3.12.08

Hasta los...

Hoxe, un opinador de moita máis proxección pública ca este modesto blogger —opinador a quen, alén de respectar etica e intelectualmente, quero moitísimo—, contrapón a política con maiúsculas, esa que no vasto mundo decide o futuro da humanidade, á política doméstica, xa non direi con minúsculas, senón aínda de pésima caligrafía, que día a día desenvolven na escena patria os nosos representantes e gobernantes provocando xeral bochorno e un rexeitamento colindante coa náusea. A enerxía que se lle pode adicar a este lío estúpido e extenuante dos crucificos, a retirada dos honores ferroláns a Franco Bahamonde e a ministra de Educación que endosa ao franquismo o xermolo da violencia machistamáis da metade dos maltratadores son estranxeiros— son pérolas da intelixencia e dedicación absoluta dos nosos políticos aos problemas candentes e reais da peña, secundados por un xénero de cidadán hispánico nidiamente caracterizado por non ter nada mellor que facer.
Vanme disculpar a inmodestia, necesaria, en calquera caso, para o meu argumento. O meu argumento —ao que por mala ventura apelo cada vez máis— é simplemente que eu, e moita máis xente coma min, non nos merecemos un país así. E non nolo merecemos porque somos xente rigorosa, cumpridora, traballadora, seria, comprometida co que facemos, desinteresada cos resultados de algo se sabemos que ese algo hai que facelo e a el nos vencella unha razón ética, alén de réditos espúrios e do glamur da galería. Eu non me merezo que os cincocentos metros de estrada de acceso á autovía pola que circulo día a día estean, xa non en absoluta escuridade, senón sen pintar. Eu non me merezo o deplorable e escandaloso estado de abandono no que se atopa o campus sur da universidade, párquin público de toda a zona sur de Compostela. Cando cambiar as bombillas das farolas de iluminación pública devén un proceso de complexidade similar a enviar o Voyager a Marte é que isto non funciona. Eu non me merezo non ter outra vía ca a resignación de crer que a ínfima calidade dos nosos políticos é algo así coma unha maldición sen remedio posible.
Descúlpenme o arrauto pero, cuando ya nada personalmente se espera, só nos queda o dereito ao pataleo, exercicio que, se en orixe os escolares destinaban por dereito a combater o frío nas aulas, hoxe dedicamos a sublimar o noxo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Qué quere que lle diga? Se é vostede tal como se pinta, acompáñoo no sentemento. Eu diríalle que suavizara, pero supoño que iso será inda máis difícil que que lle pinten os 500 metros de estrada.

juan l. blanco valdés dijo...

Acéptolle de grao o consello: hai que suavizar, claro. Se algo dan os anos -ademais de lumbalxias, colesterol e tal- son un chisco de ¿sabedoría? e cintura para apandar co que veña. O que ocorre é que por veces, coma o mercurio no termómetro, a quentura fai subir o ton do cabreo.
En honra ao seu bo siso, mal que pinten os 500 m de estrada, será vostede o primeiro en sabelo.
:)