16.12.08

Retranca

Unha das cousas que converte un blog nunha experiencia comunicativa engaiolante é a absoluta impredicibilidade (perdón polo palabro) dos comentarios, pareceres e puntos de vista que os posts nel publicados poden suscitar. Dixen un blog e dixen mal; debera dicir este blog, ou mesmo, algúns posts deste blog, pois entendo que os blogs de liña máis exclusivamente profesional, de actualidade social, política ou cultural, crítica literaria, etc., pola súa propia natureza acoutan ou perfilan moito a natureza das reaccións lectoras. No meu caso, entendo que como derivación talvez dunha tendencia innata á dispersión e o barroquismo, non sei, de verdade, cómo fago para comezar un post falando da batalla das Navas de Tolosa e rematar dando coa fórmula I. Unha lectora benévola dicía que esta bitácora é coma unha sorte de fío que se vai desfacendo para un lado e para outro, ao estilo daquel borgiano xardín de sendeiros que se bifurcan.
De xeito impredicible, pois, o artigo derradeiro estimulou, por razón máis de verba ca de re, algúns comentarios interesantes sobre a ironía, especialmente na escrita, pero tamén no seu directo vencello coa «alma galega», iso tan caro a nós que adoitamos chamar retranca, verbo da cal se ten reflectido moito e moi fondamente, e ata escrito auténticos tratados.
Di o meu fiel amigo anónimo que a administración da ironía pode fracasar debido á ausencia de compenetración entre emisor e receptor, o cal se fai moi evidente cando un galego retranqueiro fala cun tipo de fóra. A respecto de tan fina apreciación, teño eu reflexionado tamén, chegando á conclusión ­provisional­ de que a retranca vertebra o noso sentido colectivo do humor, ao punto de establecer, en efecto, fronteiras infranqueables para os non nativos, moi especialmente, falando da casa común española, para os íncolas da ruda estepa castellana. Hai un conto que, ao meu modo de ver, destila a máis pura retranca, non no chiste de seu, senón na reacción que busca provocar no receptor, unha reacción que sería difícil de definir. Sosteño, polo demais e en consecuencia do devandito, que é pouco probable que un non galego lle atope graza á cousa.
Trátase dun cuatrero no Far-West que é natural de Mondoñedo e anda por alí polo Oeste roubando nas vacas pero sin puta idea de inglés. A cousa é que o pillan e aplícanlle por vía directa a lei de Lynch. Arrodeado o pescozo coa corda fatal, o executor dá o golpe ao tallo que o apoiaba no chan e alí queda o tipo dependurado. Nisto, o xuíz lembra que non se lle permitiu declarar a última vontade e automaticamente agarran ao meu home e sácanlle a gargantilla de esparto. O tipo, que non entende nada, aliviado bota man do pescozo e exclama:
-Cajondiós, pensei que afojaba.
Ben certo é que se Deus non ri, non é home de humor.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sei como se apaña, pero sempre ten vostede unha historia a man. Sempre sentín envexa dese tipo de xente, eu, que teño unha memoria máis ben feble. Penso, eu tamén, que a reacción do mindoniense é absoluta, intraducible e indefiniblemente galega, inda que non sei moi ben por qué. Será por iso, precisamente.
Chámame vostede fiel amigo anónimo e, por un xogo de palabras mental con anónimo, lémbrame que unhas amigas moi queridas que traballaban nas oficinas dunha empresa contábanme hai moitos anos das dificultades que os traballadores tiñan para dicir "nóminas", ás que se referían como "mónimas", "nónimas" e, aí ven o asunto, "anónimas". Logo soupen que é moito máis común chamalas así que "nóminas" en todo o mundo mundial.
Outro caso traído ao fio destas rapazas oficinistas. Os xefes chamaron un día a un dos traballadores para dicirlle que lle ían facer un contrato de duración indefinida. O tal traballador, tan astuto como desconfiado, contestou: "De indefinido nada. Eu quero saber cando me van botar".

Anónimo dijo...

jajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajajaja
Blanco Valdés é GOD!!!!
JAJAJAJAJAJAJAJA

Lembro de mocete, por volta dos doce ou trece anos, que cando un servidor e máis os seus asociados na cuadrilla de Lobeira ordenabamos de irmos a algunha festa, a miña avoa (q.e.p.d) e/ou as avoas dos outros rapaces, se nos vían apresurados e nerviosos, dicían:
"Vaia tropa. Ben seguro que se non ides non se fai a festa.Que mozos. Meus entroidiños. Home vai. Se cando eu era moza se achegaba a min un mozo coma vós..."
Lembro dunha ocasión, en que a alguén dos argonáuticos mozos da cuadrilla lle presentaran un novedoso "walkman", (1977?) e estabamos absortos, a alucinar co marabilloso e diabólico aparello (escoitando, penso, os 'Tequila') e como se sentían pretiño os fogos anunciando festa, e non acababamos de marchar, a miña avoa... "Mesmo parece mentira, non serdes capaces de mollar o bico de viño e sacar unha moza a bailar... Que mocidade... Non valedes para nada".

En que quedamos, señor Blanco-Valdés??

P.D.: Grazas pola historia do mindoniense de Utah.

juan l. blanco valdés dijo...

Retranca, amigo Medela, indefinición, nin arre nin xó. Así é a cousa. Igual de indefinida que a situación laboral do traballador que conta o amigo anónimo: nada de indefinido; quero saber cando me van botar. Cabe máis retranca?
Saúdos.

Ana Bande dijo...

A fisión Blanco Valdés & Medela de Lobeira pode facer deste bló un producto inflamable, que digo inflamable, unha verdadeira bomba virtual de consecuencias imprevisibles. En Silicon Valey van ter que andar espelidos para inventar o protocolo capaz de soportar tanta información. Que non pare a festa!!!

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Que non pare! E a ver que inventan no Val da Silicona. Xa terá que ser para poder con este menda.
Saúdos.