16.4.08

Lingua franca

Hoxe, en grata conversa e intercambio de puntos de vista con certo blogger a quen non coñecía persoalmente (si virtualmente), xurdiu un asunto que creo de transcendencia, actual e no porvir. Trátase do efecto altamente beneficioso que a blogosfera —en canto espazo ilimitado de reflexión e encontro sereno (cando é sereno)— pode reportar a unha situación de esquizofrenia lingüística como a que vive Galicia, que, por mor da entrada en escea de mesnadas que suplantan de xeito lamentable criterio e intelixencia por prexuízos, lugares comúns e complexos, está chegando nos últimos tempos a niveis de radicalismo —en ambas as dúas bandeirías nacionalistas, española e do país— que non presaxian nada bo. Dicía o meu amigo que lle abonda con ver un cartel nos muros da súa facultade que ordene Ensino en galego! para que lle entren unhas ganas irresistibles de dar a clase en español. Todo estado de opinión, máxime cando imposto unilateralmente obviando sensibilidades e pareceres lexítimos, xera o seu contrario. Que o galego é o idioma de Galicia? Este tipo de adscricións sociolingüísticas teñen moito de lingüísticas e moi pouco de socio. Digamos que si, que o galego é o o idioma de Galicia para os que en Galicia falan galego. A ver: cal é o idioma dun fulano de Viveiro que fala castelán por herdo familiar dende N xeracións? Poñémolo a falar galego así, de boas a primeiras? Non forzemos dogmaticamente principios da lingüística histórico-comparativa a teren unha preponderancia que non lles corresponde. É o rumantsch a lingua de Suíza? Ou o galés o de Gales? Si, dende a disciplina científica. Non, ou non só, dende a perspectiva social.
En fin, coma decote, estou indo polas carrouchas. Ao que vou: eu non falo galego na miña casa, non son nacionalista nin fago parte do sistema literario galego; amóldome, como persoa educada, ao que fala o meu interlocutor; en fin, son un tipo razoable, pouco dado a radicalismos e non inoculo na lingua na que escribo neste local ningún rollo sufragáneo —ideolóxico, político, sectario—, ben en troques, enarbolo a bandeira de usar o galego dende unha posición tan traidora, e, aínda máis, creo contribuír modestamente ao enriquecemento e constitución dun rexistro culto da lingua que tanto amo, e coa que me comuniquei co meu pai en exclusividade, dende que cumprín 17 anos. Ora, acepto con resignación (como teño que aceptar outras tantas cousas) que, no contexto multifacético e global do mundo contemporáneo, o destino das linguas minoritarias sexa bastante (tirando a moi) escuro. Que se lle vai facer! Alá veremos. Do que si estou certo, sexa o que teña que ser, é de que a imposición como política é un craso erro -deixemos falar á Historia- e, máis tarde, máis cedo, remata por pasar amarga factura a quen teima nela.

14 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Foi un pracer inmenso compartir hoxe o café con vostede, amigo don Juan. Hai que repetir. Máis a miudo. Esquecín dicirlle que un día que veña por Vigo, dea un toque. Arrimámoslle algo.

Ana Bande dijo...

Pero Arume, esta vostede en todas partes ¡o blogomillo semella xa o meu barrio! Bueno, pois boas noites e seguimos paseando que seguro que nos atopamos no próximo bar.

juan l. blanco valdés dijo...

Ana, Arume benqueridos:

Partimos a diferenza e quedamos, por exemplo, en Caldas de Reis? Pero nada de café. Digamos un menú lixeiro e moi do país tipo tortilla con lts [lts=leituja, tomate, sebola] e queixo con membrillo? Caprice des dieux!
Prégase confirmación.

donagalaica dijo...

Vaia por diante que concordo plenamente coa súa reflexión, pero manifestacións deste calado,valéronme máis dunha axitada discusión.
Se vostede di que coa súa familia se comunica, por exemplo, en lapón, é vostede un fenómeno, un tipo de vastísima cultura que de seguro está dando aos seus fillos a mellor das educacións posibles. Pero se vostede di que se "amolda", que na casa fala castelán -insisto en que no que ao meu pensamento se refire, subscribo até os puntos e as comas, da súa reflexión- vostede é un "españolazo", un facha, un antigaleguista, un fraco rendido ao imperialismo español. Ahí es nada!, eso escoiteino cen mil veces. Na facultade, eu non me cansei até que cheguei a 5º de carreira. Entón faciamos os tres anos de comúns -galego e español- e en cuarto elixiamos especialidade. O primeiro día dese ano da carreira, quen fora castelán falante inamovible nos tres anteriores, puxo o pé na aula falando galego -inamoviblemente tamén-. Cando a xente de español iamos a aulas de materias de galego, negábannos o sitio, algún profesor facianos erguer a man -falo do ano 98 do século XX- para que todo o mundo tivese localizado ao "inimigo"..., en fin. E eu galego falante (dialectal, iso si) de toda a vida, canseime de reclamar a miña liberdade para elixir a lingua na que expresarme en belixerantes tertulias cos militantes galeguista de pro, que acababan dicindo: "Bueno, eu na casa falo castelán, claro". Acabáramos!

apicultor dijo...

