28.11.08

Faros

Aplaudo enerxicamente a iniciativa da exposición fotográfica Faros de onte, faros de hoxe inaugurada o 27 pasado no Museo do Pobo Galego, promovida pola Xunta, o CGAI e Retegal. É magoa, neste sentido, non poñeren os poderes públicos máis en valor, como se di agora, o extraordinario potencial turístico dos faros da nosa costa, aínda que, coma sempre, estas cousas hai que levalas adiante con coidado e moderación. Quero dicir que, coñecendo a voracidade que a visión do curto prazo impón na hostelaría media do país, sería moi fácil crebar o máxico engado das solitarias torres subverténdoo á masificación característica, pero economicamente moi rendible, da atracción turística indiscriminada. O Semáforo de Bares e, tamén, o Faro de Fisterra —este en diferente dimensión a causa da enorme popularidade internacional do enclave— poden ser exemplos a seguir. Un finde no faro da hiperbórea Estaca é algo que teño pendente: estou agardando un temporal dos bos para ir alá e disfroitalo a tope.
De por parte, visitarei a exposición fotográfica co maior pracer e interese. Poucas combinacións de arquitectura humana, clima e paisaxe colman o espírito deste romántico empedernido coma os nosos faros e a brumosa auréola de lenda, inverno e soidade que os envolve. Bo coñecedor e amante fiel, mesmo literariamente, da Costa da Morte —da que me enamorei, por vía consorte, hai xa unha boa chea de anos—, non podo contar as tardes de borraxeira que teño guiado os meus pasos á torre do Vilán ou a Touriñán para experimentar, sequera por un intre (e dende a seguridade da terra, nos ha jodido…) , a violencia impresionante de nai natura cando convoca a un tempo as furias de Eolo e Poseidón. Lembro unha tarde de decembro de hai anos, aínda con temor, na que a forza do vento na explanada da torre de Vilán era de tal magnitude que movía o coche dun xeito inimaxinable e impedía absolutamente sequera abrir as portas do vehículo e moito menos baixar del. Arrepentido de terme arriscado tanto por ceder unha vez máis ao meu romanticismo militante, fixen a viaxe de volta, co corazón encollido, pola escarpada e estreita pista que sobe á torre, sen dúbida a máis esguía, desafiante e fermosa de todas as luces do litoral de Galicia. Un libro moi ben documentado, escrito e editado recolle a historia, descrición, naufraxios, contos e lendas dos faros da Costa da Morte. O das Sisargas, por certo, é o único non automatizado que segue precisando de torreiro, profesión que, creo, exercen alternativamente, en prazos de quince días, dous nativos de Malpica. Imaxinan o que pode ser botar dúas semanas só, en inverno, na torre situada a carón dos tremendos precipicios que arrodean a Sisarga Grande?
Unha excursión que recomendo vivisimamente é a Punta Nariga, de par da extraordinaria enseada de Barizo (estrada comarcal de Ponteceso a Malpica). Alí está o, que eu saiba, único faro de autor moderno de Galicia. Trátase da elegante torre na que o arquitecto César Portela combinou, creo que con moito acerto, elementos tradicionais e actuais. A vista sobre as Sisargas é simplemente única. Alí vou a miúdo con amigos de fóra para presumir de país e sentir, con toda xustiza, o orgullo de vivir nun máxico brocéliande, onde resulta imposible subtraerse ao doce influxo da brétema, da mar, do inverno...
Foto de Guillermo González (Vigo, 1961). O seu portafolio dos faros de Galicia é un agasallo para os sentidos.

No hay comentarios: