30.3.08

Deberes?

Como pai e como cidadán percibo que temos chegado a unha perigosa desproporción entre o que, por regra xeral, os nosos fillos ―é dicir, os mozos de hoxe― consideran os seus dereitos e os seus deberes. A combinación do estado do benestar e unha monstruosa oferta de consumo cun programa socioeducativo no que as lindes entre liberdade e ausencia de límites aparecen escurecidas conduciu, na miña opinión, a unha baixísima tolerancia da mocidade actual á palabra non.
No meu caso, unha lixeira crise de convivencia familiar hai poucos días levou á redacción escrita dun decálogo de deberes dos pais e dos fillos, que -ao estilo da felizmente esquecida super nani- preside o lugar acostumado de reunión fogareña. A confección dun documento de compromisos tan elemental indica, na súa propia obviedade, o retorno á máis rudimentaria necesidade de facer valer obrigas básicas. No tránsito do grupo familiar á sociedade civil ―o grave déficit da cal creo eu que é un dos problemas fundamentais de España―, ao día seguinte da redacción destes mandamentos familiares contemplo o desolador aspecto da alameda dunha cidade tras un botellón. Simplemente, cren que é a nosa obriga -a obriga inapelable do concello, do estado, do goberno, ou vaia vostede a saber de quén- recollerlles a merda. A nosa obriga. O seu dereito. A ver quen lles di que non.

8 comentarios:

donagalaica dijo...

Pois eu opino que pais e educadores (profesionais, enténdese, aos primeiros presupónselle esta labor) deberían ensinar aos nenos a aceptar que lle digan que non. Imos cara unha preocupante situación. O prohibido sempre foi, por definición, tentador, pero cando eu era máis nova, creo que me ensinaron ben até onde podía ir. Todos fixemos falcatruadas, pero eran cousas máis ou menos inocentes que, caso de que foran descubertas, non provocaban unha grande crise familiar. Agora, non hai agochadas que vallan. Ten vostede razón, descoñecen os límites e axiña se senten agredidos, censurados, acurralados... E que hai dos demais, dos veciños que soportan o ruido das hordas botelloneiras, por exemplo?
Non concordo con vostede en que desaparición da Supernani foi feliz. Se non aportou grandes fórmulas máxicas, serviu, polo menos, para que moitos pais se miraran ao espello.

Anónimo dijo...

Pola miña parte, declárome totalmente pesimista sobre as posibles solucións que se lle poidan dar a este problema que medra de ano en ano. Refírome, por suposto, ao problema de educación, responsabiblidade familiar e, no sus defecto, responsabilidade da escola. Xa sei que respecto disto o noso anfitrión ten amosado o seu desacordo máis dunha vez, pero todos sabemos que alí onde falla a familia, e falla moitas veces, só a escola pode facer esas funcións. Certamente, creo que desde hai aproximadamente unha década non as pode facer peor, pero este é un asunto con moitas espiñas que cómpre debater con máis tempo.
Amigo Xoán, teño que lamentalo por ti e polos teus, pero nese punto de egoísmo que temos todos consola saber que aos que, coma un, pensan que a educación dos fillos é o primeiro, tamén lles pasan esas cousas. Convivir con adolescentes foi sempre delicado e a confianza mutua (hai que di "colegueo") que nos gusta cando as cousas van ben convértese nun problema se as diferenzas insalvables de criterio esixen o exercicio da autoridade á que, mal que nos pese, estamos obrigados na nosa condición de pais. E se a pais e nais conscientes das súas funcións, esixentes mais tamén dialogantes, nos resulta difícil reconducir situacións de conflito, é fácil imaxinar o que acontece cando esas condicións non se dan.
Habería que estudar ben que augas trouxeron estes lodos, con que vimbios fomos facendo o cesto.

Anónimo dijo...

Opino que a xeración de adolescentes de hoxendía é a que pariu unha xeración de pais e nais que viviron sendo novos o final dunha ditatura opresora e represora e creron firmemente nunha educación en libertade, o que me parece moi ben, pero creo que eses pais e nais fallaron non póndolle límites a nada. Creron que a palabra "non" recordaba demasiado á censura franquista, á educacións duns pais que medraron coa guerra e a posguerra. Había que ser "colegas" dos fillos, saír de copas con eles, deixalos actuar á súa vontade. O resultado: unha xeración de apáticos, desorientados para os que a palabra "compromiso" non ten significado. Non se lle inculcaron verdadeiros valores, porque, unha vez máis, había que fuxir da mediatización, non son mozos cívicos, porque ser "educado" era moi burgués. Recollemos o que sementamos. Agora pódeselle botar a culpa á LOGSE, á LOE, a Pilar del Castillo, Esperanza Aguirre, Rajoy, Mª Jesús Sansegundo ou Mercedes Cabrera. É certo, fai falta analizar os problemas, e son graves, do noso sistema educativo, pero se falla a familia, xa pode ser Lourdes.

