A dous días de coller un avión para Barcelona por motivos profesionais,
estou literalmente que non me chega a camisa ao colo. El deixaranme pasar? Vaia
coña, se despois de tanto preparativo, arranxos de axenda e demais, atopo un
cartel que di: Control de pasaportes,
e fico composto e sen voda, por non ter os papeis en regra. Disque, cando nas
oficinas de inmigración de EE.UU. nos anos trinta do século XX, a un tal Einstein un feo formulario
burocrático obrigábao a preencher o recadro Raza, el puxo Humana. Ao mellor
teñen algo así no aeroporto do Prat e, carecendo eu da retranca nin do enxeño de don
Alberto, conque non poida demostrar o avoengo catalán, zarrapechan a porta e
mándame coa música de volta a Compostela. Non se ría, vostede, que a un fulano
que quería correr nunha maratón, non sei se en Sitges ou Palamós, se en San
Feliu ou Manlleu, o papel de inscrición lle preguntaba nacionalidade e o tipo
ficou tan cortado e con tanta vergoña de poñer español, non fose a linchalo un funcionario fanatizado polo señor Máis, perdón Mas (estes correctores…), que quedou sen
participar na carreira: era bo atleta, polo visto, pero o pobre tiña a desgraza
de ser de Vitigudino, provincia de Salamanca.
Eu, o que é ir, xa vou preparado
a todo, non vaia ser o demo: por se acaso me falan na lingua de Pla, levo días
practicando a conversa posible co recepcionista do hotel e co poli (será un
mosso d’esquadra porque supoño que a visión dun Garda Civil na cidade condal debe
producir erisipela) do chek-in. Co
taxi non creo que haxa problema porque catro de cada cinco taxistas de
Barcelona son estranxeiros (galegos, moito andaluz, murcianos e por aí).
Imaxino,
polo demais, que Cataluña vivirá estes días a euforia desatada que precede aos
grandes acontecementos, longa, longuisimamente agardados, eses feitos
irrepetibles que sinalan, cal mouteiras orgullosas, a fin de seculares
inxustizas, a solución de agravios imposibles de aturar por máis tempo. Agardo,
ilusionado, que, acaso na miña desventurada condición de español, me alcance
algo dese entusiasmo e se me permita compartir con todos os nativos da nova nación
a sensación única dos momentos históricos. Iso si, cando se me note moito o
sotaque da Estrada, advertirei (e dígoo con toda sinceridade) que eu non son
ningún inmigrante, faltaría máis, que aínda hai clases: Jo treball a la Universitat.
No hay comentarios:
Publicar un comentario