Mostrando entradas con la etiqueta cousas nas que anda un. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cousas nas que anda un. Mostrar todas las entradas

28.11.16

Topografía do horror



En novembro de 1937, chamado a quintas conforme o seu reemprazo, un rapaz de 20 anos e veciño da Estrada, tras uns meses en Sanidade Militar na comandancia da Coruña, incorporouse ao gabinete fotográfico do Corpo de Exército de Galicia, que mandaba o xeneral Antonio Aranda Mata, natural de Leganés, provincia de Madrid, que tiña sona de liberal, masón e conspirador, e que, ben puido apelidarse, no canto de Aranda, Orondo, polo bazuncho. Cos seus ollos grisazuis e o obxectivo da súa Leica, aquel rapaz testemuñou en centos de instantáneas os  horrores dun país en guerra, horrores que, de certo, era demasiado novo para asimilar en tan pouco tempo. En total, unhas seiscentas fotos, fundamentalmente da fronte de Asturias, Aragón e Levante, que, cos anos, foron dar a dous grandes álbumes con pastas de duro cartón.
Durante a miña nenez aqueles dous enormes álbumes eran obxectos de culto; a irreflexividade propia dos poucos anos cedía perante o influxo turbador das fotos que papá fixera na guerra: mortos, «paseados», corpos calcinados dentro dos tanques, pontes rebentadas, vilas e cidades arrasadas, prisioneiros rojos de ollar perdido e a cabeza entrapallada, soldados mouros, enfermeiras e rapazas da Sección Femenina, Francisco Franco  comendo dunha escudilla metálica en campaña, xunto co seu irmán Ramón e o seu cuñado Ramón Serrano Suñer, Perico Chicote servindo un cóctel a Aranda, baixo a expresión aceda de Pilar Primo de Rivera… 
Cando miraba aquelas fotos, fascinado, os meus ollos de neno non sabían que algún día tería que poñer distancia entre eu e elas, a distancia que impón esa señora tan seria que se chama historia. Pero daquela sentía que era a historia a que moraba na miña casa.
Estas fotos xa non me pertencen. Deixaron hai tempo de ser miñas e da miña familia. Son patrimonio de todos. Deixan fe de cataclismos persoais, depauperacións, miserias, infortunios e dores sen conto, que tamén son patrimonio de todos. Nunca serán abondos os esforzos que fagamos neste país noso, tan dado a maximalismos maniqueos e xenreiras viscerais, para que a historia non se repita. 

Agora, no octoxésimo aniversario do 36, ao sempre inquedo director do do Museo do Pobo Estradense, Juan Andrés Fernández Castro, se lle ocorreu incorporar á web do Museo unha selección do arquivo  fotográfico Guerra Civil de  Mario Blanco Fuentes, idea que secundei con convencemento. Un exercicio de melancolía inútil?  Creo que non. Esas fotos transmiten unha lección moi pouco orixinal, é certo, pero, polo mesmo, perenne. Unha lección eterna que, malia os algodóns de que nos arrodeamos, noutras latitudes outros seres humanos seguen, e seguirán, aprendendo a costa de sangue, sudor e bágoas. 

25.9.15

De aniversario

Hoxe, esta bitácora cumpre exactamente dez anos. 982 entradas, 2350 comentarios e case 70000 páxinas vistas. Hoxe, como aquel 25 de setembro de 2005, renovo este exercicio de solipsismo que é manter un blog, enfronto a páxina baleira e transmito para non sei quen (como non o sabía hai dez anos) os meus pensamentos, as miñas reflexións, as dúbidas, algunhas (poucas) certezas, os pros e os contras da existencia e os seus avatares. Como o náufrago desesperado, lanzo con cada post unha mensaxe pechada nunha botella, esperanzado de que a humidade non a murche antes de chegar a mans dalguén que a lea e sabia que, acaso coma el, segue existindo xente que non perdeu a esperanza. Nin as ganas de comunicar. Nin o vicio de pensar. 
Confeso que tentado estiven en moitas ocasións de renunciar e reconciliarme co máis ben escaso éxito destas páxinas. Aquel mariñeiro de Baroja, o capitán Andía, tras colaborar durante un tempo co periódico da súa vila natal, Lúzaro, comprobou, cando deixou de facelo, que ninguén lle preguntou polos seus artigos, cousa que feriu considerablemente, claro, o seu amor propio. Algo así penso que pasaría con estes Fragmentos da Galaxia. Quen os botaría de menos? Teño unha resposta: eu. E non é pouco. 

