16.1.09

Condenación da errata

Di Manuel Pimentel que non hai nada que anoxe máis ao editor de raza que a errata que pasou inadvertida. Cantiña razón ten! Alí estivo a cabrona, semanas, diante das narices do autor do libro, do maquetista, do coordinador editorial, do director da colección e do impresor, paseando a súa fealdade e presumindo da súa perfecta camuflaxe sen que ninguén reparase nela. E velaí que o día en que a tiraxe chega ás dependencias do editor, este abre o primeiro dos 1000 volumes que abeiran as caixas e pousa a vista antes que en calquera outra cousa na pifia, tremenda, rampante, ostentosa­, que, ademais, foi a parar ao titular do primeiro capítulo. O editor dáse ao demo e á puta de Babilonia, convoca as potencias infernais, xura en arameo, maldí de todo, cágase en todo o cagable, bota tacos, venablos e ristras sen pausa nin consolo…E, para remate, a lei de Murphy: o erro non está na liña de cabeceira da páxina, nin no índice, ­lugares onde podería pasar máis desapercibida­, non: está no titular, a corpo doce e en grosa. Non está tampouco no capítulo 4 ou 6, onde, talvez, puidera disimularse mellor, non: está no primeiro capítulo, alí onde é inevitable mirar, para maior oprobio do editor que a consentiu, estimulando a xeral dúbida e escrúpulo sobre a súa atención e esmero.
As erratas: eternas compañeiras do editor, como os carrachos dos cans. A miña deformación profesional e odio africano ás erratas chegou a punto tal que se, por un acaso, estou deitado lendo e detecto unha nun libro, ademais de mascullar en baixa voz unhas palabras de conforto en memoria do pobre editor vítima da patada, teño que erguerme a buscar un boli vermello e marcala, consignando na marxe -coa delectación enferma do Destripador- a emenda correspondente. Ben sei que o recurso é por demais improdutivo. Pero, tal que en tantísimas cousas superfluas, se atopa un negro alivio, o regusto, amargo e masoquista, da venganza inútil...

1 comentario:

Anónimo dijo...

...Ese alivio da errata atopada en libro alleo é liberadora e satisfactoria por un lado, pero por outro non é máis que a constatación de que a "deformación profesional" que levamos grampada de orella a orella impide que na maioria das veces esquezamos que estamos lendo por pracer, e non por deber, perdendo en moitos casos -e esa é a miña constatada experiencia- sutilezas literarias que desapercibidas pasan diante duns ollos desexosos de atopar o que, nese momento non deberías quer ver, e que ignoras cegato cando á súa procura vas: a "gralha" maldita, a indesexada errata....
X.D.