21.11.08

Idiosincrasia

Está na nosa idiosincrasia, coma país, facer o que nos peta. E facer o que nos peta pode ser máis ou menos intrascendente e non ter consecuencias excesivamente graves ou pode ser orixe de gravísimos problemas sociais de consecuencias lamentables. Cando un aparca en dobre fila, no lugar reservado a incapacitados ou na porta dun garaxe coa correspondente licenza de prohibición perfectamente exhibida, alén de manifestar que é un cidadán exemplar plenamente consciente da limitación dos seus dereitos, non se produce de certo un dano siginificativo. Cando, por deixación de autoridade, se permite que xa non unha persoa senón un enorme colectivo de persoas faga o que lles sae da reverendísima, conculcando de xeito flagrante dereitos elementais, prodúcese un dano social que, se por mala ventura nos afecta, pode amargarnos literalmente a existencia. Agora, como reflexo léxico dun crescendo imparable, troquelouse o neoloxismo macrobotellón, pois as dimensións orixinais do fenómeno, como era perfectamente previsible, se dispararon. Esta mañá de venres o campus universitario sur de Compostela amencía coa terrible pegada dunha turba cegada polo alcol, e non falo só de lixo, manchas dos licores no pavimento, vomitonas, bolsas e vasos de plástico por onde queira, non: barreiras automáticas das zonas de parquin destrozadas, maceteiros rebentados, contéiners reducidos a cinzas e masas plasticas informes…
Todos tendemos a crer que nós non o fariamos; que cando fomos novos, nin na peor das cogorzas, nos atreveriamos a tanto. Coidado con este xuízo: o certo, o único certo é que nos tempos da nosa mocidade non había botellón. E aí está o problema: ¿quen con 21 anos, cheo de cubata ata as cellas e jaleado por unha turbamulta responde de si? No contexto dunha educación caracterizada pola concesión permanente e a ausencia de negativas, a mocidade actual sistematiza todos os xoves un xeito de, falemos claro dunha vez, vandalismo ao que non se lle puxo couto no seu momento e ao que —non mediando un gran pacto social e político— vai ser moi difícil poñerllo agora. Ademais, claro, está o asunto do voto joven, moito voto de dios.
De por parte, alégrome infinito de non residir preto dunha zona de botellón, porque vivir semana tras semana reconciliado coa máis absoluta indefensión civil debe resultar moi jodido. E sen durmir non hai quen viva.
Que país.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Canta razón tes no que dis, neste país de pandeireta cada un fai o que lle peta.

E o peor non é que os xoves bebamos, pois considerome xove, na rúa. O verdadeiro problema é a cantidade de lixo que se xera nunha noite de botellón e a cantidade deste lixo que non apañamos os xoves e o metemos no contenedor máis próximo. A foto é tremendamente gráfica e entristecedora, aínda que isto non é só o panorama do venres en Compostela é o do sábado en Vigo e A Coruña ou o do domingo en Ourense e Lugo, por pór exemplos.

Un saúdo. Sr Repolo

chamallex.blogaliza.org