16.4.16

Internet rex


Damos por absolutamente indiscutible a omnipotencia de Internet. Confiamos as nosas comunicacións máis persoais e os lances da nosa vida íntima a unha empresa, da que ignoramos todo, chamada WhatsApp Inc. con sede en Silicon Valley, alegre e inconscientemente confiados de que alguén vela pola nosa privacidade. Arquivamos milleiros de fotografias, vídeos e documentos de texto persoais e mesmo profesionais nun directorio dos nosos dispositivos chamado Dropbox, a nube, un milagro tecnolóxico que, a cambio de nada, sen asinar nada, sen custo algún, nos soluciona a vida, e preguntámonos como é posible que un servizo tan extraordinario sexa gratuíto. Dropbox é un país de 101 millóns de habitantes, de todas as razas, de todas as linguas, de todas as crenzas. Hai quen chega á conclusión de que tanta facilidade non é máis ca un xeito de domesticación e control global das nosas existencias, porque retrógrados  e desconfiados hainos en todas partes e a sombra do Big Brother orweliano é moi alongada. Persoalmente, cando, por un acaso, se me ocorre a terrible idea de que un día o meu dropbox desapareza, pregúntome a quen demo lle podería reclamar nada, pois na nube non hai contratos nin garantías. Nin seguridade. En xuño de 2011, e durante catro horas, comprobouse que calquera conta de Dropbox era accesible. Un consello:  mire ben o que garda na nube, non sexa que o que vostede cre un inofensivo cúmulo sexa un nimbo treboento que lle chova enriba.
Todos, inmigrantes e nativos dixitais, temos sucumbido ao poder de Internet, o Leitmotiv, o símbolo da modernidade. Hai quen alerta do efecto demoníaco das redes sociales e hai quen afirma que Internet é unha adicción. Podo testemuñar que hai unhas semanas a SIM do meu celular avariouse  e, durante dous días feriados nos que non puiden reparalo, descubrín unha liberdade e un aire novo que xa tiña esquecidos. 
Brent Underwood, consultor de márketing editorial da firma Brass Check, decidiu hai unhas semanas xogarlla a Amazon,  o deus todopoderoso da edición moderna. Subiu un libro titulado Putting my Foot down (‘Pisando forte’), cunha foto do pé do autor na cuberta e… dúas páxinas máis. El mesmo mercou tres exemplares e en cinco minutos a plataforma xa o tiña elevado á categoría exclusiva de best-seller (aquí explica como o fixo). Todo fume. Fume e degradación.
Acaso o labor intelectual honesto e paciente estea reñido con tanto bluf tecnolóxico e, paradoxalmente, deamos máis importancia a este ca a aquel.  Acaso esteamos dando por sentadas demasiadas cousas

5.4.16

Os zetas



Eu sen enterarme e, o que son as cousas, teño dous zetas na casa. Non, non se trata dun novo modelo de coche coreano, nin de electrodomésticos de última xeración, dispositivos dixitais ou dalgunha extravagante raza canina. O zeta é, segundo o criterio dunha consultora moi preocupada por definir os hábitos de consumo da poboación, un ser humano occidental (home ou muller resulta indiferente) nacido entre 1994 e 2010, e que, mire vostede que os hai orixinais, forman a xeración que segue á xeración X e a Y. Chegados a este punto, penso eu, por certo, que, para bautizar a próxima, vaise ter que tirar do comezo do abecedario ou, como nas matrículas de antes,  mesturar as letras, de xeito que, ao mellor, os nacidos entre 2075 e 2100 resulta que son é a xeración CF, vaia usté a saber. 
Os zetas son nativos dixitais pois para eles a Internet está tan indisolublemente unida ao seu ecosistema como para min o estaban o colacao, as pipas La Pilarica ou as pelis de Maciste. Mesmo a min, na miña condición de miserable inmigrante dixital, cústame xa lembrar que un día non moi afastado o mundo carecía de  e-mail, google e guasap (e iso que o meu periplo pedagóxico iniciouse en tenra idade cunha pizarra e un pizarrillo nos parvulitos de certo establecemento denominado Grupo Escolar José Antonio).   
Aos zetas, que veñen a ser case o 26% da poboación mundial actual, colleunos a crise, tras anos de sobreabundancia  e derroche, e a crúa constatación de que tamén papá e mamá tiñan que apretar o cinto; colleunos o cambio climático, un terrorismo de escala internacional alentado por un fanatismo medieval, un paro recalcitrante que non semella escampar e, no caso español, a inquietante sospeita de que fóra do seu país as cousas andan mellor para atoparen algunha posibilidade de futuro. Os zetas son autosuficientes, creativos e cuestionan permanentemente unha escala de valores que eles non estableceron. 
Atribúen a G. K. Chesterton, ese inesgotable pozo de frases célebres, o intelixente pensamento de que cando un non ten nada mellor que facer escribe as súas memorias.  Tal vez cando chegue a ese punto, siga eu o consello do escritor británico, e me dedique a encher de paparruchas dous centos de folios contando o que foi a miña vida, non digo que non. Cando menos, de tal xeito, os dous zetas que teño na casa poderán comprobar como nunca hai nada baixo o sol e , ao cabo, a súa vida non se distingue tanto da vida do seu pai, porque a rolda da existencia é cíclica e o propio de cada época é crer que os tempos son chegados e a fin do mundo está á volta da esquina.