Se por
educación (ademais doutras cousas) entendemos a adquisición de elementos de
cultura, eu podo afirmar que me eduquei en boa medida coa television dunha
repugnante ditadura. Na televisión estatal do franquismo (a única que había), e
axudado por unha memoria, mal está que o diga, máis que regular, eu aprendía
historia, xeografía, ciencias e literatura nun programa que combinaba deporte e
coñecemento. Aquel programa, destinado fundamentalmente á participación
colectiva dos colexios de toda España, chamábase Cesta y puntos e presentábao un fulano con aspecto de membro da
brigada político-social e voz de cantante de calypso que atendía por Daniel
Vindell. En Cesta y puntos os colexios que gañaban sempre, ou cando menos así o
recordo eu, eran os colexios católicos da meseta, que tiñan uns nomes que a
min, daquela, soábanme a papaleisóns e cousa de curas: os maristas de
Valladolid, os somascos de Cuenca, os salesianos de Toledo… Dábame carraxe que
nunca gañara un colexio do país! Pero, indo ao caso, era un espazo que, para a
época, resultaba ben entretido e proveitoso porque, de prestarlle atención,
podíase aprender moito. Outro programa daquela ditadura repugnante era Estudio
1. Estudio 1 ofrecía semanalmente representacións teatrais do máis diverso. Alí
souben de Chéjov, Ibsen, Wilde, Molière, Pirandello, Buero, Tirso, Benavente…,
representados por unha xeración irrepetible de actores e actrices, ben
coñecidos todos eles.
Unha vez
máis repetirei que non son dos que se renden ao vello e inútil argumento de que
calquera tempo pasado foi mellor. Iso fano os melancólicos e os militares na
reserva. Pero tender pontes entre pasado e presente resulta ilustrativo de
moitas cousas. Hai un programa nunha cadea privada no que un selecto tribunal,
formado por un presentador de telelixo, unha cantante, unha monologuista sen
chisco de graza e un tipo de gafas escuras famoso pola súa antipatía, xulgan o pretendido
«talento» dunha lexión de frikis que arriscan a crueldade do ridículo só por saíren
na caixa boba. O outro día, tras un desfile de diferentes enxendros, saíu un
mozo, moi novo, que interpretou de xeito maxistral un impromptu de Chopin.
Esta televisión
é o fiel reflexo da sociedade española moderna: todo vale,
todo é igual; un tipo que imita a Cantinflas e un pianista refinado. Delicadeza, cultura, dedicación son valores de antes. Canonicemos a vulgaridade e a ignorancia e agardemos polo futuro.