1.12.08

As uvas na galaxia

Cicerón, un vello romano, sabio e renarte, de quen todos botamos man na procura dalgunha frase lapidaria que nos veña ao caso, escribiu un tratado que, no canto das parvadas que hoxe len, debía ser texto obrigatorio para os nosos escolares. Lembro ter traballado con el, como exercicio académico de tradución no latín da carreira, coa delectación e o entusiasmo que nos inspiran certas aquitecturas textuais especialmente demoradas, doces e precisas. Este tratado é De amicitia, unha reflexión intemporal sobre o valor e características da amizade. Síntoma inequívoco da súa sabedoría, o vello tribuno non proporciona unha definición exacta do que debemos entender por amizade, pois, tal que o amor e as pulsións que atinxen ao corazón, non existe afecto máis subxectivo e difícil de graduar. Ao elixir a forma do diálogo —prístino produto da idade de ouro do pensamento humano—, o tratado non quere, conscientemente, chegar a ningunha conclusión irrefutable senón máis ben discutir, poñéndoa "en branco sobre negro", a natureza de tan nobre sentimento.
En efecto, a amizade pode ir do delirio á indeferenza, do arrebato ao esquecemento, da paixón á ingratitude. Non hai, ao meu xuízo, cousa tan contraditoria. Cantas veces recoñecemos con amargura podermos contar os nosos verdadeiros amigos cos dedos dunha man? En contraste, nas relacións sociais e laborais, tomámonos a protocolaria liberdade de dirixirnos por escrito como estimado amigo ou estimada amiga a perfectos descoñecidos (ou, vale, vale, perfectas descoñecidas). A elevación categórica do adxectivo a querido/a depende, á súa vez, de finísimos fíos cos que, en cada ocasión e dependendo de moi delicados factores, tecemos a relación concreta que nos une, ou que cremos nos une, ao destinatario.
Secomasí, coñecedores do fodida e revirada que é a congostra da vida e tendendo invariablemente ao reducionismo o inventario dos que, pola experiencia, consideramos verdadeiros, chamamos amigos a persoas que non o son. Pero ben está que así sexa, pois, alén de atizar o lume da ilusión -que é sempre mellor non poñer a proba...-, o só uso do calificativo obríganos dun ou outro xeito co interpelado, adquirindo con este un compromiso que, como todo compromiso cando se cumpre e por insignificante que pareza, nos fai mellores.
Direino dunha vez. Eu non son amigo de Marcos Valcárcel, a quen o sábado pasado a créme da cultura galega rendeu homenaxe. Non son amigo de Marcos Valcárcel de graduarmos a nosa amizade polo trato directo e persoal con el, reducido un par de encontros hai anos en actos relacionados, creo lembrar, co meu parente Roberto Blanco Torres, o periplo ourensán do cal Marcos coñece ben. Así é que, fose só por esta razón estritamente mecánica, Marcos non está nese selecto inventario dos amigos que eu conto cos dedos dunha man, do mesmo xeito que, de certo, eu non estarei no seu. En revanche, se Cicerón estaba no certo ao reputar que nisi in bonis esse amicitia non posse, eu son un grande amigo de Marcos, pois, nas devanditas ocasións e aínda dende que esta bitácora existe, non recibín del máis que mostras de bondade, alento e desinteresado afecto. El é, sen dúbida, o campión da miña liga persoal de blogs e xenerosos.
Non son amigo dos circuítos culturais que se alimentan a si propios nin milito na cultura galega. De feito, non milito en nada e fuxo das vanity fairs do país, onde, na verdade, e dito cos maiores respectos, parecen repetirse ata a saciedade as mesmas caras. Pero non podía corresponder co silenzo ao convite de tal homenaxe. Este post é o meu tributo de amizade -escaso como todo o que é sincero- a Marcos Valcárcel.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Non só lle estaba presente a crème da cultura galega na homenaxe, señor Blanco-Valdés.
Tamén lle andabamos por alí uns cantos individuos desa caste tridimensional que habita no nebuloso país que non é, nin dá sido, nin vén sendo.
Vde. coñece, señor, o sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, en Betanzos?
É claro que si. Folga a pregunta. Repare na cinexética cuadrilla... Pois un estilo así lle vimos sendo, señor.
Respectuosamente seu.,

Anónimo dijo...