7.10.14

A Rocha Forte



O feito de habitar unha urbe tan turística leva os composteláns a desdebuxarmos a cidade ata facérmola invisible. A cidade de seu, organismo independente dos seus moradores, adquire un protagonismo que despraza o íncola de cotío. Xa non é a cidade de todos os días, a cidade das nosas lembranzas e actuais rutinas, das compras, das présas, das troulas noctívagas e dos románticos paseos da man dalguén… senón un enorme escenario ou trasfondo de barrigaverde onde personaxes curiosamente uniformes e perfectamente identificables (denominados turistas) representan un guiñol no que temos ben pouca parte. Somos incapaces de compartir o pasmo de quen admira tanta marabilla por vez primeira, e esa incapacidade fire a nosa propia identidade e fai que nos apartemos para non molestar. Esta percepción da cidade invisible está directamente relacionada co feito, comprobadísimo, de que, por exemplo, a gran maioría dos habitantes de Nova Iork non subiran xamais á Estatua da Liberdade (algo que non hai turista que non faga). Sinceramente: cando foi a última vez que entrou vostede na catedral, ergueu a vista para admirar as torres esguías do Obradoiro ou se detivo para ponderar a exquisita elegancia do pazo de Bendaña?
Cría eu, secomasí, que xa Compostela se volvera completamente invisible para min e pouco, ou nada, tiña a cidade para excitar o asombro dos meus ollos. E mire vostede por onde, erraba de vez. Cando hai uns días, fun convidado a unha visita guiada ao castelo da Rocha Forte, á parte de evocar remotamente a liña 5 do autobús urbano (Vite-A Rocha), percibín o estímulo, non negarei que excitante, de poderme sentir un turista na miña propia cidade e aceptei encantado. Ía, con todo, agardando atopar unha torre modesta, o que se di catro pedras e pouco máis. O chasco (para a miña ledicia) foi maiúsculo. A magnificencia da fortaleza, unha vez que as didácticas explicacións da nosa guía (grazas Mar Bóveda!) nos permitiron recompoñer en planta a estrutura orixinal, subxuga a imaxinación. Trátase dunha impresionante obra militar, construída en vivo sobre unha inmensa rocha, estratexicamente situada, e que dá fe do alcance e influencia que a cidade tiña no século XIII. Supoño que o descoñecemento popular dun monumento tan impoñente só se explica no contexto do desprezo colectivo a un patrimonio que, en boa medida, non nos merecemos.
No entanto, entre os bolaños, matacáns, alambores, adarves e barbacás da Rocha Forte sentín que Compostela se me facía, de novo, visible. E máxica. 
[Info aquí]. 

