Un amigo meu moi espelido cre que España vai de mal en peor
dende que certo expresidente do Goberno, pequeneiro, bigotes e repunante, tivo
a feliz ocorrencia de afirmar que España
va bien. Aquela simpleza, dita polo máximo mandatario do país e cacarexada
polos medios de comunicación ata aburrir, callou no imaxinario popular como un
mantra na mente dun yogui e foi orixe de males sen conto, entre eles
nomeadamente abrir a espita ao derroche máis impúdico, e daqueles ventos estes
lodos. Un derroche que, se acadou sublimes cotas nos diñeiros públicos, afectou
tamén ás economías individuais e familiares, pois como España ía ben, o
españolito medio acabou por crerse o rei do mambo. O banco emprestaba, o
cliente asinaba e, entusiasmado, mercaba o bemeúve e a presumir, pero un bo
día, cando a burbulla estoupou e cedeu o enganoso espellismo, se decataba de
que ou comía ou pagaba as letras do ‘haiga’, ao que, faltando os cartos, miraba
como quen mira a porta do quirófano dende a camilla. Eu lembro unha
inmobiliaria ben coñecida que, coa sinatura da hipoteca, agasallaba ao asinante
cun Seat Ibiza. O último que souben da tal inmobiliaria é que o seu fundador-propietario
está no talego.
Como España ía ben, a economía era unha barra libre onde
cada quen se servía ata poñerse malo sen caer na conta de que alguén tería que
pagar, ou si ou si, as consumicións. Unha noite de hai ben anos, cunha moza que
tiven de nación xermana, saímos na cidade baixosaxona onde viviamos a tomar unha
copa acompañados dunha amiga dela. Eu, facéndome de galán, paguei a copa de
todos tres. Ao día seguinte, a amiga da miña moza, devolveulle a súa parte,
discretamente e sen estar eu diante. Aquel día entendín, mellor que con cen
lecións de estrutura económica, as razóns da preponderancia produtiva e financeria
da RFA, pois non hai noticia de que a sobriedade e a contención fixeran nunca
dano aos pobos e si moito beneficio.
Acaso a máis negra consecuencia daquel estado de optimista
conciencia colectiva, rotulado coa famosa frase por don Josemaría, foi a
corrupción. Aí empezou todo. Con que España vai ben? Vale, pensou a un tempo
unha lexión de galopíns próximos á xestión do diñeiro de todos, pois haberá que
aproveitar, que seguro que isto non dura. E non durou, claro, ou durou o tempo
de que, un por un, aquela lexión de corsarios, fillos da España que tan ben ía,
fartos de roubar, foran caendo para xeral indignación e universal vergoña.
Vou semellar un cenutrio pero xúrolle que hai un sentimento colectivo ao que en España teño
moito medo: o optimismo.