Quizais agora, prezado Juan Luis, haxa unha nova, inclasificable e constitutivamente inestable categoría de "amizade": a que se tece e destece na rede. Desde os chats de ligoteo (seica hai moitos, pero eu nunca vin ningún) até os -digámolo así- blogs máis ou menos culturetas.

Cando de aí se dá o salto ao coñecemento estritamente persoal pode acontecer a máis crúa decepción ou, se cadra, o milagro da amizade fonda (ou bastante fonda no caso dos chats de ligoteo: xa me entende).

Ás veces é mellor non chegar a coñecerse realmente. Pero outras veces, supoño que as menos, obra ese milagro. Quen sabe. Eu teño dous bos amigos coñecidos a través da rede: un xa en vivo e directo, e outra amiga persoalmente este sábado (e era como se a coñecese de sempre).

O mesmo sábado tamén coñecín a outros catro correspondentes que teñen moi boa pinta. Hai uns minutos, ao vir para a casa no coche, vin a un deles na rúa tocado de sombreiro e alegreime ao ollar fugazamente un seu sorriso amable destino a quen estaba a falar.

O seu post, amigo internético Juan Luis, é orixinal, sincero e, por iso, estrañamente fermoso.

Unha cordial aperta.

Anónimo dijo...

juan luis, me encanta leer este post cuando justo tengo entre mis manos las pruebas de ese tratado de cicerón

mi saludo

s

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo Medela de Lobeira: coñezo,si, o impresionante mausoleo do nobre betanceiro que dá a medida do seu poder. De verdade que o seu críptico símil -entendo que en calquera caso irónico e mesmo acedo- e a definición da caste tridimensional que habita no nebuloso país que non é, nin dá sido nin vén sendo é merecente de algo máis ca unha reflexión ao fío. Co de crème non quixera eu subestimar a ninguén senón referenciar simplemente as dúas ducias de imprescindibles que están en toda caste de saraos (todos sabemos ben a quen nos referimos).
Tamén a súa reflexión, Api, é, coma decote, dunha fondura que dá para moito máis ca un comentario. Retomarei a idea das amizades (reais ou virtuais) e, mesmo, do engado das virtuais -algo así como imaxinar quén está detrás da carauta nun baile de máscaras- e da conveniencia de que sigan sendo virtuais. Un interesante post, auguro.
¿Pruebas, Amor? ¿He entendido mal o está usted realmente corrigiendo unas pruebas de De amicitia de Cicerón? ¡¡Quiero trabajar en su editorial!! ¡¡Aunque sea sin cobrar!!
:) ;)

Anónimo dijo...

Querido amigo (así de claro, e que lle dean a Cicerón)

Hai tempo que abandonei o extendidísimo chupapollismo blogueiril, pero é que ás veces fico impresionado co que leo aquí. Non sei, ao mellor é simplemente que coincidimos nos pensamentos e, xa sabe, un tende a crer "qué intelixente é este tipo" cando lemos o que nós mesmos pensamos (e, claro, viceversa). "Non son amigo dos circuítos culturais que se alimentan a si propios nin milito na cultura galega. De feito, non milito en nada e fuxo das vanity fairs do país..." (eu sacaría a última parte da frase, que pode resultar un pelín agresiva, como coido que interpreta Medela): reconforta saber que alguén que podería elixir estar, elixe non estar, que é posible dicir que non, que un pode dicir, con todo o afecto que vostede amosa, "este non é o meu amigo, este non é o meu sitio".