Mostrando entradas con la etiqueta curiosidades. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta curiosidades. Mostrar todas las entradas

4.8.19

Ironías do tempo


Ollo o meu can. Dorme tranquilo nunha sombra da terraza, despois dunha intensa mañán de praia. Ignoro por que pero esta tarde de verán (un verán un chisco cimarrón, todo hai que dicilo) ponme filosófico. Acaso sexa por contraste da pandemia festeira que se instala no país coa chegada de agosto e a esixencia incontestable de atopar a felicidade difrazándonos de viquingos ou piratas e comendo e bebendo ata non podermos co corpo. O caso é que, mirando o meu can, que ignora (bendita ignorancia) que un día morrerá, penso que, de entre os inventos humanos, o tempo é o máis humano de todos, o cal pode resumirse nunha constatación, á que, de facerlle máis caso, mellor nos iría: o pasado e o futuro non existen pois sempre é presente. Daí que xogar coas ficcións do tempo sexa, para alén de extremadamente suxestivo, extremadamente inquietante. Cando en 2019 leo nun vello tratado de astronomía editado nos anos vinte do pasado século que a vindeira aparición do cometa Halley sería en 1986, as liñas do tempo esváense situando as miñas lembranzas e vivencias de cando tiña 26 anos como o futuro dun libro escrito 66 anos antes nun presente de 33 anos despois. Ou sexa, un lío padre. 
Como imaxinarían nos felices 20 o mundo de 1986? Como imaxinabamos nos oitenta o ano 2019? Á primeira pregunta non teño resposta. Para responder a segunda, o xenio de Ridley Scott facturou en 1982 un filme que, para alén dos estreitos límites que impoñen as etiquetas (neste caso  ‘ciencia ficción’), se converteu nunha icona audiovisual do século XX ademais de nunha reflexión, de incomparbale lucidez, sobre a condición humana e os límites da tecnoloxía. Tal vez non sexa un exercicio superfluo comparar o 2019 de Blade Runner imaxinado hai 37 anos e o 2019 de 37 anos despois. Os Ánxeles (de California, non de Brión) segue sendo unha cidade luminosa, non unha megalópole escura e permanentemente atoldada de mouros nubeiros e chuvia túzara; menos para os inmigrantes que xogan a vida nunha patera, as colonias do mundo exterior son aínda máis unha fantasía que unha realidade; as corporacións como Tyrell non fabrican replicantes senón telefónos celulares e redes sociais; e Nexus 6, que contemplou naves en chamas máis alá de Orión e raios C brillar na Porta de Tannhäuser, é un ser humano, que, como o pellejudo que interpretaba, tamén tiña data de caducidade. O actor neerlandés Rutger Hauer, que encarnaba o replicante Roy Batty, faleceu hai uns días. No mesmo ano que, hai 37, o director do filme imaxinou que morrería o seu personaxe. Ironías do tempo.

23.4.17

Un fantasma en San Xerome



Non hai cousa que imprima maior respecto que o tempo. Ao enxergarmos de lonxe as casoupas circulares do castro de Baroña, impresionan os sentidos a beleza salvaxe do enclave, a extraordinaria habelencia daqueles anónimos arquitectos, a dureza dos seres que deberon habitar o poboado. Pero, máis ca todo isto, ou, tal vez, como énfase de todo isto, impresiona o abismo insondable de tempo, a incalculable cantidade de días e anos que nos separan do momento en que homes, mulleres e meniños da prehistoria, os nosos devanceiros, fixeron daquel castro, enfrontado ao océano cruel, a súa casa. Alí naceron, alí medraron, alí amaron, pescaron, loitaron, alí… morreron. Trátase do sentimento, fondo e fascinante, denominado genius loci, o espírito do lugar, e que, máis prosaicamente, a sabedoría popular expresa con elocuencia: se as pedras falaran! 
Eu creo que o fascinio, o enorme potencial de misterio dos sitios vellos foi quintaesenciado polos románticos (especialmente os británicos: Stoker, Mary Shelley, Le Fanu, Matthew Lewis...), quen, en ruinosas abadías, castelos solitarios e casaróns abandonados, troquelaron a etiqueta de literatura gótica para meter medo na xente. Facendo cámping cun coleguilla no adro do venerable mosteiro de Carboeiro, nun máxico mes de setembro de hai ben trinta e cinco anos, lembro, aínda con repelús, as noites que me viña o maxín o escalofriante relato de Bécquer «O miserere», desenvolvido nunha paraxe que, nin buscada con lupa, se semellaría máis ao antiquísimo cenobio dezán.
Postas a falar as pedras, daquela, de certo que en Compostela tiñan conversa para aburrir! Aquí temos de todo, unha variedade de escenarios que faria as delicias dun cineasta de pelis de medo: vellos pazos, casas destantareladas en ruelas escuras, pasadizos segredos, profundas criptas, conventos medievais co morbo da clausura, impoñentes igrexas, mosteiros milenarios, cemiterios siniestros… Pois mire vostede por onde, con tanto trasfondo gótico posible, o bo de Iker Jiménez e a súa Nave do misterio non teñen outra ocorrencia que recalar na reitoría da nosa prezada Universidade, venerable casa do saber, precisamente erixida para espallar a luz da ciencia contra as tebras da superstición, coa supercheria de que por aí, entre vicerreitorías, despachos e salas de reunión, vaga un espírito. Será que Iker entendeu mal iso de que na universidade hai moito fantasma? Será que anda na procura da ánima en pena dun peneene (valla o xogo de palabras), do ectoplasma dalgún vello reitor a quen se lle adebedan uns complementos ou dun titular que palmou sen acadar a cátedra e volve do Alén para seguir armando lío ó equipo reitoral polo atropelo cometido? Que medo!!

