2.5.08

Trancas e barrancas

Non hai moito, achegándome a un paso de peóns dinme ao demo por non ter parado o auto que debía cederme atravesalo. É máis, como é adoito, o tipo aínda acelerou máis para evitar deterse. Perante a miña queixa, tendente á xeneralización como é frecuente neste casos, do estilo Que país, carallo, así nos vai, unha amiga que me acompañaba, e a quen eu teño por persoa de moito siso, fíxome unha reflexión: Non te queixes e pensa de onde vimos. Hoxe un tipo así é a excepción; hai vinte anos era a regra. Non puiden menos que asentir, claro.
Sigo pensando, reafirmándome máis na idea canto máis pasa o tempo, que o evoluír social do país dende o rancio cuartel que era en 1975 ata os nosos días é un exemplo de aggiornamento social insólito na Europa contemporánea. Certo é que hoxe hai problemas de inconvivencia, irrespecto e mesmo de virulenta violencia, pero son doutra índole e en moitos trazos perfectamente homologables aos que pode sufrir calquera sociedade do noso entorno. É moi doado sucumbir á idea de que a nosa xeración estaba, con franquismo e todo, moito mellor educada, que había outros valores e patatín e patatán. En boa parte deste xénero de xuízos hai unha enorme erosión da realidade, pois traspóñense apresuradamente condicións e circunstancias sociais moi diferentes sobre a crenza fundamental de que todo tempo pasado foi mellor. Falando da xuventude de hoxe —o grueso dos dirixentes sociais de mañán— é certo, eu xa o teño exposto nestas páxinas, que padece en xeral dun déficit grave de conciencia do deber (fronte a unha, máis grave aínda, indixestión de dereitos). Non hai máis que contemplar os restos dun botellón para percibirmos esta descompensación. O outro día, nun xornal, un psicólogo letrado da Fiscalía de Menores do Tribunal Supremo declaraba, creo eu que con grande incisión e coñecemento de causa: Eu non diría que os mozos de hoxe son violentos. Son irrespectuosos.
É difícil, nesta perspectiva, conciliar tal irrespecto coa educación dun país libre, democrático, moderno, onde, precisamente, a convivencia baséase no respecto á opinión do outro. Como inferencia do anterior, no contexto dunha sociedade castrense, nacional-católica e brutal, castrada de toda liberade, que fedía a incenso e pis, a nosa si tiña todos os boletos para ser unha xeración de completos animais. E, sen embargo, semella térense invertido os papeis.
O que segue, pé da imaxe duna moza ataviada para a práctica do esquí, está tomado de Economía doméstica para Bachillerato, Comercio y Magisterio (1968), libro da Sección Femenina para rapazas:
No hay que tomar el deporte como pretexto para llevar trajes de deporte escandalosos. Podemos lucir nuestra habilidad deportiva, pero no que estas habilidades sirvan para que hagamos exhibiciones indecentes. Tampoco tenemos que tomar el deporte para independizarnos de la familia, ni para ninguna libertad, contraria a las buenas costumbres.
Eu tiña oito anos cando se publicou esta alhaja, perfectamente representativa da escala de valores dunha época. É simplemente acojonante termos sobrevivido a isto. Sei que é moi difícil, e ao mellor superfluo ou mesmo inútil tentar transmitilo, pero sinto, con toda xustiza, moito orgullo da miña quinta.

4 comentarios:

donagalaica dijo...

Estea, estea orgulloso da súa quinta, que razóns para elo sóbranlle.
Creo recordar, non obstante, que aquí xa se falou nalgunha ocasión (Por que? Non. A pregunta é: Por que non?) dos adolescentes de hoxendía.
Eu, que pertenzo a unha xeración que estaría entre os pais desa quinta e os seus fillos -actuais adolescentes- admiro e agradézolle á súa o que fixeron por nós. Creo que verdadeiramente é unha xeración de "superviventes" que loitou por acadar unha liberdade da que non puideron gozar plenamete cando lle tocou vivir a primeira mocidade, pero tamén creo que ese mesmo concepto se lle foi das mans á hora de transmitirllo en forma de valor á súa descendencia.
Así -xeralizar é malísimo, aínda que ás veces inevitable- pariron unha prole de incívicos, apáticos, irrespectuosos... -algo bo terán-, con honrosas excepcións, entre as que seguro se han contar os seus retoños.
Como unha non é nai, non pode nin debera opinar sobre a difícil tarefa de educar a un fillo e tamén é fácil falar cando non se ten que lidar con eles un día si e outro tamén. Pero, igual, tócame convir con eles na rúa, no portal do edificio, na cola so súper... e o que vexo non me entusiasma, mais líbrenos dios doutra Pilarín Primo de Rivera.

juan l. blanco valdés dijo...

Si, en efecto, xa falaramos (e non hai moito) deste tema. No post, hai, de feito, un link ao outro post no que o fixemos. Neste, digamos que a recuperación do texto da Sección Femenina levoume a evocar, e recrear, unha apreciación que xorde espontaneamente moitas veces que con amigos da quinta lembramos elementos da nosa formación e educación: Como puidemos sobrevivir? Como puidemos sobrevivir aos campamentos da OJE, ás clases de FEN, a un ensino ideoloxizado ata a intoxicación, a un mundo no que ata o universo era escaso e se nos negaba, ás frieiras e o grupo escolar José Antonio, ás efemérides del mes de octubre e o Discurso de la Comedia, a Cesta y Puntos e Daniel Vindel...? Creo que, coma o fumador que encende o cigarrillo polo filtro, non só sobrevivimos: curtímonos e ferrámonos, de xeito que todo o que puidera vir despois era sentido como mellor.
Si, somos unha boa añada. Grazas polo seu agradecemento, amiga. Bicos.

Anónimo dijo...

A proposito do Cesta y puntos. Sempre me preguntei por que os institutos do común, coma o noso, nunca participaban no programa. Todo era "los calasancios de...", "los maristas", "el colegio Minerva de Santiago de Compostela..." A min estes de Compostela (logo souben que era o Peleteiro)non me daban nada a gañar, pero sempre estaba con eles, por aquilo da proximidade xeográfica. En fin, querido Xoán, "O tempora, o mores...". Por certo, o símil do cigarro prendido polo filtro, caralludo.
Non entro no das "Efemérides del mes de octubre" porque teño medo a dispararme e escribir toda a noite.
Unha aperta

juan l. blanco valdés dijo...

Manolo querido:

Daniel Vindel e aquela engolada voz que declamaba, en efecto, entidades docentes coma os Calasancios de Villajoyosa ou os Somascos de Vinaroz, estrañas ao marchamo, máis ben ruraloide, do INEM da Estrada, é un clásico, digno de xacer a dereita de Manolo Mirás e o mestre Dorado Janeiro (lembras que sempre nos soaba a 'alter ego' de Carvalho Calero) no walhalla da quincalla intelectual hispánico-galaica.
A metáfora débese, non a inexistente xenalidade de quen subscribe, senón á do mestre Perich, q.e.p.d. Máis quixera eu que parir pérolas de tal calidade! As miñas son majorica. Saúdos e beizóns.