Mostrando entradas con la etiqueta tecnosociedade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta tecnosociedade. Mostrar todas las entradas

16.5.22

Editar sen editor

 

André Schiffrin (fillo de Jacques Schiffrin, creador dun dos máis sublimes proxectos  editoriais de todos os tempos, a Bibliothèque de la Pléiade) publicou hai vintedous anos un ensaio de elocuente título, A edición sen editores, que na cuberta exhibía unha imaxe aínda máis elocuente: un libro cuxas páxinas eran billetes de banco. Na obra, Schiffrin alertaba de que a voracidade do capitalismo estaba substituíndo o labor tradicional da edición, unha actividade que tiña moito de altruísmo, nunha cadea de negocio, montada por grandes grupos de comunicación e dirixida no fundamental a engrosar, sumando a produción de libros á prensa, a televisión e o cine, as cifras de negocio e as contas de resultados. O editor, un artesán da cultura, titular de pequenas empresas de ámbito familiar, co ánimo de lucro xusto para garantir a súa supervivencia e movido pola busca do talento e a construcción dun catálogo de calidade, foi suplantado por un executivo formado nunha prestixiosa bussiness school, onde lle aprenderon que é o mesmo o que se venda mentres o beneficio sexa vinte, cincuenta, cen veces superior ao investimento. Unha estratexia moi complicada, claro, cando o que se vende son libros, no contexto dunha sociedade cada vez máis iletrada e adocenada pola superficialidade dixital. O resultado? Un dano irremediable aos flancos máis nobres da profesión (o oficio, a sensibilidade, a devoción á lectura, o amor aos libros) e a nula satisfacción de ambicións tan espurias. Cando Schiffrin publicou o ensaio, Amazon estaba en cueiros pero o argumentario do libro, visto coa perspectiva do tempo, era toda unha profecía do que viña. A plataforma de autoedición da compañía de Jeff Bezos, Kindle Direct Publishing, kdp, representa exactamente o que Schiffrin denunciaba no título do seu libro de 2000: a edición sen editores. 

Atribúen (ignoro se con certeza ou non) a Richard Burton un pensamento, expresado en certa entrevista cando ao actor, moi viaxado ao longo da vida, lle preguntaron de onde se sentía: un é de donde ten os libros, respostou Burton. Eu vexo en tan fermoso argumento a relación umbilical entre o acontecer das nosas vidas e os libros (poden ser cinco, dez ou trescentos), eses compañeiros, algúns xa virados ao sepia do tempo, que levan anos ofrecéndonos o seu afecto e cercanía e, dalgún xeito, configurando a tea de fondo da existencia. Só do máis fanático amor librorum nace o editor de raza, un especime que deposita en cada libro que fabrica o coñecemento e a sensibilidade de quen sabe, ante todo, escoitar. O editor pregunta ao orixinal que un autor lle confiou qué libro quere ser. Nun engaiolante diálogo entre contido e continente, o editor fala co orixinal e, entre os dous, deciden o formato, a caixa, a tipografía, o papel, a encadernación, imaxina ou deseña unha cuberta, cores, volumes, espazos, grafismos, imaxes, letras… O oficio do editor, herdeiro e depositario dunha tradición milenaria, representa ante todo un acto de creación, único cada vez. 

Autoedición é algo así como autocuración: supón que, ao igual que non necesitariamos médicos para a saúde, tampouco precisamos de editores para facer libros. O editor peneira, venta o talento, olfatea a calidade e decide. Autoeditar en Amazon é a máis pura negación da edición: todo vale, non se seleecciona nin supervisa nada, ninguén orienta ao autor sobre a calidade ou oportunidade do seu orixinal: é a artesanía do intruso, a quintaesencia da ousadía. Pero, que máis dá mentres se venda? Bailade, bailade malditos.

16.5.21

Mi vida en el frente

 

