais, pero confío no bo gusto dalgunha das miñas amizades. Gracias a iso descubrín a un dos mellores escritores da narrativa española actual -Ramiro Pinilla, impresionante a estensa triloxía Verdes valles, colinas rojas-, a un extraordinario autor de relatos serbio - Danilo Kis, a súa obra en Acantilado é soberbia- e ando a desfrutar con Vida y destino de Vasili Grossman. Vindo a recomendación dalguén tan fiable nos seus gustos coma Xoán, aínda coas reservas coas que valora o libro, moi subxectivas, creo que o levarei comigo esta Semana Santa. Tampouco pretendo que rompan cun costume sagrado, pero por esta vez fáganme caso e proben coa miña recomendación. Non atoparán a estes autores na sección de recomendados do Corte Inglés. Ou iso creo.
Saúdos e gracias, Xoán, por este bolg. Outra vez.
Prego: onde pon "estensa" léase "extensa". Onde pon "gracias" sígase lendo "gracias".
Tomo nota das recomendacións de m. dieguez e tamén vou ler La sombra del viento, hombre! Ve como atinaba coa miña intuición? moitas
graCIas (a min iso de "grazas" no nme sae) a ambos.
Tomo boa nota das recomendacións de Manolo (Ramiro Pinilla, Danilo Kils e Vasili Grossman), de alta fiabilidade, e engado outra (débolla á miña colega da UNED e amiga, profesora de literatura española, Mª Jesús Fariña): O gran caderno, de Agota Kristoff (Xerais: 2000), tamén sobre o binomio 'nenos-guerra'. O libro saiu precisamente a conto falando de O neno co pixama de raias e sobre a reticencia ou prexuízo case basal de moita xente perante os best-sellers.
Boa reserva de literatura para unhas semanas! Saúdos.
Podíanme decir si coñecen a obra de JOSE Mª PEREZ ALVAREZ:"Nembrot" ?.
Encontrar recomencions INTERESANTES, sin algún tipo de interes comercial, penso que e pouco posible nos suplementos editorias e de prensa.
Por iso creo que e unha moi boa forma de intentar buscar opinions serias, inda que perdendo algo de tempo, pois pra elexir ,tamen pola amplitude que se atopa un diante , facelo na rede.En Blogs como este por exemplo.
Gracias por atención a mellorar, creo criterios y ayudar a mellor elexir.
Son lector, non entelectual ,senon curioso para disfrutar lendo.
Tardeí en leer La sombra del viento (gustoume, pero non tanto.../disfruto a ese nivel con CAMILLERI, G. LEDESMA .../Dos galegos M.RIVAS.
Gracias pola atención/Agradecerìa recomendación de Blogs , sobre o dito.
Imaxino que o mantedor deste Blog poderá, mellor do que eu, recomentarlle outros nos que procurar información sobre libros e crítica literaria. Voume permitir, contando co permiso de Xoán Luís, poñer aquí un enlace creo que moi completo.
http://www.escolar.net/wiki/index.php/Blogs_literarios_y_sobre_libros
Sobre Nembrot e o seu autor non podo opinar, pero agradezo a referencia.
Saúdos
O enlace completo é
http://www.escolar.net/wiki/index.php/Blogs_literarios_y_sobre_libros
Obrigado (rexeito o grazas que tan pouco gusta a Manolo) aos últimos comentarios e referencias. Aínda que non cunha conciencia prioritaria, supoño que este local pode ser tomado, de cando en vez, no sentido que apunta o amigo Curioso. Conste que eu non son crítico literario (lagarto, lagarto!) e falo do que me gusta e de por qué me gusta ( o do que non me gusta e por qué non me gusta) sen -como digo- conciencia ou intención prioritaria de que iso sexa unha recomendación, pero, en fin, entendo que en toda reflexión sobre unha obra de creación hai unha recomendación implícita (que pode invitar a tal obra ou todo o contrario).
Tomo boa nota do enlace que apunta Manolo (e eu engadirei máis con máis tempo).
Vale.
É posible que haxa algún problema con ese enlace, porque, ignoro a razón, cando se publica o comentario desaparece parte do final. Despois de blogs_literarios cómpre engadir y_sobre_libros
A ver se serve así.
Pido disculpas pola miña impericia. Algún día terei que poñerme a aprender catro ou cinco cousas moi necesarias, entre elas a insertar un enlace nun post.
Penso que e:
http://www.escolar.net/wiki/index.php/Blogs_literarios_y_sobre_libros
Otra vez gracias.
Saudos
PD:m.dieguéz, pinche e verá como sale a ligazón.
Para facelo Vd.Solo ten que pinchar na WWW. que queira e no Dereito pinchar copiar. Ir a donde quere dar a referencia e:RatonDereito picar pegar.
Publicar un comentario