27.12.08

O Padre Brown e as metáforas

De todo amante das boas producións audiovisuais son coñecidas as extraordinarias adaptacións que a BBC realizou de obras literarias memorables. A contención e unha cauta e intelixente administración das posibilidades expresivas do medio televisivo fronte ás do canal narrativo fixeron dalgunhas destas adaptacións inesquecibles fitos da historia da caixa tonta.
Seica a Robert Graves lle molestaba sobremaneira que, nas entrevistas, se lle inquirise sobre o éxito sen precedentes da versión televisiva da súa, ata aquel momento minoritaria, novela Eu, Claudio. Pero, con cabreo o sen el de don Roberto inglés, o certo é que a serie na que Derek Jacobi "niquelaba" o rol do pobre Cla, Cla, Claudio, humillado, feo, humilde, coxo pero máis listo ca todos os que o arrodeaban, é un icono cultural dos anos setenta e un fito indiscutible da historia da televisión. Neste país noso, onde facemos coña de todo, dá indice de ata qué punto a serie foi popular, un jeu d'esprit daqueles anos que consistía en preguntar, facéndose o olvidadizo, o seu título. Cando o interpelado respostaba:
-Yo, Claudio,
o coñero correspondía:
-Yo Juan, encantado.
Outra serie daqueles anos, a anos luz da popularidade da adaptación das novelas de Graves, foi O Padre Brown, producida pola BBC en 1974 e protagonizada por Kenneth More.
Gusto moito do miúdo sacerdote británico de Societate Jesu metido a detective creado polo maxín burlón, crítico e fondamente humano de Gilbert K. Chesterton, a miña admiración polo cal foi xa manifestada nestas páxinas en ocasións diversas. O mesmo feito da condición católica do presbítero é un retranqueiro guiño á purista ortodoxia anglicana de que o católico "converso" Chesterton se ría para os seus adentros.
Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras. Alto aí! Dou fe de que en ocasións non é así. Un dos relatos que máis aprecio do digno presbíterio chestertoniano é A honra de Israel Gow ("The Honour of Israel Gow", The Innocence of Father Brown, 1911), que ten lugar nas Highlands escocesas.
Nas primeiras liñas do relato hai unha extraordinadaia metáfora sobre o medio físico da trama, que ficou gravada no meu imaxinario particular no mesmo momento en que a lin (calculo que por volta dos trece ou catorce anos), unha metáfora que revivo tantas veces contemplado esta atlántica terra verdegrís na que habitamos:
-A stormy evening of olive and silver was closing in... ("Caía a tarde, unha tormentosa tarde cor de aceituna e prata...")
Vale máis unha imaxe ca mil palabras? Aceituna e prata, dúas palabras que valen máis ca mil imaxes.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Yo, Claudio é a serie perfecta. Unha adaptación fidelísima da obra escrita, para sacarse o sombreiro, unhas interpretacións inmellorables por parte de todos (ese Augusto, esa Livia, ese John "Calígula" Hurt que mete medo...), unha figuración tan teatral e sobria coma engaliolante. Todo era perfecto e inigualable alí.

juan l. blanco valdés dijo...

Estou completamente de acordo. Se a novela é un monumento da literatura, a adaptación televisiva éo da arte audiovisual. Moi en especial, en efecto, os papeis de Livia (Sian Philips), Augusto (Brian Blessed)e o gran John Hurt en Calígula son simplemente históricos, na miña opinión.
Saúdos.