Mostrando entradas con la etiqueta universidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta universidade. Mostrar todas las entradas

7.1.20

Libros e natureza


Disque o ollo do amo engorda o cabalo, algo que resulta ben adoito no labor editorial. O editor pensa o libro, deseña, define, perfila e mima ata o último dos seus detalles: a tipografía, o papel, a encadernación, as ilustracións, o deseño e grafismo da cuberta… e, ao cabo, mira o produto de tanto desvelo con ollos de namorado. Eu creo que, en tempos en que a evanescencia da Internet e a convivencia permanente cunha artillaría cibernética omnipotente acantoaron definitivamente o valor do traballo artesán, a edición está recuperando, paradoxalmente, unha dimensión que, nos últimos anos, se erosionou considerablemente perante a profecía da fin do libro impreso fronte ao inevitable embate da literatura dixital, unha batalla falaz que, de feito, non chegou a ter lugar. 
Nunca se editou como agora. Atópanse nos andeis das librarías verdadeiras xoias, libros, de gran formato ou de peto, luxosos ou máis modestos, para degustar e satisfacer exquisitos padais, tal como produtos da mellor gastronomía, algo do que tiven clara evidencia hai días rebuscando libros destinados a algúns agasallos de Reis. Para alguén moi especial, un devoto amante da natureza, elixín unha guía ilustrada de paxaros de Europa, un libro fermosísimo no que a beleza e detalle dos debuxos se alía coa técnica do editor nun produto excelso, unha obra redonda, feita simplemente para gozala. Lembro o pensamento de certo editor e magnífico deseñador: un libro ben editado é transparente como unha copa de vidro, semella o mero, pero perfecto, soporte para o viño máis exquisito. 
Esta vivencia activa da experiencia do editor acada en certos proxectos unha signficación especial. En 2002, coa tradución ao galego d’O príncipe de Maquiavelo, botamos a andar na editorial universitaria, por iniciativa do entón reitor Darío Villanueva, a colección Clásicos do Pensamento Universal, dende o seu nacemento financiada pola Fundación BBVA. Dende entón, Freud, Platón, MacLuhan, Newton, Descartes, Hawking, Lavoisier, Erasmo, Séneca, von Neumann… poden lerse en lingua galega, unha colección que escribe con letras de ouro na nosa historia cultural. Axiña daremos ao prelo os Cadros da natureza, do naturalista Alexander von Humboldt, publicada orixinalmente en 1808 e con magnífica tradución da profesora Marta Gómez Pato e introdución de Francisco Díaz-Fierros. 
Non sei onde comeza o meu amor polos libros e onde remata a miña devoción pola natureza pero, lendo a Humboldt, dáme igual, pois resulta un amor compartido e unha lección que tiña esquecida. A diversidade da vida, a riqueza do planeta e o fondo sentimento da paisaxe seguen aí pero semella non existiren se non as compartimos en Facebook. Bo é lembralo.

11.5.19

Fraguas na memoria


De certo que o pasado é un país estranxeiro onde as cousas se fan doutra maneira e, aínda, se fala outro idioma. Non quixera eu entremeterme na lea da memoria histórica, tan luxada de intereses políticos (é dicir, electorais), pero cada vez creo máis que a oposición entre historia (obxectiva, única, colectiva) e memoria (subxectiva, múltiple, persoal) non é tan radical como algúns queren, pois ¿que é a historia senón a suma ou destilado de centos, de milleiros de memorias individuais? A miña idea, por exemplo, do cataclismo de 1936 forxouse, foise forxando, máis que nos libros de historia, nas memorias individuais dos meus maiores e no xeito en que as memorias dos que os precederon lles foron transmitidas a eles. 
Cando en 1999 a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao cidadán Roberto Blanco Torres, asumín o compromiso de viaxar ao pasado para comprobar que, en efecto, alí as cousas se fan doutra maneira. Blanco Torres, ao que aquel ano consagrei tres ou catro libros e infinidade de achegas e artigos, xa non era o tío Roberto, do que levaba oíndo falar toda a vida, nin o 36 o álbum de fotos da Guerra de papá, o soldado do gabinete fotográfico do Corpo de Exército de Galicia, Mario Blanco Fuentes. Roberto era un sistema complexo, un xornalista excepcional, culto e brillante, un político de ética vertical, unha figura que ultrapasaba con moito a miña pequena e íntima memoria familiar, e a Guerra unha hecatombe real, da que as fotos do álbum de papá eran apenas pálido reflexo.  
Uns anos antes, en 1995, co gallo do V Centenario da Universidade, nas prensas universitarias traducimos a lingua galega e publicamos un texto moi significativo para a historia da minerva compostelá: O Colexio de Fonseca, que, editado en castelán polo CSIC en 1950, constituíra en orixe a tese de doutoramento dun señor do que, no seo da miña familia, se falaba moito e se tiña gratísimo recordo: Antonio Fraguas. 
Fraguas fora profesor no Colexio Libre Adoptado Inmaculada Concepción da miña vila, A Estrada, entre 1933 e 36 e impartira aulas a meu pai e tíos. Con motivo da edición do libro, estreitei os vínculos con don Antonio, que nesa altura era un lúcido nonaxenario, doce, afable, e cabaleiroso. No meu despacho da editorial universitaria, un día, lembrando a Roberto e a seu irmán, o meu avó Mario, grande amigo seu daqueles anos, republicano de Casares Quiroga, don Antonio rompeu a chorar coma un neno, embargado pola memoria de días tan amargos. 
Non sobreestimo o pasado. Pero, cada vez que viaxo a el, conclúo que somos ananos en ombreiros de xigantes.

