28.4.08

Post de san Luns

Cando argumento o duro que é, entre todos os labores e compromisos diarios, esprimir a cachola para alimentar case diariamente un blog, algún bo amigo a quen ―nobre homenaxe da amizade― o afecto probablemente lle fai esaxerar, anímame a teimar na mantenza destas páxinas dando como unha das principais razóns que está moi ben escrito, gabanza que, sequera sexa pola boa fe, eu acepto de grao. Persoalmente son da opinión que cando un non ten nada que dicir o mellor é non dicir nada, sentenza lapidaria que non se debe a Ortega, nin a Chesterton, nin a Wilde, nin a Protágoras, nin a Hesse, nin a Nicéforo Focas, nin a ningún deses proverbiais fornecedores de frases impresionantes, senón a Juan L. Blanco Valdés, que está plenamente convencido de que a tal sentenza agocha unha verdade incontestable, luz e guía a seguir por moitas bitácoras que polo proceloso océano cibernético pululan, dignas ben delas de pasaren a mellor vida.
Digo isto porque, lembro, agora si, unha declaración do noso nunca ben ponderado CJC, esgrevio escritor e discutible cidadán, quen, preguntado sobre o proceso xenético das súas novelas no que fai ao proceso da escrita en si, respostou, con aquel seu ton tallante, roufeña voz e nota escatolóxica: Mal debe andar la cosa para que me pregunte Vd. si escribo sentado, de pie o haciendo mis necesidades.
Será que en san Luns non está a cabesiña para moitas virguerías e dáselle a un, non tendo tema a man de máis vitola, por escribir sobre como escribe? Concedo. Algo haberá. Pero, indo ao caso, tamén é certo que a lisonja do meu amigo deume pé a unha reflexión. Porque, que é escribir ben? Supoño que nisto, coma en todo, hai unha boa parte de intuído, diso que, a moito que o pensemos, non damos con razóns que poidamos expresar doadamente. Por que Scarlett Johanson nos parece unha actriz sublime e Penélope Cruz un petardo? Pois, como non somos especialistas en arte dramático nin interpretación, abonda con ficarmos con tal convencemento, porque si, porque unha nos parece sublime e outra un petardo.
Persoalmente, dicíalle eu a meu bo amigo, moitos destes posts son a xeito de haikus ou arrautos, espontáneos e case automáticos na súa orixinal forma, pero moi currados con posterioridade ata a súa estrea cibernética no blog. Que é o que determina que se lean fluidamente, mesmo con certa estética? A corrección sintáctica? Unha puntuación coherente? Un léxico preciso e cohesionado? Un uso equilibrado de conectores? Teoría. De veras que non o sei. Tras varios anos impartindo, mesmo, cursos de innovación docente sobre técnicas para mellorar a expresión oral e introducións á escrita académica, aínda hoxe dubido de todo, agás o que non pode verbalizarse, iso que, normalmente, se denomina… talento (e líbrenme Deus e san Casiano de Imola mártir de atribuírme tal calidade).
Rematemos este post de luns lembrando a Somerset Maugham (e a miña teima polos pensamentos lapidarios): existen cinco normas básicas para escribir ben, pero ninguén sabe cales son.
Au revoir.

11 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

En dúas palabras: Scarlett Johansson.

juan l. blanco valdés dijo...

En efecto, Arume, en dúas palabras: di-vina.
Por certo, hoxe me entero de que esgrevio, malia o que nos leva vendendo ó convencemento léxico dende hai ben anos, é todo o contrario do que cremos (cando menos eu), valendo -literal ou figuradamente- 'duro', 'aspero', 'desagradable', 'abrupto'. Ben, pois, corrixo a don CJC, egrexio escritor e discutible cidadán.