26.6.16

O mozo Gnädinger



Hai biografías arrepiantes como as de Charles Manson ou a princesa Bathory. Hai biografías sublimes como as de Leonardo da Vinci ou Charles Darwin. Hai biografías laureadas como as de Napoleón ou Nelson. Hai biografías exemplares como as de Tomás Moro ou Luther King. Hai biografías sanguentas e ridículas, pois todo home violento é ridiculo, como a de Adolf Hitler. Hai, mesmo, biografías sanguentas, ridículas e aburridas, como a de Francisco Franco Bahamonde. Hai biografías (as máis) anónimas, como a súa ou a miña, pero, non por iso, exentas de dignidade, honra e gloria en pequenas doses. E hai, tamén, biografías inclasificables, raras, cheas de dúbidas e preguntas. 
Duras, durísimas son as borrraxeiras da nosa costa máis noroccidental. O zócolo litoral que se estende de Fisterra ao cabo de San Adrián é un maelstrom de espuma, rocha triturada e ventos atroces que nunca dorme. Nos seus baixos e cons, contra as incontrastables olas da mar tenebrosa que imaxinaron os antigos, naves de todas as nacións atoparon a súa fin, engulidas por un océano intratable. Touriñán, Roncudo, Vilán, Cabo da Nave, Punta do Boi… evocan episodios cheos de noite e invernía, lances do valor e a heroicidade propios das xentes da mar. Eu (que me declaro rendido devoto da indomable beleza da Costa da Morte) non son quen de pasear unha tarde de decembro polo areal de Soesto, oíndo o incesante balbordo da resaca, sen sentir unha pisca do medo atávico que de seu inspira a inmensidade do océano. 
Nun dos puntos onde a forza deste mar bravo é máis virulenta, veu hai máis de cincuenta anos a dar cos seus ósos un mozo de nación xermana, buscando non se sabe que, fuxindo non se sabe de que, tal vez del mesmo. Chamábase este mozo Manfred Gnädinger, nacera en 1936 e faleceu en 2002, disque de tristura de ver o mar invadido dun mucílago escuro, pegañento e apestoso. Instalouse en 1962 na pequena vila de Camelle, hoxe unha anárquica sucesión de despropósitos construtivos (marca permanente de todas as vilas da Costa da Morte), limitada ao oeste polo Atlántico, e entón imaxino que un enclave ancestral e aillado, ideal para o cultivo da misantropía máis radical. O xove Gnädinger axiña pasou a chamarse Man, por acurtamento do seu nome de pía e por acaerlle ben chamarse simplemente ‘home’ a quen vivía desposuído de todo, mesmo vestindo o imprescindible que esixía o decoro.
Non sei se a biografía de Man é sublime, exemplar, ridícula ou simplemente inclasificable, pero imaxinalo en taparrabos, no cabo do mundo, unha tarde de violenta borraxeira, enfrontado ao frío metálico das súas lembranzas, éncheme de pasmo, de preguntas, de dúbidas e incertezas, non tanto sobre quen foi el senón, máis ben, sobre quen son eu.