Que é vostede un home sensato e ponderado non hai dúbida ningunha, amigo Juan Luis. Pero ten que recoñecer que, moi de cando en vez, se deixa levar por temores un tanto infundados.

Lembro a súa gran preocupación polo asunto aquel da memoria histórica e xa ve en qué quedou. Non houbo cataclismo nin pasou nada especialmente grave.

Pois algo así coido que está a pasar coa súa preocupación actual sobre a "imposición" da lingua galega. Nin tal suposta imposición vai ser tal, na teoría e na práctica, nin tampouco van mudar moito os costumes lingüísticos dos galegos, cuxa gran maioría, en efecto, pode falar e fala dúas linguas a cotío.

Un cordial saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Non, non, se non dramatizo, amigo Api. É o que hai: se me impón que aprenda mates ao meu fillo en galego; ollo: se me impón (cando teño a opción de rexeitar relixión e optar a ética). E hai outras imposicións, non oficiais, de luva branca, que Vde. e máis eu coñecemos moi ben (mire o substancioso comentario da boa amiga Donagalaica). E todo para qué? O número de galegofalantes non fai máis ca descender.
Apertas.

apicultor dijo...

Home, Juan Luis, eu non lle vexo ningún problema que ao seu fillo lle dean as clases de matemáticas en galego. O problema si que o vería se fose un mal profesor de matemáticas (non na lingua que explique). E aí si que, aínda que sexa malo de solemnidade, non se protesta.

Se a concebimos a diversidade e pluralidade lingüísticas como un ben en si mesmo, algo haberá que facer. Ora se entendemos os idiomas como algo meramente instrumental e accesorio, total para que?

Aquí, no fondo, subxaz un problema de "igualdade na diferencia". Recoméndolle, por se non o leu aínda, o libro de Bhikhu Parekh, Repensando el multiculturalismo, Madrid, Itsmo, 2005 (acaba de saír unha nova edición en inglés ampliada).

Un saúdo.

Ana Bande dijo...

¿Caldas de Reis?...non...non...alí puxéronme unha multa de 50.000 pts. por pisar medio metro de línea contínua e seguro que se me atraganda a lettuce. Prefiro ata ir a Santiago.
No debate non entro porque estou casadiiiisima deste tema que quita tanto tempo para outras reflexións ben máis precisas.

M. Diéguez dijo...

Eu, profesor de galego en Caldas de Reis (ofrézome para que fose mester, agás para quitar esa multa, que a tanto non chego), concordo plenamente con Apicultor nesta cuestión (creo que xa o fixen a propósito do asunto da memoria histórica). Comprendo os temores de Xoán Blanco, aínda que non os comparto. A min, como ensinante e, sobre todo, como pai, preocúpame bastante máis o qué e o cómo do que lles estamos ensinando aos alumnos que a lingua na que o facemos. Fóra de casos que se contan cos dedos da man non existe no ensino imposición lingüística do galego (ata onde coñezo, tampouco do castelán). Os alumnnos, polo menos os da ensinanza pública, viven o ensino nas dúas linguas como algo normal. Os falantes naturais do galego formámonos nun sistema educativo que excluía violentamente a lingua que usabamos na casa. Creo que calquera comparación da situación actual co que acontecía daquela só pode facerse desde o coñecemento deformando da realidade dos centros de ensino. As medidas adoptadas polo goberno, por moi radicais que fosen (creo que non os son) non poderán impoñerse sen o implicación do profesorado, e este é tan diverso como a sociedade á que serve. Usen a lingua que usen para transmitir os contidos farano, seguramente, con responsabilidade e respectando os dereitos dos seus alumnos. Así que por ese lado pode estar tranquilo o noso anfitrión. Outra cousa é que nos guste máis ou menos o ensino en galego. Ao meu fillo non lle gustan as matemáticas e non lle dan a escoller.^
Por certo, a min a sociolingüistica resúltame tamén francamente cansina.
Saúdos

juan l. blanco valdés dijo...

Dá xenio partillar este espazo con tan excelentes contertulios, capaces de poñer en xogo argumentos tan sólidos e ben expresados. Non é pasteleo, conste.
Pero, como a amiga Ana (casadiiiisima: podía ser que estivese solteriiiisima) a min é unha cuestión que me aburre bastante. Non era a miña intención, de feito, abrir un debate senón testemuñar que a lingua non é patrimonio ideolóxico de ninguén e que o seu uso sectario é algo ben pouco intelixente. Saúdos e grazas pola fidelidade.

apicultor dijo...

Grazas, Juan Luis. A min este debate abúrreme tanto ou máis que a vostede.

