Hai uns días suscitábase nesta ágora, un interesante debate, propiciado en orixe por Lándoa, acerca da sobreoferta, eu diría máis, a auténtica inflación, de blogs que hoxe existe no ciberocéano. Con independencia doutros factores, a pasmosa facilidade técnica coa que se crea e alimenta un blog está indubidablemente na base desta proliferación compulsiva de textos na rede, que pode conducir a un auténtico colapso do coñecemento. En liñas xerais, e nun senso máis amplo, o refinamento tecnolóxico da edición, no que fai tanto á manipulación do texto mesmo ―a autoedición― canto ao seu envío ao libro final ―CTP, cip3― explican parte da indixestión editorial permanente na que vivimos.
No que fai aos subprodutos literarios que, moitas veces por non pasar o bochorno de deixar os premios desertos, acaban chegando ás prensas, non cabe dúbida que, alén da facilidade técnica da que falamos e do rapida e frivolamente que calquera se constitúe en editor, teñen un estímulo maior, cal é a propia existencia de tal cantidade de convocatorias: no caso do país, ao igual que non hai vila, de mediano volume e poboación, que non teña paseo fluvial/marítimo e pavillón polideportivo, non hai vila tampouco que non teña premio literario, nalgúns casos, como o da miña localidade natal, establecéndose unha impecable, malia involuntaria, relación entre a mediocridade do autor que dá nome ao galardón e o nivel medio dos orixinais premiados.
Deste xeito, o que había ser pregón para o esmero na creación literaria ―e é de advertir que escribir ben, ao meu modo de ver, é o produto do esforzo e sempre resultado dun laborioso e ingrato proceso de perfeccionamento―, acaba converténdose en estímulo e alimento de toda caste de aberracións, iso si, todas elas invariablemente en galego, co cal imaxínense o que gaña o idioma e a súa implantación social.
8 comentarios:
Ao mellor son seguidores de Jules Renard algúns dos deostados/as por vostede nesta anotación. A frase que tanto comprace a Vila-Matas, xa sabe: "On se dégoûte de bien écrire", que en tradución simultánea para a radio diría que xa chegou de gramática e de bo gusto. Pero ca, non é iso. O que non hai é a fundamental asociación de dous condimentos: oficio e horas. Non cre, amigo meu?
A facilidade que dan as novas tecnoloxías (algunhas xa non tan novas) sumada á súa cada vez meirande accesibilidade, teñen unha influencia nas artes (nas aplicadas tamén) cada vez maior. Por algunha razón o feito de ter unha cámara dixital (xa sabes, tiras 500 fotos, malo será que non saia unha boa) dános máis confianza ca unha reflex analóxica: pasamos de que só un 20% da poboación fora quen de quitar algunha foto decente a que calquera sexa fotógrafo semi-profesioal. Non falemos do fotoxó. Agora, quen nunca se atreveu a facer nin un collage, colle o corel e faiche a cartelería enteira do Froiz. E así todo. E non está mal, paréceme ben que cada quen se divirta e aforre como quera, pero a tecnoloxía non pode cegarnos diante das nosas limitacións.
Participei esta fin de semana nun concerto de música rock. Afeccioados con moitas gañas e ilusión, pero afeccioados. Os equipos e instrumentos, non: profesionais. Algúns, entre guitarra e amplificación, compraban un coche. Cada un dos grupos tiñamos mesa de mezclas (algunha dixital), amplificación de entre 500-1000 w., microfonía (algún inalámbrico), pedaleras, etc... Viva la vida loca! A calidade media dos grupos, suficiente (sendo moi bo e xeneroso e tendo en conta que somos afeccioados). O comportamento da meirante parte dos músicos: profesional, moi profesional. Teñen que tocar co seu equipo, porque o coñecen e ao mellor se tocan con outro pois vanse perder eses matices que tanto costou acadar (en realidade son problemas de non ter nin puta idea de tocar: a un bo baterista daslle unha caixa de zapatos e fai música. Non é necesario chegar a tal extremo. É para que se me entenda). Claro, un non gasta 6000 eurazos para que un técnico de son (por certo o único profesional alí) lle estrague o son da Stratocaster ("americana, claro, que as que fabrican en Taiwan, teñen un son moito máis, non sei como explicalo, pero máis algo, que o lin nunha revista"). Que non teñas nin puta idea de tocar é o de menos. Tes un baixo de puta madre e iso é o que conta.
Veredes que nuns poucos anos todos teremos nas nosas cociñas esferificadores, caramelizadores, nitróxeno líquido e calibres, e que ninguén se vai cortar de deconstruir unhas lentellas. Coma no Bulli.
Oficio e horas, amigos Landoa e anónimo, oficio e horas: na música, na escrita, na reflexión, na cociña, no bricolaxe... no que se queira. A tecnoloxía, en efecto, está ben, está cojonuda, pero cunha base de coñecemento previo non tecnolóxico, senón simplemente humano, senón se queda niso: na stratocaster ou no mellor baixo Ibanez, pero sen dedos, sensibilidade, equilibrio, gusto, imaxinación, forza... O que define ao músico de caste. Ao mellor que eu cheguei en moitos anos tocando a batería (o meu último grupo foi Stereo Clan, hai disto xa ben anos) foi a unha Tama Imperial de segunda man. No caso da guitarra empecei con doce ou trece anos cunha española medio rompida dun irmán e cheguei na actualidade a unha Ibanez de catrocentos euros e unha Ovation acústica de fibra de carbono que sona que te cagas (regalada por un supercolega). Agora, creo, comézase a casa polas fiestras.
Oficio e horas: non hai máis receita. E é duro, moi duro poñela en práctica todos os días. Lembro unha entrevista con Paco de Lucía na que o xenial guitarrista contaba que, de neno, mentres os seus coleguillas xogaban no barrio el botaba horar e horas co seu pai tocando a guitarra ata lle doeren os dedos e non poder movelos dos calambres e a pel das xemas despelexada.
Picasso deixou dito que a el as musas sempre o pillaban traballando.
Saúdos.
Oficio e horas, certamente. Mais tamén hai algo inaprensible que debería acompañar e que se ten ou non se ten. Trátase de algo moi escaso e chámase talento (ai!).
Saúdos.
Eu tamén teño unha Ovation electroacústica como a súa, amigo Juan Luis. E o meu problema non é só de carencia de oficio e de falta de horas, senón, ai!, de nulo talento. Daquela, non sei se dedicarme á papiroflexia de nivel elemental.
Saúdos.
Sr. Apicultor
Horas e horas. Oficio. Fágalle caso ao Sr. Valdés e esqueza o talento. Décatese de que moitas veces, detrás dese recoñecemento da necesidade dese algo inaprensible ao que chama talento, hai a necesidade de buscar unha disculpa que tape a falla de disciplina, vontade e capacidade de sufrimento necesarias para adicarlle esas horas e ese esforzo ao instrumento. Eu seino perfectamente. Do talento, no caso de que exista tal cousa, non se preocupe: se o ten hai vai estar cando chegue o oficio. Este, ao contrario, teno que ir buscar vostede. Por máis talento que teña.
Eu creo que a fórmula, por orde de importancia é a seguinte: horas e horas + oficio + talento. O último, sen os dous primeiros factores, non vale para nada, pero se os acompaña está de p.m.
Grazas polo consello, pero polo que respecta á guitarra non dispoño de horas suficientes, o meu oficio é escaso e o talento (musical) hai tempo que se perdeu nunha esquina. Doutros asuntos fóra dos estritamente musicais, non me queixo. E é que non se pode estar a todo!
Gran verdade. Non se pode estar a todo.
Publicar un comentario