O feito de habitar unha urbe tan turística
leva os composteláns a desdebuxarmos a cidade ata facérmola invisible. A cidade
de seu, organismo independente dos seus moradores, adquire un protagonismo que
despraza o íncola de cotío. Xa non é a cidade de todos os días, a cidade das
nosas lembranzas e actuais rutinas, das compras, das présas, das troulas
noctívagas e dos románticos paseos da man dalguén… senón un enorme escenario ou
trasfondo de barrigaverde onde personaxes curiosamente uniformes e
perfectamente identificables (denominados turistas)
representan un guiñol no que temos ben pouca parte. Somos incapaces de
compartir o pasmo de quen admira tanta marabilla por vez primeira, e esa incapacidade
fire a nosa propia identidade e fai que nos apartemos para non molestar. Esta
percepción da cidade invisible está
directamente relacionada co feito, comprobadísimo, de que, por exemplo, a gran
maioría dos habitantes de Nova Iork non subiran xamais á Estatua da Liberdade (algo
que non hai turista que non faga). Sinceramente: cando foi a última vez que
entrou vostede na catedral, ergueu a vista para admirar as torres esguías do
Obradoiro ou se detivo para ponderar a exquisita elegancia do pazo de Bendaña?
Cría eu, secomasí, que xa Compostela
se volvera completamente invisible para min e pouco, ou nada, tiña a cidade
para excitar o asombro dos meus ollos. E mire vostede por onde, erraba de vez. Cando
hai uns días, fun convidado a unha visita guiada ao castelo da Rocha Forte, á
parte de evocar remotamente a liña 5 do autobús urbano (Vite-A Rocha), percibín
o estímulo, non negarei que excitante, de poderme sentir un turista na miña
propia cidade e aceptei encantado. Ía, con todo, agardando atopar unha torre
modesta, o que se di catro pedras e pouco máis. O chasco (para a miña ledicia)
foi maiúsculo. A magnificencia da fortaleza, unha vez que as didácticas explicacións
da nosa guía (grazas Mar Bóveda!) nos permitiron recompoñer en planta a
estrutura orixinal, subxuga a imaxinación. Trátase dunha impresionante obra
militar, construída en vivo sobre unha inmensa rocha, estratexicamente situada,
e que dá fe do alcance e influencia que a cidade tiña no século XIII. Supoño
que o descoñecemento popular dun monumento tan impoñente só se explica no
contexto do desprezo colectivo a un patrimonio que, en boa medida, non nos
merecemos.
No entanto, entre os bolaños,
matacáns, alambores, adarves e barbacás da Rocha Forte sentín que Compostela se
me facía, de novo, visible. E máxica.
[Info aquí].
No hay comentarios:
Publicar un comentario