19.5.14

Unha esperanza truncada



Luis Morillo Uña viu a luz en Berlanga, provincia de Badaxoz, a pouco de nacer o século, en 1901, fillo de Manuel Morillo Tena, profesor de instrución primaria, natural de Castuera, tamén en terra pacense, e María Uña Muñoz, de profesión os seus labores, natural de Maguilla, da mesma provincia. Estudou Medicina na Universidade Central de Madrid, onde foi dilecto pupilo do ilustre obstetra e xinecólogo Manuel Varela Radío, galego de Compostela. En 1923, cursando aínda o cuarto ano dos seus estudos, Morillo é nomeado, tras oposición, alumno interno da Cátedra de Obstetricia e Xinecoloxía da Universidade de Madrid, que rexía Varela Radío, con una remuneración anual de 1000 pesetas. Froito da dedicación e dunha máis ca evidente brillantez profesional, con 34 anos, Morillo gaña por oposición, non exenta de polémica, a cátedra de Obstetricia e Xinecoloxía en Santiago e en xuño de 1936, cando xa a sombra ominosa do cataclismo comezaba a escurecer os días primeiros do verán, é elixido Decano da Facultade de Medicina, facultade esgrevia e dura de augafortes de Fonseca e o Hospital, deixou dito Otero Pedrayo. Tras o golpe, don Luís é destituído do decanato e, ao pouco, tamén separado da súa cátedra. Fundido moralmente e vítima dun insoportable clima de vae victis, consciente de que, probablemente, só era cuestión de tempo, Morillo quítase a vida en 4 de xaneiro de 1937, deixando viúva, Dª. Ana Mª Navacerrada Pardo, que aínda houbo de vivir, en 1939, o proceso de depuración política do seu home, no que constitúe, sen dúbida, unha prístina mostra da xenerosidade e altura moral dos sublevados.
As historias persoais son como o ceo. Visto en panorama, o ceo apenas ofrece estímulo a unha observación máis polo miúdo. Só, cando unha nube en concreto, tal vez polo capricho da súa forma, acaso polos contrastes da súa cor, reclama a nosa atención e afondamos no detalle da súa anatomía, descubrimos un pormenor que engaiola, as arestas e perfís que, nunha mirada desatenta, non eramos quen de percibir.
Cando oín por vez primeira a historia de Luis Morillo, e a intención que algunhas persoas vencelladas coa Facultade de Medicina tiñan de restituír a súa memoria académica, científica e civil a través dun libro, a editar pola Universidade, deixei de ver o ceo, torvo e hostil, que atoldou España entre 1936 e 1975, e concentreime nunha lívida nube. Hai, á parte do cerebro, outra paraxe da nosa anatomía que sabe moito de editar libros: o corazón. Hai páxinas que son unha obriga moral. Emocións que van para alén do papel, a tinta, os deseños e as técnicas. Libros militantes, rexos e duros como un trallazo, dorosos pero tépedos como a luz da esperanza. E da memoria.

6.12.13

Ambicións e reflexións



Na recente presentación dun libro no que participo cun breve relato (discúlpeme a promoción pero permítame suxerirllo como estupendo agasallo de Nadal: España negra. 27 relatos policíacos, Madrid: Ed. Rey Lear), o editor do mesmo quixo ilustrar ao respectable cunha metáfora da actual situación cultural de España. Agarrou o botellín de auga mineral que tiña diante e un rotulador que levaba no peto da camisa e marcou aproximadamente o quinto superior da botella plástica para afirmar que esa pequena parte, á que probablemente pertenciamos todos os circunstantes,  é a que emerxe dun océano de insondable incultura, oportunismo, zafiedade e corrupción. O resto da botella é o fondo dun iceberg social, paradigma do mal momento que vive o país, lentamente fraguado nos últimos decenios a base dunha alarmante erosión do respecto, a educación e o cultivo do pensamento. Concedo que existe un conglomerado de factores que excitaron tan deplorable depauperación cultural pero non quero esquecer a diminución paulatina dos índices de lectura como un elemento determinante do proceso, malia dubidar en ocasións se como causa ou efecto. O que si sei é que non teño nada que ver con ese fondo de iceberg e que, ben en troques, levo traballando arreo, tanto profesional como persoalmente, contra ese estado de cousas, esperanzado da miña achega a unha sociedade civil moderna, culta e aberta, practicando, precisamente, o respecto e a educación e promovendo, no que podo, o cultivo do pensamento. Por iso sinto que non me merezo un país tan escandalosamente inculto. Non se trata, ollo, de propender unha aristocracia da lectura e recuperar a Proust, Lampedusa ou Thomas Mann como autores populares. Pero digo que entre estes e os produtos literarios de Vicky Martín Berrocal, Naty Abascal ou Belén Esteban debe haber termos medios, nos que exercitar, con saúde e proveito espirituais, a imaxinación e o amor polas causas nobres e boas que fan do patrimonio literario da humanidade un dos cumios do seu xenio. Teño para min que non ler Shanti Andía, Moby Dick, Robinson Crusoe, O último mohicano ou Ivanhoe cando se teñen doce anos é unha perda irremediable. Logo, xa a alma ten callos e durezas que embotan a imaxinación e a lectura perde o seu compoñente de admirable e marabillosa aventura. Que as memorias da princesa del pueblo, compiladas por un tal Izaguirre, e o profundo ensaio Que haría Vicky sexan os best-sellers deste Nadal constitúen, para oprobio de todos, o símbolo dunha sociedade en caída libre.