Comparto a súa afirmación: "a lingua non é patrimonio ideolóxico de ninguén e que o seu uso sectario é algo ben pouco intelixente".

Agora, que se dea -ou mellor dito: que se chegue a dar algún día- o 50% do currículo en galego non me parece nada disparatado nin impositivo.

Só hai que botarlle un pouco de boa disposición, outro tanto de tolerancia e comprensión, e algo máis de respecto por unha lingua que sería unha mágoa que deixaramos morrer nas nosas mans.

Y eso nunca irá en menoscabo de que nos podamos expresar en castellano cuando nos plazca.

apicultor dijo...

Sospeito que o de "plazca" quedou un pouco raro.

Un saúdo.

arume dos piñeiros dijo...

Eu non vexo ningún problema co do ensino. Eu creo que don Juan apunta á errada estratexia de forzar a situación en sectores digamos non belixerantes. En sectores próximos ao galeguismo ou ao españolismo as campañas, as leis e as normas non inflúen para nada porque as ideas están claras. O problema reside neses puntos intermedios: calquera iniciativa, por necesaria e plausible que sexa, pode provocar un cambio de actitude claramente negativa. É o que creo está a pasar sobre todo nas cidades cunha clase media acomodada cun sistema probablemente neutro que agora contempla novidades. As augas semellaban estancadas, pero alguén moveu a superficie.
Eu comentei con don Juan que amigos meus, indiferentes á cuestión lingüística, pasaran nos últimos tempos á irritación. Por qué? Eso debe constituir motivo de reflexión. Creo que esta cuestión, como sinala Apicultor, debe ser tomada con tranquilidade e naturalidade. Pero non é doado. Basta ler correos, cartas ao director e pulsar de cando en vez as tertulias de nais e pais nunha cafetería calquera ás 9 da mañán despois de deixar os/as fillos/as na escola. Que queiramos non discutir sobre esto, ou non facer da lingua unha cuestión de enfrontamento non deixa de ser un voluntarismo aceptable, pero non sempre eficaz.

Nova Escola Galega dijo...

Nova Escola Galega reprocha que mentres abrollan agresivas campañas con "falsidades" sobre o decreto, a Consellaría de Educación estea deixando a súa aplicación real en "papel mollado".

"Acaso pensa a Consellaría que a publicación dun decreto serve para cambiar automaticamente a realidade?". Sen aforrar críticas, así se pronuncian desde o colectivo Nova Escola Galega, movemento de renovación pedagóxica que cumpre este 2008 o seu vinte e cinco aniversario traballando no país coa loita pola normalización lingüística como un dos seus eixos principais de actuación.

Malia advertir das limitacións do decreto aprobado o pasado verán para o regulamento do uso e a promoción do galego no sistema educativo, Nova Escola Galega, NEG, subliña o seu apoio á normativa xa que consideran que de aplicarse realmente podería "contribuír" a avanzar na corrección "da desigualdade lingüística clamorosa a que se ve sometido o galego".

Pero mediado o curso escolar 2007-2008, NEG láiase de que "non se levasen a cabo actuacións dirixidas á necesaria divulgación dos obxectivos e dos contidos do decreto entre os membros da comunidade educativa e na sociedade, en xeral". Consideran desde o colectivo que do mesmo xeito que calquera iniciativa lexislativa ten que ser difundida entre os sectores afectados, máis aínda debera existir unha estratexia desde o Goberno ao respecto dun decreto "tan importante como este".

Un texto que ameaza quedar "só no papel"
Oito meses despois de que o Diario Oficial de Galicia publicase o decreto, NEG recoñece o "desánimo" fronte á actitude da que acusan á Consellaría de Educación. "Pouco máis fixo que publicar o decreto", din, lamentando que non se adoptase aínda ningún tipo de medida que permitise ver que a presunta vontade de mirar polo galego nas aulas vai ser algo máis que "un texto legal" que semella estar quedando apenas nun "papel".

Segundo denuncia a asociación, a situación é máis grave aínda dadas as "actuacións anti-decreto" desenvolvidas nos últimos meses por determinados colectivos e formacións políticas que "están difundindo falsidades" sobre a norma. Na opinión difundida por NEG este sábado, á volta da súa XXIV asemblea, o Goberno debería estar xa nesta altura difundindo, a través de Educación, unha información "clara e transparente" ao respecto do decreto, explicando as "razóns pedagóxicas e sociais" que levaron a promulgalo e ofrecendo unha oferta de formación do profesorado en temas como planificación lingüística educativa ou didáctica do ensino en dúas linguas. Recórdanlle ademais ao executivo que dispoñía dunha oportunidade perfecta para este traballo durante este curso aproveitando a celebración do Ano Internacional das Linguas. "Ou é papel mollado a aposta pola lingua propia e polo plurilingüismo contida na Declaración de París, que o goberno galego subscribiu en febreiro deste ano?", pregúntanse desde Nova Escola Galega.