
Baixando á area dos mortais, cando preparaba as miñas clases para a primeira edición do Máster en Edición —non sei, e mira que o levo pensado, como fuxir da redundancia—, e en ocasión dun xantar cun benquerido colega de certa universidade, este transmitiume unha idea que, como o aserto saussureano, tivo, e ten, para min infinitas consecuencias, interpretacións, derivacións, aplicacións e ilustracións profesionais: un libro ben editado non se nota… nin ten que notarse.
Ben se sabe que o traballo de edición é ingrato polo anónimo. Se, convencido de que por moito que llo envíes ao autor este ―por neglixencia ou pura incapacidade― non vai facer nada, reescribes un texto «impublicable» para lavarlle a cara á túa casa e convertelo un texto «malo pero pasable», ninguén vai entender nada do que en verdade pasou: o mérito para o autor se a cousa vai ben; as culpas para o editor se mal (isto, por certo, tráeme a cabeza cantas veces me teño lamentado: joder, eu debíame apelidar negro e non blanco!).
Mais a discreta elegancia, aínda o laconismo, dun libro esmeradamente editado é en ocasións inxusta de máis, pois non revela, agás para os ollos do especialista ou do bibliómano, a adicación case monacal que o editor lle consagrou en horas, esforzo, e, mesmo, agarimo. Veño de redactar unha nota de remisión do exemplar dun libro, que, en rabiosa primicia e novidade, envío á súa autora. Sorpréndome a min mesmo ao relela: Querida A.: Esta feito cun plus de agarimo. Agardo que se note. Pensándoo agora, é unha nota incorrecta na súa base, pois, con ela, estou negando o meu principio, ao reclamar atención para algo que non debera percibirse de xeito consciente. Caridad con trompeta, no me peta, lembra o proverbio. Pero por veces un lle quere tanto ao libro que edita que, como ocorre cos nosos nenos, énchenos de orgullo que nos digan: Moito che imita!
2 comentarios:
Prezado Juan Luis, saiba vostede que todo o que pare o Servizo de Publicacións leva un plus de coidado, exquisitez e agarimo, sen dúbida. Ese plus súmase moitas veces ao traballo previo que xa de por si leva todos eses compoñentes -alguén xa falou aquí da Colección da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán-, e noutras é en si mesmo o valor único da publicación -que lle imos facer?- pero vostede, coa actual directora técnica forman de un tándem dificilmente superable. A discreción só é boa se se distingue.
Fondamente obrigado, amiga Donagalaica, ao recoñecemento. É un pracer, en calquera caso, ter a ocasión de colaborar con tan excelentes persoas como as que brinda unha universidade como a nosa. Saúdos.
Publicar un comentario