11.6.18

Bookemy


Antes, cando se remataba a carreira de Filoloxía (e outras, como Xeografía e Historia, que non tiñan moito máis horizonte ca a docencia) era obrigatorio facer uns cursillos, tan pintorescos como inútiles, que respondían ao suxestivo nome de Curso de Aptitude Pedagóxica, CAP. Pintorescos, porque alí se mesturaban un crego que nos ilustraba sobre as relacións ente a teoloxía da liberación e as clases de literatura galega, un inspector de ensino medio que nos colocaba diferentes batallitas sobre o seu sufrido labor e un profesor de creatividade ao que, para exercicio desta, debiamos insultar. Inútiles, pois ben sabido é que a docencia é unha fonda vocación e as dotes para a mesma case innatas e, xa que logo, quod natura non dat… 
Pero, en fin, é o caso que o CAP famoso era condición sine qua non para iniciar, no instituto de bacaharelato da Fonsagrada, Pontecaldelas ou Camariñas, unha traxectoria docente caracterizada, as máis das veces, por un intento de perversión intelectual de adolescentes entre cuxas preferencias vitais non estaban precisamente as cantigas de Joám Airas ou os séculos escuros. Con todo, de algo valeume a min aquel curso. Un profesor experimentado fíxonos ver o disparate cometido cun alumno do seu centro ao que lle catearon literatura española por non facer ben o exame, cando ese alumno fora o organizador dun grupo de teatro que levara a escena a adptación de varias obras (de Lope e Lorca) no centro durante o curso. 
O xeito en que, en efecto, o mercado laboral valora (ou confunde) as nosas aptitudes deixa ocos notables, cando non fracasa estrepitosamente, tal e como, ben ás claras, manifesta o caso precedente. Nunha época na que, fronte ao tsunami de suxerentes apps e omnipotentes dispositivos tecnolóxicos, o libro é un obxecto gris e pobretón, a un colega meu, soñador, heterodoxo e entusiasta (características que casan ben co editor de raza), se lle ocorreu montar un sistema de acreditación dos libros que levamos lido (bookemy.com) como criterio de  valoración curricular. Como é posible, en efecto, que unha entrevista de traballo para un posto de informático, por exemplo, non exista xeito de avaliar, e por tanto puntuar, que o candidato ou candidata leran vinte ou trinta libros da especialidade? É igual para un filólogo estar familiarizado coa Historia de la Lengua Español de Rafael Lapesa que non coñecer nin o forro de tan incomparable manual?
Rematar unha carreira universitaria sen tocar un libro é unha realidade dos nosos días, directamente derivada da indefensión dun obxecto venerable que, malia a súa brillantísima historia, non ten pantalla táctil, conexión para auriculares nin portos USB. Unha pena, vaia.

12.5.18

La manada



Disque o risco que corremos ao discutirmos cun parvo (algo que facemos, probablemente, máis adoito do que vostede cre) é que nos confundan con el. Por iso é un exercicio do que cómpre fuxir, malia que, especialmente no eido profesional, tal continxencia preséntase con teimuda reiteración e as máis das veces resulta inevitable. O malo da cousa é que, chegado un punto, e posta a contribución a nosa intelixencia, semella no termos máis camiño que enfrontar o parvo coa súa condición dirixíndolle unha aseveración directa do estilo de «Ti es parvo, de xeito que é inútil que entendas razoamentos sensatos», o cal, claro está, non pode facerse sen xerar unha fenda polo que, en tales situaciones, tiramos de diplomacia florentina e, como con suxestiva hipérbole expresamos en romance, hai que morder a lingua.
Pois o que digo dos parvos extrapólase a innúmeras peculiaridades da nosa pobre natureza humana. Non debéramos discutir nin trocar o sentido con violentos, con persoas tóxicas, con deprimentes especializados, con pesimistas crónicos, con vaidosos patolóxicos nin con machistas de regulamento, pois corremos o risco de que se nos confunda con eles.
O realmente molesto dos cinco antropomorfos coñecidos nos medios e redes sociais como La manada (un símil, por certo, inadecuado por irrespectuoso coa nobreza dun lobo, dun xabarín ou dun bisonte) é que se poida chegar a confundir un varón, polo feito de ser varón, con calquera deles. Sobre o dominio físico que calquera home pode exercer sobre unha muller (un dominio biolóxico de innobre uso), existe un imperativo categórico, moi doado de percibir e tan vello como o mundo: a contención do impulso sexual chegado un certo punto, un punto que, unha vez ultrapasado, sinala a diferenza entre un home íntegro e un sinvergonza que, non só tira proveito senón que fachendea da súa formidable condición de macho e rei do mambo. Estes cinco tipos, rapaces novos, dous deles servidores públicos coa misión de protexernos, poñen branco sobre negro o fracaso dunha sociedade contraditoria, na que a veneración pola denominada educación en valores colisiona violentisimamente co comportamento bestial de cinco individuos, desprovistos en absoluto dos valores máis elementais, e cos que ningún home de ben quere ser confundido. Que un profesor universitario se asome á impunidade dunha rede social dende a cociña da súa casa para xustificalos pon branco sobre negro algunha cousa máis, como, por exemplo, a cotización social da universidade dos nosos días.