Eu son da opinión de que a correcta expresión oral e escrita son magnitudes diferentes na forma pero baseadas en idéntico alicerce: un pensamento de calidade. Pode haber excepcións, claro: na contorna académica e universitaria (que coñezo como a palma de man) é doadamente constatable a existencia de magníficos comunicadores orais, autores, porén, dunha prosa onerosa e tecnificada e, pola contra, excelentes escritores, dotados do talento suficiente para dotar á redacción académica de elementos estéticos propios da boa literatura, malia non seren quen de pronunciar dúas oracións seguidas sen interrupcións. Pero isto non é, como digo, a norma; a norma é que falar e/ou escribir ben derivan de pensar ben. Aquel político bávaro, conservador e moi listo, Franz Josef Strauss, recomendaba aos seus colegas pensaren de forma complexa e falaren de xeito sinxelo, cando o que fan adoito é exactamente o contrario, algo en certa medida aplicable tamén ao ecosistema universitario. En decenas de obradoiros e accións formativas sobre redacción académica impartidos a persoal docente e/ou investigador da miña universidade, parto, por aquilo da captatio benevolentiae do auditorio, dun símil sinxelo: resulta evidente que Rafa Nadal non xoga ao tenis tal como o fai porque fose a aulas, o cal non quere dicir que se un vai a aulas de tenis cun adestrador hábil non poida aprender a xogar tenis razoablemente ben (ou mal). O que intenta reflectir esta metáfora nadaliana é que escribir ben é, moi probablemente, froito diso tan malo de definir pero tan doado de identificar que chamamos talento. Pero o talento, como as musas de Picasso, acostuma acudir a quen traballa moito. Ler arreo, fanatica, constante, militantemente tradúcese sempre nunha mellor calidade da escrita, malia sexa apenas polo instinto de imitación, tan propio dos humanos. A comunicación dixital e a bulimia no consumo de información nas redes, por natureza efémera, evanescente e inmediata, axudan pouco neste proceso: como un alumno vai aprender a redactar correctamente afeito a «tunear» un mero copia-pega da wikipedia? Eu lembro que, no ensino do franquismo, nos crujían a redaccións: Mayo, mes de las flores; la Navidad; las vacaciones de verano… Con saudade lembro un brutarate da parte da Ulla, que, no bacaharelato, con ocasión dunha redacción para ciencias naturais sobre un imaxinario viaxe ao centro da terra, comezaba: En mi viaghe por el centro de la tierra he atopado penedos y croios de distintas clases. España é un país absolutamente deficitario en escritura académica, algo que non ocorre noutras latitudes. Dou fe profesional de que boa parte dos traballos que chegan á mesa dun editor universitario, asinados por docentes de universidade, son fiel reflexo desta deficiencia. A máis elemental técnica ortotipográfica, a aplicación de estratexias textuais, a coherencia estrutural, un epigrafado de calidade… son perfectos descoñecidos non en todos os casos pero si nunha alarmante maioría. Unha colega, correctora editorial, explica a súa loita diaria nesta lea nun magnífico artigo. Titúlase Mi vida en el frente.

 

24.10.20

Desatinos

 

 Eu hai un fenómeno derivado da eclosión e extraordinario desenvolvemento das redes sociais que non aturo e que, por certo, se incrementou de xeito exponencial durante a última corentena. Trátase do pelmazo especializado en enviar constantemente vídeos e outras chorradas por WhatsApp ou, o que é peor, en monopolizar en calquera circunstancia propicia unha pobre vítima para botar dez ou quince minutos amosándolle no seu celular vídeos de chistes de andaluces, memes de Donald Trump e paridas polo estilo. É un novo espécime do que, se segue vostede o meu consello, debe fuxir como da peste bubónica. Ora, de cando en vez, moi de cando en vez, unha pérola destas pode resultar interesante ou mesmo suxerente. Non sei se coñecerá vostede un vídeo que rula por aí no que unha meniña chinesa, que, a máis tirar, terá sete ou oito anos, amosa excepcionais dotes de baterista, aporreando tambores e platos coa mestría dun Ian Paice ou Bill Bruford. Vendo a simpática cativa drummer, evoquei uns versos cos que o finado de meu pai me agasallou de neno: En la China un mandarín / tenía en el sobaco un peluquín / y en Vigo un tal Angulo / tocaba el clarinete con el culo. / Moraleja: para los desatinos /no hay como los gallegos y los chinos. Lembrei tan chusco poema tamén estes días lendo o artigo dunha autora chinesa que imos publicar en breve nas actas de certo congreso. Di: Los chinos dicen «sí, sí» cuando quieren decir «no, no». Un día, un señor quería comprar un vaso especial. Describió a la dependienta la forma del vaso, su altura, etc. Mientras él decía todo esto, la chica le decía «sí, sí». Al final, él le preguntó a la chica: «¿Tienes el vaso?» Y esta le contestó: «No lo sé». Eu creo, en fin, que, para alén da evidente retranca da comparación, o, para min, entrañable cuarteto paterno fainos aos galegos fraco favor, porque o que é en materia de desatinos hai en España, en xeral, onde elixir a tutiplén. Digo máis: vivimos no santuario dos desatinos, materia na que nos superamos día a día. Hai unha semana, un partido ultranacionalista púxolle unha moción de censura ao presidente do goberno, un desatino orientado só a dar a chapa, tocar as narices e chupar titulares, pois a cousa era numericamente imposible. É un partido moi curioso cun líder que en twitter dá vivas á garda civil e a Virxe do Pilar. Resulta fascinante ou propio dunha peza de Ionesco que esta pandilla busque censurar un presidente que é presidente grazas a outra caste de fanáticos ultranacionalistas que, supoño, darán vivas á Virxe de Montserrat, mare de Deu, ou a san Sabino Arana, un intelixente intelectual que dividía a humanidade en esukaldunes e maketos. Non me estraña, con este panorama, que o señor Angulo, de Vigo, siga tocando o clarinete ao seu xeito.