4.11.08

Unha mani


O lema baixo o que a CIGA convoca unha mani para o día 13 A crise que a pague o capital— ten un sabor estrañamente anacrónico, de instigación clandestina e subterránea, coma un anarquista fardado de negro paseando a fumigante bomba polos sumidoiros da cidade. En tempos en que todos vivimos tan reconciliados cun consumismo compracente e, ata agora cando menos, de capital saneado, revestir a este de novo coas roupas do acérrimo inimigo a bater semella, como digo, un tanto anacrónico e mesmo fóra de lugar. Non negarei, porén, que aprecio, mesmo con saudade, o regusto a gauche divine que o lema deixa. Retrotráeme, polo demais, a tempos —o tempora!— nos que criamos xurdiamente podermos cambiar o mundo en interminables conversas baixo a luz dun flexo cutre e entre mestas nubes de fume de Ducados, ou decorando a golpe de spray as paredes nocturnais con consignas incendiarias. En certa ocasión, unha persoa moi querida e próxima, daquela adscrita a unha atrabiliaria -e máis ben minoritaria- asociación de extrema esquerda denominada Información Obreira, fixo unha pintada na que, sen dúbida a causa das présas e a tensión do momento, as liñas aparecían caprichosamente aliñadas de xeito que, contra a vontade do pintador, o que se lía era: O CINTURÓN QUE O APRETE INFORMACIÓN OBREIRA. O PATRÓN. A visión de futuro que, involuntariamente, a consigna acadou rematou por convertela nun clásico.
Trinta anos despois, nestas seguimos.

3 comentarios:

Ana Bande dijo...

uf! o das "manis" é que non o soporto, unha indixesta pose colectiva que se aínda é convocada polos que mudaron o libro polo podio...en fins, son prexuizos meus, dos que non compre desfacerse. Son o único antídoto contra a burricie por realdecreto. Os anacronismos podo soportalos, son curiosos e nos lembran días de fume e...rosas, pero estes que confunden o progresismo coa co lightcismo...

apicultor dijo...

Non sabe ben cantos antediluvianos que hai dentro da CIG. Moreas e moreas!

Saúdos.

Ana Bande dijo...

Por desgraza sei ben, amigo Api, na nosa universidade fixeron tantas falcatruadas...en fin, menos mal que son antediluvianos, como di vostede, e se lles vai vendo o plumero. Pobre nacionalismo.