8.12.19

O que hai

Unha vez, cando sentín unha señora preguntar á dependenta dunha tenda de mascotas por algún produto para a halitose do seu gato, lembrei, vaia vostede a saber a razón, que cada dez segundos (ou son tres?) morre un neno de fame no mundo. Supoño que a disimetría dos feitos ou o inmenso espazo que separa a halitose dun gato doméstico de Compostela e a desnutrición severa dun pícaro de Biafra estaban precisa, ou talvez paradoxalmente, na base de que naquela ocasión un pensamento me levase ao outro. 
Habitamos un momento estraño do mundo. Estraño pero, creo, non moi orixinal. Foi na etapa da súa máxima opulencia e poder, cando os dirixentes do imperio Romano empezaron a practicar parvadas e as maiores extravagancias: facer dun cabalo un cónsul; comer criadillas de xílgaro asadas con hidromel; encher unha illa de efebos para satisfacer a patoloxía sexual dun cáncamo… Mil oitocentos anos despois, teño a sensación de que a gilipollez segue atenazando a humanidade. Un barullo de xornalistas abalánzase sobre unha nena loira con trenzas que o marketing dixital converteu nunha sorte de Xoana de Arco contra o cambio climático; outra barafunda de papóns guerrea por facerse un selfie coa nena das trenzas coa esperanza de obter cincocentos likes en FB e a unha señora preocúpalle a halitose do seu gato. Supoño que a esta señora e ao meniño africano ao borde da caquexia o cambio climático lles preocupa pouco e case estou por asegurar que, no fondo, a esta turbamulta de xornalistas e papamoscas enfebrecidos por unha instantánea con Greta tampouco. A fame, como a halitose do gato, ou, que sei eu, a saúde da familia, a hipoteca ou o futuro dos fillos son, digámolo claramente, preocupacións más concretas, próximas e reais que o cambio climático, que, como a morte para aquel libertino do teatro clásico, largo me lo fiais.  
Pero, como dicimos por estes pagos, isto é o que hai. O mal alento do micho e a súa dona preocupada encaixan, polo demais, con outro logro dunha humanidade superdesenvolvida: a humanización cada vez máis completa dos animais cos que convivimos. Polo visto, un dos principais motivos de conflito nos procesos de separación matrimonial da xeración 5G é quen queda co can ou o gato. Algo que se concilia mal co vídeo (viral) dun antropomorfo arrastrando unha cadela malferida polas patas cunha corda tras declarar que o infeliz animal era seu e o facía porque lle saía dos collóns. Galicia, o bo camiño.