Eu son da opinión de que a correcta expresión oral e escrita son magnitudes diferentes na forma pero baseadas en idéntico alicerce: un pensamento de calidade. Pode haber excepcións, claro: na contorna académica e universitaria (que coñezo como a palma de man) é doadamente constatable a existencia de magníficos comunicadores orais, autores, porén, dunha prosa onerosa e tecnificada e, pola contra, excelentes escritores, dotados do talento suficiente para dotar á redacción académica de elementos estéticos propios da boa literatura, malia non seren quen de pronunciar dúas oracións seguidas sen interrupcións. Pero isto non é, como digo, a norma; a norma é que falar e/ou escribir ben derivan de pensar ben. Aquel político bávaro, conservador e moi listo, Franz Josef Strauss, recomendaba aos seus colegas pensaren de forma complexa e falaren de xeito sinxelo, cando o que fan adoito é exactamente o contrario, algo en certa medida aplicable tamén ao ecosistema universitario. En decenas de obradoiros e accións formativas sobre redacción académica impartidos a persoal docente e/ou investigador da miña universidade, parto, por aquilo da captatio benevolentiae do auditorio, dun símil sinxelo: resulta evidente que Rafa Nadal non xoga ao tenis tal como o fai porque fose a aulas, o cal non quere dicir que se un vai a aulas de tenis cun adestrador hábil non poida aprender a xogar tenis razoablemente ben (ou mal). O que intenta reflectir esta metáfora nadaliana é que escribir ben é, moi probablemente, froito diso tan malo de definir pero tan doado de identificar que chamamos talento. Pero o talento, como as musas de Picasso, acostuma acudir a quen traballa moito. Ler arreo, fanatica, constante, militantemente tradúcese sempre nunha mellor calidade da escrita, malia sexa apenas polo instinto de imitación, tan propio dos humanos. A comunicación dixital e a bulimia no consumo de información nas redes, por natureza efémera, evanescente e inmediata, axudan pouco neste proceso: como un alumno vai aprender a redactar correctamente afeito a «tunear» un mero copia-pega da wikipedia? Eu lembro que, no ensino do franquismo, nos crujían a redaccións: Mayo, mes de las flores; la Navidad; las vacaciones de verano… Con saudade lembro un brutarate da parte da Ulla, que, no bacaharelato, con ocasión dunha redacción para ciencias naturais sobre un imaxinario viaxe ao centro da terra, comezaba: En mi viaghe por el centro de la tierra he atopado penedos y croios de distintas clases. España é un país absolutamente deficitario en escritura académica, algo que non ocorre noutras latitudes. Dou fe profesional de que boa parte dos traballos que chegan á mesa dun editor universitario, asinados por docentes de universidade, son fiel reflexo desta deficiencia. A máis elemental técnica ortotipográfica, a aplicación de estratexias textuais, a coherencia estrutural, un epigrafado de calidade… son perfectos descoñecidos non en todos os casos pero si nunha alarmante maioría. Unha colega, correctora editorial, explica a súa loita diaria nesta lea nun magnífico artigo. Titúlase Mi vida en el frente.