13.5.08

In memoriam

É certo que de costume son moito máis frecuentes os humanos exemplos da maldade, crueldade, violencia e ansia de dominio ca os da bondade desinteresada. Botar a sonda na perversidade dos homes é arriscarse a non tocarmos fondo. Dá medo poñer o telediario. Penso que de partida o ser humano é malo, e toda a actual arquitectura socio-xurídica de Occidente —froito dunha en extremo dolorosa evolución de séculos—, é dicir, o que normalmente chamamos lei, democracia e Estado de Dereito, foi levantada para acoutar e aínda acurralar esa maldade esencial. Podería argumentarse en contrario, pero acho unha proba indiscutible do que digo: se mesmo con lei, democracia e Estado de Dereito pervive tal cantidade de situacións de violencia, guerra e sadismo, qué non ocorrrería de non contarmos con eses elementos para a coerción do peor de nós mesmos?
Por fortuna, como é adoito, toda actividade humana tende á compensación, e, así, as innúmeras mostras da bestialidade vense contrapesadas por escasos, malia, por veces, sublimes, exemplos da máis emocionante bondade. Hoxe esta bitácora rende homenaxe a Irena Sendler, o anxo do ghetto de Varsovia, que onte morreu con 98 anos —supoño que sorrindo como fixo os últimos 60 anos, malia vivir confinada nunha cadeira de rodas dende que a SS e a Gestapo a torturaron nos anos 40. Salvou 2500 nenos da morte. Co efecto multiplicador destas cousas, aproximadamente 10 000 homes e mulleres hoxe viven grazas a ela, que non recibiu nada a cambio. Nada?

4 comentarios:

Ana Bande dijo...

Grazas pola lembranza destoutro anxo.

donagalaica dijo...

Non sei se por vez primeira disinto do que di vostede, malia que os exemplos que aduce me fixeron abanear un pouco.
Creo que o ser humano é en esencia bo. A maldade en graos máis ou menos estremos á que pode chegar está alimentada polos mecanismos que tratan de acoutar a súa esencia "animal", e enténdase por isto último a que o iguala ao resto dos mamíferos non racionais.
E se non, despois de ver o telediario pasemos a un documental da dúas. Son moito máis civilizados, por dios!
Que descanse na paz pola que loitou Irena Sendler.

juan l. blanco valdés dijo...

Eu creo, amiga querida, que, na esencia animal (id est, irracional) non existe a maldade. Hai escasísimos exemplos na vida animal de maldade, en termos humanos, pois a maior parte dos trazos de crueldade, de novo en termos humanos, que aí podemos atopar (p.e. un león macho devorando os cachorros machos para non ter competidores sexuais no futuro) derivan de apelos atávicos da especie e a súa supervivencia. No entanto, como non hai avance sen retroceso, a bipedestación e a linguaxe articulada trouxeron como contrapartida, ou simple consecuencia, a conciencia e a valoración moral. E eu creo que á conciencia pásalle como á tele: pode ser boísima e pode ser moi mala. Persoalmente, e aí é onde podemos discrepar, sosteño que a conciencia é de partida un dispositivo, digamos, perigoso, de alto risco, en canto se xuntan dous seres humanos. Mowgli non soubo o que era a maldade ata que coñeceu unha aldea.
Saúdos e paz á memoria do anxo que foi Irena.

Anónimo dijo...

Eu non lle chamaría anxo a esta extraordinaria muller. Prefiro termos máis reais aínda que escasos porque real foi o que fixo: coraxe e dignidade.

Que a terra lle sexa leve.