
Fóra a anécdota, a conclusión subseguinte de moitos dos que alí estabamos foi, por unha banda, a distinta medida do tempo do escritor cubano e a nosa, o que, avanzando no estrato da reflexión, levou a considerar a permanente e absurda loita contra o tempo, os horarios e o reloxo que preside a vida dos cidadáns de Occidente. Por outra, apuntouse, con toda razón e oportunidade, que en Cuba, sendo practicamente descoñecida a monstruosa oferta mediática e tecnolóxica do mundo capitalista, o libro segue representando o valor fulcral da comunicación cultural e o lecer (algo así pasaba na nenez da miña quinta, con só unha canle de TV, que se vía fatal e pechaba ás doce da noite, e cocida culturalmente ao lume de Hazañas Bélicas, a editorial Bruguera, Tintín, Los cinco e por aí).
Así é a cousa, amigos: vítimas dun réxime de opulencia e consumismo insaciable, vivimos literalmente alienados polos mass media e, no canto de reconciliados coa nosa circunstancia, en perpetua, e por veces virulenta, loita contra algo: contra o xefe, contra o subalterno, contra o horario, contra inimigos reais ou imaxinarios (máis, creo, destes ca daqueles), contra o envellecemento, contra o estrés, contra o colesterol, contra a depresión, contra o pouco que nos pagan, contra a halitose e o cheiro dos pés, contra o botellón, contra o pouco que se recoñece o que facemos, contra a comunidade de propietarios, contra o caro que vai todo, contra a neurose, contra o PP, contra o PSOE, contra a ansiedade, contra os triglicéridos, contra Fenosa, contra o cónxuxe, contra o ex –cónxuxe, contra o banco, contra o secador de pelo da veciña ás sete da mañá, contra o tráfico e os embotellamentos, contra a hipoteca, contra a sanidade pública, contra a angustia e o spleen, contra Facenda, contra a Xunta, contra Quintana, contra Touriño…
Velaí dúas boas razóns (vivir a hostias coa vida e unha abafante presión tecno-meditática) polas que este blog vai perfilándose cada vez máis, non crean que non me decato, en depositario de ficcións, reflexións, folganzas, lembranzas e paparruchas varias, o máis afastadas posible da realidade circundante, que, a golpe de titulares do día, nos tiraniza. Non saben o que me aburren os xornais e a política.
Calquera día bótome ao monte.
7 comentarios:
Quen ben relatada esa anécdota, tan propia da "idiosincrasia" caribeña.
Certo que miden o tempo ben doutro xeito. Se din que te recollen ás 9 da mañá, calcula que podes erguerte a esa mesma hora, almorzar repousadamente e, con sorte, o tempo de agarda non pasará da media hora.
Así aguantan o que lles cae todos os días enriba: o deficiente transporte público, as longuísimas colas para todo...
Así non queda máis remedio.
Aquí, mentres, vivimos á présa, e na mesma medida esiximos que xire o mundo. Temos reloxio no pulso, no coche, no móbil, no computador, enriba da mesa do despacho... Vivimos contra o tempo.
Así que ao mellor non é mala idea iso de botarse ao monte. Se o fai vostede, vállase da rede wifi para non deixarnos orfos de blog.
Un amigo que andivo por Guatemala cando a horrible guerra lémbrame que un dito moi popular dicía..."hai máis tempo que vida", semella sinxelo pero...
Moi bo, profundo e oportuno o proverbio, Ana. En efecto, dá para pensar. Aquí parece que funciona o contrario, unha especie de carpe diem a supertope: vive de présa e morre novo, e tal.
Sobre se, de tirarme ao monte, deixaría o mundo orfo de blog, dá, amiga Galaica, para pensar aínda máis. Velaí o xermolo dun lindo (perdón pola inmodestia) post. Non esquecerei nunca, en calquera caso, o seu (sempre sabio) consello.
Tiraríame de boa gaña con vostede ao monte, amigo Juan Luis, pero é a hostia de incómodo.
Un saúdo.
Incómodo o monte, non vostede, aclaro.
A min ir a presa gústame. Que lle vou facer? A min esa galbana non me vai. O de botarse ao monte e sen wifi non parece moi atractivo.
Non, se, nos guste ou non, un pouco adictos á adrenalina somos todos, sen podérmolo remediar, eu nomeadamente.
(Risos) Grazas, Api, por lembrarme que non son incómodo (como botarse ao monte, cando menos...).
Publicar un comentario