M. Diéguez dijo...

Pois eu tamén me pido a Scarlett Johansson, co seu permiso. A don CJC tanto lle vai o de esgrevio coma o de egrexio. A min paréceme imprescindible unha parte da súa obra (hai uns días lía nalgún xornal que as súas últimas novelas son as mellores, malia non ter a bendición da crítica, opinión que non podo compartir porque non as lin) e totalmente prescindible outra, esa máis chocalleira.
O tema que nos deixa Xoán neste blog é de moito interese. Un, que leva xa algo máis de vinte anos intentando ensinar a escribir aos seus alumnos, segue a preguntarse como se consegue iso, a vista dos resultados tan desiguais que obtén. Resulta evidente que o gran parte do segredo reside na planificación do texto e nas destrezas no manexo das propiedades textuais. Aínda asumindo que todo o que se ha de aprender se pode ensinar, penso que esa aprendizaxe resulta imposible sen a motivación do aprendiz. Un autor que constitúe un referente imprescindible neste campo e que ben seguro coñecerán todos, Daniel Cassany, explica moi ben os procesos da composición de textos escritos na obra "Describir el escribir. Como se aprende a escribir", da editorial Paidós. Nun capítulo especialmente interesante e moi instrutivo, "Leer como un escritor", Cassany trata, a partir das teorías dun tal Frank Smith, de responder á pregunta de como aprendemos a escribir . Reproduzo a continuación unhas palabras do libro:
" El autor empieza su reflexión con una lista de todos los conocimientos que posee un escritor competente y concluye que el único lugar donde podemos encontrarlos es en los textos escritos por otros. No los podemos encontrar en las gramáticas o en los manuales de redacción porque muchos de estos conocimientos, como por ejemplo los mecanismos de cohesión o de coherencia del texto, apenas han sido descubiertos por los lingüistas y todavía no se han estudiado lo suficiente (...) Por todo ello, la instrucción formal (la enseñanza programada de todos esos conocimientos) que se basa en gramáticas y ejercicios no puede tener un papel demasiado importante en este aprendizaje. En cambio, la lectura se muestra como la única forma viable de aprendizaje porque pone en contacto al aprendiz con los textos que contienen todos los conocimientos que necesita. Leyendo esstos textos el individuo puede aprender la gramática, los mecanismos de cohesión y las reglas de coherencia textual que necesita para escribir. Pero, si bien es cierto que todos los escritores suelen ser buenos lectores, no todos los lectores son necesariamente buenos escritores. Esto lleva a Smith a afirmar que hace falta leer de una determinada manera para aprender a escribir: tenemos que leer como un escritor."
No resto do capítulo, Cassany explica en que consiste ler como un escritor. Espero que a cita non resultase excesivamente pesada, pero creo que é dabondo ilustrativa como para incluíla.
Un saúdo.

donagalaica dijo...

Nestes casos, a min véñenme sempre á cabeza os versos finais de Humoradas de Campoamor, que todos coñecemos. O cristal ben pode ser o da amizade, o do amor, o da solidariedade... -se en positivo falamos-, ou de todo o contrario -o odio, a envexa, a inxuria-. Así, concordo no que toca a CJC no de "discutible cidadán e egrexio escritor" (e non nas últimas novelas, preciamente, cando, ao meu xuízo, era tan discutible nunha cousa coma na outra).
No que atinxe á elección Johansson vs P. Cruz, pois serei máis indulxente coa segunda, despois de ver a última da Coixet -máis atraente, a directora, polas súas creacións que pola súa personalidade (cansina interpretación de si mesma)-.
En fin, canto á súa forma de escribir, non sei se cómpre engadir algo máis despois de ter lido un post que anunciaba era froito de non ter nada que dicir.
Que por que o lemos, Sr. Blanco Valdés?
-Porque vostede ten talento
-Porque ten unha chispa especial, que xorde dun habilísimo manexo do que me atrevo a bautizar como "retranca intelectual"
-Porque as súas reflexións -concórdese ou disíntase- non deixan indiferente (estou con vostede en que hai blogs que non teñen razón de ser ningunha)e como os abondosos e gratos xantares piden unha sobremesa para decantar o compartido nunha comunicación fluída entre persoas que se queren entender ben.
-Porque vostede escribe espléndidamente.
-E, xa remato, porque a vida é por veces moi puta, e hai que regalala con deleitosos paraísos. O seu blog é un remansiño -hoxe diriamos, un Spa- para a alma.
Sexa como sexa, non mo tome a lisonxa, que non tería por que ter dito isto se non o pensara. Máis, cando non vou ser xulgada por elo.
Confío na longa vida destes fragmentos gala[ct]icos.
Saúdos.

apicultor dijo...