Anónimo dijo...

Na miña opinión, non se pode expresar mellor do que o fai Anónimo. O diagnóstico é correctísimo. Eu insistiría en que o modelo educativo que pacedemos é fillo dese nefasto complexo xeracional ao que se refere no seu post. E mestres non mudemos unha cousa non poderemos mudar a outra.

Anónimo dijo...

Penso que estamos nun mundo irreal,o desa xuventude de agora, de quen e a culpa?. Todos temos algunha..../ O día a día volveunos EGOISTAS INDIVIDUAIS,creo que so pensamos no noso.........Educar e dar ilusión os fillos custa un MONTON de TEMPO E VOLUNTADE, a Escola...pois tanto do mesmo.
Ten arreglo o ASUNTO?.

juan l. blanco valdés dijo...

Cando conto aos meus fillos que un ano quedei sen Reis porque, así de simple, na casa non había con que mercalos, sencillamente non o poden crer. Son fillos da opulencia, naceron con todo, non lles falta nada e todo lles sobra; non acertan a atribuír ao esforzo o valor que o esforzo ten, e, en consecuencia, cubriren de adultos o horizonte de satisfaccións persoais ao que, cando alá chegan, están afeitos, é complicadísimo. Hoxe unha amiga contoume algo estarrecedor: o fillo dunha amiga común -26 anos- está en Madrid, facendo un ciclo curto nunha universidade privada. A nai cóbrelle a universidade e a parte no aluguer dun piso (podedes calcular o montante mensual...). Cando esta amiga comunicou ao seu fillo que non era quen de lle cubrir o seu argent de poche, debendo en consecuencia buscar un choíño na capital, o rapaz, feito un basilisico e entre violentas imprecacións e blasfemias variadas, preguntoulle á nai:
-¿Y de qué quieres que trabaje? ¿De chapero?
Todos os vosos razoamentos son moi atinados; en efecto, creo que, en boa medida, os mozos de hoxe están sufrindo a forte "resaca" da borracheira de liberdade subsecuente do franquismo, na que -como sosteño no post orixinal- comezaron a esvaerse de xeito ben sutil as fronteiras entre educar en liberdade e educar sen poñer límites.
Como Manolo, teimo en lembrar ao meu maior (13 anos) que eu non son o seu colega, malia o que por veces poida parecer. Creo firmemente en que existe un principio (moral, progresista e socialmente rendible) de autoridade (torpemente asociado, como moi ben di, o amigo anónimo, de costume a posicións retrógradas e conservadoras, e así nos loce o pelo), que non esquezo exercer cando me toca.
Por último, e sen escatimar o valor pedagóxico da escola, creo que o nó gordiano, a pedra de toque, está na casa, na familia. A familia EDUCA, a escola FORMA, e de trabucar confusamente as mutuas responsabilidades de tan importantes entidades sociais, veñen tamén moitos males.
Velaí algúns vimbios de tan complexo cesto.
Ah! Alégrome, dona Galaica, que lle pracese Supernani. Eu, descontado o bo efecto que produce o reparto da miseria, non lle vin nada positivo. Saúdos.

donagalaica dijo...

Lembro que unha tarde de verán, na terraza exterior dunha cafetería, estabamos sentadas tres xeracións da mesma familia. Os máis pequenos estaban imposibles, correndo dun sitio para outro, por entre as mesas, póndoselle diante ao camareiro cando ía coa bandexa chea de cousas, botándose enriba das tapas que pediramos como se nunca comida visen, sen o máis mínimo signo de educación, o que xa tiveramos ocasión de lamentar noutras reunións semellantes. Todos mordiamos a lingua, porque, en xeral, os pais son pouco receptivos ás chamadas de atención aos seus cativos por parte de alguén por moi avó, irmán, curmán... que sexa. Por fin o pai tivo un aceniño sensato, que axiña foi reprimido pola nai cun desolador e asombroso: "Déjalos, ya los educaremos cuando sean maiores". Dicíao en serio!!!!!!!!!!!!

juan l. blanco valdés dijo...

Tomo nota da anécdota, que non ten desperdicio. Si, en efecto, xa os educaremos cando sexan maiores. Asi lles loce o pelo (e a nós...).
Un consello (a min, que, como moita xente da miña quinta, andiven en terreos perigosos, funcionoume sempre): que os nenos nunca deixen de ser bos estudantes. Mentres esta anclaxe coa vida real, coa responsabilidade, co compromiso e o esforzo funcione, hai un profiláctico a moitos males.