Mostrando entradas con la etiqueta política. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta política. Mostrar todas las entradas

28.10.19

Símbolos


Cando pasou a mellor vida D. Francisco Franco Bahamonde, caudillo de España por la gracia de Dois, eu tiña quince anos. Lembro que á primeira hora daquel 20 de novembro de 1975 tiña aulas de Latín. A profesora, que, todo hai que dicilo, era bastante facha, acertou a dicirnos entre saloucos que Su Excelencia el Caudillo acababa de morrer e que ficaban as aulas suspendidas. E os alumnos daquel quinto de bacharelato do Instituto de Enseñanza Media da Estrada, no canto de respectar o loito por quen rexera os destinos de España durante case corenta anos, marchamos a unha charca fonda e enorme que a chuvia (e, tamén hai que dicilo, aqueles eran invernos) formaba nunha braña cercana ao Insti a xogar a piratas. 
Aquel día rematou, creo eu, o franquismo, que precisaba para rematar a desaparición física do ditador (como ocorre case sempre cos ditadores, que tenden a facer o que lles peta, e así non hai quen lles tusa, claro). E aquel día, o neno franquista que, supoño, fun, tamén deixou de ser franquista, como toda España, que tamén ata aquel día foi a España franquista. A partir daquel día, en efecto, con altibaixos, viravoltas, trasacordos, sorpresas, desfeitas, traizóns, efusións de sangue, xenreiras, medos, deslealdades, desgrazas e falcatruadas sen conto, España, o país, pasou a outra cousa e nunca nada voltou a ser como era cando vivía Franco. Tantos anos despois, Franco se me aparece como un tirano de sainete, anacrónico, pequeneiro, con aquela voz afrautada tan ridícula que contrastaba dun xeito grotesco coa expresión dunha frialdade cruel.
Como todos os faraones, persuadidos da súa dimensión divina, tamén Franco era un papaleisón e un megalómano. O monumento á desmesura que mandou construír na serra de Madrid (que, claro, o sobreviviu), cunha cruz de case sesenta metros aupada a un espantoso cerro de petóns e rocha viva, é (ademais dun horror arquitéctónico) o símbolo da arrogancia do vencedor sobre o vencido e a perpetuación das dúas Españas de marras. Manter o seu creador baixo as lousas desta infamia supoñía ignorar a dimensión simbólica que latexa moitas veces na cerna das cousas, dos sentimentos, das lembranzas, das emocións e das conviccións. Ao meu xuízo, esixir ao goberno dende o gran titular de portada dun rotativo nacional Ahora a ocuparse de los vivos é mesturar (entendo que deliberadamente) magnitudes de orde diferente porque hai mortos que son símbolos, sen que importe o paso do tempo, e hai que facer o imposible porque deixen de selo. Xusto o que acaba de pasar co noso, ultimamente tan lembrado, Führer de guiñol.

