8.1.22

Seres sentintes


 Supoño que ter arribado en patera ás costas do mundo dixital provoca en min molestias que acaso os nativos non sintan. Un apuntamento ao natural e unha pregunta ao respectable: a alguén serviulle nunca de algo o solucionador de problemas de Windows? Non coñezo nada máis inútil nin máis odiosamente frustrante. Ou talvez si: apouchar irremediablemente cun anuncio de strepsils, no que un boneco, azul e cabezón, do máis repunante, se preocupa pola nosa saúde esofáxica, que ti me dirás que lle importará, antes de ver e escoitar o que queremos ver e escoitar en youtube. Acaso teña atopado vostede, de entre o bizarro catálogo de aperitivos promocionais aos que nos somete youtube, cun anuncio contra a gandeiría intensiva. Sobre o debuxo dunha vaca frisona, moi naïf, con pinta de feliz e tal, unha voz masculina di: Isto é o que imaxinas cando pensas nunha granxa. E logo, co efecto da pobriña da vaca reproducida ducias de veces: Pero isto é o que pasa cando encerras 5000 vacas nunha macrogranxa. A mensaxe subseguinte, como pode doadamente inferirse, é de índole netamente ecolóxica e, creo, busca provocar no usuario unha reacción emocional evocadora de imaxes asociadas a nomes tan fermosos como Dachau, Auschwitz ou Bergen-Belsen. Aquí quixera ver eu un Freud analizando o escuro magma que leva a asociar a idea de macrogranxas de animais con campos de exterminio humano. Pois diso se trata. De concentrar para matar. Reini Heydrich, de certo, cría que entre un cuxo e un xudeu húngaro só había unha lixeira diferenza de matiz: o xudeu non tiña utilidade algunha, o cuxo si. Pero, ollo, España acaba de aprobar unha lei para o benestar animal, na que as nosas mascotas (gatos, cans, hámsters e por aí) son consideradas seres sentintes. Curiosamente, case ao mesmo tempo, armouse un pollo considerable a conta das declaracións de certo ministro especializado, ao que parece, en meter o zoco. Pensando talvez no video de youtube, o alto cargo despachouse contra as macrogranxas, as nocivas emanacións de gases derivadas de tales concentracións animais, o trato que se lles dispensa a milleiros de indefensos porcos, galiñas ou xovencas cun destino seguro: fenecer para satisfacer a gula dunha sociedade  insaciable, enferma de opulencia, hipertensión arterial e flato suspenso. El non serán estes infelices porcos, galiñas ou xovencas seres sentintes? Ten graza considerarmos unha práctica deplorable atar un canciño a unha cadea dende o nacemento (práctica, por certo, moi enxebre en Galicia) mentres, ao tempo, vemos perfectamente lexítimo sacrificar cunha pistola de aire comprimido un año, símbolo secular da pureza e da inocencia, que aínda leva dentro o leite da nai, para papar unhas excelentes chuletillas. Leo nun xornal: O matadoiro moderno foi deseñado para acabar coa vida do maior número de animais á maior velocidade posible. A matanza industrial de animais é un xigantesco negocio e algunhas destas factorías, cada vez máis tecnificadas e con equipamentos cada vez máis modernos e especializados, levan á morte a miles deles cada día. Sóalle de algo?  En fin, que vivimos arrodeados de permanentes paradoxos e contradicións; creo eu, ao cabo, que o tal ministro metepatas non ía alá moi descamiñado. De por parte, dígolle unha cousa: non lle vou xurar que non volva a comer unha costilleta pero asegúrolle que, cando o faga, será con sincero acto de contrición e propósito da emenda.