14.12.08

Construtivamente radical

Nun país onde se badúa tanto coma neste, cheo de "presenteiros" e figuróns que non teñen tempo de sentarse a traballar de tanto traballo que teñen -se vostedes me entenden- e de tipos mancornados e sinuosos que din si cando pensan non e agora cando pensan nunca, aprecio dun xeito moi especial a xente directa, executiva, que vai ao caso e non ten pelos na lingua e, sobre todo, que traballa no canto de andar todo o día en saraos, comisións, consellos, presentacións, academias, feiras, feiróns e verbenas varias.
En certo órgano colexiado ao que eu pertencín, no que se dirimían delicadas cuestións que por veces esixían botar man dunha linguaxe eufemística ata o requintamento, había un membro desta bendita natureza. Se alguén argumentaba:
-Tal como está, o orixinal adoece dunha certa falta de estrutura interna e habería que sometelo a unha notable revisión estilística e, tamén, dalgúns aspectos de fondo mellorables,
este fenómeno replicaba:
-O que ti queres dicir é que o orixinal é unha merda, ou non?
En efecto, o que o argumentador quería dicir era que o orixinal era unha merda.
Boto moito en falta este tipo de persoas construtivamente radicais e penso sinceramente que outro galo nos cantaría se abondasen máis. En troques, e por desgraza, na nosa clase política -caracterizada pola única obsesión de permanecer no machito e non meterse en problemas- curiosamente, a executividade vai reducíndose na mesma medida en que se incrementa a xerarquía e capacidade de decisión.
Contábame o outro día un excelente maquetista, e mellor amigo, que unha vez se lle revelou por boca dun seu colega o xeito de rematar co 70% dos problemas técnicos en edición. Dicía:
-O que había que facer é non permitir aos autores que revisen as probas, que logo chegan cheas de correccións.
Construtivamente radical.

7 comentarios:

cãosemdono dijo...

É non será tamén que da constructividade radical que reivindica vostede á incontinencia pura hai ás veces un pasiño ben cativo?

juan l. blanco valdés dijo...

A anécdota (real) do maquetista é a resposta á súa pregunta. Mágoa que non percibise vostede a ironía (probablemente por incapacidade miña de expresala). Saúdos.

Ana Bande dijo...

A ironía é un xeito revirado de representación da que adoitamos botar man cando queremos que se perciba non tanto a mensaxe en sí senón a nosa capacidade para xogar co medio (significante, significado, bla, bla, bla...), outras veces a empregamos a xeito de pasatempo ou divertimento. Disfruto máis con este segundo emprego da singular figura retórica pero tamén quedo a disgusto se non atopo a táboa axeitada para non afogar. Paréceme axeitadísimo e dende logo constructivamente radical impedir que os autores corrixan as probas porque "as devolven cheas de correccións". Sería un xeito de achegarse máis á realidade (verdade) pois o que dicimos de xeito espontáneo creo que ten moito máis valor (significado) que cando falamos coa intermediación dun texto escrito, e se non que llo pregunten a Don Manuel. ;))

juan l. blanco valdés dijo...

Si, en efecto, é un xeito de achegarse á realidade pero dende o lado paradoxal, contraditorio, inagardado. Eu xogo moito con ela, pois a recoñezo como un dos compoñentes máis valiosos do noso humor. O que pasa é que non sei se a administro sempre co efecto esperado (cando menos por min).
Saúdos.

Anónimo dijo...

A retranca non é só un recurso humorístico. Soe ter ese efecto, pero vai moito máis aló (por exemplo cando alguén da aldea lle di a un urbanita iso de que "aquí os cans pasean sós"). A súa administración é dificilísima, xa que require dunha certa compenetración co receptor, o que fai que moitas veces se fracase (sen ir máis lonxe, o meu comentario sobre Malicorne de hai uns días). Iso faise moi evidente cando un galego retranqueiro fala cun tipo de fóra. Eu coido que o feito de que en moitas partes galego sexa sinónimo de tonto ou ignorante débese a esa falta de entendemento por parte do receptor, que pensará, por exemplo, que o comentario sobre os cans que pasean sós é unha solemne gilipollez.
Tamén é moi difícil de utilizar na escrita.
De tódolos xeitos coido que non debemos renunciar a ela.

juan l. blanco valdés dijo...

Entendín, caro amigo, a ironía -ou retranca- do seu comentario sobre Malicorne. Pero é que, alén da ironía, tiña vostede moita razón. Non é, evidentemente, a mellor elección para animar á "vinilomanía" a un iogurín de 14 anos afeito ao Messenger, Ares, a PSP, Nach Scratch e Ámbito Quinito.
Probarei, como lle dicía, con algunha outra proposta e xa lle contarei.

Anónimo dijo...

É que a retranca, como calquera outro recurso retórico, só sirve para dicir a verdade, pero doutro xeito.
Por aí tamén usan Ares? É moi rápido. Eu xa retirei emule (só os uso para intercambiar arquivos sobre retórica ou cousas así, que conste).
E probe, home, probe. Malo será que non atope nada que lle poda gustar. Agora ben, imaxino ao rapaz mirando para os discos coma eu mirei unha vez para uns de pizarra que me ensinara un veciño. Pura arqueoloxía.