9.6.19

Mecenas


Eu creo que, mentres a xenerosidade do pobre é enxalzada como nobilísimo acto de humanidade, a xenerosidade do rico excita adoito a desconfianza, a suspicacia e aínda o rexeitamento: «Algo buscará»; «Ninguén se dá nada por nada»; «Será que lle sobran os cartos e xa non sabe que facer con eles». Que tras deste tipo de razoamentos hai unha mestura de mala baba e envexa insá non lle escapa a ninguén. Pero déixenme avanzar outras razóns: a incultura e a irreflexividade, dous elementos, por certo, que ultimamente non fan máis que fortalecerse neste país. 
Digo isto porque o mecenado (segundo o léxico académico un mecenas é aquela «persoa rica ou poderosa que patrocina os escritores, sabios ou artistas») é unha antiga forma de cultura, tan antiga que o propio nome provén do nobre romano do tempo de Augusto Caio Clinio Mecenas que foi protector de poetas como Virxilio. Os especialistas, que saben máis ca min, poderían dilucidar ata que punto sen a filantropía de don Pedro Fernández de Castro e Andrade, VII conde de Lemos, boa parte da obra dun tal Cervantes tería visto a luz. Calouste Sarkis Gulbenkian, George Soros ou John Hopkins foron tres tíos extraordinariamente listos e competentes á hora de facer cartos, claro, porque viviron nunha sociedade capitalista caracterizada porque quen reúne determinadas condicións, fai determinadas cousas e ten unha visión sobre as mesmas diferentes da que temos o común dos mortais pode chegar a ser riquísimo e mesmo a organizar auténticos emporios financeiros. Pero de certo calquera deles é tamén coñecido por outras razóns: Gulbenkian creou un impresionante museo e unha das fundacións privadas de apoio á cultura máis importantes e coñecidas do mundo; Hopkins estableceu nas súas últimas vontades doar sete millóns de dólares para a creación dun hospital e dunha universidade, que hoxe son unha referencia internacional; Soros promoveu e financiou en 2002 a primeira iniciativa de acceso aberto ao coñecemento e a cultura en Internet coñecida como BOAI (Budapest Open Access Initiative), orixe dun movemento amplisimamente desenvolvido dende entón, especialmente nas universidades.  
Cualificar de «esmola» a doazón por parte da Fundación Amancio Ortega de 310 millóns de euros á medicina pública para a adquisición de equipos de radioterapia de última tecnoloxía é propio de quen, simplemente, descoñece a historia do mundo. Algo que, con honrosas excepcións, os políticos exhiben coa ousadía propia do caso.  

25.5.19

Liderar Santiago


Con esta vaina do cambio climático e a sequidade reinante, don Federico poeta e mártir íao ter difícil agora para atopar a súa musa na choiva compostelá, e a camelia branca do célebre poema, máis que brilar entebrecida ao sol, habíase achicharrar a 28 graos centígrados, porque últimamente Galicia semella máis Galifornia ca un país atlántico dos de toda a vida. Pero é o certo que, ao igual ca ao vate granadino, Compostela impresiona, con choiva ou sen ela, e non deixa indiferente a ninguén. 
Foi Lugín que dixo que a Compostela chega un chorando e marcha chorando? Cantos tópicos non se terán forxado ao lume dunha cidade milenaria, pétrea, máxica, aberta, mítica, simbólica…? Cantas lendas, vellas e novas, de campo e urbanas, non se terán tecido ao redor da aldea máis grande de Galicia? Clavouno, creo eu, outro insigne literato, ferrolán e universal, cando falou de Compostela y su ángel.
Santiago non é unha urbe normal, que tamén, en moitos aspectos, pero a miña alma de poeta e un amor apaixonado á cidade (daquela aínda bastante paleta) que me acolleu con dezasete anos, condúceme a considerala dende os seus aspectos máis líricos e subxectivos: a Compostela hai que entendela, e non é doado. 
Ben sei que as infraestruturas viarias; a ordenación urbanísitica; o pulo á industria; a estructuración e mobilidade entre a capital e a súa, xa considerable, metrópole; a regulación do turismo; a estación intermodal ou a depuradora da Silvouta son problemas reais, prosaicos problemas que, eses ou semellantes, ten calquera cidade. O que outras cidades non teñen é unha dimensión simbólica, acumulada sen pausa pola alquimia do tempo e a transcendencia espiritual, entre este mundo e outros, de ser meta dun camiño físico, si, pero fundamentalmente anímico e sensitivo.  E entender, e asumir, esa dimensión é o primeiro paso para liderar dende Raxoi unha cidade tan especial. Lembro un eslogan do Xacobeo 1993, para algúns un algo esaxerado, Compostela: no corazón do mundo, un fermoso pensamento que o alcalde, de entón, fixo seu, proporcionando á cidade, ao meu xuízo, unha puxanza, dende entón descoñecida.
Non resulta fácil estar á altura dunha cidade tan rica de matices, tan esixente, tan especial, unha améndoa que, intramuros, traza o meridiano espiritual de Galicia. Acaso para liderar Santiago haxa que ter alma de poeta. Pero son moi malos tempos para a lírica.