Di vostede, Juan Luis, que "cando un non ten nada que dicir o mellor é non dicir nada".

E, en efecto, así deberería ser.

Mais qué carallo: se aquí até o máis necio desbardalla sen parar (e algúns até lles pagan), por que imos ser nós menos (aínda que non cobremos)?

Un cordial saúdo.

arume dos piñeiros dijo...

No de esgrevio vai pasar como con outras palabras (lívido ou enervar): que a academia vai ter que admitir as dúas acepcións.
A Penélope na de Coixet, inverosímil. Quen se pode liar cun tipo que se parece a Gandhi e con 20 anos máis?

Anónimo dijo...

Pois a histoira da Coixet penso que é moi verosímil!
Quen se pode liar cun tipo que se parece a Gandhi e con 20 anos máis?, pois depende do que represente o individuo en cuestión. Non é tan simple.
No que ao que á psicoloxía masculina se refire, a esa inmadurez conxénita, creo que está clavado!

Marco Piña dijo...

Como acertadamente dijo el gran Groucho Marx: “Es mejor estar callado y parecer tonto que hablar y despejar toda duda”

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Penélope Cruz, Consuela na película, procedente dunha clase social ben elevada, con todos os elementos para ser unha muller culta e intelixente, acaba entregada a un home que lle explica que nas Meninas ao fondo aparece un espello cos reis e que, baixo un shock, fica asombrada pola extrema erudición do Casavella ese que lle informa de que Goya pintou dúas majas: unha espida outra vestida.
Se aínda o ghicho fora Paul Newman ou tivera unha habilidade especial con certas partes do corpo froito dun acreditado (con certificado incluido) exercicio diario e unha boa dose de rombo azul, ben se podía crer a pésima seducción. Fóra diso, máis creíble sería ver pacer xuntos a un lobo e a unha ovella.

juan l. blanco valdés dijo...

Non tiña eu intención en xerar un debate -e menos con derivacións de xénero- sobre Penélope Cruz, a última peli de Coixet (que non vin, polo que non podo xulgar) e o papel de Kingsley (actor que, por outra parte, adoro). Este tipo de ramificacións temáticas, e a necesidade de atendelas -aínda só sexa por cortesía- é unha das servidumes dun blog. Neste caso, insisto: como non vin a peli, pois aí queda o conto. Con todo, Pe, a reserva da peli de Coixet, paréceme un petardo (que encaixa moi ben nese tipo de films que Almodovar tanto prodiga ultimamente). En fin.
Sobre CJC: egrexio, esgrevio, discutible ou, simplemente, repunante, só por La colmena, La familia de Pascual Duarte e Viaje a la Alcarria, ten gañado con creces, na miña opinión, un posto no olimpo dos máis absolutamente imprescindibles. Deixemos, vanitas vanitatis, ao cidadán.
A reflexión de Simith-Cassany-vía Manolo Diéguez sobre o feedback lectura-escritura explica moito do que eu quería dicir e non dixen. Que certo é, Manolo, como dicía o noso caro Rui Veloso: a gente nao lê.
Api: o seu punto de vista -sobre canta xente gusta de botar a lingua a pastar- vaime valer para un post especifico (e non será a primeira).
En fin, amiga dona Galaica, de novo fondamente obrigado ao agarimo e alento. É un pracer. Un choio de cojones, pero un pracer.
Marco: gusto de verte de nuevo (con las pilas, por lo que veo, cargadas) por estos pagos.
Saúdos para todos. Agardo non pasedes a festa do traballo traballando.

Anónimo dijo...

Pero a cousa viña pola Cruz!
Bah, que non paga tanto a pena.
Cada gusto ha ter unha explicación -ou non-.
Opinemos libremente, con respecto, sobre todo ao noso xeneroso anfitrión.
Veña, outro post para cando poida!
Saúdos.